AMIGO FÉLIX (homenxe a Félix Rodríguez de la Fuente)


O pasado 14 de marzo cumpríronse os 30 nos do falecemento de Félix Rodríguez de la Funte. Para os que eramos uns nenos aquel inverno do 1980 a morte do bo amigo Félix foi unha traxedia, unha zoupada na nosa inxenua alma infantil. Coido que a morte de Félix e, anteriormente a morte do pallaso Fofó, foi para moitos nenos daquela época a primeira vez que se enfrontaban ó misterio incomprensible da morte. E iso que era un tempo onde a morte non era algo aséptico e tabú que cómpre ocultar á vista da xente, como ocorre agora. Lembro aquela mañá que recibín a noticia do seu accidente, lembro tamén as bágoas desconsoladas e a carta de despedida que lle escribín, posiblemente unha das primeiras cousas que escribín na miña vida.

Para os que medramos aprendendo a ama-la natureza da man de Félix este 30 aniversario tráenos moitas lembranzas, fainos recordar aquelas noites en que toda a familia se reunía xunto ó televisor ó compás daquela marabillosa música telúrica para escoitar hipnotizados a voz de Félix, o atávico ouveo do lobo, para ver como o xabaril loitaba pola súa supervivencia, como as londras nadaban nuns ríos aínda libres de minicentrais, como unha aguia levaba voando nas súas zoupas unha cabuxa facéndonos temer que se aquel ave era quen de levar un animal así tamén podía levarnos a un de nós de estar no lugar do pobre animal.

Eran outros tempos, hoxe sería impensable pór un programa como “El hombre y la Tierra” na hora de máxima audiencia. Pero quizais o máis triste de todo é que hoxe sería impensable que millóns de persoas, de tódalas idades e clases sociais, decidisen pasa-lo seu tempo de lecer perante o televisor descubrindo os segredos da vida animal e aprendendo a coñecer e ama-la nosa Terra como aconteceu neste país hai 30 anos. Hoxe as nosas inquedanzas culturais van por outros camiños máis retortos, máis dirixidas a coñece-los segredos da operación de ciruxía estética de Belén Esteban ou o inventario de noivos, amantes e noivas dalgún dos patéticos personaxes mediáticos do momento. Canto cambiamos….amigo Félix.

En todo iso fanme pensar estas datas conmemorativas, e en todo o que perdemos, no pouco que aprendemos e no pouco que respectámo-la nosa contorno e a nós mesmos. No pouco caso que lle fixemos á mensaxe do irrepetible Félix, ó seu traballo, ós libros que hoxe releo con nostalxia.

Hoxe, prefiro pensar que aqueles que decidiron non protexe-lo Courel, que os que queren facer do sagrado Monte Pindo unha canteira, da nosa costa unha urbanización para ricos, que aqueles que converteron tódalas montañas galegas en parques industrias inzados de tarabelas, que todos eses terroristas ambientais que venden o noso tesouro natural, o noso futuro, por catro pesos non escoitaron nunca a Félix Rodríguez de la Fuente, que eses mercaderes da destrucción non medraron coa banda sonora de “El hombre y la Tierra”, que non son coma nós, que non son dos nosos, da confraría daqueles nenos que soñamos con salvar anancondas nos llanos venezolanos, con descubrir paisaxes inexploradas, con xogar con lobos, nadar con golfiños, e correr con cans de trineos nun mar xeado de Alaska.

Advertisements

Unha resposta

  1. Iso mesmo penso eu.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: