Daily Archives: 27 Febreiro 2009

UNS NACEN DE PÉ E OUTROS COMO XOSÉ

xose

Teño un amigo que é un pouco peculiar, ten esa cousa, que lle vai facer.

 

Cando os mozos devecían por ter un supermirafiori preparadillo —pegatina de discoteca Saturday incluída—, el era feliz paseando en bicicleta por Pontevedra.

 

Cando tódolos compañeiros nos metemos a aprender a toca-la gaita el colleu o bombo. Claro… sendo da terra da chispa era o que máis se lle parecía á roda de afiar.

 

Cando decidimos meterlle man a outros instrumentos, el botoulla á taboa de lavar. Vamos, o normal, o instrumento que se lle ocorrería a calquera, iso si, con dedais de buxo.

 

Cando coa febre inmobiliaria todo o mundo andaba na procura da galiña dos pitos de ouro, el andaba trala pita de Mos. E cando se puxeron de moda os pitbull e os rottweiler, como non ía ser menos, el mercou un can de palleiro, dos de verdade, con papeis, dos da terra.

 

Cando abriron o Carrefour e todo o mundo toleaba por pasar alí dentro a tarde do domingo, a el deulle por ir limpar un río. Así é el, retranqueiro como os meandros do río que eles chaman Gafos e eu —como son de Salcedo— chamo Tomeza.

 

Agora que temos autovías para emigrar, autoestradas con asaltadores nas peaxes, agora que nos traen o AVE Cesar moriturum te salutam, agora que 5.000 anos despois se decataron de que as rotas marítimas pasan pola nosa costa e Vigo vai ser gran porto da autoestrada do mar, agora que as dúas Xuntas de Galicia/Za vanlle dar cartos a Citroën para que faga un coche eléctrico, vai o meu amigo e di que quere un burro, pero non un burro calquera senón un burro fariñeiro, que non ten nada que ver con Sito Miñanco, ollo!!

 

Xa non sei se o que quere é moer coa moa do seu bombo ou quere estragarlle o negocio á OPEP. Quizais con isto da crise queira facer un Arca de Xosé con tódolos bichos raros en perigo de extinción. Gaiteir@ xa ten, agora a pol@ burr@ fariñeir@ (que moderno me quedou est@).

 

Así que en vista do percal, como o aprecio e sen que sirva de precedente, está vez serei eu quen lle cumpra o seu desexo. Non é que de súpeto me invada un incontrolable impulso de xenerosidade e desprendemento material. Non, non son persoa tan desprendida como el…que a mínima ocasión se desprende do seu bombo, pero, contaxiado polo seu inquebrantable espírito ecoloxista,  eu tamén me quero preocupar polas especies en perigo de extinción e como el é o único amigo con boina que teño e o quero conservar…aí tes querido Xosé un fato de burros para que elixas. Van da miña conta.

 

p1010069

Burro de proximidade

p1010085

Burro de compañía

p1010189

Burro de ida

p10100803

Burro de volta

p1010048-2

Burro á sombra

 

A NOITE DOS CALACÚS

 lastdruids1

 
-ORIXE HISTÓRICA DA NOITE DOS CALACÚS-

A orixe desta festa de defuntos e da tradición da talla de caveiras de calacú pérdese na noite dos tempos e posiblemente as celebracións de hoxe en día sexan a mestura das tradicións e dos ritos dos diferentes pobos que pasaron por esta terra.

Así, para os celtas o Samaín ( 31 de outubro) era a derradeira noite do ano e considerábase un momento propicio para presaxia-lo futuro. Pensaban que nesta noite as portas do outro mundo quedaban abertas e as ánimas dos difuntos, e outros espíritos, invadían, por unhas horas, o mundo dos vivos. As ánimas dos finados voltaban para visita-las súas famílias nas que foran as súas casas para quentárense a carón do lume e comeren dos alimentos que lles tiñan preparados. Os druídas celtas tamén acendían grandes fogueiras e colocaban as caveiras iluminadas dos seus inimigos no máis alto dos castros co aquel de escorrentaren os espíritos malignos. Posiblemente de aí vén o costume de facer caveiras coas cabazas e pórlles despoís unha candea acesa dentro. Esta tradición conservouse ata os nosos días en toda Galicia e en cada lugar recibe distintos nomes: calacús polas Rías Baixas, caveiras de melón en Cedeira, calabazotes en Ortigueira, colondros en Ourense, etc. Hai apenas 25 anos aínda se facían na parroquia de Salcedo. Tamén perdurou o costume de non recolle-la mesa nesa noite ou de preparar comida de máis e deixala na cociña para que as ánimas dos familiares defuntos tivesen algo que comer nesta noite máxica en que nos virían visitar. Ata hai pouco, en Terra de Montes, a xente subía na Noite de Defuntos ó complexo megalítico de Portalén —no Monte do Seixo— e alí, tras ofrecerlles unha ofrenda ós defuntos en forma de pan, viño ou unha candea, solicitáballes consello. No vento que zoa entre as pedras da Porta do Alén viría a resposta do oráculo.

Os romanos, despois da conquistaren territorios célticos, engadíronlle ó Samain elementos da súa Festa da Colleita, celebrada o 1 de novembro na honra de Pomona, deusa dos froitos e das árbores, á que lle ofrecían ofrendas en forma de froitos e outros produtos da natureza. En Galicia consérvase o costume da celebración de Magostos por estas datas, festas nas que se comen castañas asadas, e outras comidas típicas destes días. Os cristiáns celebran o 31 de outubro a véspera de Todolos Santos, os católicos recordan os seus mortos e acenden candeas que lles serven de guía e teñen que estar prendidas ata que se consuman para que os seus defuntos atopen a saída do purgatorio. Foi no século IX cando a Igrexa destinou o primeiro de novembro ó día de Tódolos Santos e no século XII o día seguinte coma Día de Defuntos, cristianizando deste xeito as antigas festas pagás dos mortos. Coa cristianización, a Igrexa prohibiu moitos destes milenarios ritos por consideralos pagáns e foron os nenos os que transformaron e continuaron estas celebracións. Suplantando con disfraces ós defuntos, percorrían as casas pedindo carne, pan, viño e doces, que gardaban nas súas bolsas para consumi-los logo nas súas casas. Cumpría logo botar unhas cantigas de agradecemento polas viandas recibidas ou ben de escarnio cara ós da casa, deestes non lles teren nada preparado. Este costume, que hoxe nos parece propio do Halloween americano, era tradición común en Galicia, e xa no século XVI o inquisidor, humanista e bispo de Mondoñedo Frei Antonio de Guevara ten comentado este costume do lugar que para el era descoñecido:

“Constounos pola visita que o día de Tódolos Santos e o día seguinte de Defuntos andan tódolos mozos da freguesía a pedir polas portas e danlles pan e carne e viño e freixós e pixóns e outras cousas, e que piden así os fillos dos ricos que os pobres; e por ser máis este rito xentil que cristián, ordenamos e mandamos que, de aquí en diante, ningún mozo vaia aqueles dous días de porta en porta a pedir, senón que o beneficiado, o rector e o primiclero e outro que nomease a freguesía pidan aquel pan e todo o demais que lles deran ou repartan na igrexa o Día dos finados entre os pobres e necesitados, so pena que o pai ou a nai que enviara o seu fillo a pedir aqueles días pague mil marabedís[…]”

En canto á tradición de preparar comida para os defuntos que nos viñan visitar esa noite liminar, transcribimos a continuación outro texto do mesmo bispo:

“[…] achamos ter costume en moitas partes deste noso bispado que nos mortuorios que fan, e o Día dos finados, que é outro día de Tódolos santos comen e beben e poñen mesas dentro das igrexas e o que é peor, poñen xerros e pratos encima dos altares facendo aparador deles. Ordenamos e mandamos que ninguén sexa ousado nos semellantes mortuorios e honras e Días de finados comer nin beber nas igrexas, so pena que pague cada un dous ducados e o cura que o consente catro”.

Como o bispo franciscano de Mondoñedo Antonio de Guevara non era galego, non coñecía estes costumes e mantiña a crenza de que tódalas nosas tradicións atlánticas eran de procedencia xudía ou mourisca, e dicidiu prohibilas con ameazas, multas e castigos.

Hoxe en día en Galicia aínda se conserva a tradición de facer caveiras de calacús e iluminalas con candeas acesas, cócense castañas con anís para as ánimas do purgatorio, fánsenlle ós rapaces colares de castañas cocidas para que os leven pendurados ó pescozo, cómense doces como os ósos de santo, déixase a mesa sen recoller para os familiares defuntos que nos veñen visitar esa noite. Acéndense lampadiñas de aceite e pequenas candeas sobre as lápidas dos noso defuntos. Cando estas candeas se consomen, indica que unha ánima do purgatorio alcanzou, por fin, a luz. Quizais a mestura de todos estes elementos sexa, como dixemos, a orixe da actual Noite de Defuntos e dos Calacús.

Para finalizar, cómpre comentar que existe a crenza común de que a Noite dos Calacús, o Samaín, ou o Halloween (All Hallow Eve = véspera de Tódolos Santos, en inglés) —que no fondo son celebracións cunha mesma orixe— é unha festa orixinaria dos EEUU, mais non é certo como acabamos de explicar. Foron os dous millóns de galegos que emigraron a América dende o século XIX, os emigrantes irlandeses e os doutras nacións atlánticas que tiveron que marchar ós EEUU os que levaron alí esta ancestral celebración que, por desgraza, retorna hoxe en forma de cutre Halloween desvirtuado e convertido nun comercial Entroido festivo e discotequeiro carente do fermoso significado máxico e ritual que tiña antano a nosa Noite de Defuntos.

BRICOMANÍA

monte-do-seixo-001

Bricomanía”

 

Soborna un conselleiro,

unta un alcalde,

merca un técnico de patrimonio,

de medio ambiente

ou de ambiente enteiro

 

Engana a xente.

Promete cartos a mazo,

róuballe ó monte,

o futuro, o pasado

A alma

 

Abre mil pistas

Leva todo por diante

Manipula informes

Salta as leis,

(é moi doado cun pouco de práctica)

 

Traino todo de fóra

Non deixes un peso aquí

(non fága-lo parvo, ninguén o fai)

 

Enche o monte de tarabelas

e as montañas de merda

Vende a túa enerxía limpa

 

Enche os petos de cartos

e a boca de mentiras bonitas,

 

Di vangarda de Europa, innovación,

progreso, futuro, ecoloxía,

enerxía renovábel, esas cousiñas

 

Non te preocupes

temos montes dabondo

onde renova-lo teu negocio

 

Industrializa as montañas

mentres poidas e che rían as grazas

pero non sexas cobizoso,

os ríos e a costa deíxaos para outros

 

O domingo descansa,

pon unha camisola de I love Nature

e leva a familia a comer ó campo

que xa era hora non?

 

Noraboa, es todo un manitas

Seguindo estes sinxelos

briconsellos

xa tes un parque eólico

en Galicia

 (Fotografía: Parque eólico da Serra do Cando. Autor: F. Sutil)

A %d blogueros les gusta esto: