Daily Archives: 20 Novembro 2008

O FUTURO DE ÁFRICA

p1010020-1

Nenos xogando sobre un caiuco nunha praia de Senegal

 

Calquera que viaxe a África poderá comprobar unha cousa facilmente, unha gran diferenza co Occidente branco, democrático e moderno.

 

Non estou a falar da grandiosidade das súas paisaxes, nin da amabilidade das xentes que nada teñen e todo dan, nin da súa alegría, nin do constante sorriso nas súas facianas, que tamén. Non. Estou a falar dos milleiros de nenos e nenas que inundan as rúas das vilas e das aldeas por onde queira que vaias. Dos centos de miles de nenos que agardan por unha vida mellor que a dos seus pais. Millóns de rapaces que han medrar algún día e que han ter unha familia á que alimentar e un futuro polo que loitar.

 

E cando eso chegue non haberá mar, por inmenso que sexa, nin muro por alto que o fagan, nin valla, nin fronteiras, nin policías que deteñan a gran marea que o rebulir da fame está a formar en África.

 

Cando ese día chegue, que chegará, nós, os brancos, ricos e opulentos occidentais haberemos ficar aparvaiados ante a chegada do pobo da fame, do grande éxodo do home negro preguntándonos temerosos que está a pasar, mentres os grandes magnates do mundo libre, as grandes transnacionais, os todopoderosos banqueiros e o seu exército de políticos servís e mercenarios mirarán para outro lado, como fan sempre, como aquel que pensa comigo non vai a cousa. Porque esa é a verdade, con eles nunca vai a cousa, eles sempre están e sempre estiveron por riba de nós, por riba de todos.

 

Pero chegará o día en que non poidan mirar para outro lado porque miren onde miren só verán o mesmo rostro, o rostro que séculos de explotación, de humillación, de fame, de escravitude nos campos e nas fábricas labra na cara dos homes sometidos á infernal zoupa do capitalismo. E entón, nese mesmo intre decataranse de que van ser engulidos polo can de palleiro esfameado que tiveron atado toda a puta vida con curta cadea de ferro. E cando ese día chegue farase xustiza e o Mundo será un lugar un pouco máis habitable e entón eu hei descansar en paz, aínda que afogue na gran marea que virá.

 

A %d blogueros les gusta esto: