Daily Archives: 2 Outubro 2010

PRESENTACIÓN DA REVISTA “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”

O vindeiro venres día 08 de outubro ás 20h na Galería Sargadelos de Pontevedra o Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca presentará o primeiro número da revista “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”. Estades todos convidados ó acto.

EDITORIAL

Corría o ano 2005, aló polo solsticio de inverno, cando o que aquí escribe andaba argallando un modesto fanzine sobre cultura popular galega. Por aquela época chegou ás miñas mans o libro Almanaque de encantos do meu ben querido amigo Calros Solla. Este libro recollía de xeito poético a mitoloxía das terras de Cerdedo e dun xeito especial a do monte do Seixo. Le-lo libro, subir ó alto do Seixo e ficar namorado da montaña foi todo un. Este feito foi o desencadeante dun posterior labor intenso de investigación que desembocaría na publicación de dous libros máis e dun documental de longa duración. Velaí a semente da que nacería o Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca, cuxo fin principal é a investigación, a recuperación e a divulgación do inmenso patrimonio material e inmaterial que conforma a nosa cultura tradicional e a nosa historia. Este é o marco no que xorde a revista de historia e etnogafía galega Fol de Veleno, herdeira daquel fanzine cultural que co mesmo nome se editaba dende o ano 2006. A revista Fol de Veleno nace cun triple obxectivo: por unha banda, o de ser voceiro dos traballos e investigacións que vén realizando o Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca, por outra banda, como oportunidade para que os novos investigadores que traballan no eido da descuberta e recuperación da nosa cultura popular e da nosa historia, e que non teñen acceso ás principais canles divulgativas, poidan publica-los seus traballos, e, por último, como espazo libre onde especialistas da etnografía, a historia e a antropoloxía galega poidan expo-las súas achegas dun xeito accesible ó público afeccionado.

Neste primeiro número mergullarémonos nas incribles aplicacións curativas que na medicina tradicional galega se lle atribúen ó alicorno, o mítico corno de unicornio. Daremos a coñecer novas achegas de Calros Solla sobre a etnografía, a arqueoloxía e a historia do concello de Cerdedo. Faremos lembranza, que sirva de homenaxe, de algúns dos músicos que percorreron as nosas parroquias transmitindo e conservando o noso acervo musical e, grazas ó grupo de música tradicional Os Chichisos, recuperarémo-lo ancestral código de comunicación das campás. José Ángel Rodríguez guiaranos polas ancestrais crenzas sobre os denominados corpos abertos. O investigador Pablo Novoa sorprenderanos coa descuberta de misteriosos gravados rupestres cuxo estraño deseño era descoñecido ata o de agora. Achegarémonos ó estudo dos petróglifos podomorfos da man da arqueóloga francesa Marie-Claude Auffret. O arqueólogo e documentalista Lukas Santiago falaranos de patrimonio arqueolóxico e da súa conservación. Teremos unha interesante entrevista sobre a nosa herdanza céltica co doutor en Historia e arqueólogo André Pena, e contaremos tamén con artigos de opinión, denuncia e outras seccións que o lector poderá descubrir neste primeiro número.

Esperamos que a revista que teñen nas súas mans sexa do seu agrado e cumpra as expectativas depositadas nela. Pola nosa banda, dariámonos por satisfeitos e ben pagos se con Fol de Veleno conseguimos espertar o interese e o amor pola aventura que supón profundizar na nosa historia, nas nosas tradicións, ritos, crenzas … en definitiva, na nosa cultura tan seriamente ameazada e condenada pola ignorancia, desleixo e, ás veces, premeditada aleivosía. Gocen pois da lectura e benvidos!!

Rafael Quintía Pereira

Fotografía do día da presentación de FOL DE VELENO
De esquerda a dereita: Carlos Solla, Pablo Novoa , Rafael Quintía e João Bieites

O investigador Pablo Novoa, invitado ó acto, xunto a Rafel Quintía, da Serpe Bichoca.

A %d blogueros les gusta esto: