NOVOS TEMPOS PARA A PEDRA DOS NAMORADOS

Son moitas en Galicia as pedras ás que se lle atribúen propiedades favorecedoras da fertilidade. As xentes acudían ó abeiro destes penedos co ánimo de acada-lo ansiado embarazo, cura-los seus problemas de fecundidade ou calquera outra disfunción relacionada coa reproducción, pois dalgún sitio ven o dito de “pasar pola pedra”. Incluso hai pedras ás que se acode na procura de muller ou marido. Hainas famosas como o Berce da Santa, ó pe da ermida da Nosa Señora da Lanzada (Sanxenxo); a Cama da San Guillerme, en Fisterra ou a Pedra de abalar de Muxía, á que algúns investigadores lle atribúen a existencia de ritos desta índole na antigüidade. Outras son menos coñecidas como a Pedra Cadeira, en Cotobade; o Outeiro da Cama, no alto do Monte do Seixo (Terra de Montes) ou o miliario de Vilar de Enfesta.

Sen dúbida algunha unha das pedras asociadas á temas de fertilidade máis espectaculares do noso país é a Pedra dos Namorados, en Ponteareas. A súa monumentalidade e a súa feitura, que lembra á estructura dun xigantesco dolmen, fan deste refuxio natural un dos “megálitos” máis fermosos de cantos se atopan na nosa xeografía máxica.

Esta semana achegueime ó lugar co aquel de sacarlle unhas fotografías. Conta a tradición que as parellas de mozos acoden a esta Pena dos Namorados para saber cal será o seu futuro amoroso, aínda que posiblemente en tempos remotos se acudirá con algunha outra intención máis carnal. O rito a celebrar nesta pedra oracular consiste en pórse de costas á pena e lanzar tres pedriñas por riba do ombreiro coa intención de que queden no alto da pedra. Se quedan as tres pedriñas no alto da pena iso quere dicir que a parella casará nun ano, se quedan dúas o casamento terá lugar en dous anos, se soamente quedará unha aínda se adiaría máis tempo o casamento e se non fica ningunha pedriña no alto da pena entón a parella non ten futuro xuntos. Como adoita acontecer neste tipo de lugares —lembremos a fonte de Santo André de Teixido—imaxino que o mesmo método servirá para outro tipo de preguntas ou requirimentos, sobre todo aqueles relacionados coa fecundidade.

Hoxe en día as parellas seguen acudindo a este lugar, así o testemuñan os centos de pedriñas que se amorean no alto da pena, as vándalas pintadas que lixan a pedra e mostran o amor mutuo dos mozos e, como non, os numerosos papeis, botellas e latas esparexidas pola contorna.

Estaba alí, como dixen, sacando fotos cando me decatei que baixo a grande lousa que fai de cuberta da Pena dos Namorados destacaba un anaco de cartón.

Achegueime e cal sería a miña sorpresa ó descubrir que se trataba da caixa dun test de embarazo.

Como cambian os tempos pensei. A xente segue vindo ó lugar en busca da resposta da pedra, xa se sabe estas cousas son como as meigas que habelas haianas, pero por si acaso a tradición falla ou a pedra —e a puntería— non da a resposta querida non hai nada como botar man da ciencia. Así que xa saben, agora cando se vai á Pedra dos Namorados vaise con tres pedriñas nunha man e o predictor na outra. Non cambiamos, o galego éche así de prudente, unha vela a Deus e outra ó diaño…

Tódalas fotografías son propiedade do autor do blog.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: