Daily Archives: 12 Outubro 2011

OS MOUROS E AS RAZAS MÍTICAS

A crenza en poboacións míticas, reminiscencias de habitantes de épocas prehistóricas, é algo común ós países da Europa céltica. Estas crenzas afloran nos termos que se usan para denominar aqueles monumentos megalíticos que se atribúen á man destes misteriosos pobos. Os dolmens en Francia denomínanse Maison des fées, Maison de Diable, Forn de Géants. En Suíza ás pedras con coviñas chámalles Heidensteinen (pedras dos pagáns) ou hexensteiner (pedras das bruxas), na Alemaña tedten steine (pedra dos mortos), en Galicia falamos de casa dos mouros, arca da moura, laxa dos mouros, etc.

O dolmen de Axeitos

Na toponimia e na mitoloxía de Galicia atopamos moitos vestixios destas antigas poboacións transformadas polo folclore popular na nosa propia raza mítica, os mouros. O Asento dos Mouros, en Castroverde —onde se sentaban os mouros que habitaban do castro de Soutomerille—; a Pía da Moura, en Entrimo; a Eira dos Mouros, que non é outra que os castros de Toiriz (Silleda); o Chan das Mouras ou Outeiro das Mouras, na parroquia pontevedresa de San Martiño de Salcedo —onde se atopan os interesantes petróglifos do Outeiro dos Regatos—; o Burato dos Mouros, nome co que se coñece a cova do Pico Sacro; a espectacular espenuca da Pena dos Mouros, na Fraga de Marrondo (Castroverde); os numerosos dolmens coñecidos na nosa terra como Casa da Moura, Forno da Moura ou Capela da Moura; ou os infinitos Penedos da Moura que aparecen espallados pola nosa xeografía son só algúns destas xeografías míticas construídas polos mouros.

O Asento dos Mouros no castro de Soutomerille


A Pena da Moura

Para os campesiños galegos, como ben recollen os arqueólogos A. Arizaga e X. Ayán na obra “Los pueblos de la Galicia céltica”, o pasado é o escenario inmutable polo que pasaron unha serie de razas de maneira sucesiva e conflitiva. A través dos restos arqueolóxicos desa actividade cultural que non pode ser atribuída á acción da natureza (cítese: castros, túmulos, dolmens, menhires, etc.) e que o campesiño non considera como pertencentes á súa cultura, foron desfilando, en tempos antigos e indeterminados, toda esa serie de razas pagás que se foron expulsando mutuamente. Esas razas mitificadas constitúen a nosa mourindade, é dicir, os mouros. Calquera construción ou ruína de orixe descoñecida para os paisanos son cousas de mouros, son do tempo dos mouros. O que non se sabe quen o fixo (castros, pedras con riscos, aras, petróglifos, antas…) é, na nosa terra, cousa de mouros. Os mouros teñen as mesmas necesidades que nós en canto a bebida, comida, vestido, etc., mais, en contraposición co labrego, eles non son cristiáns, son xentís. Son donos de inmensas riquezas, dos tesouros de Galicia. Teñen gran forza física, son poderosos.

A Eira das Mouras, na croa dos castros de Toiriz


Outeiro das Mouas e os seus petróglifos (parroquia de Salcedo)

Estes mouros son similares ós Aes Sidhe —raza mítica dos outeiros sagrados da mitoloxía irlandesa— ou ós Ben sidhe —habitantes do Sidh— e tamén ós korrigan bretóns e ós spriggans de Cornualles, seres míticos feos e terribles que gardan tesouros nos crómlechs, túmulos, amilladoiros e outros megálitos e que, como os nosos nubeiros, son quen de crear tormentas de grande poder destrutivo.

Círculo lítico de Carrowmore, na península de Cúil Irra, Irlanda

As crónicas irlandesas falan dos Tuatha De Danan, pobo mítico derrotado pola invasión dos Milesianos provenientes da Galicia e que viven dende entón ocultos baixo terra, baixo os túmulos e os castros, como fan os nosos mouros.

Dolmen de Carrowmore en Irlanda

As korrigan da Bretaña francesa atópanse ocultas nas fontes e nos megálitos e seméllanse ás nosas mouras, non só polo seu hábitat senón tamén pola súa fermosura e habilidades para muda-la súa aparencia física. Poden predici-lo futuro, teñen o poder de facer que os homes caian nas súas mans tolamente namorados pero tamén poden castigar e incluso matar estes homes ou a quen ouse ollalas bailar ou persiga os seus tesouros. Adoitan presentarse ó carón das fontes e regatos peiteando os seus longos cabelos. O poema bretón Ar-Rannou fala das nove korrigans que danzan ó redor das fontes, á luz da Lúa, con flores no seu cabelo e roupas de branco algodón.

Aliñamentos megalíticos de carnac, Bretaña

Os korred da mitoloxía bretona foron, segundo as lendas, os que construíron os menhires e os dolmens. Son os que transportaron esas enormes pedras, ó igual que fai no noso folclore a moura construtora de megálitos, mais o seu aspecto pode ser aterrador pois teñen os ollos brillantes e vermellos, a pel escura e o corpo mal feito. Pénsase que son magos e profetas e, como ocorre cos mouros galegos, coñecen onde están agochados marabillosos tesouros.

O ouro dos Mouros

Todas estas razas míticas, xentes máxicas e non cristiás, lévannos a pensar na lembranza de antigos poboadores que foron vítimas dunha lei do esquecemento dos feitos históricos. Unha raza mítica froito de lembranzas confusas e deslavazadas, de acontecementos pasados case esquecidos e reinterpretados, que o cristianismo cubriría moitas veces co halo da maldade, o pecado e o paganismo. Para Vicente Risco, que foi pioneiro no estudo da mourindade, cando se produce un cambio fondo na conciencia do pobo, como acontece co cambio de relixión, crébase a relación co pasado, faise un corte, unha escisión entre o onte e o hoxe, e os nosos antepasados doutras crenzas xa non son os nosos antepasados, xa non teñen que ver connosco. Foi o que aconteceu aquí co cristianismo, os antigos eran xentís e os seus monumentos casas de xentís, eles seguen vivindo na crenza da xente ocultamente. Da súa verdadeira natureza quedaron na memoria da xente a idolatría, as artes máxicas, os mitos e as lendas o cal contribuíu tamén a unha perduración dos espíritos da natureza.

A Pena dos Mouros, en Castroverde

“Os mouros son a pseudomorfose dos primitivos habitantes de Galicia que nesta forma perviviron e perviven na memoria popular.”
Vicente Risco

Os mouros galegos son considerados, na sociedade rural, os antigos poboadores do mesmo territorio, pero non os devanceiros. Nós somos os cristiáns eles son os mouros. É un xeito de construí-la súa identidade por alteridade, por oposición. O pobo tende a distancialos, pois aínda que os dota de estruturas sociais, necesidades e preocupacións propias da humanidade actual, faino dende un punto de vista épico. O mundo da mourindade é un mundo subterráneo. Os mouros habitan baixo a croa dos castros, nas mámoas, nas covas. Son símbolos da natureza salvaxe que se opón á cultura presente na aldea. Eles fabricaron e usaron as pías dos penedos para recolle-la auga do ceo, para usalas como mesas ou como bebedoiros. Construíron cadeiras e tronos de pedra para os seus reis, covas, castros, torres, petróglifos, mámoas, penedos figurativos. Obras que lles confiren poderes titánicos, misteriosos e sobrehumano. Poderes taumatúrxicos para crear prodixios.

Burato dos Mouros, no Pico Sacro

Quero rematar cunha cita de Enrique Couceiro referida ás comarcas miñotas pero perfectamente extrapolable a tódalas terras montesías da nosa xeografía galaica.

“A cosmovisión e ethor cultural das comarcas miñotas exhorta a que para ser cristián e home contemporáneo tamén haxa que experimentarse mouro e antigo; para ser mortal haxa que entreve-la santidade, cargando con ela; para ser “nós” haxa que fundirse con “eles”. E para baixar e ser aldea haxa, con certeza, que subir ó monte e outear, así, a paisaxe.”

En canto ás mouras, delas falaremos outro día…

A %d blogueros les gusta esto: