Daily Archives: 8 Xaneiro 2012

O VINDEIRO VENRES 13 DE XANEIRO PRESENTÁMO-LO DOCUMENTAL “SETE CAMIÑOS: ENCRUCILLADA DO TEMPO” NO TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá o vindeiro venres 13 de xaneiro, a partir das 20:30 horas e con entrada libre, a proxección do documental “Sete Camiños: encrucillada do tempo”. Este traballo pretende poñer en valor o importante patrimonio natural, cultural e paisaxístico do espazo dos Sete Camiños, situado nunha estribación da serra de Domaio entre os concellos de Pontevedra, Marín e Vilaboa.

“Sete Camiños: encrucillada do tempo” é unha coprodución da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e Faro de Ons Producións. O realizador e arqueólogo Lukas Santiago e máis o antropólogo e economista Rafa Quintía, son os responsables do guión e da dirección deste traballo audiovisual, que tamén conta con João Bieites na realización técnica.

Ao longo de 45 minutos, o documental xustifica a necesidade de conservar os diferentes elementos patrimoniais existentes no contorno dos Sete Camiños, do Monte Pornedo e do Monte Catadoiro: xacementos arqueolóxicos, como as mámoas e os petroglifos; vestixios etnográficos, como muros, valados, fontes ou os restos de antigas canteiras; as lendas tradicionais dentro do patrimonio inmaterial; os elementos naturais de interese, entre os que destacan miradoiros ou formacións rochosas singulares, etc.

Pero tamén alerta das ameazas que destruirían parte do monte comunal das parroquias de Salcedo e Lourizán en Pontevedra, e de San Xulián, en Marín, hipotecando as posibilidades de poñer en valor o rico patrimonio deste espazo.

O proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños conta co apoio dunha vintena de colectivos veciñais, sociais e culturais da comarca. O documental que se estrea o 13 de xaneiro ponlle voz e imaxes a un proxecto sustentable que supón unha estratexia colectiva na súa aposta pola xestión racional dos montes, pola revalorización do patrimonio que estes albergan, e por unha visión a longo prazo que garanta unha digna herdanza para as xeracións futuras.

MÁIS INFORMACIÓN:
http://www.espazosetecaminhos.tk;
espazosetecaminhos@gmail.com

ESTADES TODOS CONVIDADOS Ó ESTREO, AGARDÁMOSVOS!!

O SANTUARIO DA NOSA SEÑORA DA LANZADA NO PROGRAMA “ENCUENTROS EN LA MEDIANOCHE” DE RADIO VOZ

Esta noite falamos do santuario da Nosa Señora da Lanzada no programa de Radio Voz “Encuentros en la medianoche”. Na segunda parte do programa dirixido por Santiago Pazhín, a iso da 1.30, fixemos un breve percorrido por algúns aspectos deste espectacular santuario costero.

Día: Domingo 08/01/2012
Horario: de 12:00 a 2:00 da madrugada

A %d blogueros les gusta esto: