• BENVIDOS Ó BLOG DE RAFA QUINTÍA

  • SOBRE O AUTOR

  • © Fotografías blog: Rafa Quintía

  • A LINGUAXE DAS CAMPÁS. ETNOGRAFÍA DOS SINOS

  • MARIÑA: DE DEUSA A SANTA

  • MONTE DAS CROAS: ANTROPOLOXÍA DUN CASTRO

  • ANÁLISE ESTRUTURAL E SIMBÓLICA DO MITO DA MOURA

  • LA HISTORIA DE GALICIA EN 50 LUGARES

  • USO SIMBÓLICO DO CUARZO NA CULTURA GALEGA. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos

  • PATRIMONIO INMATERIAL DE SAN MARTIÑO DE SALCEDO

  • ALICORNIO. O PODER DO CORNO DE UNICORNIO NA MEDICINA TRADICIONAL GALEGA

  • A NOSA SEÑORA DA LANZADA. Estudio antropológico de un santuario costero.

  • PARA CANTAR VEÑO EU! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos

  • DE VELLO, GAITEIRO! Biografía do grupo de música tradicional Os Chichisos

  • DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO. Unha proposta interpretativa en clave céltica.

  • Á SOMBRA DE BOUZA PANDA. Poemario de trincheira e maldizer

  • MADAMAS E GALÁNS. HISTORIA DO ENTROIDO DE COBRES

  • MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA.

  • Documental “SETE CAMIÑOS. ENCRUCILLADA DO TEMPO”

  • Documental “COMUNEIROS. Cen anos de vida e loita polo monte de Salcedo”

  • Documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica”.

  • Curtametraxe documental “NOITE DE REIS COS CHICHISOS”

  • A PEDRA DO FUNDAMENTO

  • “FEITO NA CASA”

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº6

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº5

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº4

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº3

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº2

  • “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”. Nº1

  • ALBIÓN GALAICA

  • “GALICIA ENCANTADA: O país das mil e unha marabillas”

  • “OS MOUROS E AS MOURAS: MÁXICOS ENIGMÁTICOS DA MITOLOXÍA POPULAR”. Actas das V Xornadas de literartura de tradición oral.

  • POEMARIO DOS GAFOS. Obra colectiva.

  • CATÁLOGO-GUÍA do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

  • AS PONTES DE PONTEVEDRA. Libro da exposición do mesmo nome. (Obra colectiva)

  • ATAS DAS JORNADAS DA LITERATURA GALAICO-PORTUGUESA 2012-2014

  • ACTAS DAS II XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ACTAS DAS I XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ENTRADAS POR ORDE CRONOLÓXICA

  • CONTADOR

    • 117,273 hits
  • Follow Á Sombra de Bouza Panda on WordPress.com

A FESTA DOS MAIOS

Os Maios é unha das máis fermosas tradicións galegas, unha desas ancestrais festas do ciclo do ano tan estreitamente relacionadas co mundo agraio e a fertilidade da terra. Agora é tempo de Maios e, malia ó mundo globalizado e cambiante no que vivimos, esta festa tan nosa semella que sigue aínda viva na nosa sociedade cada vez menos rural.  Cando cada ano vexo os rapaces canta-los maios na praza da Ferrería de Pontevedra non podo evitar lembrar como eu mesmo, alá polos anos oitenta, e en compaña doutros rapaces, saímos co Maio a percorre-las casas da miña parroquia de San Martiño de Salcedo cantando e pedindo un “aguinaldo”.

A festa dos Maios é unha festividade estreitamente  relacionada coa agricultura e a celebración do espertar da vida vexetal, do poder rexenerador da natureza que coincide coa chegada da Primavera, do bo tempo, dos días máis longos e co comezo do ano agrícola. É posible que este tipo de celebración naceran co fin de festexar e de dar grazas á natureza pola súa xenerosidade e polo don da fertilidade e, ó mesmo tempo, servir de medio para garantir e propicia-los dons da fecunda  Nai Terra. Di Vicente Risco, citando ós antropólogos Fraser e Mannhardt, que o Maio, xa sexa na súa forma de Árbore de Maio, de Maio humano ou de Rei e Raíña, representaba na súa orixe o espírito da vexetación. Este espírito fai medra-las plantas e cando está representado por persoas lévanas en procesión ou van percorrendo a aldea, e o seu paso ten un efecto fecundador e benéfico ó que propicia que se lle fagan ofrendas —xa sexan cartos ou larpeiradas— en agradecemento.

Son moitas as manifestacións tradicionais que se dan na nosa terra dentro do denominado ciclo de maio. Poderíamos citar, entre outros, os seguintes costumes:

  • Alumea-lo pan: cando na noite anterior o 1 de maio  os veciños percorrían con fachos de colmo ou palla os campos cultivados   coa intención de que este ritual protexera as sementes  de calquera mal que lles poderán   afectar.
  • Os  ramos:  a tradicións de pór ramos de xesta ou   codeso nas terras cultivadas despois da semente posiblemente con fins   protectores ou, segundo outros etnógrafos, como rito agrario de   fecundidade. Risco recolleu como, polo primeiro de maio, en Entrimo os   mozos, como mostra de galantería, puñan nas casas das mozas da aldea unha  pola de oliveira á que chamaban ramo.   Hoxe en día, aínda é costume adobia-las portas da casa ou dos coches con   polas de xesta, tal como se facía antigamente cos carros de bois.
  • Os arcos: era costume en moitos  lugares de Galicia facer  arcos  decorados con flores e follas que se colocaban nas prazas e camiños.
  • A Árbore de Maio consistente en  erguer na praza, rueiro ou lugar principal da aldea unha alta árbore toda  derramada salvo na súa parte máis alta na que se conservaban as pólas. Ás   veces, esta árbore era enfeitada con cintas de cores, flores ou froitas
  • Os Maios, dos que falaremos a   continuación.

Pódense distinguir catro tipos fundamentais de Maios:

  • Ramo de Maio: pequenos ramos que facían os rapaces para  ofrecerllos ós veciños en troques dalgunha larpeirada.
  • Os Maios Humanos ou viventes: Eran  rapaces, ou homes, que se cubrían de follas, flores e outros materiais  vexetais para ir cantando e pedindo lambonadas polas casas.
  • Os Maios figurados: é o típico Maio  que coñecemos todos. Normalmente se trata dunha estrutura ou armadillo de  madeira de forma cónica ou piramidal que se cubre de flores e un manto  vexetal e se adobían con froitos, como por exemplo laranxas. Os rapaces  danzan ó seu arredor cantando cantigas, xeralmente satíricas, sobre as      autoridades ou os veciños da aldea.
  • As Maias: Distinguíanse as Maias pagás e as Maias cristiás. As pagás, consistían nun grupo de nenas   pequenas que levaban un arco adornado por flores e fitas de cores. Baixo o  arco ía outra nena, a Raíña do Maio. O grupo de rapazas ía pedindo polas  casa e cantando coplas anunciadoras da primavera e da vida.  A persecución eclesial deste tipo de  ritos daría lugar ás Maias cristiás onde os elementos e símbolos cristiás   eran predominantes, incluso na temática das letras cantadas.

 

    

Estrutura do Maio:

Os Maios variaban dunhas zonas a outras de Galicia, tanto na forma ou tamaño como nos materiais empregados. A xeito de exemplo de como eran algúns destes Maios, vexamos agora cal é a estrutura típica dos Maios figurados de Pontevedra:

Con media ducia de varas longas faise unha estrutura piramidal de base cadrada e duns 2 m de alto. A esta estrutura engádenselle as dúas andas para poder levalo. Colócanse a continuación varios aros de barril atados ás varas con arame ou cordel. Sobre esta estrutura cónica colócanse canas todo ó redor dándolle corpo e forma á primitiva estrutura. Seguidamente se procede á colocación do manto vexetal feito de fiúncho, sempre de abaixo cara arriba, unhas enriba doutras como se dun tellado de tellas se tratase e facendo varias capas vexetais. Rematada a tarefa máis pesada pasaremos a coloca-los adobíos pertinentes. Laranxas, margaridas, rosas, camelias pampillos, calas e mesmo ovos son enfiados en longas guirnaldas que despois son colocadas rodeando o Maio e facendo diferentes deseños como ondas, zigzag e outras figuras. Para remata-la figura do Maio cómpre facerlle a coroa que pode ser en forma de ramo, de cruz ou outro deseño. Ás veces, estas coroas, en vez de remata-lo Maio, fanse sobre un pau que se porta a xeito de estandarte.

 

As coplas de maio:

Ó redor destes Maios os nenos xiraban, recitando cantigas ó ritmo do bater dos paus e repetindo os versos que cantaba o rapaz que vai debaixo do Maio. Estas coplas están formadas por estrofas de catro versos octosílabos. A primeira estrofa da copla é a presentación do Maio, ou unha solicitude de permiso ou licenza para cantar, e a derradeira é a despedida. A liña temática do resto da copla soe xirar sobre tres temas: A alegría pola chegada da primavera, o traballo de elaboración do Maio ou as críticas e sátiras retranqueiras sobre veciños ou sobre as autoridades do lugar.

 

Exemplos de coplas de Maio

 

Coplas para pedir licenza

 A cantalo Maio

señores aca vimos

e para cantalo

licencia pedimos

 ***

 Esperamos o premiso

que ustedes nos deben dar

e si queren que cantemos

xa lle vamos a empezar

 

Coplas de presentación

 Aí ven o Maio

señor coronel

bótelle as maiolas

da ucha do mel

***                          

Baixando polos camiños

dende a mañanciña cedo

ven cantando este maíño

da parroquia de Salcedo

 

Sobre o traballo de face-lo maio

 Este é o noso maio

eche moi pequerrechiño

aínda que para facelo           

deunos moito traballiño

 

Coplas de sátira sobre os veciños

O preimerio de maio

alá pola tardiña

chegou o Patarro á casa                  

faltáballe unha galiña

***                                                          

Armou un Cristo

Dios mío me valga

que ata estivo a punto

de saltar pola ventana

  

Copla de crítica social

 San Roquiño nos liberte

de médecos e avogados        

de caciques e usureiros

de putas e boticarios

 

Fotografías:

Imaxes cedidadas polos compañeiros dos Chichisos  Xosé e Rosalía

Bibliografía:

Textos extraídos do libro Para cantar veño eu! de Rafael Quintía.

Lectura recomendada:

Para saber máis sobre a festa dos maios en Pontevedra léase o libro A Festa dos Maios en Pontevedra, escrito por M.P. Lores Torre e X.C. Morgade Martínez. Casal de Edicións. Pontevedra, 1995

  

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: