A LUZ DOS SETE CAMIÑOS

Hai un tempo recuperei dunha antiga gravación de campo realizada polo investigador José Ángel Rodríguez nas parroquias pontevedresas de Salcedo e Lourizán unha interesante lenda asociada ó entorno do cruce dos Sete Camiños, cruzamento de camiños nos montes lindeiros entre o concello de Pontevedra e Marín. A lenda, si é que é lenda, falaba de misteriosas luminarias, de esferas de luz que se deixaban ver polas inmediacións deste cruzamento. As xentes falaban da luz dos Sete Camiños, unha misteriosa luminaria que adoitaba verse de noite nesta zona. A luz aparecía de súpeto e se desplazaba en liña recta sobre o horizonte. Chegado a un punto daba a volta e emprendía o camiño oposto. Moitos veciños, vencendo o seu medo, subían ata alá para ser testemuños de tal fenómeno. Para algúns era cousa doutro mundo ou mesmo da Santa Compaña, pero non faltaba quen relacionaba esta misteriosa luz cos contrabandistas que por aquela época da posguerra frecuentaban estes montes. Din que coa chegada do cuartel de Figueirido e a presencia do exército esta luz foi desaparecendo pero ata ben pouco aínda quedaban vellos que aseguraban tela visto.

%d bloggers like this: