A IMPORTANCIA DOS CANTOS DE BERCE OU CANTOS DE ARROLAR

O bebé necesita para nutrirse, moverse e, en definitiva, para sobrevivir da presencia doutros membros da especie que, mediante os coidados necesarios, garanten a súa supervivencia. Medra e se desenvolve nun entorno de relacións biolóxico-orgánicas, psicolóxicas, socioculturais e histórico-políticas nas que o individuo desenvolverá a súa vida vinculado como membro dunha comunidade de vida.

Os nenos amosan unha predisposición sensorioperceptual moi temperá ó que lles rodea, un interese por se expresar e interactuar con ese contorno, polo que a sociabilidade do neno ocorre moi cedo, a partir dunha certa consciencia de si mesmo, dunha idea de subxectividade. Os cantos de arrolar axudan e favorecen esta subxectividade necesaria para a sociabilidade, pois estas capacidades sensorioperceptuais, emocionais e comunicativas convenientemente apoiadas, orientadas e participadas polos coidadores permiten a aparición da relación social temperá por excelencia: ó vínculo. Neste senso, os pais subxectivizan prontamente ós seus fillos atribuíndolles individualidade, personalidade e intencionalidade. A esta subxetividade tamén axudan os cantos de arrolar, como se reflicte da análise dos seus versos e do diálogo que establecen entre nai e fillo.

Esta relación afectivo-cognitiva inclúe, entre outras, as experiencias de nutrición, de coidado, de protección, de seguridade ou de soporte emocional (no que entran os cantos de berce) que son despregadas por parte dos seus coidadores. Este vínculo é a orixe da sociabilidade, un contorno afectivo e comunicativo que nos constrúe como seres humanos. A antropóloga Eugenia Ramírez Goicoechea explica como a longa intimidade entre nai e fillo é o primeiro escenario para a construcción afectiva da socialidade e é neste ámbito de intimidade entre coidador e neno onde xogan un papel importante os cantos de arrolar, xa que axudan a establecer esta relación privilexiada cognitivo-emocional co seu coidador. O vínculo opera como plataforma de seguridade emocional a partir da cal o bebé desarrolla a súa curiosidade e as capacidades exploratorias do novidosos mentres que á vez se protexe do estraño. Está demostrado que unha experiencia emocional e afectiva deficitaria podería producir retrasos cognitivos.

As emocións implican unha visión sobre o mundo e sobre o social. As emocións e os sentimentos dan forma colectiva á experiencia e á identidade do grupo e a isto axudan as narracións, os contos ou os chistes que se lle contan ós nenos e, como non, as cantigas e as cantigas de berce en particular, xa que son o primeiro contacto co mundo musical. Vemos, xa que logo, que o emocional ten consecuencias estructurais para o social pero, ademais, o emocional é fundamental para o mantemento das lealdades e vínculos grupais, de aí a súa suma importancia.

É precisamente neste contexto de socialización e enculturación do neno onde as cantigas de berce toman importancia pois axudan a reforza-lo vínculo.Os cantos de berce son unha demostración de cariño e tenrura, unha forma de linguaxe que establece un vínculo especial entre os pais e o neno. Aquelas cantigas que escoitamos ós nosos pais cando nos arrolaban quedan por sempre gravadas no subconsciente da xente, son o primeiro contacto que temos coa nosa música tradicional, co sentido do ritmo e axudan a inicia-lo neno na lingua galega.

A relación dos coidadores cos coidados é posible grazas a unha forma de comunicación específica que se chama Infant Direct Speech (IDS) ou fala directa dirixida ó bebé. É unha fala que emprega un ton e unha frecuencia alta, unha prosodia esaxerada que se repite moitas veces, frases curtas e separadas entre si, un falar a modiño, que respecta o turno e contesta polo neno. Este xeito de falar ten unha explicación. O umbral auditivo dos nenos é máis elevado que o dos adultos, polo que os sons teñen que ser máis intensos para ser detectados. De aí a funcionalidade do IDS que se configura nunha fala adaptada ás predisposicións perceptuais do neno, e a vence-las súas limitacións iniciais. Esta fala tamén inclúe unha comunicación corporal e xestual portadora de grande expresividade cognitiva e emocional. Nos cantos de berce podemos ver un exemplo deste tipo de fala dirixida ós bebés, á vez que son cantos cargados de expresividade e tenrura.

Como explica Colwyn Trevarthen, os nenos aprenden a linguaxe sempre que a experimenten nun contexto interactivo no que estean co-presentes e vaian comprendendo a comunicación en relación a intencións dos suxeitos cos que poden ir identificándose dalgún xeito. Por iso, para o desenvolvemento, é fundamental analiza-lo contexto social e cultural no que se produce. O contexto da interacción compartida que se da na socialización humana inclúe de xeito progresivo o exercicio do contacto visual, a imitación, a codireccionalidade da mirada, o xesto de apuntar, unha atención conxunta (joint attention) e unha educación guiada desta atención. Un socialízase en formas de socialización culturalmente específicas. Existen pois certa variabilidade cultural en función da atribución de personalidade social ó neno, da cultura, do parentesco, dos tipos de matrimonio, da familia, da actividade económica, dos sistemas de valores, das metáforas cosmolóxicas, etc. Os cantos de arrolar ou de berce, como expresión popular dun pobo, reflicten todos estes aspectos socioculturais que inflúen na socializacións dos nenos.

Outro aspecto interesante no que os cantos de berce, e os cantos e xogos infantís en xeral, cumpren unha función importante é aquel relacionado coa capacidade imitativa e a súa relación co desenvolvemento da linguaxe. Os bebés teñen unha capacidade imitativa extraordinaria e de desenvolvemento moi precoz. A imitación responde a unha intención do bebé para reproduci-lo xesto do adulto. Os xestos que se imitan son os de abri-la boca, saca-la lingua, facer movementos con ela, sorrir, pecha-los ollos ou mover a man. O sorriso social tamén é unha destas capacidades precoces dos bebés, e unha expresión social exclusivamente humana que se interpreta como indicio de alegría, receptividade e acollida de amizade. Tanto o sorriso social como o contacto visual son fundamentais para o establecemento da relación subxectiva e afectiva entre coidador e bebé. O comportamento social imitativo e a linguaxe maduran de xeito sincrónico e facilítanse mutuamente. Por iso determinadas actividades interactivas entre neno e coidador, como os cantos e os xogos manuais e corporais infantís que os adultos practican cos nenos e que requiren a atención destes, proporcionan unha estructura repetitiva e estandarizada, unha focalización temática e unha participación alternada (turn talking) típica das conversacións e da fala humana, por medio dos cales apréndese o intercambio de roles, os rexistros de fala e os estilos adecuados ós mesmos nunha actividade de exploración conxunta da fala.

Despois de todo o dito vemos, entón, como os cantos de berce non só teñen valor como forma de expresión do noso patrimonio musical senón que, asemade, teñen un gran valor pedagóxico para o neno. Segundo os expertos, as cantigas de berce son un estímulo que aumenta a resposta do neno cara o mundo exterior, que favorece a súa sociabilidade e fomenta a aprendizaxe temperá. Estes cantos son de suma importancia para a aprendizaxe da fala, pois neles podemos atopar tódolos elementos que familiarizan o neno coa formación da linguaxe: as vocalizacións (ea, ea, …), a repetición de sons (a roró, lala, orá…), a repetición de palabras familiares e frase (a coda), a interesa por un tema concreto xa que o bebé é o protagonista do relato, o uso de diminutivos. Supoñen inicia-lo neno na musicalidade e no ritmo unido ó movemento de arrolar. Asemade, estes cantos teñen efectos tranquilizantes, pois o contacto físico, as caricias e mecos regulan o comportamento e o stress infantil.

En canto á temáticas dos cantos de berce, esta é diversa e variada. Así hai cantos tranquilizadores, cantos tenros, cantos tristes, cantos que dan medo, con temática relixiosa, fantástica, incluso ameazantes como aquel que di: Durme, meu ruliño, durme que senón douche no cu. Todos eles conforman unha fermosa mostra na que podemos adiviña-los valores tradicionais, os medos, as crenzas e os moitos aspectos que conforman a rede social e cultural na que o neno medrará como persoa. Aquel contorno e contexto cultural, como dixemos, onde será socializado. De aí que se perdemos esta valioso expresión da nosa cultura popular estaremos perdendo e renunciando a un dos elemento fundamentais da estructura soporte da socialización e enculturación na que medrarán as futuras xeracións. Non debemos esquecer, xa que logo, que dende que nacemos estamos socializándonos grazas á intersubxectividade que establecemos cos nosos conxéneres a partir da relación do vínculo, e coñecen vostedes unha mostra máis fermosa do vínculo entre nai (ou pai) e fillo que os cantos de arrolar?

Velaí vai unha pequena escolma deste tipo de cantos tan fermosos que forman parte do tesouro da nosa tradición oral:

A Cristo San Xoán pediulle
Que o sono non o levase
Para ver baila-lo sol
O día da súa romaxe

Ora meu meniño,
Ora…ora…ora

***

Durme, meu ruliño, durme
Que senón douche no cu,
Que morran os vellos todos
E quedémonos eu maís tu

***

Durme, meu neniño, durme,
Durme, si queres durmir
A túa mai vaiche na leña
Teu oai logo ha de vir

***

Eu xungín
Os meus boiciños
Ai, vida miña!
E leveinos a arada
Vida y alma!

Eu xungín
Os meus boiciños
Ai, vida miña!
E leveinos a arada
Vida y alma!

***

Este neno tenche sono,
Tenche ganas de durmir;
Ten un olliño pechado
E outro non o pode abrir.

A ro ro, meu neno
A ro ro meu sol,
Dúrmeme anaquiño
Do meu corazón.

***

Pedro Chosco é o meu amigo,
Que che me ven visitar:
Cando Pedro Chosco vén
Son horas de me deitar.

***

Entre bicos e cantigas
Hei de durmir o meu neno;
Farei mentres o traballo
Que por facer aínda teño.

***

Ven, sonín, ven polo carqueixedo,
Ven sonín, ven adormentarme o neno;
Ven sonín, polo camiño novo,
Ven sonín e adorméntamo logo.

***

O meniño quere durmir,
Gana de durmir non ten;
Abre un ollo e pecha outro,
Mira se súa nbai lle vén.

***

Durme ben, durme meu rolo,
Que non hai berce coma o colo,
Durme, meu rolo!

***

Eh, miniño, eh
Vai papá na vila,
Vai mercar café
O meniño quere durmir,
O durmir faino chorar.
Durme, meu meniño, durme,
Durme ó son do meu cantar.

***

Miña meniña pequena,
Tesouro de túa nai,
Durme loguiño, meniña,
Que che canto o anainai

***

Teño eu unha filliña,
Lista como un allo é;
Aínda non ten un ano
E xa anda polo pé.

***

Teño un soniño louco,
Non sei que lle hei facer;
Deitalo na súa cama,
Deixalo adormece.

***

Este meu neno meniño
É como a fror do na,
Carniña da miña carne
Sangue do meu corazón
Ten os olliños azuis,
Ten os olliños azuis
Como os alliños dun anxo
Nin contando as estreliñas
Nin contando as estreliñas
Contarías meu anxo
Contarías meu amor
Non te troco, meun neno
Non te troco, meu amor
Nin pola prata da lúa
Nin polo ouro do sol

***

O meu meniño está no berce
Quen lle ven a da-las papas?
A súa nai vai na vila
E o seu pai foise coas vacas
Ora meu meniño, ora
Non chores desta maneira,
O teu pai foi ó muíño
E a túa nai na leña seca

***

Durme meu meniño durme
Durme si queres durmir
A túa nai volverá cedo
E teu pai logo ha de vir

***

O meniño está no berce
Quen lle ven a da-las papas?
A súa nai vaiche na vila
E o seu pai foise coas vacas

Ora meu meniño, ora
Quen vos ha de da-la teta?
Se teu pai vai no monte
E a túa nai na leña seca

Durmete meu meniño
Se non queres calar chora
Ora neniño, ora

***

Este meniño
Que teño no colo
Chámase Amaro,
Benito i Antonio

***

Dúrmete meu meniño
Dúrmete meu miniño,
Que eí vén o cocón,
A levar os nenos
Que non durmen, non

***

Soniño sono
Vénteme a iste ollo,
Pouquiño a pouco
Vénteme a istoutro

Bibliografía:
Ramírez Goicoechea, E. Evolución, cultura y complejidad. La humanidad se hace a sí misma. Ed. Centro de Estudios Ramón Areces. Madrid 2005

Imaxe: Maternidade de G. Klimt

Advertisement

Posted on 19 Novembro 2010, in 01. ANTROPOLOXÍA E ETNOGRAFÍA. Bookmark the permalink. 4 Comentarios.

  1. Atopeivos de milagre, e non sabedes o que estaba a perder. Formo parte de un grupo de canto e pandereta de persoas maires, que lembramos moitas cantigas vellas, pero non coñeciamos ningunha das que aparecen aqui (sobre todo os cantos de berce)., Pero, podedesme dicir onde é que podo atopala música?
    Moita gracias no nome do grupo E Dalle! do Centro Sociocomunitario de Tui.

  2. Unha exposición excelente e moi instructiva verso dun tema de trascendencia capital. Compre urxentemente construir, reconstruir, a man tenta e con naturalidade, o noso protocolo de endoculturación ou á volta de duas xeracións deixaremos de sermos unha cultura diferenciable.

    Animo a Max e demais persoas do grupo a afondar e divulgar contidos que fortalezan a ligaxe temperá ca lingua nos cativos ó tempo que permita acordar os resortes atávicos que inda fiquen dentro de tod@s.
    Saude

    • asombradebouzapanda

      Grazas Miguel polas túas palabras de apoio. Seguiremos traballando para que a nosa cultura teña un lugar e un futuro neste mundo globalizante.

  1. Pingback: Músicas para unha bebeteca | Bebetecas Bibliotecas Municipais da Coruña

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: