A LINGUAXE DAS CAMPÁS

Antigamente, cando non existían os medios de comunicación que temos hoxe, as campás eran o elemento sonoro empregado para dar a coñece-las novas ós veciños da aldea. O son da campá, como hoxe a radio, a televisión, os xornais ou mesmo a internet, servía para comunica-los acontecementos sociais máis relevantes da vida dunha comunidade. Os nacementos, os casamentos, as mortes, as festas, os actos litúrxicos e unha infinidade de sucesos máis dábanse a coñecer a través do badalear das campás da igrexa parroquial.

Son moitas as funcións para as que se empregaron as campás. Hoxe en día, coa transformación da sociedade e do mundo rural, moitas desas funcións desapareceron pero outras continúan vixentes. Así, os sinos usábanse a xeito de reloxo parroquial, pois marcaban co seu son determinados momentos da xornada. Pola mañá cedo executábase o toque de alba, para indica-lo comezo do día. A iso das doce do mediodía tocábase a Angelus, e á noitiña era o momento de tocar a ánimas para marca-lo remate da xornada. A xente que estaba a traballar no campo escoitaba o son da campá e sabía se era hora de ir comer ou de recollerse para casa. A campá tamén servía para marcar determinados períodos do ano, con toques especiais para o tempo de Sema Santa, por exemplo. Indicaba o momento da festa, da misa solemne ou da procesión no día do patrón. Chama a misa pola mañá e a reza-lo Rosario ou a Novena polo serán. Tiña tamén un carácter profiláctico, pois a xente cría que o son da campá afastaba os tronos e desfacía as tormentas. Cumpría pois, no caso de ameazar tormenta, subir ó campanario e bate-las campás con forza ata que o perigo desaparecese. A xente atribúelle certa personalidade ás campas e din que non sempre soa igual, o cal é lóxico pois como instrumento sonoro que é a propagación do seu son depende das condicións atmosféricas, entre outros moitos factores. En Salcedo contáronme que cando a campá soa triste é sinal de que vai ocorrer unha desgraza ou unha morte. Na cultura tradicional galega, no noso imaxinario mítico, as campás teñen un importante valor simbólico, pois, en moitas lendas o seu son representa o son do Máis Alá, do Outro Mundo. Así ocorre nas lendas das cidades asolagadas onde é frecuente escoitar baixo as augas as campás da igrexa tocando a defunto.

Respecto á profesión de campaneiro, esta desempeñábaa frecuentemente o sancristán, aínda que, ás veces, o campaneiro era outro veciño da aldea especializado nesta tarefa. O sancristán adoitaba ser un veciño máis da aldea. A proximidade ó templo era un factor fundamental para poder encargarse do mantemento do mesmo ou para realiza-las funcións propias de campaneiro, no momento que era preciso. O sancristán axudaba na misa, encargábase dos labores de mantemento e limpeza da igrexa, asumía as funcións de campaneiro, encargábase das poxas o día da festa e de moitas outras tarefas. En definitiva, era a man dereita e home de confianza do crego. Por todo iso, e para exerce-las súas funcións, o sancristán tiña unha chave da igrexa.

BREVE GUÍA DOS DISTINTOS TOQUES DE CAMPÁS

A continuación farei unha pequena descrición dos toques de campás máis comúns nas nosas parroquias. Algúns están en desuso ou en vías de desaparición, outros permanecen vivos e é normal escoitalos case a cotío. Tamén cómpre facer fincapé en que existen diferenzas locais no xeitos de interpretar cada un destes toques.

Toque de Ánxelus
Tócase para marca-lo mediodía. Nalgunhas parroquias dáse ás 12h e noutras ás 13h.

Toque de Ánimas
É o último toque do día, e dáse entre as 8 e as 9 da noite para indica-la hora de remata-las tarefas cotiás e retirarse para ir cear. Antigamente a Igrexa aconsellaba, ó ouvir este toque, facer un rezo en lembranza das ánimas dos defuntos da parroquia.

Toque de Alba
Tócase ó abri-lo día para indicar que comeza a xornada.

Toques de Defuntos
Son aqueles toques que se dan cando falece algún veciño da parroquia. Este toque presenta variación dependendo da idade e do sexo da persoa morta, polo que os toques poden ter distinta forma e cadencia. Podemos distingui-los seguintes toques a defunto:

Toque de Anxeliño: Un anxeliño era un neno ou nena que morría antes de recibi-la Primeira Comuñón (ós 7 años aprox.). O toque que se daba para anuncia-la morte dun anxeliño é distinto do que anunciaba o falecemento dunha persoa de maior idade. Nalgunhas parroquias tocábase tamén cunha campá distinta.

Toque de defunto home: Tipo de toque que se dá cando o defunto é un home. Presenta variacións dunha parroquia a outra segundo sexa o patrón da mesma un home ou muller, é dicir, un santo ou unha santa. Se o patrón da parroquia é home danse tres toques polo home máis a carreira e dous toques máis a carreira pola muller.

Toque de defunto muller: Cando a defunta é unha muller o toque de defunto é distinto do se dá cando falece un varón. Se o patrón da parroquia é muller danse tres toques pola muller e dous polo home, ámbolos dous seguidos dunha carreira (repetidos toques de campá todos seguidos).

Toque de entrada de defunto: Nos funerais de corpo presente adóitase dar un toque de campás especial para o momento no que se introduce o cadaleito no recinto da igrexa, previamente á celebración do funeral.

O toque de defunto ten varias fases ou etapas. Primeiro comézase cuns toques para anuncia-la morte cando o defunto aínda está na casa. No traslado ata igrexa séguese tocando as campás. Cando o defunto chega ó adro da igrexa faise un toque distinto ós anteriores, ben se acelera o toque ben danse dúas badaladas na campá pequena e unha na campá grande. Dependendo das parroquias temos distintos matices nos toques. Cando o defunto sae da igrexa camiño do cemiterio, e mentres este non sae do adro, volven soa-las campás.

Toques de Semana Santa
Para este período litúrxico cada día ten sinalado o seu toque específico. Existen, asemade, variacións sobre os toques ordinarios dos distintos oficios do día. Estes toques de Semana Santa tamén presentan variacións segundo os distintos lugares onde se celebra. Comentemos os toques específicos de cada día de celebración:

Toque de Xoves Santo: É o toque que se daba para anuncia-los oficios do Xoves Santo. Despois deste toque, e ata o sábado, suspendíanse tódolos toques de campás. Nalgúns lugares empregábanse matracos en vez de campás.

Toque de Sábado Santo: Despois do toque de Xoves Santo, o badal das campás atábase cun cordel para impedir que soaran de forma intencionada ou accidental. Esta atadura retirábase nos primeiro oficios do Sábado Santo, momento no que as campás comezaban a soar de novo.

Toques de Domingo de Resurrección: A grande importancia do Domingo de Semana Santa no calendario cristián aparece reflectido tamén nos toques de campá. Para este día as campás tocábanse ata en tres ocasións. Eran as repetidas convocatorias de chamada a misa para que ninguén deixase de asistir ós oficios dese día escusándose no feito de non ter escoitado os toques.

Toques de chamada a misa
Unha das funcións primordiais das campás dunha igrexa é a de avisa-los fieis do comezo das misas. Na misa maior do domingo cada parroquia adoita te-lo seu propio toque particular e identificativo.

Toques de Repique
Cando se producía algunha situación excepcional de perigo como por exemplo un lume —toque a lume—, cando había algún aviso importante que dar, cando se quería xunta-los veciños dunha parroquia, ou simplemente se quería montar algo de troula para mostra-la alegría da parroquia por algún acontecemento en particular, empregábanse os toques de repique.

Toque de chamada á oración
Antano era normal recitar unha pequena oración antes de emprende-las distintas actividades cotiás. En moitas parroquias, para lembrarlle ós veciños estes momentos de rezo, dábanse os toques de chamada á oración, que indicaban o momento no que un debía deixar todo aquilo que estivese a facer para entregarse ó rezo. Como estes toques se repetían en momentos concretos ó longo do día acabaron servindo como reloxo, xa que os veciños ó escoita-los sinos sabían a hora do día que era.

Toque de comuñón
Nalgunhas parroquias, no intre de da-la comuñón na misa, as campás tocaban dun xeito especial para anuncia-lo importante momento, ou para darlle máis énfase a este acto simbólica da eucaristía, este era o toque coñecido como toque de comuñón.

Toque de Procesión
É o toque que se dá durante a celebración das procesións dunha determinada parroquia.

Toque de Festa
Os toques de festa son toques especiais para os momentos máis lúdicos do ano e que só se empregaban os días nos que se honraba a algún dos santos da parroquia.

Toque de parto
Ata que en Santiago de Compostela foi prohibido no século XIX, era frecuenta que cando unha muller se puña de parto soasen as campás da igrexa. Pénsase que o motivo era avisa-los veciños para que orasen polo bo desenlace do parto. Tamén se pensaba que o son das campás producía un efecto relaxante na muller que ia parir e que, asemade, o son dos sinos tiña un efecto profiláctico sobre a criatura e a nai.

Toque de tormenta
En moitas aldeas cando ameazaba tormenta tocábanse as campás para afasta-la tormenta e evitar así un posible mal ás persoas, ós animais e ás colleitas. En moitos lugares da nosa xeografía críase que o son das campás afastaba os nubeiros, eses espíritos malignos do ar que forman os trebóns e orixinan os temidos lóstregos. A nosa literatura oral está chea de encontros entres campaneiros, curas e sancristáns que armados co son das campás loitan contra estes malignos seres.

EXEMPLOS DE CAMPÁS

Campá de perfil esquilonado


Campá de perfil romano


Choca

EXEMPLOS DE CAMPANARIO

Campanario


Espadaña

A falla de campaneiros, a perda de transmisión deste saber dunhas xeracións a outras e a crecente automatización e gravación dos sons e chamadas das campás están poñendo en serio perigo non só o coñecemento dos distintos toques e o que significan senón tamén o propio oficio de campaneiro. Hoxe en día é pouca a xente nova que coñece o que significa cada toque da campá, co que este milenario linguaxe de comunicación que foi conservado por xeracións grazas ó saber e o labor dos campaneiro, está actualmente a piques de desaparecer por perda da súa función dentro da cambiante sociedade rural actual e por ruptura da cadea de transmisión dos coñecementos das normas e dos tempos dos diferentes toques de campás.

A organización das Xornadas sobre campás e campaneiros que a asociación cultural e grupo de música tradicional Os Chichisos -a que me honro en pertencer— ven celebrando dende o ano 2007, pretende suplir esta falla de transmisión e pó-lo noso pequeno grao de area na difusión e conservación deste ancestral xeito de comunicación e do oficio de campaneiro.

 

(Fotografías: arquivo A.C. Os Chichisos)

 

A continuación deixo a ligazón da entrevista na TVG na que falamos un pouquiño desta ancestral linguaxe:

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: