• BENVIDOS Ó BLOG DE RAFA QUINTÍA

  • SOBRE O AUTOR

  • © Fotografías blog: Rafa Quintía

  • MARIÑA: DE DEUSA A SANTA

  • MONTE DAS CROAS: ANTROPOLOXÍA DUN CASTRO

  • ANÁLISE ESTRUTURAL E SIMBÓLICA DO MITO DA MOURA

  • LA HISTORIA DE GALICIA EN 50 LUGARES

  • USO SIMBÓLICO DO CUARZO NA CULTURA GALEGA. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos

  • PATRIMONIO INMATERIAL DE SAN MARTIÑO DE SALCEDO

  • ALICORNIO. O PODER DO CORNO DE UNICORNIO NA MEDICINA TRADICIONAL GALEGA

  • A NOSA SEÑORA DA LANZADA. Estudio antropológico de un santuario costero.

  • PARA CANTAR VEÑO EU! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos

  • DE VELLO, GAITEIRO! Biografía do grupo de música tradicional Os Chichisos

  • DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO. Unha proposta interpretativa en clave céltica.

  • Á SOMBRA DE BOUZA PANDA. Poemario de trincheira e maldizer

  • MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA.

  • Documental “SETE CAMIÑOS. ENCRUCILLADA DO TEMPO”

  • Documental “COMUNEIROS. Cen anos de vida e loita polo monte de Salcedo”

  • Documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica”.

  • Curtametraxe documental “NOITE DE REIS COS CHICHISOS”

  • A PEDRA DO FUNDAMENTO

  • “FEITO NA CASA”

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº6

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº5

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº4

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº3

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº2

  • “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”. Nº1

  • ALBIÓN GALAICA

  • “GALICIA ENCANTADA: O país das mil e unha marabillas”

  • “OS MOUROS E AS MOURAS: MÁXICOS ENIGMÁTICOS DA MITOLOXÍA POPULAR”. Actas das V Xornadas de literartura de tradición oral.

  • POEMARIO DOS GAFOS. Obra colectiva.

  • CATÁLOGO-GUÍA do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

  • AS PONTES DE PONTEVEDRA. Libro da exposición do mesmo nome. (Obra colectiva)

  • ATAS DAS JORNADAS DA LITERATURA GALAICO-PORTUGUESA 2012-2014

  • ACTAS DAS II XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ACTAS DAS I XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ENTRADAS POR ORDE CRONOLÓXICA

  • CONTADOR

    • 113,341 hits
  • Follow Á Sombra de Bouza Panda on WordPress.com

O SANTUARIO DA PEDRA FITA DE ADAI E O SEU TEMPLO PERDIDO, UNHA INCÓGNITA ARQUEOLÓXICA

O outro día Manuel Gago, no seu recomendable blog Capítulo 0, falaba dun posible santuario na parroquia de Adai, en Lugo. O post orixinou moitos comentarios en torno á cal podía se-la funcionalidade dalgúns dos elementos deste peculiar espazo, como por exemplo os canais que unen os buratos dos postes dunha moi rara estructura que aparece no lugar. Como o espazo dos comentario resúltame limitado para facer tódolos apuntamentos que quero facer, fareino no meu blog para poder falar dalgúns elementos que coido son interesantes e que non aparecen no artigo de Manuel. Por outra banda, este post servirame para paga-la débeda que tiña con algúns amigos que me pediron hai tempo que falara deste lugar e aínda non o fixera.

Hai algo máis dun ano puiden visita-la zona e estudar este intrigante espazo. Din co lugar grazas ó amigo David Outeiro que, como xa teño dito noutras ocasións, é o meu guía aborixe na zona. Pero o Castrillón e o posible templo de Pedra Fita —dúas das construcións que cita Gago— non son os únicos elementos que destacan neste espazo, senón que existen toda unha serie de elementos que, considerados no seu conxunto, conforman un verdadeiro espazo simbólico cuxo uso tan só podemos intuír ou especular sobre el.

O dolmen

O primeiro elemento ou subespazo deste peculiar e  suxerinte conxunto atopámolo cando cruzando a aldea Vilamaior empezamos a subir pola pista forestal que conduce á chaira da Pedra Fita. A man dereita en no que hoxe é un prado observamos un dolmen que forma parte dun campo tumular.

A Pena do Castrillón: petróglifos, pías e cadeiras

Seguindo polo camiño forestal atopamos a man dereita un outeiriño, ou conxunto rochoso, que aparece rematado por un penedo erosionado con grandes cazoletas e que presenta tres elementos moi interesantes. Unha laxe con 17 petróglifos de cruces inscritas en círculos, a carón deles, e labrada na mesma laxe, unha pía circular con canais que a comunican cunha serie de sete pías de forma rectangular (semellantes a muíños naviculares).

O penedo que coroa o outeiro, e a cuxos pés están estas gravuras, é un penedo de granito ó cal a erosión deulle a fasquía da típica cadeira dos mouros, coa salvedade de que o improvisado trono de pedra semella retraballado, de forma que unha das grandes cazoletas foi cortada para darlle a aparencia de asento ou, cando menos, iso é o que parece. Outros penedos do lugar sufriron tamén a acción antrópica, neste caso a mans dos canteiros que deixaron na rocha a pegada dos seus guillos. Esta penedo, segundo teño entendido, recibe o nome popular de Pena do Castrillón, interesantísimo topónimo que o relaciona coa misteriosa estrutura que existe máis arriba e coa cal, xa que logo, podería ter algún tipo de relación.

O Castrillón

A seguinte estación que podemos atopar na nosa viaxe por este espazo simbólico é a coñecida como o Castrillón, un recinto duns 20 metros de diámetro delimitado por un parapeto e un foso. O primeiro que se observa ó chegar ó lugar é a grande presenza de bloques de seixo branco que aparecen esparexidos pola lomba do bosque onde se sitúa o Castrillón. Uns bloques que cando se estudan con detemento non parecen dispostos ó chou, senón seguindo unha orde e formando un total de quince aliñamentos que cunha orientación E-W case perfecta (de 260º)  percorren o espazo que se estende pola parte alta da lomba onde se sitúa o Castrillón e no medio dun frondoso piñeiral.  O interior do recinto está libre de seixo e hoxe en día foi despexado de árbores, o que lle dá o aspecto dun grande cráter. Tampouco se aprecia restos de construción algunha. A presenza de tanto seixo na zona e colocado dun xeito intencionado coido que debería ser obxecto dunha análise detallada pois, como é ben sabido, o seixo non é unha pedra calqueira e na nosa tradición popular sempre se lle asociou un carácter apotropaico, e aínda hoxe é posible ver en moitas fachadas das casas tradicionais e dos alpendres unha pedra de  seixo con fin protector da edificación e dos seus moradores, por non falar das famosas pedras do raio ou da contrastada presenza de seixos —con carácter simbólico— nos xacementos arqueolóxicos dende o paleolítico.

Os expertos que estudaron o lugar non se poñen de acordo sobre o uso, orixe e función do Castrillón. Así que temos interpretacións para tódolos gustos. Felipe Arias identificou esta construción como unha estrutura de control viario de época romana. García Quintela fala da posible relación entre o Castrillón, o espazo do santuario de Pedra Fita e Lucus Augusti, incluso avanza a hipótese de que a estrutura de postes da Pedra Fita puidese ser un santuario adicado ós deus pancéltico Lug. Manuel Santos, quen fixo un estudo sobre a zona de Adai, non dá ningunha interpretación para o Castrillón pero comentar que as súas condicións de emprazamento e a altura da súa muralla de terra son pouco apropiadas para  a defensa, ademais o seu tamaño é moi reducido para albergar un castro polo que desconfía de que sexa un castro, tal e como está catalogado.

Iso mesmo foi o que pensei eu tan pronto estiven fronte a esta construción, a súa localización na lomba do monte en vez de na súa parte alta farían imposible unha defensa minimamente eficaz, pois con só pórse a 20 metros do recinto pola parte alta da lomba xa estariamos nun plano superior ó das murallas e con total visibilidade e dominio do interior do suposto castro. Isto, unido a ausencia doutros elementos defensivos de consistencia, agás o pequeno parapeto e o foxo, e o reducido tamaño do recinto  (20X20 m aproximadamente) fan que teñamos serias dúbidas, por non dicir descartar, de que o Castrillón puidese ser un castro, a menos que fose o castro dos pitufos.

Brincadeiras aparte, Manuel Gago, pola súa banda, di que lle lembra a algunha castronela altomedieval, pois coñécense castronelas en localizacións similares. A  min, que como todo fillo de veciño teño a miña propia opinión,  ó que me lembra é a un deses henges que adobían a campiña inglesa. Non digo que o Castrillón sexa un henge,  o que digo é que se asemella moito a esas construción megalíticas. Aínda que se botamos man da definición ou descrición física dun henge (segundo á web do English Heritage)  poderíamos dicir que o Castrillón é realmente un henge.

Henge: palabra inglesa para definir unha estrutura arquitectónica prehistórica de forma case circular ou ovalada, de máis de 20 metros de diámetro que consiste nunha escavación limitada por unha zanxa e un terraplén, cunha ou varias (2 ou catro, xeralmente) vías de acceso ó interior abertas no propio parapeto.

No tocante ó seu uso, dise que foron usualmente construídos no período neolítico e poderían ter relación con actos rituais e usos relixiosos —como monumentos cerimoniais—, lugares de encontro, centros de comercio e intercambio, areas sagradas ou un pouco de todo, como serían posteriormente os oenagh célticos. Obviamente, e a falta dunha escavación, este tipo de construción pola súa simple fisionomía poden ser facilmente confundidas con outro tipo de edificacións de épocas posteriores e de usos moi distintos, como curros, necrópoles, edificacións romanas ou medievais, etc, etc.

 

  Dowth henge

(Fonte: http://www.irishmegaliths.org.uk/meath.htm)

 

 Henge de Arbor Low

(Fonte: http://leisure.ezinemark.com/britain-from-the-air-best-aerial-photographs-773668ab5508.html)

Thornborough henge

Fonte:http://www.bbc.co.uk/england/sevenwonders/yorkshire/thorn_henge_mm/index.shtml

Farei un paréntese para comentar algo ó respecto. En Galicia temos mostras de case tódalas expresións construtivas do megalitismo, cítense: dolmens ou antas, menhires ou pedrafitas (por ducias no noso país, aínda que só se cite a lapa de Gargantáns como “auténtico menhir”), mámoas, túmulos, crómlechs ou círculos líticos (hoxe case desaparecidos). Pero non deixa de ser curioso que sendo uns dos posibles berces do megalitismo atlántico non apareza ningún henge, aínda que o feito de non ter sido atopado ningún non quere dicir que non existisen pois, en Galicia e en materia de prospección arqueolóxica, aínda hai moitísimo por facer, por dicilo dun xeito xeneroso. Así que postos a elucubrar, e a risco de cometer un deleito de herexía, eu digo que o Castrillón se me asemella a un henge, aínda que podería ser algún tipo de construción de control viario, como xa se dixo; un curro ou recinto para o gando ou, por suposto, unha estrutura para prácticas cerimoniais, ben relixiosas, ben políticas ou ámbalas dúas xuntas, como é o propio nas sociedades precapitalistas.

Sexa os Castrillón unha estructura defensiva, profana ou relixiosa, hai que ter en conta que a súa forma, dotada de fosos e parapetos, dende o punto de vista simbólico,  fálannos dunha concepción monumentalizada do monte. Son un signo de posesión, de apropiación física e simbólica do espazo. Sirven para diferencia-lo espazo propio do alleo, son construcións delimitadoras e creadoras de espazos propios e identitarios funcionando, asemande, para diferenciar estes novos espazos do caos da natureza adxacente.  Son, xa que logo, a expresión física e tanxible da separación entre o espazo humanizado e a natureza salvaxe e como tal tiñan un valor simbólico e, ás veces cenemonial e sacro, pois nos santuarios defínese o espazo sagrado respecto ó profano e existe sempre un terreo circunscrito de culto.

O Castrillón (Fonte:http://maps.google.com/)

O penedo con coviñas

Pero prosigámo-lo percorrido. O seguinte elemento reseñable, situado a un centenar de metros do Castrillón e en dirección nordeste,  é un grande penedo con dúas ringleiras de coviñas (oito e seis, respectivamente). Estas cazoletiñas, ó igual que o bloques de seixo,  están aliñadas nunha orientación E-W.

O templo da chaira da Pedra Fita

Deixamos este penedo á nosa esquerda e entramos no grande prado que fai de antesala ó outeiriño onde se atopa a estrutura máis singular de todas elas, o posible templo da Pedra Fita. Na parte baixa do outeiro e xa perto do límite co prado descubrimos baixo o manto de follas de piñeiro unha grande laxe de granito  duns 12 metros por 6 metros na que atopamos labrados unha serie de buratos para postes, canais que cicunvalan o espazo e no centro da laxe unha pía circular, de diámetro 26cm, que desauga noutra rectangular de 80cmX32cm.

Fronte a estas dúas pías ábrese unha especie de espazo semicircular, delimitado e rebaixado na pedra, duns 3.30 metros de ancho por 3 metros de longo.

A meirande parte dos buratos para postes aparecen comunicados por unha especie de canle ou rebaixe labrado na laxe. Entre cada dous buratos de poste existe un burato máis pequeno e menos profundo. Na miña opinión este suco serviría de basamento para un murete, posiblemente de materiais vexetais, tipo  parede de vimbias entrelazadas. Os buratos pequenos interpostes aloxarían estacas que darían maior consistencia ó peche. Non vexo pois, nesas canles ningún uso ritual senón un mero uso funcional como solución arquitectónica.

De tódolos xeitos, como opcións de partida poderíamos falar de tres posibilidades arquitectónicas para este edificio:

  • Un recinto navicular formado por 18 postes chantados na pedra, sen paredes e sen cuberta.
  • Un recinto pechado por muretes, cunha estrutura formada por 18 postes e cuberto por un teito, posiblemente a dúas os catro augas.
  • Un recinto navicular formado por unha estrutura de postes cuberta por un tellado e carente de paredes exteriores.

Pero existe unha cuarta posibilidade que, aínda que remota, debería ser contemplada, polo menos como unha hipótese máis de traballo. Esta é a posibilidade de que os buratos da nosa construción non fosen feitos para alberga-lo postes que sosteñen unha estrutura senón para fixar ídolos-poste de madeira. Isto podería xustifica-lo uso ritual que algúns atribúen as canles que conectan entre si gran parte dos buratos dos postes, pois estas supostas canles axudarían a distribuír por todo o perímetro do templo —onde ficarían os ídolos ou representación das deidades— as libracións e ofrendas líquidas que  se depositaran ou esparexeran sobre os troncos dos diferentes ídolos. Este tipo de representacións das deidades e de prácticas rituais está recollido sobre todo na Europa xermánica e tamén no mundo céltico polo que, a priori,  non se debería descarta-la probabilidade de que existira algo similar na Gallaecia.

Malia ó dito e como dixen antes, eu inclínome pola terceira opción, un templete pechado e cuberto cun tellado. A ausencia de buratos para postes centrais no interior do recinto fai pensar que a solución arquitectónica para a cobertura do edificio debeu ser un tellado a dúas ou catro augas. A ausencia de tella nos arredores, aínda que non concluinte, indica que esta cuberta —de ter existido—  estaría feita de materiais perecedoiros, ben vexetal (xesta, colmo, palla, etc) ou madeira.

Como ven, tan só temos especulacións pero iso é a base teórica para poder trazar unha hipótese de partida. Ademais, estes lugares parece que foron feitos para iso: para facernos pensar, para  esperta-la nosa imaxinación e a nosa fame espeulativa. É certo que a estrutura da Pedra Fita non ten parangón no rexistro arqueolóxico coñecido de Galicia, pero do que  temos moitas mostras similares é das pías que aparecen no interior do posible templo. Coñécense en Galicia varios santuarios que amosan pías rectangulares moi similares á de Adai. Quizais, un dos máis parecidos sexa a Pena Escrita, o altar de Vilar de Perdizes, situado nunha chaira ós pés do  monte Larouco.

Altar de Pedra Escrita.

(Fotografía: María Joao Correia Santos in «Santuarios rupestres no Ocidente da Hispania Indo-europeia: ensaio de tipologia e classificação)

Obsérvense as similitudes entre a pía ou lacus rectangular da construción de Adai e a de Vilar de Perdizes, no Larouco.

A similitude entre ámabalas dúas formacións estaríanos a falar de que nos haxamos ante unha estructura de uso similar, neste caso o altar ou pedra cerimonial dun sntuario, un santuario a ceo aberto no caso portugués e unha construción máis elaborada —probablemente un templo— no caso galego .

Deixamos o candidato a templo e nos adentramos no outeiro. A súa parte alta está coroada por grandes penedos que forman numerosos abrigos rochosos.

Moitos destes pelouros presentan grandes cazoletas froito da erosión. Foi nun destes abrigos onde atopei un interesante anaco de cerámica. En datas posteriores, un arqueólogo especialista en cerámica confirmaríame que o anaco atopado pertence a época medieval, o cal aínda me deixa máis perplexo. Seica nos anos 80 foron atopados, entre outros obxectos,  numerosos fragmentos de cerámica no prado da Pedra Fita.

Como conclusión reitero que, en canto á funcionalidade da peculiar estrutura de postes, a min non me cabe dúbida de que estamos ante un templo, un espazo sagrado e ritual, máis o tipo de prácticas relixiosas, a súa advocación –se é que a tiña—, a cronoloxía do seu uso e a súa datación é algo que a día de hoxe, e a falta de maiores estudos, descoñecemos.

O que si podemos facer é abri-lo noso diafragma, a nosa óptica de visión e ver se en Europa atopamos estruturas similares e cal era o seu uso. Unha ollada rápida revélanos a existencia de estruturas de postes de aparencia similar á de Adai, aínda que nesta quedaría por determina-lo seu uso e a cronoloxía para saber se corresponde aplica-lo método comparativo con rigor e fundamento ou simplemente estamos comparando formas similares pero fondos distintos. García Quintela e Santos Estévez citan varios templos que poderían corresponder a estruturas paralelas á da Pedra Fita.

O templo de Knockaulin en Irlanda, unha construción circular de troncos datada no século IV a.dC.

Reconstrución do santuario irlandés de  Knockaulin

O santuario francés de Gournay-sur-Aronde que sufriu varias modificación ó longo do tempo pero que inicialmente estaba formado por unha estructura de foso ovalado,  de tamaño similar á de Lugo, e rodeada por nove buratos circulares.

Reconstrución do santuario de Gournay-sur-Aronde no século III adC.

(Deseño de J.J. Brunaux) (Fonte: http://www.gournaysuraronde.com/histoire.html)

Plano xeral das estruturas do santuario de Gournay-sur-Aronde
(Deseño de J.J. Brunaux) (Fonte: http://www.gournaysuraronde.com/histoire.html)

 

O santuario de Le Donon en Alsacia, o de Libenice en Chequia ou o de Piavalle en Italtia son outros dos que citan estes historiadores como posibles paralelos –cando menos arquitectónicos— coa Pedra Fita. Eu engadirei tres exemplos máis. Dous datados na Idade do Bronce e outro na Idade do Ferro.

O primeiro deles é a Totenhouse ou templo mortuorio de Grünhof-Tesperhunde. Unha estrutura rectangular de postes e cuberta . a diferenza do templo de Adai que está realizado sobre unha laxe de granito, o alemán está feito sobre unha base feita con pedra e cachotería na que se realizaron os buratos para os postes. É interesante o feito de que hoxe en día ámbalas dúas construcións fican no linde dun bosque e a carón dun grande prado. Ademais, a arquitectura do templo mortuorio de Grünhof-Tesperhunde ben podería ser moi similar á que presentaba no seu día o da Pedra Fita de Adai.

Templo mortuorio de Grünhof-Tesperhunde

(Fonte: libro “Sociedade europeas en la Edad del Bronce”, de A.F. Harding. Debuxo orixinal do traballo de K. Kersten Das Totenhaus von Grünhof-Tesperhunde (1936))

Base de pedra cos buratos para os postes sobre a que se erixía o templo de Grünhof-Tesperhunde

(Fonte:http://www.fotocommunity.de)

Un segundo exemplo é o templete de postes atopado nunha zona pantanosa de Barger-Oosterveld.

Alicerces da estructura recangular de postes de Barger-Oosterveld

(Fonte: http://asserjournaal.nl)

Recreación do templete de Barger-Oosterveld

(Fotografía: http://www.lichtpunt.nl/nieuwspunt/drents-museum/)

O terceiro recinto cerimonial que podemos traer a colación é o recentemente descuberto en Noruega, refírome ó  templo pagán adicado a Odín da localidade de Ranheim. Un recinto que estivo en uso dende o século VI-V adC. ata o X dC., cando foi abandonado por mor da presión do cristianismo e das súas conversións forzosas.

(Fotografía: http://heathenpride-aladecuervo.blogspot.com.es)

 Este tipo de santuarios escandinavos adoitaban ter grandes recintos dotados dunha grande sala central chamada hof, e con frecuencia tamén posuía un pequeno edificio a xeito de capela, que é a estrutura rectangular de postes que se ve na fotografía. Nestes santuarios adoitaba representarse os antepasados e os deuses Odín, Thor e Frey en forma de rostros tallados en postes de madeira. Uns ídolos ós que se lles ofrecían sacrificios e se lles rendía culto dentro destes templetes ou capelas.

 

Recreación artística do santuario. Obsérvese o templo de postes, o altar sacrificial, a casa cerimonial e a avenida procesional. (Autor: Preben Rønne, Science Museum/NTNU]

(Fotografía: http://archaeologynewsnetwork.blogspot.de)

Por suposto, o achádego espertou o interese da comunidade científica e tivo ampla repercusión nos medios de comunicación. Segundo eles, é un santuario sen parangón en Noruega, tal e como podería se-lo da Pedra Fita en Galicia, pero para iso axudaría tamén ter unha Administración concienciada e involucrada coa protección do noso patrimonio e a investigación da nosa historia e unha Academia con ganas de saírse do guión de estudo do sota-cabalo e rei ou, o que é o mesmo, mámoa-petróglifo e castro se falamos do pau de ouros ou castrexo-romano e medieval se falamos do pau de espadas.

Quero aclarar que o motivo de citar todos estes templos non é facer unha comparación estrita e unha extrapolación entre o noso presunto templo de Adai e estes santuarios europeos, senón chama-la atención de que no rexistro arqueolóxico europeo, tanto da Idade do Bronce como da Idade do Ferro, constátase a existencia de espazos rituais e cerimoniais construídos ex profeso para o culto. A lóxica antropolóxica (tendo en conta os contextos históricos e culturais dos pobos da Europa do Bronce e do Ferro e o seu mundo simbólico e relixioso, moitas veces compartido)  lévamos a pensar que en Galicia deberon tamén existir construcións deste tipo, é dicir verdadeiros templos monumentais, máis alá dos santuarios naturais e das hierofanías en fragas ríos e montes.

Ben, deixémo-las comparación que sempre son perigosas cando non se fan dentro da mesma área cultural e do mesmo horizonte cronolóxico, e continuemos analizando o resto de elementos do noso particular “santuario”.

 

A pedrafita da Penela

O último elemento deste gran e complexo espazo simbólico localizámolo no límite nordeste deste pradairo de altura. Alí, a carón dun carreiro atopamos unha grande pedrafita, quizais a que deu o nome de Pedra Fita a toda esta contorna. O rústico menhir é un bloque de granito de 1.60 m de altura por algo máis de ancho, na súa parte baixa.

Ó redor da pedrafita aparecen outros grandes bloques de granito, incluso semella que a pedrafita estea aliñada con algunha destas rochas, feito que tamén  podería ser casual.

Por último, non quero finalizar este artigo sen facer mención a un par de topónimos da zona. O primeiro é ó topónimo da montaña onde se atopa o espazo simbólico que vimos de describir, a Pena do Rei, un nome máis que suxerinte tendo en conta todos os elementos que aparecen na súas lombas. O segundo é o de Lamaboa, nome dun regato que correo pola zona e dun espazo xeográfico entre a Pena do Rei e a Pedra Fita. A historiadora Blanca García Fernández-Albalat cando fala sobre os oenach célticos, e sobre as sete características que ten que cumprir un lugar para poder catalogalo como tal afirma que un oenach —lugar de reunión, festa e asemblea— isto é, un santuario sagrado do mundo celta ten que ser:

“Unha paisaxe considerada chan, e esta chaira soe vir expresada en termos mitolóxicos A asemblea debe ter lugar nunha chaira posto que a chaira é a imaxe da superficie do mar e conecta co mundo do alén. Por ese motivo prodúcese, en ocasións, unha desconexión entre a xeografía real e a mítica e dáse o caso de que se denomine lugar chan ou chaira a un terreo montañoso.[…] Os oenach estaban situados en medio dos grupos de poboación que reunían, é dicir, un lugar entre castros.”

Segundo a mesma investigadora, topónimos como Lama terían este significado de chan intermedio, de chaira sagrada, do que se podería deducir que o topónimo Lamaboa podería evocar a ese antigo santuario. Por suposto, o topónimo Lama —no sentido latino de lodo— en galego tamén pode facer referencia a terreo enchoupado.

Chegamos ó final con máis interrogantes aínda das que tiñamos ó principio. Son tódolos elementos deste espazo da mesma cronoloxía, ou estamos ante un totum revolutum de restos megalíticos, da Idade do Bronce, do Ferro ou incluso medievais? Son, como intúe García Quintela, os distintos petróglifos que atopamos pola contorna marcas delimitadoras dun santuario ou indicadores da ancestral rota que conduce a el ou estamos ante elementos inconexos entre si? É o Castrillón un antigo lugar de congregación, un espazo cerimonial como aparecen noutros lugares da Europa céltica atlántica e que tan ben ten estudado Blanca García-Albalat ou André Pena ou é unha construción militar ou un simple curro? É a estrutura de postes un antigo templo galaico? Estamos ante o noso particular  Entremont ou Roquepertuse? E o máis interesante, se é un santuario canto tempo estivo en activo, que ritos se celebraron alí e a que deidades se lles rendeu culto?

Queda o reto lanzado, agora cómpre ós especialistas intentar dilucidar todas estas incógnitas e moitas outras que de certo xurdirán ante a contemplación e o estudo do santuario de Adai. Eu, pola miña banda, irei traballando a miña teoría.

Como poden ver, atopámonos ante un dos espazos construídos máis interesantes e enigmáticos de canto resto arqueolóxico temos en Galicia. Quizais por iso, e por que estamos no país que estamos, ata hoxe en día non foi obxecto de estudo, prospección e investigación profunda, máis alá dalgúns interesantes —pero loxicamente limitados—traballos  interpretativos feitos en base á observación superficial dos diferentes elementos e ó método comparativo.

Sería desexable pois, un estudo profundo e urxente, unha investigación arqueolóxica seria, multidisciplinar e pilotada por espertos en relixión galaica e en santuarios. Só así se podería dar luz sobre o que hoxe é un misterio. Un máis dos centos de misterios que alberga a nosa arqueoloxía e o noso pasado. O enigmático templo perdido da Pedra Fita e o seu círculo —ou henge— misterioso.  Non dirán que non temos unha terra fascinate….

7 Respostas

  1. Parabéns Rafa. Bom trabalho.

  2. Paréceme un traballo ben documentado, Rafa. Presentas diversas hipóteses moi razonabeis.

    • Moitas grazas Carlos. A verdade é que o lugar é fascinante e merecedor dun estudo en profundidade.

  3. coma xa dixen no blog capiltulo 0,o nome dos pobos orbazai e adai ,poderian derivar de eochaid all athair,que fan referencia a gada,ou dagda ,deus bo fillo de cal-leach,deusa nai,visto que os 18 buratos de postes na canteria fan a forma feminina,esto faime que pense nun santuario a esta deidade (o fillo da nai) e ademais de santuario,lugar para dar a luz ca protección deste deus,a hipotesis ten moitisimo sentido,na toponimia galega o orixe gaelico e case tan abundante coma o latín,e os toponimos que derivan de deuses moi comúns,isto comprobeino eu asi coma a hipotesis e miña,non fun ver en persoa o lugar pero non me queda ningunha dúbida,pero si vexo os megalitos,que hai nos arredores do meu pobo ,incluso dentro,e plantexo unha cousa,leo e oio que estes santuarios que agora si se estudan estan lonxe das zonas habitadas ,non é asi polo menos en todos os casos,porque non e lonxe santuarios a 40 metros de mamoas eso si o paso do regato dunha fonte polo medio,e destes megalitos ao castro(100 metros do pobo)uns 300 metros eso si unha fonte dentro do castro no lado norte que a orientación do lugar dos megalitos,e o regato baixa cara o oeste.o castro non esta excavado e creo que so hai catalogada unha mamoa,pero estan ahi.
    por se serve de información ou de comparación con outros lugares.

  4. Moitas grazas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: