Daily Archives: 10 Novembro 2008

MANUEL REY DURÁN “Manuco”

manuco

 

Manuel Rey Durán (1894-1975), popularmente coñecido como Manuco, natural do lugar do Albeiro, parroquia de Marcón. Canteiro de profesión e músico de corazón.

Un dos máis virtuosos acordeonistas do seu tempo. Formouse en solfexo co ilustre mestre Refojo de Pontevedra. No ano 1918 gaña o concurso das Festas da Virxe do Camiño ó mellor acordeonista da provincia.

Coa súa bicicleta e o seu acordeón ó lombo percorreu durante anos as parroquias e vilas de Pontevedra levando a súa música polos bailes, festas e romerías.

Ós 27 anos, tras casar, vai vivir a Salcedo onde montará no ano 1929 o seu propio Baile no lugar do Cruceiro.

Co estalido da Guerra Civil e a cruel postguerra, como tristemente ocorreu con tantos bos músicos de Galiza, trúncase a súa carreira musical e Manuco deixa definitivamente de tocar para xa non volver actuar co seu acordeón nunca máis.

Sempre viviu coa pena de que o seu fillo non tivese dotes para a música e de que non puidese segui-lo seu legado, e soía dicir da súa filla, que si tiña esas cualidades musicais, “Que pena que non fose rapaz porque sería un bo acordeonista”, pero corrían outros tempos e era impensable que unha muller andase a toca-lo acordeón polos bailes. Finalmente falece no ano 1973 sen deixar un herdeiro directo da su técnica ou repertorio, e con el vaise tamén un xeito de vivi-la música e os bailes no noso  país.                     

Hoxe, 35 anos despois da súa morte e 35 anos despois da última tarde que pasei con el pelándolle castañas á caloriña do sol de outono, penso que pena non estivese aquí o meu bisavó Manuco para aprenderme a toca-lo acordeón como só el sabía facelo.

 

 

 

 

 

 

TRADICIÓN SUBVENCIO-NADA

Enténdese que as axudas que dan as administracións públicas ás asociacións culturais teñen como fin axudar ó finanzamento destas entidades que levan a cabo unha importante labor cultural e social que moitas veces deberían facer as administracións, e que por ser sen ánimo de lucro carecen normalmente de recursos para levar a cabo as súas actividades culturais. Estas mesmas administracións presumen publicamente da cantidade de cartos que, en forma de subvencións, dan para estes fins.

Ata aquí o que se coñece. Pero ninguén explica a segunda parte do conto polo que ímolo facer nós cun exemplo moi ilustrativo de onde acaban moitas veces estas axudas a ver se serve para que algúns reflexionen sobre o “curioso” proceder.

Recentemente a asociación cultural os Chichisos, que dito sexa de paso leva xa unha década axudando a recuperar, manter e divulgar o noso acervo cultural, traballando arreo, de balde e moitas veces con cargo ós seus petos, solicitou unha subvención á Deputación Provincial de Pontevedra. A resposta chegou recentemente e foi afirmativa, concedéronnos o 5% do total solicitado. Aínda que a cantidade é pírrica aceptámolo con agradecemento, pois como se di “a cabalo regalado non lle míre-lo dente” aínda que o de regalo sexa relativo pois os cartos saen de todos nós.

A sorpresa veu cando soubemos que para cobrar esa subvención debemos xustifica-lo 100% do total dos cartos solicitados aínda que deses cartos tan só nos deran un 5%. Por dicilo claramente; se unha asociación cultural pide unha subvención, porque se entende que non ten cartos, de 1000 € para material ou para levar a cabo unha actividade e a Deputación lle concede 50 € (o 5%), cando esta asociación cultural queira cobrar eses

50 € terá que xustificar que gastou 1000 €. É lóxico e necesario que se xustifique o investimento dos cartos concedidos pero o que non é normal é que se obrigue a xustificar un gasto para o cal a asociación non ten cartos, porque de telos non pediría a subvención para facer esa actividade ou ese investimento en material. E aquí está o truco do almendruco.

O resultado desta política é claro:

Por unha banda as pequenas asociacións, que son a maioría e que non teñen cartos dabondo para levar a cabo o importante labor cultural que fan, vense na obriga de renunciar a esas subvencións, como é o noso caso, pois non poden xustificar un gasto para o cal carecen de recursos económicos aínda que lles sobren ganas, folgos, traballo e ilusión, cousas das que soen carece-los que manexan eses mesmos cartos.

Por outra banda esas axudas acaban nos petos daquelas catro asociacións fortes e con recursos suficientes como para xustifica-la totalidade dos cartos solicitados e ter dereito a cobra-la subvención. É dicir, que os cartos acaban onda sempre, nas mans dos que máis cartos teñen dervituándose o fin destas axudas, que non é outro que potenciar, fomentar e colaborar con estas entidades culturais que tan necesario labor fan para que este pobo antigo e sabio, cunha riqueza cultura incalculable, non acabe converténdose nun pobo analfabeto, pobre e manexable. Aínda que quizais, ben pensado, iso sexa o que queren algúns. En fin, éche o que hai…

O pintor Francisco Sutil Barbosa

p1010079

 

Trazo groso, pulso firme, tres cores básicas na súa paleta e catro elementos máxicos ós que entregarse nunha comunión atábica para plasmar dende o máis fondo da alma, cos ollos puros dun artista ceibe de complexos e modas a paisaxe e a natureza desta nosa terra nai.

A obra de Sutil retrotáenos ás oríxes, somérxenos no seo materno da terra, fainos flotar no líquido amiótico da choiva, do mar e dos ríos. Cóspenos sen adornos a beleza que nos rodea e que tantas veces nos negamos. Afúndenos na cromática da súa obra lémbrandonos de onde vimos e a onde pertencemos.

Fiel á técnica e á máis nobre tradición paisaxística, Sutil convértese nun radical provocador fronte a un enfermo mundo artístico no que toda creación que carece do obrigado tufo a “ falsa innovación”, vangarda ou pretendida orixinalidade, non é valorada nin merecedora de espazo, divulgación ou recoñecemento.

En definitiva, un verdadeiro pintor nun estúpido mundo sobrante de falsos artístas.

 

OS HEROES DO CAMPO DA PORTA

A historia de Galicia, como a de calquera outro país do mundo, está chea de heroes anónimos. Persoas que por circunstancias da vida vense na tesitura de obrar consonte ós seus valores e en beneficio da colectividade, aínda que esa acción moitas veces lles leve a perde-la vida. Son accións desesperadas, actos de valentía suicida ou de rebeldía fronte a inxustiza. Actos todos eles que nos fan manter a esperanza no xénero humano. Hoxe voulles contar a historia duns deses heroes anónimos.

Corría o último cuarto do século XIX e con el estábase a produci-la articulación dun novo marco político e o asentamento dunha nova orde social e económica en España. Vivíase o chamado período da Restauración. Os custos destes cambios e o despegue económico recaían sobre as clases sociais máis desfavorecidas, carentes de representación política. Isto estaba a provocar un aumento do asociacionismo e da conflitividade social. No rural as sociedades de agricultores e gandeiros mobilizábanse contra as células e o aumento dos arbitrios. Nas parroquias as protestas veciñais contra a suba dos impostos municipais incrementábanse e alcanzáronse os incidentes de maior gravidade no ano 1894 na parroquia de Salcedo.

Aquel ano, para maior desgraza do pobo, á carga dos impostos uníranselle as grandes perdas na gandeira e na colleita do millo ocasionadas polo desbordamento do río Batán. Iso unido ós estragos que na comunidade estaba a facer o cólera e a varíola provocaron que os veciños adoitaran a decisión de non pagaren as células.

Na mañá do 19 de xuño do 1894 os axentes recadadores presentáronse no lugar do Campo da Porta para executa-lo embargo e proceder contra os veciños desta parroquia que se negaban a realiza-lo pagamento das devanditas cédulas. As protestas foron tan multitudinarias e enérxicas que impediron a actuación da Garda Civil que acompañaba os axentes e acabaron expulsando os axentes recadadores xunto cos seus acompañantes.

Os recadadores foron pedirlle axuda ó Goberno civil e esa mesma tarde enviáronse reforzos para aplaca-la protesta. Segundo contan os vellos da parroquia, os gardas civís subían andando cara a Salcedo e ó chegaren á taberna da Meneca pararon a botarlle unhas xerras de viño. Ó remataren, escacharon as xerras contra a parede e xa ben quentes e “motivados” proseguiron o seu camiño cara ó Campo da Porta.

Contan que nada máis chegaren ó lugar enfrontáronse cuns mozos que por alí andaban. O certo é que a súa brutal actuación causoulles feridas a un rapaz e unha rapaza. Este feito provocou aínda máis a irritación e a rabia dos veciños que acosaron as forzas públicas ata tal punto que a Garda civil disparou contra a multitude, feriu numerosas persoas e causóulle-la morte a dous homes e unha muller. Os seus nomes eran: Francisco Piñeiro, José Rodríguez Rial e Manuela Couso. Dende entón estas vítimas da represión e da loita pola xustiza e o dereito a unha vida digna son coñecidas como Os Heroes do Campo da Porta.

Uns cantos veciños foron denuncia-los feitos ó Goberno Civil e ficaron alí detidos por alborotadores e incitadores. Os mortos foron levados ó hospital nun carro do país tras botaren toda a tarde tirados no chan. O posterior enterro foi unha grande mostra de dor á que se sumaron veciños doutras parroquias.

No 1935 erixiuse neste lugar de Salcedo un monumento conmemorativo a estes heroes coa seguinte inscrición:

“A los heroes de Campo da Porta, 1894.
La S [sociedade?] de A [agricultores?] de Salcedo ca [¿? ]este recuerdo en 1935”

Hoxe en día existe mesmo unha asociación de veciños da parroquia de San Martiño de Salcedo que leva o nome de A.V. Heroes do Campo da Porta en homenaxe a tales xentes. No cemiterio parroquial existe unha tumba onde din que descansan os restos das tres vítimas, cuxa lápida reza:

“En memoria de Manuela Couso, José Rodríguez, Francisco Piñeiro, víctimas en defensa de la agricultura”

 

 

A %d blogueros les gusta esto: