Monthly Archives: Setembro 2011

O HOME QUE FALA COAS ÁRBORES

Ás veces, na miña particular peregrinaxe iniciática pola nosa terra, un ten a sorte de toparse con xente dotada dun don especial, dunhas calidades persoais que fan que esas persoas poidan facer cousas que o común dos mortais nin sequera soña con poder chegar a facer algún día. Estas persoas tocadas por ese don, cando se saben posuidoras del e dedican a súa vida ó seu desenvolvemento, acaban converténdose en artistas sublimes, en verdadeiros xenios. Hai unhas semanas tiven a sorte de bater cun destes estraños seres.

A persoa da que hoxe lles falo non so é capaz de traballa-la madeira como se fose o propio mar e o vento senón que tamén posúe a capacidade de falar con ela e, o que é máis importante, de escoitala e coñece-la súa linguaxe segreda.


O Ollo de Larouco


O Oso deitado

Di o amigo Miguel que o Fin García, que así se chama o artista, adquiriu o seu don para falar coa madeira despois de ser iniciado —ós sete anos de idade— nos misterios das árbores e das fragas polos mouros carpinteiros do interior da Pena Boeira, eses que moran por riba da aldea de Gondulfes.

O Trono da Moura

Non sei canto hai de certo nesa poética afirmación, aínda que non son eu quen de dubidar da súa veracidade. Pero o que si sei é que as súas ciclópeas obras de mobiliario so poden estar inspiradas polos espíritos máis poderosos da nosa natureza, por unhas crenzas panteístas e animistas que fan que o Fin descubra, coma se dun “Corpo aberto” se tratase, o espírito que mora en cada cachopa, en cada árbore e en cada anaco de madeira que cae nas súas mans. Este coñecemento da linguaxe segreda das árbores fai que Fin teña que traballar a soas coa madeira, pois tan prezado don non pode ser posto ó alcance dos mortais sen unha preparación previa, sen unha coidadosa e longa iniciación na ancestral arte que el domina a perfección. Ademais, a milagre da comunicación entre o home e a árbore xamais se daría en presenza do profano non iniciado.

Árbores mortas


A madeira comeza a falar

E por iso que Fin García pasa horas e noites enteiras diante desas inmensas cachopas de castiñeiro e de carballo agardando que a madeira lle fale, que eses anacos de árbores, hoxe vencidos polo lume ou secos e doentes, recobren a súa vida grazas o labor alquímico do noso artista.

O laboratorio alquímico de Fin García

Coma se fose un compoñedor de osos Fin traballa a madeira coas súas mans, apalpa cada nó da madeira, cada fenda, cada palmo de madeira buscando ó xeito de darlle vida, ensablando os seus membros, as súas articulacións, as distintas pezas da súa obra sen usar cravo, parafuso ou remache algún. Tan só madeira con madeira, buscando o xeito natural de que cada cousa vaia ó seu debido sitio.


Fin García co seu discípulo

O amigo Fin García é un home modesto, así que non é dado a publicita-lo seu incrible traballo, de feito quen non entre na parte traseira do seu bar xamais podería imaxina-los tesouros que alí agocha.

O Fin nunca expuxo a súa obra, pese a que as súas cadeiras, mesas, bancos e tronos son verdadeiras obras de Nature Art, nin tan sequera lles puxo nome porque como el di, a madeira xa fala como para ter que falar por ela. Máis eu voume permiti-la ousadía e bautizar algunha das súas obras.

O Mouro


O Cíclope


Lume


Axis mundi

O “Bar do Jorge”, nome do peculiar museo onde Fin expón as súas obras, fica na parroquia de Tintores, no concello de Verín, provincia de Ourense, e foi bautizado como o primeiro EECUIG de Galicia, é dicir, o primeiro “Espazo de Expresión Cultural dos Indíxenas Galegos”, como di o Miguel: ” O venerable lugar de reunión dos membros fundadores da SAGA (xa explicaremos que é iso) e onde un volve ser un indíxena atlántico grazas á exposición permanente do mobiliario ciclópeo en madeira do Fin de Tintores, inspirado nos lexendarios reis dos mouros de Galicia.

Así que amigos, agora xa sabedes onde se atopa o fantástico lugar e, como di o anuncio: Gárdasme o segredo?

Bar de Jorge
32600 – Tintores – Orense – Galicia
988412101

OS CHICHISOS NO FARO DE VIGO

O pasado martes día 13 de setembro, o Faro de Vigo , no seu suplemento “Pontevedra por los 4 costados”, dedicou un extenso artigo ó grupo de música tradicional e asociación cultural Os Chichisos, formación, dito sexa de paso, á que me honro en pertencer.

A CAMA DE SAN ESTEVO

Os galegos, como ocorre con moitos outros pobos, tendemos a atribuírlles propiedades sandatorias a determinados penedos e formacións rochosas. Tamén as pías, as cazoletas e, sobre todo, as augas da chuvia contidas neste receptáculos naturais —ou artificiais— son obxecto de culto e práctica ritual.

Pías en santa Mariña de Augasantas

Todo este corpo de crenzas, sen lugar a dúbida, é a herdanza do mundo relixioso e espiritual precristián. Son crenzas relacionadas cos cultos asociados á pedra, á auga e a outros elementos da natureza que adquiren grande importancia relixiosa dentro do mundo panteísta. Coa chegada do cristianismo estes cultos perviviron readaptados á nova fe e é neste novo contexto relixioso onde aparece o culto ós sartegos que, supostamente contiveron corpos santos. Son as coñecidas na nosa terra como camas do santo ou da santa. Moitos deles son, realmente, sepulcros medievais pertencentes a primitivas necrópoles ou eremitorios. Outros son simples formacións naturais —como o berce da santa da praia da Lanzada— que arremedan a feitura deses primitivos sartegos e que por similitude física reciben o mesmo nome que as camas de santos.

Aldea da Canicouba

Un destes milagreiros leitos é a Cama de San Estevo. A Cama de San Estevo é un sepulcro medieval labrado na propia pedra dun pequeno outeiro que se atopa na aldea da Canicouba (concello de Pontevedra) a carón dunha estrada que parte xunto á igrexa do lugar. O sepulcro ten unhas medidas de 2 metros de longo por 50 cm. de ancho, na súa parte máis ancha, e de 30 cm. no extremo correspondente ós pes.

A pedra na que foi tallado o sepulcro foi obxecto de labores de extracción de pedra, polo que a súa contorna atópase alterada polos traballos de cantería, aínda que o sartego foi respectado.

No extremo superior do mesmo, na laxe que se estende a partir da zona correspondente á cabeza do sartego, observamos labrados na pedra unha serie de canais cuxa traxectoria vese interrompida pola fractura da pedra, polo que non podemos saber se formaban parte dalgunha outra estrutura ou sepulcro que puidese estar na sona de extracción de pedra.

Read the rest of this entry

A COVA DO ERMITÁN JUAN MANUEL

Galicia está chea de lugares misteriosos, de xeografías míticas, de lugares esquecidos polo paso do tempo á espera de que alguén os redescubra ou os rescate do esquecemento. Un deses lugares é a Cova do ermitán Juan Manuel, mestura de espazo mítico e real.

Segundo contan os vellos das terras de Verín, o Juan Manuel era un ermitán que habitaba nunha covacha da parroquia de Santa María de Ábedes, no lugar de Felgoso.


(“O ermitán”. Cadro de Francisco Sutil)

Esta figura popular —posible lembranza dalgún eremita ou anacoreta— foi reconvertida pola creatividade da xente da zona nunha sorte de asustanenos, de home do saco, de sacauntos…e así dicíaselle ós rapaces desta parroquia que nunca se achegasen pola contorna da cova do temido Juan Manuel, pois corrían o perigo de ser secuestrados por este ser e, quizais, de algo moito peor.

Segundo me contou o amigo Miguel Losada, quen estivo indagando pola zona sobre a antigüidade do conto, parece ser que esta historia remóntase moi lonxe no tempo, pois os vellos do lugar aínda lembran esta lenda na voz das súas avoas e nais facendo referencia ó conto como algo que lles contaban os seus propios maiores cando eles tan só eran uns nenos. Falamos, xa que logo, de máis de seis xeracións das que se teña constancia que lembran a historia do ermitán Juan Manuel.

Non sabemos certamente se o misterioso ermitán existiu de verdade ou non, o que si sabemos é que a súa famosa e temida cova existe realmente. Así que cumpría achegarse ó máxico lugar.

Un camiño a carón dunha vella canteira conduce ó outeiro onde se localiza a toba do misterioso ermitán. O lugar foi largamente alterado pola extracción de area e pola escavación dunha trincheira que afecta o outeiro, polo que hoxe en día o camiño discorre a máis profundidade da que tiña orixinalmente. A unha altura duns catro metros do chan ábrese unha escura boca labrada na xabregosa parede do outeiro. É a cova do ermitán Juan Manuel.

Un primeiro estudo do lugar fai pensar que a cova artificial formaba parte dun complexo maior. Isto podémolo deducir das pías cadradas labradas na rocha que atopamos no alto do outeiro, así como dunhas peculiares estruturas que semellan antigos muros e socalcos e que tamén están feitos nas propias penas que coroan o outeiriño.


A lenda que fai referencia a existencia dun ermitán nun pasado remoto, as estrañas construcións e elementos de posible uso ritual que aparecen no alto do outeiro, o cruceiro labrado na entrada da cova e a mesma cova artificial son indicios que me fan pensar que estamos ante un antigo eremitorio similar ós que se poden atopar nas serras de Burgos, por dicir un exemplo, onde os celas dos eremitas están escavadas na propia montaña. As escavacións que se están levando a cabo na Ribeira Sacra, no Canón do Mao, están revelando interesantes datos arqueolóxicos para coñece-la organización, a estrutura e, en definitiva, a vida destas comunidades cristiás.

Pero o máis salientable deste lugar quizais non sexa a posible existencia dun antigo eremitorio perdido senón a súa pervivencia na memoria colectiva das xentes que habitan estas terras, a pervivencia da súa lembranza na forma dunha lenda que nos fala dun misterioso ermitán convertido en papanenos .

Tras unha primeira visita ó lugar e un intento infrutuoso de acceder á cova, volvemos nunha segunda “expedición” esta vez equipados co material de escalada necesario para salva-la repisa que dá acceso á boca da cova e poder introducirse no seu interior sen risco a esnafrarse por aquela fráxil parede de xabre.

A cova do ermitán Juan Manuel é un pequeno habitáculo que apenas nos deixa estar erguidos no seu interior e que ten unhas medidas duns dous metros de ancho por catro de fondo.

Na parede esquerda da cova e xunto á porta adivíñase unha cruz labrada na rocha e o que parece un “P”.

Desgraciadamente, a exploración do lugar tivo que ser abortada bruscamente tras detectarmos un enxame de abellas rabiosas que ameazaban con botarnos fóra a picadas. Así que, antes de ter que saltar ó abismo nunha frenética fuxida ante o ataque de tan perigosos moradores, decidimos recuar a modiño non se antes despedírmonos do espírito do Juan Manuel, se é que aínda mora nestes lares, pois quen sabe se as abellas foron postas polo propio ermitán para salvagarda-lo seu segredo.

Así que amigos, descoñezo se aínda hoxe en día hai algún vello do lugar que asuste os nenos dicíndolles que non se acheguen á cova do ermitán se non queren ser levados polo Juan Manuel. O que si lles podo asegurar é que posiblemente non sexan vítimas da arrepiante presenza e das malignas intencións do ermitán pero poden estar ben certos de que si sufrirán a furia e a ira das abellas, e estas si que pican de verdade.

Tódalas fotografías son propiedade do autor agás as dúas nas que saimos escalando que son autoría de Pedro García Losada.

A %d blogueros les gusta esto: