Monthly Archives: Decembro 2010

O FANZINE “FOL DE VELENO”

Comezaba a andar o ano 2006 cando o que aquí escrebe se lle meteu entre cella e cella a idea de crear e editar un fanzine cultural e de opinión. Así naceu “FOL DE VELENO”, unha publicación sen ánimo de lucro pero co ánimo de dar a coñecer, dun xeito ameno, sinxelo e asequible ós distintos aspectos da cultura tradicional galega tan seriamente ameazada, en parte, polo descoñecemento e falla de interese xeneralizado. Fol de Veleno aspiraba, á vez, a ser un foro libre de opinión para a crítica social. Como figuraba na portada “FOL DE VELENO” é un fanzine cultural e de opinión para dar luz ás historias, xentes, terras e cousas dun país clandestino…Galicia.

Durante os tres anos de vida que tivo este fanzine contou coa colaboración desinteresada das seguintes entidades e autores:

•A asociación cultural os Chichisos
•A asociación cultural os Abrentes de Cerdedo
•Asoc. Vaipolorío
•Asoc. Xuvenil A Landra
•Asoc. Verbo Xido
•O grupo de música tradicional os Lerenses
•João Bieites
•Rosalía Rodríguez
•Francisco Sutil
•Calros Solla
•José Ángel Rodríguez
•Rubén Troitiño
•Elvira Ribeiro
•Sebas Anxo
•Xosé Feijoó
•Carlos Quintía
•Marta Iglesias
•Joseph Ghanime
•Xosé Luis Santos Cabanas
•Tais Feijoó
•Sonia Abollo

Quero aproveitar esta oportunidade para dárlle-las grazas a todos eles pola súa colaboración e por ter apoiado este humilde proxecto divulgativo.

Durante os seus anos de vida “FOL DE VELENO” non recibiu ningún tipo de axuda nin subvención pública, financiándose exclusivamente cos escasos recursos xerados pola súa propia distribución y polas miñas achegas, pequenas no económicas pero grandes en ilusión e traballo.

Hoxe en día, grazas ás novas tecnoloxías e co ánimo de facilita-la súa divulgación libre, tódolos artigos publicados nos fanzines Fol de Veleno aparecen recollidos no blog:

http://foldeveleno.wordpress.com/

Así mesmo, pódese acceder ó seu primeiro número para a súa lectura on line na páxina:

http://issuu.com/foldeveleno/docs/microsoft_word_-_fol_de_veleno_2006

No 2010 o Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca recolleu o testemuño desta idea e adopta o nome do fanzine para bautiza-la súa revista de historia e etnografía de Galiza. Nace así “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza” cuxo primeiro número, como xa anunciei neste blog, saíu á rúa en outubro do 2010.
Comeza, pois, unha nova aventura…

AS ÁRBORES DE MONTERO RÍOS

Corrían os derradeiros anos do século XIX cando aconteceu a anécdota que agora lles vou relatar e que reflicte de xeito maxistral a sabedoría —ou máis ben listura— do “paisano galego”.

Resulta que as árbores da finca do político e xurista Don Eugenio Montero Ríos entrábanlle na horta dun labrego veciño da parroquia de Salcedo, cos sabidos perxuizos que a sombra orixina nos cultivos. Por varias veces foi falar o veciño co capataz da finca para ver si lle podían derramar as polas que lle invadían a horta e tantos problemas lle estaba a dar. Pero todo intento era inútil. Farto de que o capataz non lle fixera caso pediu audiencia co propio Montero Ríos. E así foi como un día que o político galego veu de Madrid accedeu recibi-lo campesiño.

O labrego, coa listura que da a fame e a necesidade, expúxolle a Montero Ríos o litixio que tiña un suposto amigo del cun veciño, cuxas árbores invadían a súa propiedade e non accedía a cortalas. O deputado progresista—que chegaría a ser ministro de Xustiza—, douto en leis como avogado que era, díxolle:

-O caso está moi claro, o veciño ten que corta-las polas que lle entran na finca ó seu amigo. Iso é o que claramente di a lei. Pero claro —dixo o labrego— é que o veciño non lle fai caso ó meu amigo e quere corta-las polas.
-Nese caso o seu amigo ten dereito a podarlle as árbores a rente do seu linde.
Respondeu Montero Ríos.
-Don Eugenio, para vostede iso é fácil de dicir por que é quen é, pero o meu amigo o un pobre labrego e ninguén lle vai facer caso. ¿Vostede faríame o favor de asinarme un escrito dicindo que ten dereito a córta-las polas que lle entren na súa finca?
-Claro que si, home, claro que si.

Ó día seguinte o labrego cortou a rente tódalas polas das árbores de Montero Ríos que lle invadían a súa finca. Inmediatamente achegouse o capataz para recriminalo polo que estaba a facer, momento ese no que o pícaro labrego sacou o papel asinado polo mesmísimo Don Eugenio Montero Ríos e espetoullo na cara ó servil capataz. Cando o capataz foi co conto ó político disque este ferveu de rabia ante a idea de que el, Don Eugenio Montero Ríos, fose enganado por quen cría un simple labrego.

A %d blogueros les gusta esto: