• BENVIDOS Ó BLOG DE RAFA QUINTÍA

  • SOBRE O AUTOR

  • © Fotografías blog: Rafa Quintía

  • MARIÑA: DE DEUSA A SANTA

  • MONTE DAS CROAS: ANTROPOLOXÍA DUN CASTRO

  • ANÁLISE ESTRUTURAL E SIMBÓLICA DO MITO DA MOURA

  • LA HISTORIA DE GALICIA EN 50 LUGARES

  • USO SIMBÓLICO DO CUARZO NA CULTURA GALEGA. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos

  • PATRIMONIO INMATERIAL DE SAN MARTIÑO DE SALCEDO

  • ALICORNIO. O PODER DO CORNO DE UNICORNIO NA MEDICINA TRADICIONAL GALEGA

  • A NOSA SEÑORA DA LANZADA. Estudio antropológico de un santuario costero.

  • PARA CANTAR VEÑO EU! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos

  • DE VELLO, GAITEIRO! Biografía do grupo de música tradicional Os Chichisos

  • DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO. Unha proposta interpretativa en clave céltica.

  • Á SOMBRA DE BOUZA PANDA. Poemario de trincheira e maldizer

  • MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA.

  • Documental “SETE CAMIÑOS. ENCRUCILLADA DO TEMPO”

  • Documental “COMUNEIROS. Cen anos de vida e loita polo monte de Salcedo”

  • Documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica”.

  • Curtametraxe documental “NOITE DE REIS COS CHICHISOS”

  • A PEDRA DO FUNDAMENTO

  • “FEITO NA CASA”

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº6

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº5

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº4

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº3

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº2

  • “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”. Nº1

  • ALBIÓN GALAICA

  • “GALICIA ENCANTADA: O país das mil e unha marabillas”

  • “OS MOUROS E AS MOURAS: MÁXICOS ENIGMÁTICOS DA MITOLOXÍA POPULAR”. Actas das V Xornadas de literartura de tradición oral.

  • POEMARIO DOS GAFOS. Obra colectiva.

  • CATÁLOGO-GUÍA do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

  • AS PONTES DE PONTEVEDRA. Libro da exposición do mesmo nome. (Obra colectiva)

  • ATAS DAS JORNADAS DA LITERATURA GALAICO-PORTUGUESA 2012-2014

  • ACTAS DAS II XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ACTAS DAS I XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ENTRADAS POR ORDE CRONOLÓXICA

  • CONTADOR

    • 114,173 hits
  • Follow Á Sombra de Bouza Panda on WordPress.com

UNHA SUPERLÚA PARA FALAR DO CULTO Á LÚA

Onte, 19 de marzo, tivemos a oportunidade de contemplar unha superlúa chea. Os astrónomos cualifican de “súper” este fenómeno porque nesa noite a Lúa foi un 14% máis grande e ata un 30% máis brillante do normal. A última superlúa chea tan grande e achegada á Terra produciuse en marzo de 1993, así que os que onte non repararon no evento astronómico coido que terán que agardar uns anos para poder gozar del novamente. Pois si, onte tivemos superlúa, así que hoxe toca falar da Lúa e dos cultos asociados a ela na nosa cultura atlántica.

Grazas á observación da Lúa, o home antigo entendeu os cambios da natureza, os ciclos da muller e os tempos das colleitas. Así, a Lúa converteuse nunha representación cosmolóxica dos ciclos da vida do ser humano. A Lúa, coas súas fases, cos seus círculos periódicos, vincúlase coa muller e, por extensión, coas deusas de diversas culturas europeas. A Lúa sae do seo da Terra, da súa nai, e vai medrando periodicamente ata que ós 28 días morre para volver a renacer. Pero, precisamente, por este renacer cíclico, explica Fernando Alonso, foi tamén considerada como o destino das ánimas, e a súa fase de Lúa chea —representada simbolicamente, segundo o autor, nas coviñas dos petróglifos— representaba o momento en que estaba chea de almas, antes de envialas a unha nova vida.

O home da prehistoria vivía nunha estrutura espacial constituída polo mundo celeste, o mundo terreal no que habitaba e o mundo subterráneo, habitado por certos seres. Tanto o espazo celeste como o mundo subterráneo eran considerados lugares míticos onde se situaba o paraíso, e onde ían os mortos. Establecíanse así dúas direccións significativas: a que estaba por riba das súas cabezas e a que estaba baixo os seus pés. Da terra saían os froitos e agromaban as augas. Descubrir que a luz e a choiva que proceden do ceo fertilizan a terra facendo que se cubra de vexetación e froitos deu lugar a que a Terra e o Ceo fosen considerados os principias deuses do universo. O matrimonio entre ceo e Terra é un mito cosmogónico presente en moitas culturas. A mesma crenza existe respecto ó Sol e á Lúa que formarían outro deses matrimonios divinos. O rei Afonso X o sabio (século XIII) di:

Algúns dos xentís chamaron a Lúa muller do Sol. E cando era chea dicían que estaba preñada.

Na tradición popular galega conservouse a crenza de que a Lúa é muller, así o recolle o cancioneiro:

O Sol díxolle á Lúa
Que se fora recoller,
Que aquelas non eran horas
De andar soa unha muller.

Curiosamente tamén a deusa clásica Artemisa foi simboliza pola Lúa nova.

Os celtas, como outros pobos da antigüidade, marcaron a súa vida coa Lúa elaborando e seguindo un calendario conformado por trece Lúas cheas que corresponderían ó que se coñece como un ano solar. Cada Lúa chea estaba asociada coas colleitas, os ventos e os cambios estacionais, presentando así características específicas que permitían diferenciar un ciclo luar doutro. Xulio Cesar conta no Bellum Gallico que entre os celtas e os seus veciños a divindade principal indíxena era a Lúa, á que lle dedicaban bailes e festas nocturnas nas noites de plenilunio. O culto á Lúa asóciase e contraponse ó culto ó Sol.

Os celtas sentían predilección polas “cousas que eran e o mesmo tempo non eran” O visgo era unha planta pero non o era porque non medraba na terra, a auga da sarabia non era auga nin da terra nin do ceo, as etapas intermedias dos días tales como o amencer ou o solpor eran motivo de rito ou culto. Un exemplo destes tempos especiais e liminais era o sexto día da Lúa nova, tempo considerado especial para a maxia ritual: na simboloxía celta a Lúa nova representa o baleiro, as posibilidades infinitas que se agochan baixo a terra fértil antes de que a semente sexa plantada; esta fase da Lúa era un tempo propicio para, coa escuridade da noite, entrar en contacto cos espíritos da natureza. Dise que para pedir consello ás druidesas había que facelo o luns máis achegado á Lúa nova.

Foi Estrabón, na súa Gegraphica III quen se referiu ós galaicos como ó único ateo entre os pobos do Norte Ibérico. Hoxe en día interprétase a súa afirmación de pobo ateo como pobo de deuses sen nome ou sen representacións figurativas deles. Segundo o autor clásico, os pobos do norte de Hispania adoraban unha innominada divindade lunar á que honraban executando danzas circulares durante as noites de plenilunio. Ptolomeo sitúa en terras dos galaicos a localización da Serra da Lúa así como unha illa situada no NO hispano dedicada ó culto deste astro. No ámbito cultural celta, a Lúa foi considerada sagrada xa que determinaba o cambio rítmico das fases da fertilidade. Nicolás Tenorio, na súa obra La aldea gallega, dá testemuño de danzas en honor á Lúa celebradas en Galicia aínda a comezos do século XX.

Existe entre os aldeáns (do partido xudicial de Viana do Bolo) un curioso costume cuxo abolengo teño en bastante primitivo. Tanto no verán como no inverno, pero máis principalmente durante as noites de Lúa clara na primeira das estacións, e especialmente nos plenilunios, homes e mulleres da aldea saen das casas á rúa a gozar da claridade do astro da noite. As familias agrúpanse e fan festas en honor da Lúa, nas que danzan homes e mulleres e cantan ó son do pandeiro e das cunchas. Os cantares diríxense á Lúa, mesturándose neles episodios ou queixas por amores, e o baile é a clásica muiñeira do país. Cada cantar termina con arrullos ou aturuxos dos mozos que berran o jú-jú.jú, mirando cara á Lúa cando acaba a canción e o baile dura e dura a festa ata que se achega a luz do día.

Na nosa cultura tradicional, como ben recolleu Antonio Fraguas no seu día, a Lúa trae as mudanzas do tempo e así se reflicte no noso cancioneiro popular. A Lúa trae máis auga cando trona na Lúa nova:

Lúa nova é tronada
Trinta días é mollada

A observación do comportamento da Lúa servía, e aínda serve en Galicia, para facer prognósticos sobre o tempo atmosférico. Lémbrese a copla:

Esta noite vai chover
que leva circo a Lúa;
queira Díos non chovan paus
nas costelas dalgunha.

No II Concilio de Braga, celebrado no ano 572, prohibíuselles ós cristiáns guiarse polo curso da Lúa ou das estrelas para realizaren determinados traballos ou celebracións, por considerar que eran crenzas pagás. A Lúa ten influencia no tempo do home, no nacemento, na morte. Cando se ve a primeira vez a Lúa nova hai que saudala pregándolle que non veñan doenzas de dentes.

Dios te bendiga Lúa nova
Para que non doia dente nin moa

A Lúa inflúe na conservación da carne morta, nas calidades da madeira, no crecemento do cabelo, da barba, no tempo das cortas. Para Vicente Risco non pasou desapercibido como na cultura tradicional galega a Lúa ten influencia nos campos, nas plantas, nos animais, nas persoas e no tempo. O Sol, a Lúa e as estrelas son na vida do home conselleiros nos traballos, nas viaxes, na preparación das menciñas, na matanza do porco, na recollida dos froitos, das colleitas. Rexen o tempo de tódolos ciclos dos labores da terra. Por iso non era estraño a existencia, no pasado, de lugares relacionados co seu culto, ou fitos xeográficos que puidesen servir como referente das súas fases anuais.

Hoxe, na era das novas tecnoloxías, dos GPS, dos ordenadores e de internet a Lúa xa non ten a importancia vital que tivo na antigüidade para a vida e a supervivencia dos pobos. Hoxe, o home urbanita vive de costas á Lúa, aínda que ela segue alí arriba gobernando os ritmos das mareas e influíndo na natureza que nos rodea e na nosa propia natureza biolóxica. Pero onte, aqueles que puxemos freo ó noso frenético ritmo de vida para dedicar uns minutos a contemplar esa súper Lúa chea tivémo-lo privilexio de chegar a atinxir, aínda que so fose por un intre, o que puideron sentir os primeiros poboadores desta terra ante a máxica luz e a impoñente presenza da dama da noite.

Fotografías propiedade do autor do blog.
Textos extraídos do libro: Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo. Unha proposta interpretativa en clave céltica de Rafael Quintía

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: