Monthly Archives: Novembro 2008

“O faiado”

Rubín ó faiado para ve-las

raiolas de lus

a través dos  fíos das arañeiras.

Para observar, a contra lus,

as minúsculas partículas de po

abollando no ar.

 

Subín ó faio da casa dos avós

para gravar por derradeira vez

un nome de muller

naquela cansa e retorta trade

de cerna de carballo.          

Para escoitar chora-la madeira

baixo os meus pés.

 

Apatuñado no meu calaedoscopio

íntimo e segredo,

entre as caixas de roupa rillada e

trastes vellos

tantas veces remexidas

na procura dun tesouro.

Buscando, agora, os anacos dos

soños que un día agochei.

As ilusións dun neno que

penduraba no vento soños

que o tempo e o home roubaron.

 

Soños que só cabían

na inxenua mente dun cativo

e baixo as tellas daquel máxico

faiado.

 

Ó fondo, as obras da nova

autoestrada

deixaban fuxi-lo rebumbio

das padexadoras

que, coma unha fúnebre e

inmisericorde melodía,

anunciaban o destino

que o meu avó

xa non quixo ver.

 

Rafael Quintía

Extraído do poemario “Á sombra de Bouza Panda. Poemas de trincheira e maldizer”

“Memoria Histórica”

p1010109

Agarda

tralos vidros da xanela

Como sempre,

sentada

no frío parladoiro de pedra.

Agarda.

Tecendo na mente

vellas lembranzas,

esquecendo cunetas.

Bordando saudades

cos retallosdunha vida roubada.

Agarda calada

tralos cristais,

perdidos os ollos nas leiras.

Naquelas leiras

que a sarabia tinguiu de canas

Como o tempo fixo con ela.


Agarda,

tralos vidros dos seus ollos

que a vida tornou calados

naquel verán

de xordos,

de mudos,

de cegos.


Agarda.

No silencio que a matou.

Agarda.

Dende o día que o levaron.


Rafael Quintía

Extraído do poemario “Á sombra de Bouza Panda. Poemas de trincheira e maldizer”

MANUEL REY DURÁN “Manuco”

manuco

 

Manuel Rey Durán (1894-1975), popularmente coñecido como Manuco, natural do lugar do Albeiro, parroquia de Marcón. Canteiro de profesión e músico de corazón.

Un dos máis virtuosos acordeonistas do seu tempo. Formouse en solfexo co ilustre mestre Refojo de Pontevedra. No ano 1918 gaña o concurso das Festas da Virxe do Camiño ó mellor acordeonista da provincia.

Coa súa bicicleta e o seu acordeón ó lombo percorreu durante anos as parroquias e vilas de Pontevedra levando a súa música polos bailes, festas e romerías.

Ós 27 anos, tras casar, vai vivir a Salcedo onde montará no ano 1929 o seu propio Baile no lugar do Cruceiro.

Co estalido da Guerra Civil e a cruel postguerra, como tristemente ocorreu con tantos bos músicos de Galiza, trúncase a súa carreira musical e Manuco deixa definitivamente de tocar para xa non volver actuar co seu acordeón nunca máis.

Sempre viviu coa pena de que o seu fillo non tivese dotes para a música e de que non puidese segui-lo seu legado, e soía dicir da súa filla, que si tiña esas cualidades musicais, “Que pena que non fose rapaz porque sería un bo acordeonista”, pero corrían outros tempos e era impensable que unha muller andase a toca-lo acordeón polos bailes. Finalmente falece no ano 1973 sen deixar un herdeiro directo da su técnica ou repertorio, e con el vaise tamén un xeito de vivi-la música e os bailes no noso  país.                     

Hoxe, 35 anos despois da súa morte e 35 anos despois da última tarde que pasei con el pelándolle castañas á caloriña do sol de outono, penso que pena non estivese aquí o meu bisavó Manuco para aprenderme a toca-lo acordeón como só el sabía facelo.

 

 

 

 

 

 

TRADICIÓN SUBVENCIO-NADA

Enténdese que as axudas que dan as administracións públicas ás asociacións culturais teñen como fin axudar ó finanzamento destas entidades que levan a cabo unha importante labor cultural e social que moitas veces deberían facer as administracións, e que por ser sen ánimo de lucro carecen normalmente de recursos para levar a cabo as súas actividades culturais. Estas mesmas administracións presumen publicamente da cantidade de cartos que, en forma de subvencións, dan para estes fins.

Ata aquí o que se coñece. Pero ninguén explica a segunda parte do conto polo que ímolo facer nós cun exemplo moi ilustrativo de onde acaban moitas veces estas axudas a ver se serve para que algúns reflexionen sobre o “curioso” proceder.

Recentemente a asociación cultural os Chichisos, que dito sexa de paso leva xa unha década axudando a recuperar, manter e divulgar o noso acervo cultural, traballando arreo, de balde e moitas veces con cargo ós seus petos, solicitou unha subvención á Deputación Provincial de Pontevedra. A resposta chegou recentemente e foi afirmativa, concedéronnos o 5% do total solicitado. Aínda que a cantidade é pírrica aceptámolo con agradecemento, pois como se di “a cabalo regalado non lle míre-lo dente” aínda que o de regalo sexa relativo pois os cartos saen de todos nós.

A sorpresa veu cando soubemos que para cobrar esa subvención debemos xustifica-lo 100% do total dos cartos solicitados aínda que deses cartos tan só nos deran un 5%. Por dicilo claramente; se unha asociación cultural pide unha subvención, porque se entende que non ten cartos, de 1000 € para material ou para levar a cabo unha actividade e a Deputación lle concede 50 € (o 5%), cando esta asociación cultural queira cobrar eses

50 € terá que xustificar que gastou 1000 €. É lóxico e necesario que se xustifique o investimento dos cartos concedidos pero o que non é normal é que se obrigue a xustificar un gasto para o cal a asociación non ten cartos, porque de telos non pediría a subvención para facer esa actividade ou ese investimento en material. E aquí está o truco do almendruco.

O resultado desta política é claro:

Por unha banda as pequenas asociacións, que son a maioría e que non teñen cartos dabondo para levar a cabo o importante labor cultural que fan, vense na obriga de renunciar a esas subvencións, como é o noso caso, pois non poden xustificar un gasto para o cal carecen de recursos económicos aínda que lles sobren ganas, folgos, traballo e ilusión, cousas das que soen carece-los que manexan eses mesmos cartos.

Por outra banda esas axudas acaban nos petos daquelas catro asociacións fortes e con recursos suficientes como para xustifica-la totalidade dos cartos solicitados e ter dereito a cobra-la subvención. É dicir, que os cartos acaban onda sempre, nas mans dos que máis cartos teñen dervituándose o fin destas axudas, que non é outro que potenciar, fomentar e colaborar con estas entidades culturais que tan necesario labor fan para que este pobo antigo e sabio, cunha riqueza cultura incalculable, non acabe converténdose nun pobo analfabeto, pobre e manexable. Aínda que quizais, ben pensado, iso sexa o que queren algúns. En fin, éche o que hai…

O pintor Francisco Sutil Barbosa

p1010079

 

Trazo groso, pulso firme, tres cores básicas na súa paleta e catro elementos máxicos ós que entregarse nunha comunión atábica para plasmar dende o máis fondo da alma, cos ollos puros dun artista ceibe de complexos e modas a paisaxe e a natureza desta nosa terra nai.

A obra de Sutil retrotáenos ás oríxes, somérxenos no seo materno da terra, fainos flotar no líquido amiótico da choiva, do mar e dos ríos. Cóspenos sen adornos a beleza que nos rodea e que tantas veces nos negamos. Afúndenos na cromática da súa obra lémbrandonos de onde vimos e a onde pertencemos.

Fiel á técnica e á máis nobre tradición paisaxística, Sutil convértese nun radical provocador fronte a un enfermo mundo artístico no que toda creación que carece do obrigado tufo a “ falsa innovación”, vangarda ou pretendida orixinalidade, non é valorada nin merecedora de espazo, divulgación ou recoñecemento.

En definitiva, un verdadeiro pintor nun estúpido mundo sobrante de falsos artístas.

 

A %d blogueros les gusta esto: