• BENVIDOS Ó BLOG DE RAFA QUINTÍA

  • SOBRE O AUTOR

  • © Fotografías blog: Rafa Quintía

  • A LINGUAXE DAS CAMPÁS. ETNOGRAFÍA DOS SINOS

  • MARIÑA: DE DEUSA A SANTA

  • MONTE DAS CROAS: ANTROPOLOXÍA DUN CASTRO

  • ANÁLISE ESTRUTURAL E SIMBÓLICA DO MITO DA MOURA

  • LA HISTORIA DE GALICIA EN 50 LUGARES

  • USO SIMBÓLICO DO CUARZO NA CULTURA GALEGA. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos

  • PATRIMONIO INMATERIAL DE SAN MARTIÑO DE SALCEDO

  • ALICORNIO. O PODER DO CORNO DE UNICORNIO NA MEDICINA TRADICIONAL GALEGA

  • A NOSA SEÑORA DA LANZADA. Estudio antropológico de un santuario costero.

  • PARA CANTAR VEÑO EU! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos

  • DE VELLO, GAITEIRO! Biografía do grupo de música tradicional Os Chichisos

  • DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO. Unha proposta interpretativa en clave céltica.

  • Á SOMBRA DE BOUZA PANDA. Poemario de trincheira e maldizer

  • MADAMAS E GALÁNS. HISTORIA DO ENTROIDO DE COBRES

  • MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA.

  • Documental “SETE CAMIÑOS. ENCRUCILLADA DO TEMPO”

  • Documental “COMUNEIROS. Cen anos de vida e loita polo monte de Salcedo”

  • Documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica”.

  • Curtametraxe documental “NOITE DE REIS COS CHICHISOS”

  • A PEDRA DO FUNDAMENTO

  • “FEITO NA CASA”

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº6

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº5

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº4

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº3

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº2

  • “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”. Nº1

  • ALBIÓN GALAICA

  • “GALICIA ENCANTADA: O país das mil e unha marabillas”

  • “OS MOUROS E AS MOURAS: MÁXICOS ENIGMÁTICOS DA MITOLOXÍA POPULAR”. Actas das V Xornadas de literartura de tradición oral.

  • POEMARIO DOS GAFOS. Obra colectiva.

  • CATÁLOGO-GUÍA do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

  • AS PONTES DE PONTEVEDRA. Libro da exposición do mesmo nome. (Obra colectiva)

  • ATAS DAS JORNADAS DA LITERATURA GALAICO-PORTUGUESA 2012-2014

  • ACTAS DAS II XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ACTAS DAS I XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ENTRADAS POR ORDE CRONOLÓXICA

  • CONTADOR

    • 117,235 hits
  • Follow Á Sombra de Bouza Panda on WordPress.com

REMEMORANDO A HISTORIA

Non é difícil nestes tempos revoltos asomarse a un xornal ou ó televexo e comprobar como a moitos dos nosos políticos se lles enche a boca falando de nación (cada un da súa), de estatutos, de financiación e de facer país. É curioso, no de país están todos de acordo, algo avanzamos. Pero poucos lembran que para facer país primeiro hai que coñece-la súa historia, aínda que ás veces non nos guste o que vexamos. Sen o referente da nosa historia estamos condenados a repeti-los mesmos erros do pasado.

Os pobos necesitan lembra-los seus erros e fracasos pero tamén rememora-las súas fazañas históricas, os seus momentos de gloria, os seus heroes e os seu mártires. A aqueles que loitaron por faceren deste país unha terra mellor ou simplemente loitaron por mante-lo que tiñan, por sentimento de responsabilidade e deber, por crenzas, por honor ou porque lles tocou a eles facer de carne de canón. Sen eses referentes históricos e culturais andariamos perdidos polo mundo. E quizais iso sexa o que queren algúns, porque un pobo inculto e analfabeto sempre é máis dócil, manexable e manipulable. Gústenos ou non a historia da humanidade está escrita a sangue e lume. O home é así de cabrón, por moito que queiramos pintar un mundo idílico de cor de rosa. A maldade e a violencia forman parte da nosa natureza, o igual que o amor, a bondade ou a compaixón. Non esquezamos que a guerra e a economía —moitas veces matrimonio de conveniencia— foron, e aínda son, grandes protagonistas da nosa historia.

En todo isto pensaba o outro día cando pasei por Arcade e vin a pancarta de conmemoración da batalla de Pontesampaio ou cando lin como os veciños do concello de Barro lembraban a súa honrosa batalla de 1809 contra os franceses.

Por iso non entendín no seu día as voces en contra que algúns colectivos e veciños alzaban perante o feito de rememorar cunha representación a batalla de Pontesampaio, fito histórico do noso pobo e transcendental na Guerra da Independencia. E tampouco entendo como se pode ser tan energúmeno como para esnaquiza-las placas que conmemoran a batalla de Elviña, acto vandálico que ven de acontecer na Coruña uns meses atrás, ou como pode haber alguén tan fillo de puta como para arrinca-la placa que lembra os asasinados polo fascismo franquista en Pedre, Cerdedo.

Identificar este tipo de representacións conmemorativas con actos militaristas que incitan á violencia e atentan contra a cultura da paz é tan simple e demagóxico coma dicir que a Cabalgata de Reis é un acto machista de reivindicación da monarquía absolutista e patriarcal. Non creo que os que pretenden facer este tipo de representacións, grupos e asociacións ás cales nin pertenzo nin coñezo, queiran facer un acto de apoloxía da guerra e da violencia, senón máis ben o contrario: lembrar ese feito, honrar os mortos que loitaron polo que consideraban xusto, e darllo a coñecer á nosa mocidade para que non se volvan repetir feitos coma estes. E todo isto malia que eses nosos paisanos e heroes morreran para garanti-los privilexios dunha clase dominante miserable e caciquil e dun clero integrista e represor que moito tiña que perder coa invasión napoleónica.

Pero o que máis me asombrou daquelas declaracións foi que se dixese que tales actos poden abrir vellas feridas e ofende-los nosos veciños franceses, que posiblemente non saiban onde carallo está Pontesampaio, e peor para eles, dito sexa de paso. Iso das vellas feridas é o mesmo que di a dereita máis rancia cada vez que se celebra un acto de xustiza e memoria histórica para honra-los represaliados polo ilegal réxime franquista. O que nunca se di é que as feridas das familias dos asasinados, das víctimas da represión e dos exiliados aínda non se pecharon por mor do silenzo, ninguneo e inxustiza gobernamentais de todos estes anos.

Pero volvendo ó tema, a historia é como é, e deberiamos estar orgullosos dunha terra de galegos valentes que non compartían as aspiracións imperialistas de Napoleón e que estiveron dispostos a loitar e non deixarse invadir polos “nosos veciños franchutes”, pese a que mellor nos tería ido co Pepe “botella” que co miserable Fernando VII. Pero esa é outra historia e aquí sempre nos gustou ter dictadores da casa, ou do país coma o viño. E tendo en conta que os nosos veciños non teñen medo de ofende-los alemáns cando celebraban a súa liberación do réxime nazi, nin os portugueses, venezolanos, cubanos, mexicanos e demais teñen problemas en celebra-la súa independencia de España, porque imos ter que andar nós con babecadas politicamente correctas?

Así que eu digo, postos a non ofender deixemos de celebra-lo día da Arribada da Santa María a Baiona, para non ofende-los nosos irmáns americanos vilmente masacrados polos conquistadores españois grazas o descubrimento do navegante de Poio. Seica o verbo holocaustear aínda non se inventara daquela. Eliminémo-la Romaría Vikinga de Catoira, festa bárbara e violenta que pode ofender ós ben queridos escandinavos pola inxustificada imaxe embrutecida que damos deses bos homes do norte que so viñan roubar, violar e saquea-las nosas terras, agradecidos deberiamos estar polo aporte xenético e multicultural. Acabemos co día da Reconquista en Vigo, grave ofensa ós franceses, outro tanto coa conmemoración da batalla de Elviña na Coruña. Por suposto a recreación da batalla de Ferrol onde os nosos labregos se opuxeron á invasión británica queda erradicada para non faltarlles ós amigos ingleses, tan dispostos sempre eles a devolve-lo seu peñón de piratas e bucaneiros con garabata. Ó lixo coa Feira Franca de Pontevedra, apoloxía do mercantilismo, a evasión de impostos e precursora do consumismo salvaxe e do laissez faire do capitalismo. Que ofensa para o proletariado!! A Rapa das Bestas, maltrato animal sen dúbida. Eliminémola tamén. O Entroido reminiscencia pagana e insulto para os católicos e para o clero tan respectuoso sempre cos que non pensan como eles. E que me din dos Maios, esa festa lasciva do renacer da natureza e a fertilidade da nai terra, de aí á luxuria, ó pecado e a andar pola herba a trebellar uns ós outros só hai un paso. Vade retro Satanás!!

Os milleiros de romarías que no verán se celebran na nosa terra non deixan de se-la cristianización dos nosos antigos ritos pagáns imposta coa forza do lume, da cruz e da espada. Como podemos celebrar ese vandalismo cristián e esa destrucción do noso panteísmo céltico? Cómpre a súa inmediata prohibición, co permiso, claro está, da virxe da Barca, da Franqueira e dos Miragres de Amil. Os fascistas sentiranse ofendidos co día da Galiza Mártir, como se nos ocorre honrar un político e intelectual galego e de esquerdas fusilado por defender un réxime legal, a liberdade e a súa terra, fóra tamén!! E por último acabouse a festa do 25 de xullo, día da patria pechada por derribo e día de Santiago Matamoros, non corren tempos de ofender ós talibáns musulmáns nin os talibáns do nacional catolicismo centralista. Que queren que lles diga, a este ritmo a nosa memoria histórica reducirase ó día da voda do Príncipe e Letizia, e nin iso se debería celebrar porque ofendería os republicanos…coma min.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: