Daily Archives: 6 Outubro 2010

A NOSA SEÑORA DA LANZADA. NOTAS SOBRE UN ESTUDO ANTROPOLÓXICO

“A Nosa Señora da Lanzada.
Estudio antropológico de un santuario marítimo”

NOTAS SOBRE O TRABALLO:

Comezarei estes breves apuntamentos sobre o santuario da Lanzada do mesmo xeito que comecei o traballo A Nosa Señora da Lanzada. Estudio antropológico de un santuario marítimo , é dicir, citando a recomendación que o Papa Gregorio Magno fixo en Galicia no século VI d.C.

Non suprimades os festíns que celebran aquelas xentes nos sacrificios que ofrecen ós seus deuses. Trasladádeos ó día das festas dos santos mártires co fin de que, consentindo algunhas groserías, alegrías da idolatría, se predispoñan máis facilmente a acolle-los costumes espirituais da fe cristiá.

O santuario da Nosa Señora da Lanzada e o seu entorno é un dos lugares de maior importancia simbólica e espiritual que podamos atopar na nosa xeografía galega. Neste lugar máxico conxúganse os ancestrais ritos precristiáns co culto á Virxe; a divina intervención da Nosa Señora da Area cos poderes das augas, os astros e as pedras; a crenza nunha vida no Máis Alá coas ánimas en pena, co remeiro Caronte e coas bestas fantasmagóricas que habitan as nosas rías e as nosas illas. En definitiva, o mundo terreal e profano co mundo do sobrenatural e do divino.

A nivel arqueolóxico a riqueza deste enclave é inigualable.Temos un castro, asentamento habitado ó longo de, cando menos, nove séculos, dende o s. V adC. (posiblemente dende o s. VIII adC.) ata o IV dC. e importante centro de intercambio mercantil entre o Atlántico e o Mediterráneo. Temos unha interesante necrópole onde se recolleron os restos humanos mellor conservados do rexistro arqueolóxico galego e que nos falan da crenza nunha vida no Máis Alá. Temos o mito da cidade de Lambriaca, citada por Pomponio Mela na súa Chonographia e que o Pai Sarmiento situou erroneamente neste lugar. Temos unha fortaleza medieval e, por suposto, a ermida románica da Lanzada coa súa romaría anual.

Co traballo realizado tentei dar corporalidade a todo ese entramado ritual e simbólico, dotalo dun contexto cultural coherente e intentar avanzar algunha explicación de cal é o substrato mítico-relixioso de onde poderían ter nacido estes cultos e crenzas. Cultos, ritos e crenzas que, como cultura viva que son, foron variando, modificándose e reinterpretándose ó longo do tempo, adaptándose ás necesidades, ós medos, ós anhelos e ós esquemas simbólicos do pobo que os sustenta. Por último, e sabedores de que non hai verdades absolutas e inamovibles e que todo está suxeito a revisión e análise, intento ofrecer unha visión o máis holística posible, pondo en relación este santuario co seu entorno xeográfico, cos seus diferentes contextos históricos e coas crenzas e mitos dun entorno cultural que definimos como atlántico.

Independentemente de que a orixe histórico da capela da Nosa Señora da Lanzada teñamos que buscalo na fortaleza erixida neste lugar no século XII polo arcebispo Diego Xelmírez sobre as ruínas do castelo levantado por Sisnando II, bispo de Iria Flavia, e non nunha expresa construcción desta ermida con fins de cristianización dun rito anterior, é indubidable que, polos ritos, os cultos e as lendas asociadas a este santuario, a veneración da Virxe e esta capela reutilizáronse e aproveitáronse para a readaptación á nova fe dos cultos precristiáns que se realizaron neste simbólico lugar dende a máis remota antigüidade. Basta tan so escavar un pouco nas arenas de A Lanzada, rañar un pouco na superficie das súas pedras para que aquelas vellas crenzas, aqueles ritos e deuse esquecidos afloren con toda a forza que tiveron entre os antigos galaicos que San Martiño de Dumio intentou, con dubidoso éxito, levar ó curral da nova relixión, que como o Sol, nos chegou de oriente.

FUNCIÓNS DO SANTUARIO
A ameaza da enfermidade, a morte, o precario da vida… ante estes graves problemas existenciais tódolos grupos humanos responden cunha gama fascinante e variada de estratexias para preservar ou recupera-la saúde e a tranquilidade. A análise detallada dos diferentes rituais que se celebran neste santuario con motivo da romaría de A Nosa Señora da Lanzada revela as inquedanzas das xentes que aquí acoden. Todas elas son prácticas rituais que buscan a salvagarda das necesidades básicas da vida: saúde, fertilidade, seguridade e bonanza. Citemos cales son eses rituais:

1. Ritos de protección

2. Ritos de curación de enfermidades, sobre todo as enfermidades denominadas na nosa cultura popular como non de médico, por exemplo: tangaraño, mal de ollo, meigallos, pezoñas, sarna, etc. Exemplos destes rituais curativos son: o rito das Nove ondas, para favorece-la fertilidade e cura-la esterilidade; o rito de varrer por detrás do altar, para elimina-lo meigallo; o rito de envolquillrse na herba do santuario, para cura-la sarna e outros males de pel; os baños no mar, para fortalece-la saúde en xeral

3. Ritos para influír no tempo meteorolóxico, como os de cambia-la tella

4. Ritos de contacto co sagrado, de acción de grazas e de penitencia, como son porta-la virxe na procesión, ir baixo a imaxe, participar na procesión, na misa solemne, circunvala-la ermida, a romaxe ó santuario, a entrega de exvotos ou facer ofrendas á virxe

5. Ritos de fertilidade, como o das nove ondas ou os practicados no berce da santa
Ritos onde cobra gran importancia os astros, o sol, a lúa, a influenza das augas ou o poder das pedras

O santuario é o lugar onde se produce a comuñón e o contacto co supremo, co sagrado, pero tamén ten gran importancia cando se realiza ese contacto, é dicir, as datas de celebración dos ritos. De forma que o santuario convértese nun cronotopo onde o tempo e o lugar se unen e conxugan para dotalo de poder e transcendencia. Tan só en datas especiais e de enorme carga simbólica se poden celebra-los rituais. Estas datas son: o ultimo fin de semana de agosto (sábado e domingo), a noite da véspera de San Xoán (24 de xuño, datas solsticiais), o día da Ascensión da Virxe ou os sábados de Lúa chea en meses que non teñan erre (maio, xuño, xullo e agosto). Todas elas son datas propicias para a hierofanía, para a manifestación do sagrado e a transubstanciación dos elementos profanos en elementos divinos.

UN ESPAZO LIMINAL

O lugar onde se alza o santuario de A Nosa Señora da Lanzada é un lugar liminal, unha fronteira tanto física como simbólica. É un límite xeográfico, un cabo (antigamente illa) que se abre fronte ó inmenso Atlántico, unha fronteira natural entre terra e mar. Pero tamén é unha fronteira administrativa pois localízase no territorio que marca os límites entre os concellos de Sanxenxo e O Grove. Por outra parte, como dicíamos, é unha fronteira simbólica, a fronteira que marca o mar fronte á terra, a incertidume, o misterio, o risco, o Máis Alá do Océano fronte á seguridade da terra firme. Esta localización é a que lle outorga o carácter de santuario costeiro, de cinto protector contra o que está máis alá, contra o mar tenebroso e insondable, é o lugar da manifestación sagrada, da virxe, da nai, a deusa: a que coida e cura, a que da a vida e nos acolle tras a morte.

O CARÁCTER DUAL
O santuario reflicte o carácter dual que tiñan os deuses en moitas relixións, como a céltica, onde os deuses da morte eran os mesmos deuses creadores e había unha continuidade entre ámbolos dous mundos. Este carácter dual pervive en moitos dos santos que presiden algúns dos santuarios máis importantes da nosa terra, (Santo André de Teixido, Virxe da Franqueira, …) Así o podemos intuír das crenzas que relacionan este santuario coa fertilidade e a morte, ambas caras dunha mesma deidade primixenia e creadora;

A VIAXE Ó MÁIS ALÁ
Moitos pobos ó longo da historia mantiveron crenzas sobre a existencia doutra vida nun Máis Alá. Un Máis Alá situado ó outro lado do mar, en illas paradisíacas. Mitos que serían adoptados polo cristianismo e transformados nos seus relatos das viaxes ó paraíso terreal: Trezenzonio e a Illa Solsticial, San Ero da Armenteira, San Amaro, etc., relatos que inciden na tradición céltica das viaxes ó Máis Alá, coñecidos co nome de imrrama.

Nos ritos de inhumación que se detectan en tumbas da necrópole tardorromana da Lanzada, onde os mortos foron enterrados —entre outros enxovais mortuorios como recipientes cerámicos, vasos de vidro e posiblemente alimentos para o viático— con dúas moedas nos ollos —moedas romanas de Galieno, Claudio Gótico o de Constantino, entre outros— para garanti-lo pago a Caronte, barqueiro da tradición grecolatina que os levaría ó Hades.

Debido a esta crenza, existían ó longo da costa atlántica eses bos portos dos que partir, esas Arenas Paradisi das que falan os textos medievais e que serían os portos de partida cara o paraíso, os santuarios considerados lugares lanzadeiras de almas, portos de Caronte ós que se chegaba acompañados por un Lar Vial e dos que parten na derradeira viaxe da nosa vida. Hai un dito popular que poderíamos pór en relación con esa idea das praias como lugar de partida: “A vella que non pode andar, que a leven a un areal e alí a deixen quedar”. Pola súa banda, Vicente Risco dicía que cando un se atopa unha ánima cómpre dicirlle “díos te leve a bo porto” o que tamén pode vir a reflectir aquela vella crenza dos portos de almas.
No santuario da Nosa Señora da Area conxúganse todas esas ideas do Máis Alá alén dos mares, da auga como porta de paso ó Outro Mundo e como fonte de vida, das Illas dos Benaventurados e dos guías de almas que conducen ós defuntos ata os portos dende onde partir rumbo ó paraíso. Por algo a ermida da Lanzada custodia un San Cristovo, santo psicopompo considerado patrón dos viaxeiros, dos mariñeiros e, actualmente, dos conductores. As lendas sitúan nas Ons a última morada das almas defuntas, cóntannos como estas ánimas partían da Lanzada camiño das illas; fálannos da existencia de figuras míticas como o Urco, o Touro negro que sae de Ons ou a Raposa do Morrazo que representan os nosos particulares Cancerveros e a eses seres psicopompos que guían as almas ó Máis Alá. Hai unha fermosa lenda propia dos mariñeiros desta zona que fala que cando o Sol se pon no horizonte pola punta de San Vicente do Mar, nese momento en que se empeza a afundir no mar, o Sol déitase sobre unha barca e esta lévao ás profundidades do Océano. Obviamente, se trata dun efecto óptico pero, independentemente de que o efecto teña unha explicación dentro das leis da física, non resta valor algún ó feito de que tal percepción fose mitificada e reinterpretada baixo unha estructura de crenzas populares que reflicten esa ancestral idea da viaxe do Sol a través do mar. Viaxe, que pola potencia vivificadora e/ou divinización do Sol, equiparouse a viaxe que emprenden as nosas almas unha vez morto o corpo terreal.

El Sol surge por el oriente y continúa por el mediodía. Después en el ocaso llega al océano y se sumerge; misteriosamente sigue su curso bajo la tierra, y vuelve a aparecer de nuevo por el oriente.
Isidoro

A costa da Lanzada é o último paso antes do Máis Alá, do Mundo dos mortos, é a praia lanzadeira das almas ó Outro Mundo e, á vez, o punto de partida cara ó paraíso, cara á Illa da Eterna Xuventude. Sabíano aqueles que elixiron esta costa para enterrase hai xa dous mil anos. Aqueles que puxeron cunchas nas súas tumbas e moedas nos seus ollos. A Lanzada é unha desas fisterras atlánticas, como o Facho de Donón co seu santuario galaico-romano a Berobreo, como Santo André de Teixido e o seu santo psicopompo, como Muxía coa súa barca de pedra, como Fisterra, pavor de xenerais romanos. É a entrada a Compostela o, más ben, o final dun camiño que dende oriente, e seguindo o Sol, remata nas Areas da Nosa Señora. Anaco de costa á que arribaron os santos que chegaron do Océano en sospeitosas barcas de pedra, como Santo André arribou a Teixido, como A Nosa Señora da Barca chegou a Muxía, como Santa Comba á Insua do Medio en terras ferrolás de Covas, como San Cristovo en Brión, como Santiago chegou a Padrón tras cruza-las augas do Mar da Lanzada. Santos chegados do mar como San Lourenzo de Nogueira, en Meis, quen ó pó-los pes en terra atou a barca a unha pedra que aínda segue cravada no chan a escasos metros da igrexa parroquial. Pedra, que na mañá de San Lourenzo, aparece rodeada de brasas ardentes recordándono-la condición solar do santo.

A Nosa Señora das Areas fixo propias as funcións da antiga Deusa Nai, outorgando fecundidade, protección, curación, amparo e consolo a quen se achegaba ó seu santuario. A súa presencia, a súa forza e o seu poder emanan con todo o seu esplendor neste mascarón de rocha e espuma fronte ó mar tenebroso, nesa fronteira entre dous mundos, nas mesmas portas do Máis Alá, A Nosa Señora da Lanzada, custodiada por santos psicopompos, agarda a chegada das almas dos seus fillos para, montados nesa Barca do Sol da que falan os mariñeiros de Noalla, cruza-las augas do Océano, onde moran as criaturas do inframundo, rumbo á Terra da Eterna Xuventude, a Illa Solsticial que visitou Trezenzonio, ás portas do paraíso que albiscou San Amaro, á paz eterna que gozou nun efémero suspiro San Ero da Armenteira.

Tódalas fotografías son propiedade do autor.

A %d blogueros les gusta esto: