XA ESTÁ NA RÚA “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”

É para min unha grande satisfacción anunciar que xa está na rúa o anuario “Fol de Veleno”. Unha publicación da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) que dá continuidade a aquel modesto proxecto editorial que parín hai xa seis anos e polo que levo loitando todos este tempo. Con este anuario de antropoloxía e historia inauguramos unha nova etapa na cabeceira Fol de Veleno, e ábrese un horizonte renovado, cheo de proxectos, esperanzas e ilusións que, con traballo e a inestimable axuda e apoio da SAGA, estou certo de que poderemos sacar adiante.
Achego o sumario de artigos e o texto da editorial que abre este número de “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”

EDITORIAL

Cada vez que empezamos un novo proxecto, ou que abrimos unha nova etapa nunha aventura editorial como é publicar unha revista de antropoloxía e historia cómpre facer balance do feito. Cómpre mira-lo pasado, cos pés no presente e a vista no futuro, para saber de onde se ven e onde se quere ir. Para corrixir erros e tentar ir mellorando día a día ata acada-la meta e os propósitos que nos marcamos cando nos lanzamos a esta empresa fascinante pero arriscada. Co paso dos anos un vai aprendendo dos erros e da inexperiencia pero, inevitablemente, tamén vai cometendo novos erros. Velaí a dinámica da aprendizaxe e da mellora continua. Mais, por sorte, os anos tamén van dando novos compañeiros de viaxe, novos folgos e ideas e, asemade, tamén van consolidando fieis apoios e vellas amizades e colaboradores. Así que hoxe é para min unha grande satisfacción inaugurar con este número de Fol de Veleno unha nova etapa desta modesta pero sempre dinámica cabeceira

O anuario “FOL DE VELENO” que hoxe teñen nas súas mans ten a súa orixe na publicación “Fol de Veleno”, un fanzine cultural e de opinión creado e editado polo que aquí escribe aló polo ano 2006. Aquel modesto fanzine que naceu co ánimo de dar a coñecer, dun xeito ameno e asequible, ós distintos aspectos da cultura popular galega, así como de ser un foro libre para a crítica social, foi retomado no ano 2010 polo Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca para transformalo nunha revista de historia e etnografía, o que daría lugar a “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”, cuxo primeiro número saíu á rúa en outubro do 2010. Velaí o pasado, vexamos agora o presente. No ano 2011 a Sociedade Antropolóxica Galega recolle o legado deste proxecto editorial e decide facerse cargo da edición, financiamento e publicación de FOL DE VELENO, mellorando o seu formato, a súa extensión e os seus contidos para reconvertelo no anuario que hoxe presentamos.

“FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza” é un espazo libre e de calidade onde especialistas da etnografía, da arqueoloxía, da historia e da antropoloxía galega poidan expo-las súas achegas e as súas investigacións. Ademais ofrece ós novos investigadores que traballan no eido da descuberta e da recuperación da nosa cultura popular e da nosa historia unha canle onde publica-los seus traballos. FOL DE VELENO tamén está aberto ás achegas doutros investigadores de fóra de Galicia e a traballos alleos ó ámbito galego pero que pola súa temática poidan ser de interese para os nosos lectores. Este é pois o futuro, e poden estar ben certos de que os que hoxe compoñemos o equipo editorial desta publicación loitaremos e traballaremos a reo, como ata agora viñemos facendo, para que esta nova etapa deste vello proxecto sexa o máis frutífera posible e cumpra e satisfaga tódalas expectativas que vostedes, amigos lectores, teñen depositadas nela. Non lles roubo máis tempo, pasen páxina pois, e mergúllense sen máis demora na descuberta dos interesantes artigos que lles agardan en “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”.

Rafael Quintía

Advertisements

5 Respostas

  1. […] Temos por diante nestes vindeiros días a lectura das 130 páxinas das que consta a segunda entrega do Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza “Fol de veleno”, editado pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Cómpre saudar a recente saída do prelo desta publicación que dirixe Rafael Quintía, compañeiro de DEFENDE O MONTE PITUCO na comisión técnica do proxecto para a posta en marcha do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Colaboran neste número diversos profesionais da arqueoloxía, da historia, da conservación do medio natural, da antropoloxía sociocultural e forense, da socioloxía, da docencia, especialistas en etnografía e mitoloxía, investigadores. Un elenco ben interesante, achegando artigos ben interesantes, tal e como consta no sumario que atopamos no blogue do director, Á sombra de Bouza Panda. […]

  2. Onde se pode mercar a revista?

    • Está a venda en en librerías de varias cidades de Galicia. Por exemplo, en Pontevedra está nas librerías Michelena, Follas Verdes, D-lectum, Pueblo, Paz e librería Green entre outras. Si me dis en que cidade queres mercalo podo dicirche a librería en concreto. Tamén o podes mercar directamente a través do blog ou da web da Sociedade Antropolóxica Galega, mandando un email ós correos que figuran nas webs.

  3. Vivo en Santiago, por certo intentei entrar na web da SAG e o antivirus detectoume dous virus moi malignos, bloqueoume a entrada na páxina, deberiades ver iso.
    Unha aperta e parabens polo voso traballo

    • En Santiago te-lo anuario á venda na librería Couceiro. respecto ó da web, é algo raro, nunca tivemos problemas dese tipo. Un saúdo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: