Monthly Archives: Xaneiro 2012

“SANTUARIOS E LUGARES SAGRADOS DE GALICIA” Audio da entrevista a Rafael Quintía e Miguel Losada en Radio Voz

Audio da entrevista ós membros da Sociedade Antroplóxica Galega: Rafael Quintía -antropólogo- e Miguel Losada -etnógrafo- no programa “Encuentros en la medianoche” de Radio Voz. Data de emisión:21 xaneiro 2012

ESCOITA-LO AUDIO:
http://www.ivoox.com/santuarios-lugares-sagrados-galicia_md_1019539_1.mp3″ Ir a descargar

O TEUTIXÓN. NA PROCURA DUN CASTRO ESQUECIDO.

Existe moi pertiño de Mondariz Balneario, na parroquia de Santa Eulalia, un deses lugares fascinantes que desgrazadamente fican descoñecidos para a meirande parte da xente, esquecidos para os seus veciños e engulidos pola vexetación e o tempo como se se tratase dunha desas cidades míticas que espertaron soños e cobizas de conquistadores. Hoxe tiven a sorte e o privilexio de achegarme a un deses lugares perdidos grazas ó arqueólogo Alberte Reboreda, refírome ó castro coñecido como o Teutixón ou Coto Redondo.

O primeiro que chama a atención do lugar é o impoñente e poderoso da construción diante da que nos atopamos. E digo construción porque o Teutixón é unha montaña artificial, un outeiro feito polo home hai máis de dous mil anos para levantar no seu cumio unha aldea, un castro.

O outeiro está rodeado dun foxo e dun parapeto que nalgúns tramos ten unha altura que sobrecolle. Hoxe en día faltan algúns tramos dese parapeto e noutros tramos presenta algunha vía de acceso, pero a súa fisionomía, estrutura e poderosa aparencia consérvase case como hai dous mil anos.


Foxo


Parapeto



Seccións e fragmentos do parapeto

O lugar foi prospectado no seu día por Florentino López Cuevillas, entre outros, quen o cita na súa mítica obra “La civilización céltica en Galicia”. Polos datos que temos hoxe en día podemos saber que estamos ante un castro da Idade do Ferro II erixido sobre un outeiro artificial construído á beira do río Tea, nun territorio fértil e propicio para a agricultura.


Río Tea

En canto ás súas dimensións, calculando á ollo o outeiro deber ter unha altura aproximada de entre quince e vinte metros e perto de cen metros de diámetro. Imaxinen ou calculen vostedes de cantos metros cúbicos de terra estamos a falar para levantar semellante outeiro.

Cando un se atopa ós pes de tal montaña de terra non pode máis que pensar —salvando por suposto diferenzas cronolóxicas, de orixes e fucionais— neses outeiros artificiais que salpican as chairas do sur de Inglaterra, nese impresionante Silbury Hill (en Avebury, condado de Wiltshire), no túmulo de West Kenneth (perto de Stonehenge), na famosa Glastonbury Tor, en Somerset (Inglaterra) ou, porque non, no enorme túmulo de Saint Michel, na Bretaña francesa.


Silbury Hill
(Fonte: Wikipedia)


Galstonbury Tor
(Fonte:http://www.infobritain.co.uk/Glastonbury_Tor.htm)

Máis cando un se atopa metido no foxo do castro, na base da croa e intimidado pola retagarda pola altura do impoñente parapeto vénselle á cabeza as imaxes deses Hillforts da Gran Bretaña, deses outeiros fortificados con terrapléns, foxos, parapetos e murallas que destacan no verde tapiz das terras de Alba e Albión. Un imaxina o Teutixón libre da maleza e das árbores que o invaden, limpo o seu foxo e o seus parapetos e consolidadas as súas encostas e pensa no que iso podería ser, no que se podería aprender, a admiración e orgullo que podería espertar… e un fica ben certo de que non tería nada que envexar a un Maiden Castle, a un Dunlop Hill ou a un Hod Hill. Pero claro, isto é Galicia e aquí facémo-las cousas ó noso xeito ou, mellor dito, non facemos nada ou pouco facemos por estas cousas do pasado.


Maiden castle
(Fonte: Wikipedia)


Hod Hill
(© Copyright John Palmer and licensed for reuse under this Creative Commons Licence)

Outro tema digno de estudo sería a etimoloxía do topónimo “Teutixón” que poderíamos relacionar con outros topónimos como “Toutón” —con significados de lugar elevado, entre outros— pero tamén poderiamos ligalo ó indoeuropeo “teuta” co significado de tribo ou pobo. Máis, como digo, iso daría para outro artigo e feito por alguén experto na materia.

Sabemos que os campesiños galegos outorgaron ós castros —ó igual que a outros monumentos e construcións prehistóricas— un carácter especial, simbólico, sagrado ou sobrenatural. Nos castros vivían os mouros, eran lugares de encantamentos e de fenómenos estraños e misteriosos. E así construíuse toda unha fermosa mitoloxía en torno a estes lugares que o pobo identificou como construídos por outras criaturas que non eran eles nin os seus devanceiros.


Entrada no parapeto

Aparicio Casado no seu libro “A sociedade campesiña na mitoloxía popular galega” fai referencia a unha lenda asociada a este lugar e que xa fora recollida por F. Maciñeira en 1899. Segundo testemuño das xentes do lugar no Teutixón existe unha catedral custodiada por un exército de xigantes.


Ós pés do Teutixón

Posiblemente a aparencia descomunal do lugar e a súa orixe claramente artificial —antrópica— fixo que a xente lle atribuíse a súa orixe ós mesmísimo xigantes, únicos seres capaces de facer tal obra. E por suposto semellante outeiro non podía ocultar outra cousa que non fose unha catedral, edificación máis poderosa de cantas se podían ver na nosa terra hai un século.

Resulta impresionante imaxina-lo esforzo humano que tivo que ser necesario para mover todas esas tonelada de terra e poder levanta-la fortificación. A carón do Teutixón existe unha gran depresión no terro coñecida como O Barco. Este inmenso cráter —de medidas similares ás do castro— é posiblemente o lugar de onde se sacou a terra necesaria para levanta-lo Teutixón. Pero son moitas as preguntas que me veñen á mente: Que tipo de organización social tiña esta xente? Canta man de obra podían mobilizar? Con que tecnoloxía e ferramentas e con que método extraeron os miles de metros cúbicos necesarios para construír ese outeiro? Canto tempo lles levou? E sobre todo, por que facer semellante esforzo humano e material se se podía ter escollido un outeiro natural, dos moitos que hai pola zona, para levantar no seu cimo o castro? Desgrazadamente os meus limitados coñecementos non me permiten dar resposta a todas estas interrogantes.


O Barco

É unha magoa que unha construción como esta estea hoxe en día en total abandono e comesta pola exuberante vexetación que medra ás ribeiras do río Tea. Un castro como este, non moi abundantes no noso territorio, limpo e posto en valor podería ser un foco de atracción turística para a comarca comparable ó propio balneario de Mondariz pero seica neste país seguimos cegos, mudos e xordos.


Croa do castro de Teutixón convertido nunha auténtica selva

CRÓNICA DUNHA VELADA LITERARIO-MUSICAL


Diario de Pontevedra


Diario de Pontevedra

Onte poidemos por fin presenta-lo libro “Para cantar veño eu!”. O acto, celebrado na Galería Sargadelos de Pontevedra, empezou e rematou como tiña que ser: con música. E a velada remataría, como xa anunciaba o título do libro, cantando na mítica taberna La Navarra.


O grupo de música tradicional Os Chichisos abrindo o acto

Quero aproveitar a ocasión para darlle-las grazas públicamente ó Ateneo de Pontevedra por organizar este acto, á Galería Sargadelos, á xornalista Paz Castro -da Sociedade Antropolóxica Galega-, a Rosalía Rodríguez -secretaria da Asociación Cultural Os Chcichisos- e a Antón Sobral -artista e profesor da Escola Superior de Restauración- por acompañerme na mesa e ós compañeiros dos Chichisos por arrouparme nunha noite tan especial.


Antón Sobral, Paz Castro, Rafael Quintía e Rosalía Rodríguez

E por suposto a todos os que acudiron á presentación, sen os cales non tería sentido este acto, e que me agasallaron con numerosas mostras de afecto.


A sala de actos da Galería Sargadelos

A todos eles, a todos vós moitas grazas!


Os Chichisos interpretando o tema “Pasodobre para Saínza”, composto por Rafael Quintía

O LIBRO “PARA CANTAR VEÑO EU!” NO FARO DE VIGO

FARO DE VIGO. (Xoves 26 de xaneiro de 2012)

O LIBRO “PARA CANTAR VEÑO EU!” EN RADIOFUSIÓN (Audio entrevista)

ARTIGO SOBRE A PRESENTACIÓN DO LIBRO E AUDIO DA ENTREVISTA:
"PARA CANTAR VEÑO EU!" Artigo en Radiofusión

AUDIO DA ENTREVISTA EN RADIOFUSIÓN

ESCOITA-LO AUDIO:
http://www.ivoox.com/libro-para-cantar-veno-eu-radiofusion_md_1019578_1.mp3″ Ir a descargar

A %d blogueros les gusta esto: