PARA CANTAR VEÑO EU! UNHA VIAXE POLA CULTURA MUSICAL GALEGA DA MAN DOS CHICHISOS
Datos técnicos:
Autor:Rafael Quintía Pereira
Editorial:Sociedade Antropolóxica Galega e A.C. Os Chichisos
Impresión:branco e negro
Tamaño:23×16
274 páxinas
I.S.B.N. 978-84-615-4507-0
Empregando como fío condutor o labor que a asociación cultural e grupo de música tradicional Os Chichisos leva a cabo dende hai case dúas décadas, o autor ofrécenos nesta obra un compendio de apuntamentos etnográficos sinxelos e concisos en torno ó universo da música popular galega e das súas diferentes expresións e manifestacións. Un percorrido polos instrumentos tradicionais, os ritmos e os bailes, as festas do ciclo do ano e as tradicións musicais a elas asociadas, a ancestral linguaxe das campás, os cantos de berce e moitas outras dimensións do noso folclore que irán desfilando polas páxinas deste libro para achegarlle á xente nova e ó neófito do noso folclore o rico e variado tesouro da música tradicional galega. “Para cantar veño eu” complétase cunha amena unidade didáctica que inclúe os exercicios e as prácticas necesarias para que a xente máis nova practique, comprenda e asimile os diferentes contidos deste traballo.
A NOSA SEÑORA DA LANZADA.
ESTUDIO ANTROPOLÓGICO DE UN SANTUARIO COSTERO.
Datos técnicos:
Autor:Rafael Quintía Pereira
Editorial:Librería Nós
Impresión:color
Tamaño:23×16
240 páxinas
I.S.B.N. 978-84-615-2509-6
A Nosa Señora da Lanzada é un dos santuarios máis poderosos de Galicia. A súa privilexiada localización, nun promontorio costeiro rodeada de areais e fronte ó Océano Atlántico, converte a este recinto sagrado nun lugar único da nosa xeografía relixiosa, en punto de destino de miles de devotos e nun porto de partida das almas cara ó Alén, ó Máis Alá. Neste máxico lugar conxúganse os ancestrais ritos precristiáns co culto á Virxe, a divina intervención da Nosa Señora da Area cos poderes das augas, os astros e as pedras; a crenza nunha vida no Máis Alá coas ánimas en pena, co remeiro Caronte e coas bestas fantasmagóricas que habitan as nosas rías e as nosas illas. En definitiva, o mundo terreal e profano co mundo do sobrenatural e do divino. O autor descúbrenos nesta obra, galardoada co premio Luís Cuadrado 2010, todo o universo mítico e relixioso que envolve a este espectacular santuario da Lanzada e fai un estudo pormenorizado de tódolos elementos materiais, inmateriais e simbólicos que configuran este famoso santuario da costa galega.
DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO. UNHA PROPOSTA INTERPRETATIVA EN CLAVE CÉLTICA
Datos técnicos:
Autor:Rafael Quintía Pereira
Editorial:Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca
Impresión:Branco e negro
Tamaño:20.5×15
355 páxinas
Ano: 2010
I.S.B.N.: 846144783-2
Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo de Rafael Quintía é un intento de interpretar e dotar dunha coherencia e cohesión todo o enxoval mítico, simbólico e relixioso que atesoura este monte, así como de encadralo nun contexto histórico-cultural concordante co substrato simbólico atopado nesta montaña, isto é, a cultura céltica do Atlántico europeo. Contémplase o libro, pois, como unha guía para coñece-lo significado que se agocha tras cada lenda e cada pedra do Monte do Seixo.
Con esta obra complétase a triloxía adicada a esta importante e descoñecida montaña sagrada da nosa xeografía galega ( Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica e Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas, do compañeiro Calros Solla) e dáse por finalizado o traballo que o G.E.E. Serpe Bichoca realizou no proxecto de investigación e divulgación da Montaña Máxica.
















