Monthly Archives: Setembro 2012

O CON DA VENTUREIRA E AS VIAXES Ó MÁIS ALÁ

Artigo publicado no Diario de Arousa, no supelmento da Revista Adina. Data: 30/09/2012

O CON DA VENTUREIRA E AS VIAXES Ó MÁIS ALÁ

 Rafael Quintía Pereira

Comezarei este artigo, a xeito de introdución, facendo miñas as palabras do sabio Mircea Eliade cando dicía que:

 Para o home relixioso, a natureza está sempre cargada dun valor relixioso, e isto é así porque o Cosmos é unha creación divina e, xa que logo, o mundo está cargado de sacralidade. O Mundo preséntase de tal xeito  que, ó contemplalo, o home relixioso descubre os múltiples modos do sagrado e, por conseguinte, do Ser. O Mundo ten unha estrutura, non é un caos e a Terra preséntase como a nai e nodriza universal. Por todo iso, dende esta óptica, o natural está indisolublemente ligado ó sobrenatural e a natureza expresa sempre algo que a transcende. 

Debido a esta idea, que o home relixioso sacralizase determinados accidentes xeográficos, que percibise en rochas peculiares a presenza do divino ou que estas primixenias deidades adoitasen asociarse a grandes rochas ou consnon sería algo casual pois a pedra representa o imperecedoiro, o inamovible, o eterno. A pedra era o único da natureza que, a ollos dos primeiros poboadores, permanecía inalterable, de aí que se identificasen coa deidade, sobre todo cando estas grandes rochas presentaban características morfolóxicas peculiares, como feitura de grandes ovos ou de ventres fecundos que evocaban ideas de renacemento, ou cando presentaban aspecto figurativo que puidese incitar a algún tipo de asociación especial de corte máxico-mítico. Non deben estrañarnos este tipo de asociacións que foron relativamente habituais no seu tempo. Como exemplo, poderiamos lembrar que a deusa Cibeles se representaba inicialmente como unha grande rocha negra.

 Pois ben, no concello de Sanxenxo existen varias desas rochas especiais cuxa configuración e folclore asociado nos poden facer pensar nesas representacións pétreas da divindade primixenia ou, cando menos, en lugares especiais nos que se realizaron ritos máxico-relixiosos e onde o sagrado facía acto de presenza, motivo este que puido xustifica-la súa posterior mitificación.

 

Unha destas fabulosas pedras é o Con da Ventureira, onde acoden tódolos anos, coincidindo co Luns de Pascua,  numerosos veciños para realizar, ó redor da grande rocha, unha comida campestre —o día do Con— na que non faltan as roscas e os bolos preñados de ovos. Existía o costume entre os mozos que acoden a esta romaxe rupestre de demostra-la súa habilidade intentando subir ó con coa axuda dunha pértega. Aquel que o consegue é digno de admiración, pola dificultade que supón coroar tan grande rocha. Esta tradición —que evoca esas ancestrais probas de masculinidade— lembra á que se realizaba no menhir de Tiemblaye, na Bretaña francesa, onde se di que os que conseguían rubir ó alto do menhir lograban casar ese mesmo año.

O Con da Ventureira foi utilizado polos mariñeiros como referente xeográfico para orientarse na súas navegacións, pois esta grande pedra era visible dende o mar cando esta costa estaba libre de plantacións de eucaliptos. Incluso nas cartas náuticas e nos mapas editados a principios do século XX aparece coa denominación de Con da Costa.

A actual comida campestre no con e estes ritos de coroa-la pedra quizais sexan a reminiscencia de antigos ritos relacionados coas divindades ou forzas numinosas representadas ou identificadas co grande bolo granítico da Ventureira.

Como non podía ser doutro xeito, nesta terra onde a lembranza dos nosos devanceiros,  o seu legado arquitectónico e incluso as xeografías e as paisaxes peculiares foron mitificadas, existe unha lenda asociada ó Con da Ventureira que a pon en relación coas historias de mouras, encantamentos e viaxes ó Máis Alá. Segundo conta a tradición,  unha tarde unha rapaza que volvía do monte de coller leña atopouse cunha moura ó pasar polo famoso con. A moura estaba sentada sobre a rocha peiteando o seu cabelo cun peite de ouro. Cando viu a moza que camiñaba fatigada cargando co feixe de leña achegouse a ela e, tras enxugarlle a suor da fronte coa súa man dereita, deulle un bico na fronte e levouna con ela ó seu palacio subterráneo baixo a peneda. Transcorridos uns anos a rapaza apareceu de novo na aldea. Levaba postos moitos aneis e colares, ademais traía a faldriqueira chea de moedas. Ó vela chegar, os veciños da súa aldea quedaron sorprendidos ó comprobaren que, malia os anos transcorridos dende a súa misteriosa desaparición, a rapaza no avellentara nada. A moza contóulle-lo que lle sucedera, que se topara coa moura de trenzas negras e que lle chamaran moito a atención as presillas dos seus zapatos, pois non eran nin de ferro, nin de prata, nin de ouro. Ó coñece-la fantástica historia da rapaza, moitos foron os que se achegaron ó Con da Ventureira para intentar atoparse coa moura pero, contan, que esta nunca máis volveu ser vista.

O curioso desta lenda da moura do con e da rapaza é que nos lembra ó acontecido nestes mesmos montes ó abade San Ero da Armenteira na súa particular viaxe ó Paraíso. Para quen non coñeza o sucedido a San Ero lembrareille brevemente o fantástico episodio do abade da Armenteira

Nestas mesmas terras do Salnés, no veciño concello de Meis, atópase o mosteiro da Armenteira. O seu abade e fundador —San Ero— realizou, segundo recolleu o rei Afonso X “O Sabio” nas súas “Cantigas de Santa María” (1252-1284), unha das máis fantásticas viaxes ó Paraíso.

 

A narración, un clásico teolóxico dos goces da eternidade, conta como Ero, fondamente preocupado por acada-lo coñecemento do Paraíso, acostumaba a pedirlle á Virxe María que lle permitise velo para poder coñecer en persoa a felicidade dos salvados por xustos e piadosos. Un día, paseando polo monte  a carón dun regato de auga cristalina San Ero foi seducido polo canto dun reiseñor e, parando á sombra dun carballo, ficou extasiado escoitando a celestial melodía da ave. Camiño de volta observou perplexo que todo cambiara ó seu redor. Ó chegar ó mosteiro ningún monxe conseguiu identificalo, tan só cando falaron co arquiveiro puideron comprobar na crónica monacal a existencia, trescentos anos atrás, do abade Ero, fundador do mosteiro da Armenteira, quen marchara un día ó monte a meditar e non regresara xamais. Escoitado isto, San Ero comprendeu realmente que o seu breve éxtase celestial fora, en realidade, unha longa viaxe ó Paraíso de trescentos anos. Reunida a  comunidade, o vello abade Ero explicoulles ós monxes a súa mística experiencia. Foi remata-lo relato e caer morto ós pés da asombrada concorrencia.

Vemos pois, como en ámbalas dúas historias se describen os encontros dos seus protagonistas cun ser que os fai saír do seu espazo-tempo (a rapaza cunha misteriosa moura e o abade cun misterioso paxariño cantareiro), nos dous relatos nárrase unha viaxe a un Máis Alá, a outro plano da realidade e, por último, as dúas lendas reflicten a idea de que a dimensión temporal é distinta no Outro Mundo, de aí que os que son tan só horas no Paraíso sexan anos no mundo terreal.

Quizais, e só quizais, estas lendas xurdiron da milenaria crenza de que estas costas atlánticas eran un lugar de tránsito ó Máis Alá, porque hoxe, coma antano e pese á especulación urbanística, a costa de Sanxenxo e os areais do Salnés seguen a se-lo que sempre foron, unha porta ó Paraíso, un porto ás Illas dos Benaventurados.

 

ENTREVISTA EN RADIO GALICIA (CADENA SER) SOBRE A LINGUAXE DAS CAMPÁS


Con motivo das “V Xornadas sobre campás e campaneiros” que organizamos dende a A.C. Os Chichisos, hoxe pola mañá, en Radio Galicia da Cadena Ser, o campaneiro Victor Curros e un servidor fumos entrevistados para seguir falando sobre campás, campaneiros e a milenaria linguaxe de comunicacións que é o son dos sinos.

ESCOITAR DIRECTAMENTE:
http://www.ivoox.com/a-linguaxe-das-campas-campas-e-campaneiros_md_1460239_1.mp3″ Ir a descargar

Aquí vos deixo a ligazón de descarga.
http://www.divshare.com/download/19682890-998

http://www.ivoox.com/a-linguaxe-das-campas-campas-e-campaneiros_md_1460239_1.mp3

A TVG FAISE ECO DAS “V XORNADAS DE CAMPÁS E CAMPANEIROS”

Deixo aquí a ligazón a un video da TVG onde falamos das “V Xornadas de Campás e Campaneiros”.

http://www.crtvg.es/informativos/a-asociacion-cultural-os-chichisos-celebra-a-v-xornada-de-campas-e-campaneiros-en-boqueixon-424522#.UGBTIwGq8gw.facebook

XORNADAS DE CAMPÁS E CAMPANEIROS

Un ano máis volvemos organiza-las “Xornadas de Campás e Campañeiros” para seguir dando a coñecer e divulgando este ancestral código de comunicación. Este ano celebrarémolas na parroquia de Santa María de Lamas, no concello de Boqueixón. Estades todos convidados.

Para quen estea interesado no tema, aquí vos deixo o video dunha entrevista que nos fixeron á compañeira Rosalía Rodríguez e a un servidor no programa “El Trolebús” de Localia Pontevdra.

RITUAIS CURATIVOS PARA SANDA-LAS ESPULLAS. ENTREVISTA NO PROGRAMA MILENIO DA RADIO GALEGA.

Déixovos aquí o audio da entrevista que me fixeron no programa da Radio Galega “Milenio” para falar dos variados remedios curativos contra as espullas que temos na nosa medicina tradicional. O programa faise eco da publicación do meu artigo sobre este tema que saiu no anuario “Fol de Veleno” 2012. Emitido o 18/07/2012.

ESCOITA-LO AUDIO:
http://www.ivoox.com/os-remedios-curativos-contra-as-espullas-na-medicina_md_1424039_1.mp3″

DESCARGA-LO AUDIO:
Ir a descargar