Daily Archives: 1 Maio 2011

A TRADICIÓN ORAL E O TERRITORIO

Aquí vos deixo un breve texto de presentación do noso traballo, que elaborei para as Xornadas de CULTURA E TERRITORIO organizadas por ADEGA en Lugo.

A TRADICIÓN ORAL E O TERRITORIO
Rafael Quintía (Antropólogo e economista), João Bieites (Mestre de Artes plásticas). Membros do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca

Outeiriños, penedos, bosques, covas, formacións naturais caprichosas…. a man do home e da natureza se confunden nunha paisaxe natural que foi ó longo dos séculos utilizada, transformada, construída e reinterpretada simbolicamente dando lugar a unha rica e marabillosa literatura oral. A protección do noso patrimonio material e inmaterial non se entende se non vai parella á protección da súa contorna natural. Isto é aínda máis claro no tocante ó noso patrimonio inmaterial. Unha lenda, un rito, unha tradición sen a existencia da pedra, do monte, da fonte, do río ou do elemento natural ou material ó que vai asociada perdería todo o seu sentido e significación cultural dentro da comunidade social na que se produce. A perda do soporte tanxible ó abeiro do cal se desprega toda a nosa riqueza inmaterial supón a desaparición irreversible dese patrimonio inmaterial. Por iso a conservación de todo patrimonio cultural ten que ir obrigatoriamente da man da protección e conservación do patrimonio natural. Nos últimos tempos o Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca orientou os seus esforzos a prol de dous proxectos de posta en valor do noso patrimonio material, inmaterial e natural.

O “Proxecto Montaña Máxica” arela divulgar o atractivo cultural do Monte do Seixo —verdadeiro parque temático da nosa mitoloxía popular—, ofrecéndoo como unha novidosa e dinamizadora alternativa cultural para a bisbarra de Terra de Montes. As actividades desenvolvidas polo Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca neste senso foron moitas e variadas. Delas podemos cita-la posta en marcha do Roteiro da Montaña Máxica, en colaboración coa asociación Verbo Xido, a realización de charlas e presentacións do proxecto e o intenso labor de investigación e divulgación que concluíu coa publicacións de tres libros e a elaboración dun documental de longa duración.

O proxecto para a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños é unha proposta, avalada por máis dunha vintena de colectivos, que pretende pór en valor o importante e rico patrimonio natural e arqueolóxico do contorno de Couto do Pornedo e dos Sete Camiños. É un espazo que conforma unha unidade natural e que actualmente abrangue parte do monte comunal das parroquias de Salcedo e Lourizán, en Pontevedra; Postemirón e Figueirido, en Vilaboa e San Xulián, en Marín. A proposta representa unha alternativa viable para converter este espazo natural e arqueolóxico nun referente identitario para a comunidade local ademais de constituír un recurso social e economicamente rendible; destacando a necesidade de conservar, estudar e difundir este espazo pola súa importancia patrimonial, polo valor didáctico e polo poder identitario das pegadas deixadas na paisaxe polos nosos devanceiros.

Resulta, pois, prioritario proceder a protexer estas áreas de gran valor natural e cultural das posibles agresións. Para a posta en marcha deste tipo de proxectos é necesario unha acción conxunta das comunidades de montes, dos colectivos sociais e das administracións. Unha cooperación que supere anticuadas visións localistas ou partidistas. Unha nova estratexia colectiva que aposte por unha xestión e explotación sostible dos nosos recursos e do noso territorio, pola conservación e posta en valor do noso patrimonio material e inmaterial e por unha visión a longo prazo para garantir un unha digna herdanza cultural e natural para as xeracións futuras.

Dous momentos da mesa redonda sobre “A tradición oral e o territorio”:

De esquerda a dereita: Branca Villares (moderadora), Xerardo Feijoo Rapela, Antonio Reigosa, Rafael Quintía e João Bieites
De esquerda a dereita: Antonio Reigosa, Rafael Quintía e João Bieites

MÁIS INFORMACIÓN EN:
http://adega.info/info/090121joomla/novas-adega-lugo/508-as-claves-para-construir-o-territorio-son-conecelo-en-profundidade-valoralo-e-protexelo

A %d blogueros les gusta esto: