Monthly Archives: Xuño 2011

DESCUBRIMOS PETRÓGLIFOS NON CATALOGADOS NA PARROQUIA DE SAN MARTIÑO DE SALCEDO (CONCELLO DE PONTEVEDRA)

Hai un par de semanas, e por mor dun traballo de deslinde dos montes en man común da parroquia de San Martiño de Salcedo, o presidente da Comunidade de Montes —Don Fernando Pintos— puxo no meu coñecemento a localización dunha laxe no Monte do Castro (lugar de Cabanas) que, no seu parecer, presentaban unhas marcas que semellaban petróglifos.

Despraceime ó lugar co compañeiro Paco Sutil, e tras inspeccionar os lindes do monte comunal atopei a devandita laxe a cal está ubicada na faldra sur do Monte do Castro, e nunha parcela particular pero lindeira ó monte comunal. Unha vez inspeccionada a superficie da laxe de granito puiden comprobar que, efectivamente, se trataban de petróglifos, aínda que moi erosionados ó que, unido á vexetación e manto que a invade xustificaría que tivesen pasado desapercibidos ata hoxe en día. Os motivos que podemos intuír na laxe son cazoletas e, cando menos, dous deseños de círculos concéntricos, similares ós petróglifos próximos de Penedo de Vilar de Matos (Pozo da Escribana).


Unha vez verificada a existencia desta laxe explorei a contorna chegando a localizar dous penedos graníticos máis nos que se aprecian restos do que semellan cazoletas (un en monte comunal e outro en parcela privada).

Toda a zona atópase ocupada por bosque de repoboación de eucaliptos e apréciase a pegada das antigas explotacións de canteiras que existiron nesta zona.

Tras revisa-la carta arqueolóxica do concello de Pontevedra e as correspondentes fichas da catalogación do patrimonio que existen sobre a parroquia de Salcedo puiden verificar que non se menciona ningunha estación de petróglifos no Monte do Castro, polo que chego a conclusión de que estes petróglifos son inéditos a día de hoxe e non están aínda catalogados.



Debido á importancia do achado, vía rexistro oficial púxeno en coñecemento do Servizo Provincial de Patrimonio Cultural con día de hoxe. Tan só nos queda agardar que esta información sexa considerada no valor que ten e se tomen as medidas pertinentes para a catalogación, recuperación e conservación destes petróglifos.

© Fotografías propiedade do autor do blog.

Advertisements
%d bloggers like this: