Daily Archives: 23 Xullo 2009

Aquela tenda

Pechou a tenda de Carmucha
e abriron un deses Carrefours.
Pero alí xa non venden Cropáns,
nin sobres de azafrán en caixiñas feitas de cortiza.

Alí non botan serraduras no chan os días de choiva
Nin fan as contas en anacos de cartón e de papel de estraza.
Eles apúntanche todo en tarxetas de plástico
e déixanche carros grandes coma mundos
para enche-lo noso mundo baleiro.

Eles son rápidos, modernos e listos.
Eles van cos novos tempos que corren.
Disque teñen de todo
e saben o que lle gusta á xente.

Pero iso non é certo
Porque o que non saben
é que naquela tenda se vendía tempo,
tempo para falar e tempo para vivir.

 

Rafael Quintía

Extraído do poemario “Á sombra de Bouza Panda. Poemas de trincheira e maldizer”

www.nonafranxa.tk, Unha web en prol da libre información

A páxina web NON Á FRANXA http://www.nonafranxa.tk/ é un exemplo de cómo usar ben Internet, de cómo aproveita-las novas tecnoloxías nunha causa xusta e cun fin informativo. A creatividade do seu autor para pór en marcha o proxecto de PostemirónTV é unha xenialidade que cómpre saudar. Por certo, nesta televisión virtual poderán ver un interesante vídeo sobre a Marcha veciñal polo monte de Salcedo que se levou a cabo o pasado 28 de xuño. Tamén no youtube:

Nestes tempos nos que os medios de comunicación masivos manipulan e amosan a realidade que lles convén, tras pasa-lo todo polo filtro dos seus propios intereses políticos e económicos, contar con páxinas como a do compañeiro de Postemirón David é garantía de que a liberdade de expresión e información aínda segue viva neste país de tahures del Mississipi, ou do río que pase pola leira do cacique que toque.

Calquera que queira informarse do que está a acontecer realmente na titánica loita que manteñen os veciños de Salcedo, Postemirón e Figueirido contra a base militar da Brilat pola ocupación ilegal do seu monte comunal e pola imposición das dúas franxas de seguridade -que abranguen grande parte dos concellos de Pontevedra, Vilaboa e Marín- debe achegarse inevitablemente a esta web. Alí atopará á súa disposición un amplo abano de vídeos, fotografías, opinións, artigos e notas de prensa sobre o conflicto, o que lle permitirá ter unha visión fidedigna do que está a acontecer, para que así despois, libremente, poda crea-la súa propia opinión ó respecto.

O dito, visite NON Á FRANXA http://www.nonafranxa.tk/
infórmese e opine.

E dende aquí os meus maiores parabéns para o seu creador David.

E xa saben, o monte é noso, NON Á FRANXA!!

A %d blogueros les gusta esto: