SERÁNS, RUADAS E FIADEIROS

Un serán é, por dicilo dun xeito sinxelo, unha festa popular na que un grupo de veciños dun lugar se xuntaban para tocar, cantar e bailar. Serán e o nome como se coñece en moitas zonas de Galicia, sobre todo do interior da provincia de Pontevedra, a estas xuntanzas festivas, aínda que noutros lugares chamábanlle ruada, como na zona de Cotobade ou tamén fiadeiros. O baile de pandeiras que se celebraba en zonas como por exemplo no concello de Mesía sería outra variante deste tipo de festas veciñais. O nome de serán viría de que estas xuntanzas facíanse á tardiña, ó cae-lo día, é dicir, ó serán. Normalmente facíanse no tempo en que non se celebraban as festas patronais e, xa que logo, non había verbenas. Polo que os seráns constituían un xeito de se xuntar e gozar da música e o baile, unha alternativa á monotonía diaria de duro traballo nunha época na que conceptos como sociedade do ocio nin tan sequera se imaxinaban. Estas xuntanzas desempeñaban un importante labor sociocultural, pois servían para favorece-las relacións sociais dos veciños e sobre todo dos máis novos que atopaban nos seráns unha oportunidade de se coñecer ou simplemente de bailar e estar xuntos. Asemade, era un xeito de manter vivo e transmitir o noso acervo musical, as nosas tradicións e a nosa literatura oral. A pesar da presuposta informalidade deste tipo de festas si existía unha organización ben definida e que na zona de Pontevedra viría marcada, como recolleu Guillerme Ignacio Costa, polos seguintes pasos:

En xeral comézase a tocar polos solto: primeiro a xota, e logo á muiñeira, para pasar logo ós agarrados, xeralmente dous, a escoller en orde e tipo entre a danza (ou rumba, mazurca –por confusión-, tras-trás…), o pasodobre, o valse, ou o chiqui-chiqui (ou dous pasos, mazurca…). Deste xeito os bailadores xa sabían qué bailes tocaban, estipulándose moitas veces a obriga de botar coa mesma parella os catro.

É interesante lembrar tamén o que a este respecto recolleu no seu día Eladio Rodríguez na súa excepcional obra:

A ruada como unha diversión nocturna que fai a mocidade campesiña, con bailes, cantos e outras manifestacións de rexouba. […]. Nestas xuntanzas nocturnas cantábase ó son do pandeiro e das cunchas as triadas de ruada, e ó seu compás baila a xente moza ata pasada a medianoite. As cantigas axeitadas á festa son, xeralmente, tercetos; por exemplo:

Veña o pandeiro, a ruar!
que estas son as mazarocas
que hoxe teño de fiar

O pandeiro toca ben;
as ferreñas fanlle o son.
Viva quen amores ten
.
A ruada vaise armando;
tira, nena, ese candil,
que están á porta chamando

Moitas destas xuntanzas festivas estaban relacionadas cos traballos habituais do campo. Calquera momento era boa escusa para argallar unha festa improvisada. E así durante os fiadeiros, as muiñadas, a espadelada ou nas esfolladas adoitábase remata-la xornada laboral con contos, bromas, cantos e bailes.

Os fiadeiros tiñan a súa orixe naquelas xuntanzas nas que os vellos, os mozos e as mozas do lugar se reunían nas longas noites de invernía para fia-lo liño. Nestas xuntanzas contábanse contos, cantábase e, como non, rematábase cun baile. Co tempo, o traballo de fiar foise perdendo pero o costume lúdico de se xuntar pola noite mantívose no tempo e así xurdiron as foliadas onde, ó ritmo de pandeiros e pandeiretas, os mozos da aldea bailaban e cantaban. Como estas xuntanzas festivas se celebraban á noitiña foron denominadas seráns en moitos sitios, como xa dixemos, e noutros ruadas.

Tradicionalmente o fiadeiro comezaba o día de Tódolos Santos e remataba co Martes de Entroido. Os días de celebración variaban dunha tempada a outra. Empezaron sendo os sábados e domingos, aínda que despois se lle engadiu o xoves, e terminaban cos tres días de Entroido. En canto a organización da festa, normalmente esta se celebraba nun terreño ou torreiro, nunha pendella grande ou en calquera outro local o suficientemente grande como para acolle-la festa e colocábanse bancos ó redor da estancia, onde sentaban as mozas. Para anuncia-lo comezo da festa un grupo de mozas situadas fora do lugar onde se ía face-la foliada cantaban un par de coplas que avisar ós veciños do lugar. Vexamos un exemplo destas coplas:

Por aquí vai o camiño,
por aquí vai o carreiro
por aquí vai o camiño,
meniña para o fiadeiro.

Aberta a festa comezaban os cantos e os bailes. Dúas mozas tocaban e cantaban, normalmente, as pezas seguintes: xota, muiñeira, vals, danza, mazurca ou polca e pasodobre. Ó terminar o pasodobre, paraban todos de bailar e collían as pandeiretas outras dúas mozas. As veces os mozos acompañaban ás rapazas no canto ou tocando os instrumentos como o acordeón, a gaita ou a frauta, cando os había.

Esta ruadiña de hoxe
de mañán ha de sonar,
ela que sone, que non,
nós habemos de ruar.

Botemos man de novo o que nos contaba Don Eladio Rodríguez a principios do século pasado sobre as muiñadas e os fiadeiros, cando aínda se mantiñan vivas todos estes costumes propios daquela nosa sociedade agraria, por desgracia, xa esmorecente hoxe en día.

A muiñada é unha xuntanza nocturna que a mocidade campesiña adoita improvisar no muíño, mentres espera a rolda para face-la muiñada. Nos muíños comunais e particulares, ten como finalidade empecer que o muiñeiro se quede con máis maquía cá que por uso e costume lle corresponde, e por iso acoden de noite a espera-la rolda ou quenda os mozos, as mozas e as persoas maiores, formándose, naturalmente, as tradicionais diversións nas que se canta, se parrafea, se baila, se elabora o bolo de pedra e se contan contos entre balbordo e barullo para pasar ledamente parte da noite. Recólleo á perfección a copla popular tan coñecida:

Unha noite no muíño,
noite non é nada;
unha semaniña enteira,
esa si que é muiñada.

En canto o fiadeiro isto é o que nos contaba Don Eladio:

Este costume galego, tan típico do rural e tan arraizado nel, ven ser unha especie de asemblea na que se fía e se bromea, palícase, cántase, refírense contos e relátanse lendas, dedícanse algúns intres a xogos de pezas de vestir e ata se baila ó final. Pois á xuntanza acoden as mozas o mesmo que as vellas e, como é natural, non faltan os mozos do rueiro e dos lugares da contorna, provistos de instrumentos músicos axeitados ó compás dos cales soen todos danzar ó remata-la faena. É pois, o fiadeiro un lugar de traballo e de diversión.

Vicente Risco quixo subliñar un aspecto importante deste tipo de xuntanzas e que el asociou ós distintos xeitos de cortexar que teñen os diferentes pobos. Para Risco as rondas, roldas ou ruadas —tradicións relacionadas con estes fiadeiros, como veremos— eran un xeito de cortexo colectivo, como el di: o amor por grupos, non dun mozo e unha moza, senón dos mozos e mozas. Así describe esta tradición hoxe xa esquecida:

Ir de ronda, de tuna ou de ruada consiste en ir de noite polas casas despois da cea, cando os casados e a xente vella están na cama, polos rueiros adiante, polos camiños e aldeas de afora, un fato de mozos cantando cantigas de namorar, que cada un adica á moza tras da que anda, ou á noiva.

Cantigas como a seguinte reflicten esta tradición de cortexo:

Tanto hei dir, tanto hei de vir,
miniña ó teu lugar.
tanto hei dir, tanto hei de vir,
hastra que te hei de levar

***

Pasei pola túa porta,
Puxécheme a silva albeira
Outra vez que a silva poñas
Arde o eixo, carballeira!

***

Pasei pola túa porta
e mirei polo tarabelo
e a ladra da túa nai
acirroume o can rabelo

Este tipo de rondas, como sinala Risco, remataban moitas veces, polo tempo, nas fiadas ou fiadeiros, nas que se xuntaba as mozas e a s vellas, normalmente nunha corte da casa ou nun alpendre, para fiar. A parte dos apeiros propios para o traballo a realizar, cítese: a roca, o fuso, un tallo, etc., as mozas adoitaban levar consigo un pandeiro, cunchas, unha tixola ou calquera outra ferramenta ou utensilio instrumentalizado, co aquel de poder improvisa-la música cando se terciara. E normalmente se terciaba cando chegaban os mozos. Ven dun e un ou por rondas os mozos achegábanse ós fiadeiros atraídos, obviamente, pola posibilidade de compartir unha noitiña de festa e baile coas mozas. Ás veces viñan cantando, anunciando á súa chegada, outras eran elas quen anunciaban a xuntanza coas súas cantigas. Non faltaban tampouco os desafíos ou parrafeos cantados entre os mozos e as mozas veces á porta do fiadeiro. En palabras de Risco unha forma rural e antiga de guerra de sexos e, para que entenda a xuventude actual, algo similar ós duelos de galos do hip-hop pero con temática picaresca ou mesmo erótica. Vexamos algún exemplo de estrofas típicas destes desafíos:

Eles: Aí vos vai o desafío
pola punta do coitelo,
aí vos vai o desafía.

Elas: Si quére-lo desafío
pola punta da navalla
si quére-lo desafío
vinde aquí caras lavadas.

Eles: Anque cantes e recantes
E metas o cu na cesta,
Nunca batalla venciches
E tampouco vences esta.

Elas: Anque cantes e recantes
e volvas a recantar,
anque cantes e re recantes,
por baixo has de quedar.

Eles: As mociñas do Porto
son pequenas e redondas
e súbense ó campanario,
botan peidos como bombas.

Elas: Os mociños que hai no Porto
todos teñen pernas tortas,
unhas sirven pra abeacas
e outras pra trancas das portas.

Agora non canto máis,
que está meu amor dediante,
e cos ollos me dice
que estou rouco e que non cante

Nos fiadeiros non so se cantaba e bailaba senón que os vellos tamén achegaban os seus contos, anécdotas e outras historias. Non era raro que no transcurrir do fiadeiro se realizase algún tipo de xogo, como o xogos dos casados, dos zapatos, do sarillo, etc.

Este carácter lúdico e festivo dos serán, fiadeiros ou ruadas, onde se alternaban cantigas, con bailes, contos, chistes e mesmo xogos entre mozos e mozas non exentos de picardía foron, precisamente por todos estes motivos e igual que ocorreu cons bailes agarrados, perseguidos e sancionados pola Igrexa católica, sempre en aras da mante-la moral, a castidade e as boas maneiras. Pese a todo, estas xuntanzas mantivéronse ata os nosos días, e hoxe en día, aínda que desprendidas do seu aspecto relacionado cos labores do campo ou da casa e xa esquecidas aquelas rondas de mozos e aquelas vellas maneiras de galanteo e cortexo, seguen a celebrarse por todo o país os seráns, as ruadas e os fiadeiros como mostra dun rexurdir na nosa mocidade polo interese en conservar e coñecer estas antigas xuntanzas rurais.

Debuxos do pintor Francisco Sutil

Bibliografía
-Risco, V., Obras completas Vol.3 Etnografía Ed. Galaxia S.A. Vigo 1994
-Rodríguez González, E. Brevario enciclopédico Don Eladio. Letras, historias e tradicións populares de Galicia. Ed. La Voz de Galicia S.A. 2001
-Gran biblioteca temática gallega. Las gentes: Do Entroido ao Nadal. Vol.V. EA editores.

Posted on 10 Novembro 2010, in 01. ANTROPOLOXÍA E ETNOGRAFÍA. Bookmark the permalink. 2 Comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: