• BENVIDOS Ó BLOG DE RAFA QUINTÍA

  • SOBRE O AUTOR

  • © Fotografías blog: Rafa Quintía

  • A LINGUAXE DAS CAMPÁS. ETNOGRAFÍA DOS SINOS

  • MARIÑA: DE DEUSA A SANTA

  • MONTE DAS CROAS: ANTROPOLOXÍA DUN CASTRO

  • ANÁLISE ESTRUTURAL E SIMBÓLICA DO MITO DA MOURA

  • LA HISTORIA DE GALICIA EN 50 LUGARES

  • USO SIMBÓLICO DO CUARZO NA CULTURA GALEGA. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos

  • PATRIMONIO INMATERIAL DE SAN MARTIÑO DE SALCEDO

  • ALICORNIO. O PODER DO CORNO DE UNICORNIO NA MEDICINA TRADICIONAL GALEGA

  • A NOSA SEÑORA DA LANZADA. Estudio antropológico de un santuario costero.

  • PARA CANTAR VEÑO EU! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos

  • DE VELLO, GAITEIRO! Biografía do grupo de música tradicional Os Chichisos

  • DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO. Unha proposta interpretativa en clave céltica.

  • Á SOMBRA DE BOUZA PANDA. Poemario de trincheira e maldizer

  • MADAMAS E GALÁNS. HISTORIA DO ENTROIDO DE COBRES

  • MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA.

  • Documental “SETE CAMIÑOS. ENCRUCILLADA DO TEMPO”

  • Documental “COMUNEIROS. Cen anos de vida e loita polo monte de Salcedo”

  • Documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica”.

  • Curtametraxe documental “NOITE DE REIS COS CHICHISOS”

  • A PEDRA DO FUNDAMENTO

  • “FEITO NA CASA”

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº6

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº5

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº4

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº3

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº2

  • “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”. Nº1

  • ALBIÓN GALAICA

  • “GALICIA ENCANTADA: O país das mil e unha marabillas”

  • “OS MOUROS E AS MOURAS: MÁXICOS ENIGMÁTICOS DA MITOLOXÍA POPULAR”. Actas das V Xornadas de literartura de tradición oral.

  • POEMARIO DOS GAFOS. Obra colectiva.

  • CATÁLOGO-GUÍA do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

  • AS PONTES DE PONTEVEDRA. Libro da exposición do mesmo nome. (Obra colectiva)

  • ATAS DAS JORNADAS DA LITERATURA GALAICO-PORTUGUESA 2012-2014

  • ACTAS DAS II XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ACTAS DAS I XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ENTRADAS POR ORDE CRONOLÓXICA

  • CONTADOR

    • 117,273 hits
  • Follow Á Sombra de Bouza Panda on WordPress.com

A HISTORIA DA MÚSICA EN SALCEDO

O pasado sábado 28 de abril tivo lugar o último acto da I Xeira do Patrimonio Rural. Estas pioneiras xornadas clausuráronse  cunha charla-coloquio sobre a historia da música na parroquia de San Martiño de Salcedo. Esta charla supuxo un interesante complemento á exposición sobre os músicos de Salcedo que organizou a Asociación Músico-Cultural San Martiño, e na cal tamén colaboraron a A.C. Os Chichisos achegando unha ampla mostra de instrumentos vexetais e ferramentas e utensilios instrumentalizados (os coñecidos como instrumentos humildes).

Reseña de prensa no Diario de Pontevedra

Na charla-coloquia, que tiven o luxo de moderar, participaron os seguintes convidados:

Mónica Hermida Rodríguez: Saxofonista, integrante fundadora da Banda de Música de Salcedo,  ten ocupado diferentes cargos na Asociación Músico-Cultural San Martiño, na que desempeña o cargo de tesoureira na actual xunta directiva.

Delfín Cabanelas García: Persoa moi comprometida coa Asociación Músico-Cultural San Martiño, na que ten desempeñado diferentes cargos. Integrante da Coral Polifónica de Salcedo.

José Albino Prado Blanco: Membro fundador da Banda do Grelo. Seu pai Albino tocaba a caixa no grupo Rosalía de Castro. Integrante da Coral Polifónica de Salcedo

José Manuel Collazo Verde: Foi director da Banda e da Escola de Música de Salcedo, onde imparte clases de clarinete, harmonía e análise musical.

Na charla falamos de música, contamos anécdotas e fixemos un percorrido polos músicos e  numerosos e variados grupos e formacións musicais que naceron ou “paceron” na parroquia de Salcedo.  Pois Salcedo é unha parroquia cunha especial sensibilidade cara á música, un sentimento compartido que fixo posible que hoxe en día teñamos unha das mellores bandas de música de toda España e unha escola de música onde formar a futuros músicos profesionais e que é canteira e garantía de que a música seguirá viva e formando parte, como ata agora, da historia de Salcedo.

Cando botamos a vista atrás no tempo e comprobamos o fértil que foi Salcedo en músicos e bandas, un chega á conclusión de que poderíamos facer un estudo sobre a historia da música galega sen movérmonos desta parroquia. Aquí atopamos gaiteiros tradicionais; cuartetos de gaita, clarinete, bombo e caixa como Os X de Salcedo, un tipo de formación nacida a mediados do XIX coa incorporación do clarinete á música tradicional por influenza das bandas de música. Atopamos tamén rondallas como a  Rondalla do colexio de cegos, uns conxuntos de corda (guitarra, bandurra e laud) que nacen no ámbito urbano aló polo século XIX. Existiron, como non, charangas como  Los Nuevos Lirios ou o Quinteto de Salcedo, formacións popularizadas a  principios do século XX e que incorporaban novos instrumentos como o saxofón, o clarinete, a caixa e o bombo con pratos. Non faltaron os cuartetos de gaita como Os Romeiros de Salcedo ou a Agrupación Rosalía de Castro. Destacaron tamén os instrumentistas solistas como o acordeonista  Manuel Rey Durán “Manuco”. As murgas do Entroido, a sátira e a retranca  tiveron ó seu máximo expoñente na mítica Banda do Grelo.  No capítulo das orquestras a pioneira foi a Orquesta Montes, a mediados do século pasado, pero a tradición continuaría nos noventa coa Orquesta Festival. A finais dos oitenta e comezos dos noventa  aparecería na parroquia grupos de rock como Crómlech. En canto ás bandas de música, hoxe a parroquia de Salcedo pode presumir de ter unha das mellores bandas do país: a Banda de Música de Salcedo,  ademais de unha Coral e unha banda de m´suica infantil. Os bandas de música populares nacen a mediados do S.XIX e collen moita popularidade a comezo do XX e ata que nos anos 1960 empezan a ser substituídos polas orquestras. Elas teñen unha grande importancia na evolución da música galega no século XX pois  foron as responsables da introdución de varios instrumentos na nosa música tradicional. O bombo, os pratiños, o clarinete, o requinto, o saxofóns e  incluso a trompeta, a tuba ou o trombón atoparon acomodo nas formacións musicais tradicionais a carón do noso gaiteiro, dando lugar a novos tipos de agrupacións musicais como as que xa temos comentado.

Pero en Salcedo, a música tamén estaba presente na vida cotiá, nos labores do campo, nas esfolladas ou nos  fiadeiros que se organizaban cando non había festa.  O Entroido —cos seus predicadores—, as encerradas, as festas patronais, os Maios, os cantos de Reis e do ciclo do Nadal eran tempo, asemade, onde a música cobraba especial protagonismo.

Vemos pois que Salcedo foi, e segue a ser, canteira de músicos. Uns naceron alí, outros foron casar na parroquia, facendo da parroquia o seu novo fogar e o escenario da súa música. Bromeaba eu no coloquio ó respecto deste feito, pois non sei se é que ás mozas de Salcedo teñen especial predilección polos músicos ou é que os músicos teñen debilidade polas mozas de Salcedo. Sexa como fose, o caso é que aquí acabaron vivindo músicos da talla do percusionista Albino Prado, o gaiteiro Piedras, o acordeonista Manuco, o tamén gaiteiro Carlos Mourente ou algún dos meus compañeiros dos Chichisos, grupo tamén fortemente vinculado a esta parroquia.

Moitos máis foron os músicos que tiveron en Salcedo o seu berce e o seu fogar, como a gaiteira Regina Capelo,  mais coido que con este pequeno post é de abondo para resalta-la importancia que a música tivo ó longo da historia  da parroquia e agardo que sirva tamén como a miña humilde  homenaxe a todos aqueles que mantiveron vivo e souberon transmitir todo o noso acerbo musical, sen todos eles hoxe non seríamos o que somos.

ALGÚNS GRUPOS DE SALCEDO

Os Romeiros de Salcedo: Cuarteto tradicional de dúas gaitas, bombo e tamboril.

 

Rondalla da Once. Agrupación de corda formada no colexio de cegos a mediados do século XX.

Agrupación de gaitas Rosalía de Castro. Compuñan orixinariamente este grupo  Albino á caixa, Suso ó bombo, un pandeireteiro e Javier e Paco Oroña como gaiteiros. Soían reunirse no bar El Escondite, que ficaba detrás da praza Méndez Núñez onde xa no tempo da rondalla da Once gardaban os instrumentos. A Agrupación de Gaitas Rosalía de Castro percorreu durante preto de 30 anos tódalas parroquias e vilas do noso contorno, chegando mesmo a tocar en Portugal. Eran asiduos cada ano das Festas da Peregrina, que por  aquel entón duraban tres semanas, das festas de Santa Lucía de Figueirido ou da procesión do Corpus Cristo de Pontevedra, onde a estampa destes vellos gaiteiros cegos tocando tralo santo fica imborrable na memoria de moitos pontevedreses.

Manuel Rey Durán “Manuco”: (1894-1975). Acordeonista popularmente coñecido como Manuco, natural do lugar do Albeiro, parroquia de Marcón. Un dos máis virtuosos acordeonistas do seu tempo. Formado en solfeo polo mestre Refojo de Pontevedra no ano 1918 gaña o concurso das Festas da Virxe do Camiño ó mellor acordeonista da provincia. Coa súa bicicleta e o seu acordeón ó lombo percorreu durante anos as parroquias e vilas de Pontevedra levando a súa música polos bailes, festas e romerías. Os 27 anos, tras casar vai vivir a Salcedo onde montará no ano 1929 o seu propio Baile no lugar do Cruceiro, en dita parroquia.

Albino Prado: (1923-1999). Percusionista.  Natural de Campañó pero establecido no lugar do Carramal, Salcedo, dende que casa cunha veciña desta parroquia. Formou parte da  Rondalla da Once, onde aprendeu a toca-la bandurria e nela permaneceu un par de anos ata que polo ano 53 co seu amigo gaiterio, tamén cego, Javier de Lalín decidiron forma-la Agrupación de gaitas Rosalía de Castro. Nesta agrupación  empezou tocando o bombo e o tamboril para pasar despois a toca-la caixa, sendo esta última o instrumento no que destacou e polo que foi coñecido como músico.

Piedras: Gaiteiro. Nacido en Lérez e casado en Salcedo. Empezou na música no grupo Os Satélites da Ferreira de Lérez (1938-1950 aprox.). Formación composta por 5 músicos (dúas gaitas, un clarinete, caixa e bombo) á que despois se lle añadiu outro clarinete. No 1960 aproximadamente pasa a formar parte de Los Lirios de Campañó. Agrupación de 6 músicos (dúas gaitas, dous clarinetes, bombo, caixa) e despois engadiron outro saxo máis. Anos despois, tras a disolución de Los Lirios, fundarían  os Novos Lirios, con 6 músicos (dous saxos, dous clarinetes/gaita, bombo e caixa) Pola noite a formación pasaba a ser unha pequena orquestra que incluía baixo (o que tocaba a caixa), batería (o que tocaba o bombo), teclado, voz. Xa nos anos 90 formou parte como gaiteiro do grupo  Os de Tabadelo

 

 Os X de Salcedo. Nos seus comezos tocaba o bombo Manuel Garrido en compaña de Marcial Cortegoso á caixa e Eduardo Pazos á gaita. Xa nos anos 70 a agrupación estaba formada por dous clarinetes, dúas gaitas, caixa, bombo con pratos e saxofón.

 Quinteto de Salcedo. Agrupación que foi evoluíndo ata chegar a ser 7 músicos: formada por dous clarinetes (José de Marín e Emilio Quintela da Banda do Río, Marín), bombo (Manuel Garrido, de Salcedo), caixa (José Moledo, de Agro Vello, Lourizán), dúas gaitas (Gerado Jurrió, de Lourizán e Eduardo Pazos Paredes “ O Chosco”, de Salcedo), saxo (Jaime de Vigo)

Orqueta Montes. Con sete músicos profesionais —dous clarinetes, saxos, violín, contrabaixo, acordeón, caixa, trompeta— foi a orquestra máis famosa de Salcedo.

O frautista Manuel Pintos e o acordeonista Montes

Banda do Grelo. Comparsa de Entroido que estivo en activo durante toda a década dos noventa. Moitos dos seus membros acabarían formando a Banda de Música de Salcedo.

O gaiteiro Carlos Mourente e o percusionista Albino Prado (fillo)

Orquesta Festival: Fundada a mediados dos noventa polo cantante de Salcedo David Pintos.

 Crómlech:Pioneiro grupo de rock Salcedo fundado en 1990 por Rafael Quintía, os irmáns David e Iván Pintos  e os irmáns Carlos e Ángel Vila. No ano 1993 entra a formar parte do grupo como guitarrista Txema Ureta. Nos anos que estiveron en activo realizaron diversos concertos en Pontevedra, e participaron por dous anos consecutivos no Festival de Rock de Pontevedra, organizado co gallo das festas da Peregrina. No ano 1995 disolveron a formación.

 

 Banda de Música de Salcedo

Coral Polifónica de Salcedo

 

 Os Chichisos. Grupo de música tradicional con fortes vencellos á parroquia de San Martiño de Salcedo, non só porque algún dos seus membros é desta parroquia senón polo intenso e continuo labor de colaboración que realizan cos distintos colectivos da parroquia, ata o punto de recibir o premio “Amigos de San Brais 2009” outorgado pola A.A.V.V. Salcedo Norte.

Advertisements

2 Respostas

  1. Parabéns e que siga o Baile!

  2. Moi interesante Rafa, comparto no Proxecto!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: