MUÍÑOS DO BATÁN, UN TESOURO ETNOGRÁFICO Á SOMBRA DE BOUZA PANDA

Hai xa varios anos, naquel modesto fanzine “Fol de Veleno” —hoxe anuario de antropoloxía e historia— escribía eu un pequeno artigo sobre os muíños do Batán, na parroquia de San Martiño de Salcedo. Explicaba por aquel entón que os muíños do Batán —construídos á sombra de Bouza Panda— eran un conxunto de muíños de grande interese etnográfico, aínda que en total abandono e deterioración. Unha antigas construcións que se enmarcan no fermoso e degradado treito do río Batán ou Outeiro que vai dende a A9 ata a ponte do Batán. Os muíños do Batán eran un conxunto formado por cinco muíños (hoxe xa só quedan catro) de rodicio horizontal, catro deles de planta rectangular e teito a unha auga, e un máis grande, dotado de vivenda, cunha interesante canle de condución de auga rematada nun cubo e provisto de dous infernos.

Dicía tamén, que unha moa deste último muíño ficaba tirada no río entre o lixo esperando a ser espoliada. Lembraba, asemade, que ata hai ben pouco o segundo deles aínda estaba en funcionamento e en perfecto estado de conservación —eu mesmo lembro velo moer de pequeno— antes da visita dos vándalos que o desfixeron por dentro deixando ciscados polo chan os restos da moxega que ía enriba da moa. Remataba o artigo dicindo que era unha pena e unha vergoña para todos nós que este conxunto de muíños, exemplo da tecnoloxía preindustrial, estivera en total abandono e non correra a mesma sorte cós muíños da Barosa ou os famosos muíños do Folón e do Picón restaurados polo Concello do Rosal e declarados Ben de interese Cultural pola Xunta.

Hoxe lembreime dese artigo que escribira ó ler o Diario de Pontevedra e ver que se facía referencia a el en relación á I Xeira do Patrimonio Rural que se está a desenvolver na parroquia pontevedresa de Salcedo e na que, por certo, participan na súa organización a Sociedade Antropolóxica Galega e a Asociación Cultural Os Chichisos, polo que me vexo inmerso en partida dobre.

Por iso coido que é xusto, transcorridos xa seis anos daquelas verbas, dicir agora que por fin os meus querido muíños do Batán, ós que tantas lembranzas reais e míticas me unen, van ser rehabilitados e postos en valor dentro dun ambicioso proxecto que o Concello de Pontevedra pretende levar a cabo na parroquia de Pontevedra. Un proxecto que recuperará para a cidadanía gran parte do importante tesouro arqueolóxico e etnográfico da parroquia de Salcedo e que inclúe, entre outras accións, a escavación do famoso Monte das Croas, situado a carón destes muíños.

Hoxe é pois un día de alegría e esperanza pois con esta acción a prol do noso patrimonio —que xa empezou hai unha semana coa I Xeira do Patrimonio do Rural— daremos un pasiño máis para afastarnos da barbarie na que vivimos e achegarnos cada vez máis cara un futuro onde poidamos sentirnos orgullosos do que fomos, do que somos e do que podemos chegar a ser, se queremos.

Adxunto a ligazón dun video sobre a recuperación dos muíños do batán, publicado en Ponte TV:

http://video.ponte.tv/pontetv.php?url=2012/04/13/20120413-muinhos_salcedo

A posta en valor dos Muíños do Batán en Ponte.tv

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: