Monthly Archives: Abril 2012

CADERNO DE CAMPO Nº2. ABRIL 2012

Acabamos de publica-lo segundo número de “CADERNO DE CAMPO. Boletín informativo da Sociedade Antropolóxica Galega” .

Déixovos aquí este segundo boletín CADERNO DE CAMPO para que o poidades consultar on line.

O DOCUMENTAL “COMUNEIROS” EN LA VOZ DE GALICIA

MUÍÑOS DO BATÁN, UN TESOURO ETNOGRÁFICO Á SOMBRA DE BOUZA PANDA

Hai xa varios anos, naquel modesto fanzine “Fol de Veleno” —hoxe anuario de antropoloxía e historia— escribía eu un pequeno artigo sobre os muíños do Batán, na parroquia de San Martiño de Salcedo. Explicaba por aquel entón que os muíños do Batán —construídos á sombra de Bouza Panda— eran un conxunto de muíños de grande interese etnográfico, aínda que en total abandono e deterioración. Unha antigas construcións que se enmarcan no fermoso e degradado treito do río Batán ou Outeiro que vai dende a A9 ata a ponte do Batán. Os muíños do Batán eran un conxunto formado por cinco muíños (hoxe xa só quedan catro) de rodicio horizontal, catro deles de planta rectangular e teito a unha auga, e un máis grande, dotado de vivenda, cunha interesante canle de condución de auga rematada nun cubo e provisto de dous infernos.

Dicía tamén, que unha moa deste último muíño ficaba tirada no río entre o lixo esperando a ser espoliada. Lembraba, asemade, que ata hai ben pouco o segundo deles aínda estaba en funcionamento e en perfecto estado de conservación —eu mesmo lembro velo moer de pequeno— antes da visita dos vándalos que o desfixeron por dentro deixando ciscados polo chan os restos da moxega que ía enriba da moa. Remataba o artigo dicindo que era unha pena e unha vergoña para todos nós que este conxunto de muíños, exemplo da tecnoloxía preindustrial, estivera en total abandono e non correra a mesma sorte cós muíños da Barosa ou os famosos muíños do Folón e do Picón restaurados polo Concello do Rosal e declarados Ben de interese Cultural pola Xunta.

Hoxe lembreime dese artigo que escribira ó ler o Diario de Pontevedra e ver que se facía referencia a el en relación á I Xeira do Patrimonio Rural que se está a desenvolver na parroquia pontevedresa de Salcedo e na que, por certo, participan na súa organización a Sociedade Antropolóxica Galega e a Asociación Cultural Os Chichisos, polo que me vexo inmerso en partida dobre.

Por iso coido que é xusto, transcorridos xa seis anos daquelas verbas, dicir agora que por fin os meus querido muíños do Batán, ós que tantas lembranzas reais e míticas me unen, van ser rehabilitados e postos en valor dentro dun ambicioso proxecto que o Concello de Pontevedra pretende levar a cabo na parroquia de Pontevedra. Un proxecto que recuperará para a cidadanía gran parte do importante tesouro arqueolóxico e etnográfico da parroquia de Salcedo e que inclúe, entre outras accións, a escavación do famoso Monte das Croas, situado a carón destes muíños.

Hoxe é pois un día de alegría e esperanza pois con esta acción a prol do noso patrimonio —que xa empezou hai unha semana coa I Xeira do Patrimonio do Rural— daremos un pasiño máis para afastarnos da barbarie na que vivimos e achegarnos cada vez máis cara un futuro onde poidamos sentirnos orgullosos do que fomos, do que somos e do que podemos chegar a ser, se queremos.

Adxunto a ligazón dun video sobre a recuperación dos muíños do batán, publicado en Ponte TV:

http://video.ponte.tv/pontetv.php?url=2012/04/13/20120413-muinhos_salcedo

A posta en valor dos Muíños do Batán en Ponte.tv

UNHA VIAXE MÍTICA POLA NOSA HISTORIA

O pasado sábado 31 de marzo atopábame eu na vella terra dos brigantinos. Descansaba sentado a carón da Torre de Breogán, recreando a miña vista no mar celta que se estende fronte ós fisterres atlánticos e buscando acubillo dun implacable sol como o que golpeou a Heracles cando no seu décimo traballo viaxaba cara á nosa terra cando o vin aparecer.

Camiñaba seguro, co paso firme de pau de carballo, co orgullo de quen sabe o que é e cal e´a súa misión nesta vida, coa vestimenta dun heroe da Idade do Bronce que o vento do Atlántico teimaba en facer rebulir como hai 4000 anos fixera co velame das naves dos homes de Ith. Viña cara a min, era el, non había dúbida.

Mil regresara á casa dende a súa morada inmortal en Tir na Nog, cruzando as augas do Océano e as tebras do tempo para achegarse ó seu antigo fogar e contar, en primeira persoa e reencarnado no corpo mortal do sublime bardo psicopompo Suso Martínez, a historia mítica do noso pobo, a historia da Nazón de Breogán.

Pero non adiantemos acontecementos, vaimos por partes e contextualicémo-la abraiante visita do noso ilustre devanceiro para poder valora-la importancia da mensaxe que trataba de transmitirnos.

O mito é unha narración que usa unha linguaxe simbólica e que alude xeralmente a como se orixinou o mundo, os seres humanos, os animais, a natureza, as crenzas, os ritos e tódolos elementos constituíntes da realidade social e cultural dun pobo determinado. Son relatos pseudo-históricos, lendarios ou épicos, protagonizados normalmente por seres que sobrepasan a condición humana, como son os deuses, os heroes, os monstros, os xigantes, as mouras e moitos dos seres míticos que parecen vinculados ó folclore. Relatos tradicionais que falan da actuación memorable dunhas personaxes extraordinarias, nun tempo nebuloso e afastado. Son historias sagradas, é dicir, relatos que se teñen por verdadeiros en determinados contextos culturais e que plasman problemas recorrentes da condición humana. Son relatos, pois, que conteñen explicacións e unha profunda simboloxía respecto ós seus temores, ás súas dúbidas, ós seus anhelos e ás súas necesidades existenciais. Por iso incluso os feitos históricos poden servir como mitos se son importantes para unha cultura determinada.

E por iso os mitos son responsables de que perduren case inalterables moitas das crenzas dunha comunidade, e poden darnos moita información sobre a súa orde de crenzas. En moitos casos o mito entréganos o coñecemento da vida do home antigo e a interpretación do seu pensamento e das súas accións. Pode ser unha clave que permite reconstruír un pasado sen escritura. A mitoloxía aparece, así, no auxilio de moitas disciplinas que estudan o home, como pode se-la historia ou a antropoloxía. Por esta razón dise que debe merecer igual respecto a relativa inexactitude dun texto mitolóxico, ou relato —engado eu—, que a exactitude relativa dun texto histórico. Esa é a importancia dos mitos, de aí a necesidade de transmitilos, de contalos, de compartilos e de mantelos vivos porque só así se manterá intacto ese delicado fío de Ariadna que comunica o presente co pasado, o que somos co que fomos.

Precisamente isto, mitos, lendas, relatos fundacionais e antigas crenzas —todos eles alicerces fundamentais da nosa cultura— foi o que tiveron a sorte de escoita-los numerosos turistas e viaxeiros que gozaron esta Semana Santa das visitas guiadas á Torre de Hércules que organizou o Consorcio de Turismo da Coruña en colaboración coa Asociación de guías oficiais de Galicia. Certamente, foi todo un privilexio seren guiados polo territorio mítico, histórico e relixioso que rodea a Torre de Hércules da man do mesmísimo neto de Breogán: Mil Espane, o conquistador de Irlanda.

Estou seguro de que tódolos que estivemos alí non esquecerémo-la impagable experiencia, e seguramente, e o que é máis importante, eses centos de visitantes chegados a Brigantia dende as catro esquinas do mundo volverán ás súas casas cunha nova idea e un coñecemento real sobre o que é e o que foi Galicia ó longo do tempo, sobre a importancia que tivo no universo simbólico e mítico do Atlántico celta e, incluso, nas crenzas do mundo mediterráneo.

Saberán por fin por que Hércules/Heracles viaxou ata a nosa terra, por que esta costa foi considerada a porta ó Alén, por que os irlandeses se consideran descendentes do galegos, por que Portugal, Asturias, Galicia, Armórica, Illas Británicas e Irlanda pertencen a unha mesma área cultural, e descubrirán, por fin, o segredo milenario de onde morarán as nosa almas eternas cando as penurias da vida den paso ós praceres da música e do hidromel celestial. Agora, se queren coñecer ese segredo vaian reservando a súa visita.

MAÍS INFORMACIÓN SOBRE ESTAS VISITAS EN:
www.guiasdegalicia.com

AUDIO DA ENTREVISTA NO PROGRAMA “O SOMBREIRO DE MERLÍN”, DE RADIO OBRADOIRO

O audio correspondente á entrevista que nos fixeron ó compañeiro Miguel Losada e a min o pasado sábado día 31 de marzo no programa “O sombreiro de Merlín”, de Radio Obradoiro. Alí falamos da Sociedade Antropolóxica Galega e adiantamos algún dos nosos proxectos, como a publicación do anuario “Fol de Veleno”.

ESCOITA O AUDIO DIRECTAMENTE DENDE O BLOG OU DESCÁRGAO DENDE IVOOX:
http://www.ivoox.com/os-proxectos-da-sociedade-antropoloxica-galega_md_1149578_1.mp3″ Ir a descargar


De esquerda a dereita: David González Couso, Travis, Alicia López, Miguel Losada e Rafael Quintía.

A %d blogueros les gusta esto: