Daily Archives: 11 Novembro 2008

“Fican lonxe”

 

Xa fican lonxe, meu amor.

Xa fican lonxe da terra

e fican lonxe dos homes.

 

Fican lonxe os tempos

nos que o futuro estaba

nas mans de homes

bos e xenerosos.

 

Xa fican moi lonxe,

chantados na memoria

dos que soñaron unha vez

cun mundo mellor.

 

Fican lonxe, meu ben.

E nós habemos  ficar eiquí,

agardando a triste resaca

dun tempo que xa pasou.

 

Rafael Quintía

Extraído do poemario “Á sombra de Bouza Panda. Poemas de trincheira e maldizer”

“O faiado”

Rubín ó faiado para ve-las

raiolas de lus

a través dos  fíos das arañeiras.

Para observar, a contra lus,

as minúsculas partículas de po

abollando no ar.

 

Subín ó faio da casa dos avós

para gravar por derradeira vez

un nome de muller

naquela cansa e retorta trade

de cerna de carballo.          

Para escoitar chora-la madeira

baixo os meus pés.

 

Apatuñado no meu calaedoscopio

íntimo e segredo,

entre as caixas de roupa rillada e

trastes vellos

tantas veces remexidas

na procura dun tesouro.

Buscando, agora, os anacos dos

soños que un día agochei.

As ilusións dun neno que

penduraba no vento soños

que o tempo e o home roubaron.

 

Soños que só cabían

na inxenua mente dun cativo

e baixo as tellas daquel máxico

faiado.

 

Ó fondo, as obras da nova

autoestrada

deixaban fuxi-lo rebumbio

das padexadoras

que, coma unha fúnebre e

inmisericorde melodía,

anunciaban o destino

que o meu avó

xa non quixo ver.

 

Rafael Quintía

Extraído do poemario “Á sombra de Bouza Panda. Poemas de trincheira e maldizer”

“Memoria Histórica”

p1010109

Agarda

tralos vidros da xanela

Como sempre,

sentada

no frío parladoiro de pedra.

Agarda.

Tecendo na mente

vellas lembranzas,

esquecendo cunetas.

Bordando saudades

cos retallosdunha vida roubada.

Agarda calada

tralos cristais,

perdidos os ollos nas leiras.

Naquelas leiras

que a sarabia tinguiu de canas

Como o tempo fixo con ela.


Agarda,

tralos vidros dos seus ollos

que a vida tornou calados

naquel verán

de xordos,

de mudos,

de cegos.


Agarda.

No silencio que a matou.

Agarda.

Dende o día que o levaron.


Rafael Quintía

Extraído do poemario “Á sombra de Bouza Panda. Poemas de trincheira e maldizer”

A %d blogueros les gusta esto: