TRADICIÓN SUBVENCIO-NADA

Enténdese que as axudas que dan as administracións públicas ás asociacións culturais teñen como fin axudar ó finanzamento destas entidades que levan a cabo unha importante labor cultural e social que moitas veces deberían facer as administracións, e que por ser sen ánimo de lucro carecen normalmente de recursos para levar a cabo as súas actividades culturais. Estas mesmas administracións presumen publicamente da cantidade de cartos que, en forma de subvencións, dan para estes fins.

Ata aquí o que se coñece. Pero ninguén explica a segunda parte do conto polo que ímolo facer nós cun exemplo moi ilustrativo de onde acaban moitas veces estas axudas a ver se serve para que algúns reflexionen sobre o “curioso” proceder.

Recentemente a asociación cultural os Chichisos, que dito sexa de paso leva xa unha década axudando a recuperar, manter e divulgar o noso acervo cultural, traballando arreo, de balde e moitas veces con cargo ós seus petos, solicitou unha subvención á Deputación Provincial de Pontevedra. A resposta chegou recentemente e foi afirmativa, concedéronnos o 5% do total solicitado. Aínda que a cantidade é pírrica aceptámolo con agradecemento, pois como se di “a cabalo regalado non lle míre-lo dente” aínda que o de regalo sexa relativo pois os cartos saen de todos nós.

A sorpresa veu cando soubemos que para cobrar esa subvención debemos xustifica-lo 100% do total dos cartos solicitados aínda que deses cartos tan só nos deran un 5%. Por dicilo claramente; se unha asociación cultural pide unha subvención, porque se entende que non ten cartos, de 1000 € para material ou para levar a cabo unha actividade e a Deputación lle concede 50 € (o 5%), cando esta asociación cultural queira cobrar eses

50 € terá que xustificar que gastou 1000 €. É lóxico e necesario que se xustifique o investimento dos cartos concedidos pero o que non é normal é que se obrigue a xustificar un gasto para o cal a asociación non ten cartos, porque de telos non pediría a subvención para facer esa actividade ou ese investimento en material. E aquí está o truco do almendruco.

O resultado desta política é claro:

Por unha banda as pequenas asociacións, que son a maioría e que non teñen cartos dabondo para levar a cabo o importante labor cultural que fan, vense na obriga de renunciar a esas subvencións, como é o noso caso, pois non poden xustificar un gasto para o cal carecen de recursos económicos aínda que lles sobren ganas, folgos, traballo e ilusión, cousas das que soen carece-los que manexan eses mesmos cartos.

Por outra banda esas axudas acaban nos petos daquelas catro asociacións fortes e con recursos suficientes como para xustifica-la totalidade dos cartos solicitados e ter dereito a cobra-la subvención. É dicir, que os cartos acaban onda sempre, nas mans dos que máis cartos teñen dervituándose o fin destas axudas, que non é outro que potenciar, fomentar e colaborar con estas entidades culturais que tan necesario labor fan para que este pobo antigo e sabio, cunha riqueza cultura incalculable, non acabe converténdose nun pobo analfabeto, pobre e manexable. Aínda que quizais, ben pensado, iso sexa o que queren algúns. En fin, éche o que hai…

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: