Daily Archives: 28 Marzo 2010

UNHA OLLADA SURREALISTA Ó CAMIÑO PORTUGUÉS DE SANTIAGO


Neste ano 2010 celebramos un novo ano santo xacobeo. Agárdase a chegada de milleiros de peregrinos e de millóns de turistas. Os políticos, os medios de comunicación, as empresas de hostalería afánanse en promociona-lo inigualable evento: Agora é cando, Galicia é onde, di o slogan deseñado para a ocasión. Eu non podía ser menos, así que boteime ó Camiño, na súa versión portuguesa, para descubri-los seus encantos, que os hai, e para face-la miña particular auditoría. Anos atrás xa percorrera parte do Camiño francés —o orixinal camiño iniciática cara ó oeste, posteriormente cristianizado e reinventado baixo o culto xacobeo—, tamén percorrera parte da Vía da Prata e do camiño á Fisterra, verdadeiro final desta milenaria rota ó Cabo do Mundo, á Terra do Mortos. Así que, modestia aparte, teño certo coñecemento de causa para opinar sobre o que vin estes días no camiño portugués.

Hai, evidentemente, paisaxes fermosas, tramos que nos transportan a un pasado que xa non volverá, monumentos e edificación incribles, cruceiros, miliarios, mámoas, fontes, pontes antergas e historia, moita historia. Tan só hai que botar unha ollada ós centos de libros publicados, ós folletos turísticos ou ás moitas páxinas web e blogs particulares para achegármonos á fermosura desta rota. Pero, por desgraza, o que máis hai hoxe en día é asfalto, obras do Ave, polígonos industriais, coches, ruído, feísmo arquitectónico, irracionalidade urbanística, paisaxes naturais arrasadas, montes inzados de tarabelas e un senfín máis de atentados que desvirtúan e degradan a fermosura orixinal deste camiño de peregrinaxe. Por suposto, todo depende de cara onde apuntes co obxectivo da túa cámara, xa se sabe: non hai peor cego que aquel que non quere ver.

Apollinaire, pai do termo surrealismo escribiu no prefacio do drama As tetas de Tiresias (drama surrealista):

Cando o home quixo imita-la acción de andar, creou a roda, que non se parece a unha perna. Do mesmo xeito creou, inconscientemente, o surrealismo… Despois de todo, o escenario non se parece á vida que representa máis que unha roda a unha perna.

De igual xeito, engado eu, o actual Camiño Portugués de Santiago parécese a un antigo camiño iniciático e espiritual tanto como unha roda a unha perna. Non perderei tempo en argumentar esta afirmación pois, como os autores surrealistas, utilizarei as imaxes para expresar esas emocións que, dende un razoamento non lóxico —como o que segue o desenvolvemento do camiño— nos leve a descubri-la verdade.

Galicia é un país cunha alta compoñente surrealista, os galegos amámo-la ironía, e eu son un galego que vive en Galicia e ademais un pouco atravesado, así que imaxinen cara onde dirixín o meu obxectivo.

Pois si amigos, existen outros camiños pero están neste. Así que aquí lles deixo unha pequena viaxe fotográfica polo lado máis surrealista do Camiño portugués, unha paisaxe que non sae nos folletos turísticos pero que está aí á vista de todos, unha ollada retranqueira e galega, no único senso da palabra.


Comezamo-la nosa viaxe a Santiago de Compostela en Valença do Minho (Portugal). Pero onde está Santiago de Compostela? en Galiza, en Espanha, na Jacobsland, no país de Nunca Máis. Mal comezamos se non sabemos onde imos



Para non perderse no Camiño cómpre sempre segui-las frechas


De non atopa-las frechas cómpre prestar atención ós amilladoiros. Eles tamén marcan as rotas sagradas



Para saber cantos kilómetros percorremos e cantos nos quedan é bo botarlles unha ollada ós contadores


Aínda que se faga noite o señor sempre ilumina ó noso camiño



Sempre é bo lembrarse dos defuntos. Uns petos son de ánimas, outros animan a botar…


Guíate polo camiño que a Vía Lactea marca no ceo


Non te preocupes pola hospedaxe, Deus proveerá. Nunca faltará unha cama no camiño



Goza da paisaxe e dos entornos naturais



E goza tamén da fauna e das Aves que te atopes ó teu paso



Non esquéza-lo patrimonio arqueolóxico. Aprecia os tesouros dos depósitos de cerámica tipo Duralex que atopes no teu camiñar (Ollo ó dato: 3000 anos posteriores á cerámica do vaso campaniforme)




Ten sempre presenta que percorres un camiño de paz e fraternidade


Busca a armonía ó teu arredor e inspírate no equilibrio e boa integración dos elementos patromiais que vexas no teu camiñar


Por moi cansa que sexa a viaxe sempre hai un momento para o pracer


E para a oración


E non esquezas nunca que estás en Galicia, e Galicia is different!!

CONTINUARÁ…

Tódalas fotografías son propiedade do autor do blog.

Véxase a segunda parte no post:

UNHA OLLADA SURREALISTA Ó CAMIÑO PORTUGUÉS DE SANTIAGO 2ª PARTE