O CÍCLOPE DO MONTE FARO DE BUDIÑO

Hai cousa dun par de meses achegueime ata o Monte Faro, en Budiño. Esa mole pétrea sempre me fascinou. Unha, pola súa maxestosidade erguéndose sobre aquela xeografía granítica que tantos cartos deixa na zona e, outra, pola súa “boa estrela” para terse mantido a salvo do afán depredador das canteiras. Aquela mañá o tempo non acompañaba para moita excursión, o vento, a chuvia e a intensa néboa limitaban calquera intento exploratorio da montaña. Tras facer unhas fotos pola zona decidín marchar, non sen antes prometerme volver alí con algo máis tempo e con mellores condicións climáticas.

Casualmente, a semana pasada Manuel Gago publicou no seu recomendable blog “Capítulo O” un artigo e un pequeno vídeo sobre esta montaña e sobre o castro que o coroa. (Véxase: http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2011/03/02/republicas-de-homes-libres-o-faro-de-budino-e-o-misterio-das-furnas-video/)
Isto fíxome lembra-la miña promesa así que onte decidinme a volver aqueles esgrevios cumios.

A monumentalidade do lugar é indescritible, a súa posición privilexiada sobre o val de Porriño, a súa xeografía escarpada, as súas múltiples covas graníticas e o seu castro fan do Monte Faro un lugar único e digno de se coñecer e conservar.

Tras visitar a parte alta onde se atopa a croa do castro, coas ruínas das murallas e construción aínda visibles, optei por aventurarme polo labirinto de penedos da parte baixa da gran parede de granito.

Alí atopei unha pequena cova que decidín explorar. No seu interior, e para a miña sorpresa, aparecían esparexidos polo chan varios fragmentos de tégula romana, posiblemente do castro que hai no alto. Pero a verdadeira sorpresa viría cando saín daquela espenuca. Tan pronto saín ó exterior topeime de fronte con el. Alí estaba, no alto duns penedos que formaban unha plataforma natural. Observándome e controlando o seu territorio. Un verdadeiro ciclope de pedra, ou iso me pareceu a min.

Aquela peculiar formación figurativa arremedaba dun xeito inquietante a fasquía dun ídolo antropomorfo, braciños incluídos. Un ídolo que me observaba co que semellaba un único ollo e que, dende a súa prominente situación, esculcaba o horizonte cara onde morre o Sol.

Rapidamente dirixín os meus pasos cara aquelas pedras e, tras dar varias voltas ó redor para ver por onde podía subir ata alí arriba, atopei unha vía de acceso que me achegara ata aquel estraño capricho da natureza, si é que era realmente iso. Cando cheguei ata el, tras pasar por unha perigosa cornixa, puiden comprobar que se trataba dunha formación natural que nacía da mesma rocha onde estaba pousada. Non puiden apreciar indicios de intervención humana na súa morfoloxía, aínda que o perigoso do lugar impediume facer un exame exhaustivo e de tódalas súas caras. Pero a perfección da súa forma era cando menos intrigante, sobre todo a perfección do seu único ollo que parecía un cráter ou cono volcánico nitidamente perfilado, imaxino que froito dalgún proceso de cristalización mineral.

Como digo, non podo confirmar con seguridade se o dito “ídolo” é unha simple formación natural ou foi retocada para conseguir o aspecto que hoxe vemos. Pero resulta, cando menos, interesante que semellante formación se atope ó pé da impresionante parede granítica sobre a que se alza o poboado fortificado. Se este elemento puido formar parte da estrutura do poboado ou se tivo algún tipo de funcionalidade é algo case imposible de saber. Pero o que si podemos confirmar, grazas ós estudos sobre megalitismo atlántico, é que, ó longo do tempo, moitos destes penedos figurativos foron obxecto de culto, de mitificación e de construción simbólica ó seu arredor. Imaxino que para aqueles primeiros poboadores destas terras, e en Budiño temos importantes rexistros arqueolóxicos dende o paleolítico, ó toparse cun penedo con aparencia antropomorfa –como é este— ou animal non lles debeu de pasar inadvertido e de aí a asignarlle unha orixe non humana non debía haber moito treito.

No sei que pensan vostedes, posiblemente se trate tan só dun simple penedo máis dos moitos que hai nesta montaña pero non me digan que non invita a bota-la imaxinación a voar.

Fotografías propiedade do autor do blog.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: