Monthly Archives: Xullo 2010
O BAILE AGARRADO
No noso folclore galego existen unha serie de bailes que, a diferenza dos máis tradicionais como a xota ou a muiñeira, execútanse en parella e agarrados. Exemplos destes bailes, que denominamos bailes agarrados ou agarradiños, serían o Charrasquiño, o Esparaván, a Mazurca, a Muiñeira corrida, o Pasodobre, o Chiqui-chiqui, a Polca, a Rumba ou o Valse. Este tipo de ritmos son de orixe estranxeira e popularizáronse en Galicia a partir do século XIX. Uns eran de orixe europea, como o pasodobre, a polca, o valse ou a mazurca; outros de influenza americana, como a rumba, pero todos eles foron pronto asimilados e adaptados ó xeito do país ata tal punto que acabaron desprazando nas festas e romarías ós nosos bailes soltos, máis tradicionais. Bailes como o Esparaván ou o Charrasquiño, a muiñeira corrida ou o careado son adaptacións populares destes ritmos foráneos.
Os bailes agarrados requiren contacto físico na súa execución, polo que a súa introducción no noso folclore e posterior popularización supuxo un certo escándalo, sobre todo entre as autoridades eclesiásticas que vían neste tipo de bailes un atentado á moralidade e unha oportunidade para a lascivia e o pecado da carne. Nicolás Tenorio recolleu como a principios do século XX o clero negábase a confesa-los fregueses que bailaban o valse ou a polca, é dicir, os bailes agarradiños. Así o recolleu a copla popular:
Ai Carmiña, Carmela
non bailes o agarrado
que dixo o señor cura
que era moito pecado
Debido a estas dificultades que a moral imperante puña para poder bailar agarrados, a imaxinación e creatividade popular fixo que se inventasen unha serie de xogos e trucos que facilitasen ese ansiado contacto físico. Así, entre baile, xogo, achegamentos e chiscar de ollos a mocidade ía satisfacendo como podía o impulso natural e capeando as prohibicións enfermizas dun clero obsesionado coa idea do goce terreal.
Hoxe, paradoxos dos nosos tempos, tras anos intentando arrechegarmonos uns ós outros cando se ía ó baile, a xuventude volve ó baile solto. Os ritmos actuais non gustan do baile agarrado e, salvo neses momentos íntimos en que o pinchadisos —agora chamado DJ— puña unhas pezas lentas para que os mozos se xuntasen un pouquiño, é case imposible bailar pegado, por moito que Sergio Dalma cante sobre ás súa innegables bondades. Os tempos cambiaron moito e hoxe, grazas a Deus, xa non é necesario esperar as lentas para poder sentir un corpo morniño ó teu carón.
(Imaxe: “O agharradiño”, cadro do pintor Francisco Sutil)
O ATURUXO GALEGO
Dicía Varela Silvaral nun artigo publicado no Faro de Vigo aló polo ano 1882 e titulado “El aturuxu gallego”:
Aturuxar, que quiere decir gritar alegremente, viene de la voz aturuxo, grito de expansión y recocijo con que los aldeanos gallegos terminan sus cantares y ruadas del país.
No citado artigo —posiblemente un dos primeiros traballos publicados sobre o aturuxo— Varela Silvaral, nun estilo decimonónico e impregnado polo romanticismo da época, atribuía unha orixe céltica a tan característico berro.
A los brigantinos, pues, debemos la singular costumbre de orar e los solitarios lubres, y la de lanzar al aire el célebre aturuxo, peculiar y característicos hoy de nuestras montañas. A los celtas y a los galos; o mejor, a los galo-celtas, debemos asimismo la costumbre, que han sabido generalizar, de manifestar su alegría después de la oración, por medio de gritos particulares y prolongados, que la tradición nos ha legado con el nombre de aturutos o aturuxos, o, como si dijéramos, gritos alegres y espansivos del pacífico morados del país galaico.
Ben, o certo é que, como ocorre con moitas outras tradicións, non sabemos con exactitude a orixe deste costume. O que si sabemos é que certamente ven de moi antigo e que Galicia non é o único país onde a nosa música e as festas se acompañan de tan peculiar berro. Para algúns investigadores a orixe do aturuxo estaría nos berros de guerra que proferían os galaicos antes de entrar en combate. O texto do autor latino Silio Itálico sobre a I Guerra Púnica fálanos destes berros e cánticos proferidos polos galaicos mentres marcaban os seu paso co golpear dos seus escudos:
Fibrarum et pennae divinarumque sagaces
flammarum misit dives Callaecia pubem,
Barbara nunc patriis ululantem carmina linguis,
Nunc, pedis alterno percussa verbere terra,
Ad numerum resonas gaudentem plauder caetras.
Haec requies ludusque viris, ea sacra voluptas.
Silius Italicus
(A opulenta Callaecia enviou á xuventude experta en adiviña-las entrañas, os voos das aves e os divinos lóstregos, ás veces berrando bárbaros cantos na propia lingua, e ás veces danzando ata feri-la terra, aledándose ó golpea-las sonoras caeteras (escudos) a ritmo. Este descanso e este divertimento son un sacro pracer para os homes).
Outros antropólogos falan da posible función deste berro para espanta-los malos espíritos ou para atraer ó espírito da música no transcurso dunha celebración. Aínda hoxe para moitos pobos, como os bosquimáns, a música é sagrada e ten o seu propio espírito que é necesario invocar.
O aturuxo é un berro característico do folclore galego, que é emitido polo ben polo público ou polos músico no decurso dunha peza musical. É moi típico de seráns, romarías, foliadas, e de calquera tipo de xuntanza festiva cegando a converterse nun indicador do espírito festeiro dos presentes. O lexicógrafo Eladio Rodríguez, definiu o aturuxo como “grito gutural, expansivo, agudo, forte e prolongado, que os mozos das nosas aldeas lanzan cando regresan das romarías, cando andan de ruada ou de tuna, cando acompañan algunhas mozas, ou cando desexan facerse coñecer a distancia, das súas mozas ou dos seus rivais.” No Diccionario da Real Academia galega defíneo como un berro agudo, forte e prolongado que se emite en sinal de alegría, nas festas e foliadas ou mentres se realizan algúns labores agrícolas.
O aturuxo coñécese noutras zonas de Galicia como azuo, escutio, frixido, grixido, aturulo, ufido, ufo o agrúo. Son sinónimos de aturuxar: agruar, asuar, atontar, atruxar, aturular, aturutar, azuar, grixar, ufar, ou escutiar.
Vemos polo tanto que se trata dun berro que sae do máis fondo, longo, forte, e modulado ata que se acaba o ar dos pulmóns. Cara o final e cando se está acabando o ar adóitase entrecorta-lo berro para alongalo o máis posible, xa que canto máis longo e forte se faga máis espectacular é. O aturuxo é un berro cheo de enerxía e vitalidade case instintivo que se bota para amosar alegría, orgullo ou animar ós músicos e os bailadores cando se fai a festa. O aturuxo tamén se ten utilizado como sinal de chamada para a comunicación entre aldeas distantes, sobre todo na montaña onde a resonancia da voz é maior, dado que era doado identificar a quen lanzaba o berro. Os arrieiros utilizaron o aturuxo para se comunicar entre eles ou para escorrentar ós posibles salteadores que frecuentaba daquela os camiños..
Este tipo de berro tamén existe noutros lugares de España, sobre todo da cornixa cantábrica. Os vascos coñéceno como irrenzzi ou irrintzi; en Burgos chámanlle relincho; os asturianos, jujío, juje, ijujú, richido ou riflido; os galegos, aturuxo o atrujo; en Murcia, ajujú. Nas zona montañosa do norte, relinchiu, ijujú, gucín, chipilío, relinchar, jisquío ou jipío. Tamén nos outros países célticos como Irlanda, Escocia ou Bretaña francesa existen berros similares co aquel de amosar alegría ou dar azos os bailaríns e músicos. Non esquezamos tampouco o famoso berro do folclore mexicano, quen sabe si levado alá polos galegos emigrantes.