PRESENTAMOS O DOCUMENTAL “COMUNEIROS.100 ANOS DE VIDA E LOITA POLO MONTE DE SALCEDO”

Adxunto a nota de prensa elaborada pola compañeira e xornalista Paz Castro sobre a presentación que faremos, o vindeiro sábado, do documental que vimos de rematar: “Comuneiros. 100 anos de vida e loita polo monte de Salcedo”.

Agardámosvos a todos o sábado día 5 no salón de actos do CEIP San Martiño de Salcedo ás 17.30h.

O COLEXIO DE SAN MARTIÑO ACOLLE ESTE SÁBADO A PRESENTACIÓN
DUN DOCUMENTAL SOBRE A COMUNIDADE DE MONTES DE SALCEDO

O documental titulado “Comuneiros: 100 anos de vida e loita polo monte de Salcedo” presentarase este sábado 5 de novembro ás 17:30 horas no colexio de San Martiño. Trátase dunha produción da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) en colaboración coa Comunidade de Montes de Salcedo, con guión e dirección de Rafael Quintía, e realización técnica a cargo de João Vieites. A presentación deste traballo audiovisual enmárcase na celebración das II Xornadas de Monte Comunal organizadas pola Comunidade de Montes de Salcedo.

“Comuneiros” repasa un século de traballo dos habitantes desta parroquia na defensa do seu monte comunal fronte a agresións de tipo político e administrativo. Interveñen no documental varios veciños que relatan os usos agrícolas e sociais que facían do monte: pastoreo do gando, recolleita de esquilme para fertilizar as terras, tala de madeira e recollida de leña, extracción de pedra, uso dos mananciais naturais para consumo doméstico e regadío das fincas…

Tamén destaca a existencia de elementos patrimoniais, como petróglifos e outros vestixios arqueolóxicos, así como exemplos da riqueza inmaterial do lugar, en forma de contos e lendas. Pero, sobre todo, o documental incide no devir histórico da parroquia de Salcedo e do seu monte comunal, dende o seu rexistro no Catastro del Marqués de la Ensenada en 1752, moito antes da existencia do Concello de Pontevedra, ata a actualidade.

Así, aborda momentos históricos trascendentes, como a creación do Patrimonio Forestal do Estado e as leis Hipotecaria e de Réxime Local nos anos 40, que facilitaron a municipalización da propiedade colectiva. E en especial, trata a relación da Comunidade de Montes de Salcedo co Ministerio de Defensa, a raíz da primeira ocupación de 32,5 hectáreas de terreo en 1905 para a construción do “Cuartel Defensivo de Figueirido” tras unha cesión do Concello de Pontevedra, á que lle seguiu unha segunda parcela de 140 hectáreas en 1966 que, entre as dúas, suman o 20% do monte comunal da parroquia.

Ao longo do século pasado, os comuneiros de Salcedo protagonizaron numerosos episodios de reivindicación da propiedade e do uso do monte, que se mantiveron ata hoxe, con protestas en 2003 e 2008 contra a instalación de alambrada no monte e contra a franxa de seguridade, ata o proceso xudicial aberto en 2011 para reclamar a titularidade dos terreos. “Comuneiros: 100 anos de vida e loita polo monte de Salcedo” recoñece pois, o dereito da veciñanza a defender o seu monte comunal como un referente identitario e un recurso social e economicamente rendible.

Advertisements

Unha resposta

  1. […] monte de Salcedo”. Trátase dun traballo escrito e dirixido por Rafa Quintía, artífice do blog Á Sombra de Bouza Panda, e realizado por João Vieites; ámbolos dous camaradas no grupo de traballo a prol da creación do […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: