PRESENTACIÓN DO LIBRO “POEMARIO DO GAFOS”

Esta tarde, a asociación Vaipolorío -colectivo responsable, entre outros moitos méritos,  de que hoxe tódolos pontevedreses podamos gozar dun espazo natural recuperado e limpo e como é o do río dos Gafos- presentou o libro “PoemaRio do Gafos”. Unha obra colectiva promovida por esta asociación e na que tiven a sorte de participar con dous traballos: un relato e un artigo de crónica histórica.

Os amigos de Vaipolorío convidáronme a que fixera lectura, no acto de presentación,  dunha das miñas achegas incluídas neste libro, así que aquí vos deixo o texto do relato que lin esta tarde á sombra dos carballos da ribeira do Gafos. Cero estou de que non imaxino mellor lugar que o Gafos para presentar un libro como este, nin mellor compaña que as xentes de Vaipolorío e os seu amigos.

 

Fotografías cortesía de Antonio Vázquez

“Pataca miúda”

 Afundiu os pés nus na terra morna dun sol que polo Santiago quentara todo o día. Como cada ano tocaba apaña-las patacas na veiga do río e a ela gustáballe senti-las cóxegas da terra ó pasarlle entre as dedas cando calcaba forte os seus pequenos pés contra o chan. Era o que máis lle gustaba de sacha-las patacas. Iso e a empanada de bacallau con pasas que facía a súa avoa para a merenda da xornaleira que lles axudaba no campo dende que morrera o avó aquel frío inverno no que o rachador fora visto nos campos da Cancela.

Correr descalza pola terra recén cavada e despois meter eses pés morriñentos na auga fresca do río Tomeza e agardar sentada nas rochas a que unha troita lle belisque as dedas ou a que a súa nai a chame a berros cando vexa que tarda moito en volver. A súa nai sempre lle dicía: saca os pés desa auga fría que che vai facer dano e pasa para a casa  a lavarte no bidé. O do bidé tamén tiña o seu, sentaba naquela banqueta de madeira que fixera o seu avó, somerxía os pés na auga quente mentres refregaba co xabrón e despois deixaba  corre-la auga marrón polo sumidoiro, deixando un cerco de terra no branco sanitario e no seu inxenuo corazón.

A onde ía a auga con tanta présa? Como podía correr tanto sen non tiña pés coma ela? Sempre lle chamou a atención ver corre-la auga por iso adoitaba acompaña-la súa avoa cando baixaba ó río Tomeza a torna-la auga para rega-la veiga. Púñase ó seu carón e axudábaa a abri-la portela da presa, a auga corría entón axiña por aquela vella canle de pedra e ela aproveitaba para botar a navegar un improvisado barquiño feito con cortiza de piñeiro e arborado cun garabullo e unha folla de loureiro.

A ela aínda non lle deixaban manexa-lo legón. Era demasiado pequena e estragaba as patacas. Ademais a ela o que lle gustaba era andar coma un sarillo correndo polo medio da xente e remexendo coas mans naquela terra vella que se metía nas unllas e na alma. O dela era remexer na procura daquel milagre matafames e de miñocas que despois lle daba ó seu pai para ir pescar ó río. Remexer e enche-los capachos que o seu irmán levaba a costas por aquela veiga arriba para botalas na barra que había no baixo da casa.

Tamén era a encargada de se subir  á barra e estira-las patacas para que non podrecesen. Era a máis pequena, pitiño chamáballe a súa avoa,  e gapeaba por  aquela escada estreita de chanzos de madeira coma se fose un esquío. Á súa nai dábanlle noxo os ratos e non subía, pero a ela tanto lle tiña. Os ratos non facían dano, o único perigo que tiñan é que che levasen un dente de leite cando che caía. Por iso a avoa sempre os gardaba nun tarriño de cristal cando a ela lle caía algún.  Así que, sentaba alí arriba,  estendía os capachos que os homes lle subían, atenta, como lle dicía o seu pai,  a non bater coa testa na placa ó erguerse.

Cando atopaba unha con becho botábaa nun cesto e igual facía  coas que estaban cortadas, que había que comer  antes de que se perdesen. Se quedaban patacas revellas do ano pasado, desas engurradas e cheas de ollos, había que guinda-las abaixo para non mesturalas coas novas.

No supermercado da vila vendíanas conxeladas. En bolsiñas de plástico con moitos debuxos e cores. Patacas que xa viñan peladas e cortadas todas da mesma forma. Pero non sabían igual. Un día probounas cando a convidou a comer  unha compañeira da escola. A nai de Vanesa dicía que así era moito máis doado e non se perdía tanto tempo. Pero ela sospeitaba que se non se perdía tempo sería porque se perdían outras cousas. Ademais esas patacas non servían para facer cachelos, nin podía facer monecos unindo con pauciños as patacas máis redondiñas e pequenas. E por suposto, o cocho botaría en falla as súas mondas na lavadura.

Non, definitivamente aquelas patacas non servían para moito e incluso tiña dúbidas de que realmente fosen patacas. Igual eran o que o seu mestre chamaba tubérculo e que tanto lles facía rir cando o repetían separando as sílabas da palabra: tu-ber-culo. A quen se lle ocorrería chamarlle así a unha pataca.

A súa nai sempre berraba coa súa avoa e dicíalle que non había necesidade de andar coma escravos a sachar e carrexar nas patacas. Que agora custaban dous pesos e que ó final gastaban máis botándoas que mercándoas. Pero a súa avoa non entendía de economía. Ela só entendía dos minguantes da lúa, da sementeira, dos santos e de concas e ferrados. E como dicía a avoa, vas comparar ti patacas como as da casa, ademais eles non lle botaban química ningunha. Así que cada ano, por non aturala, volvían bota-las patacas naquela leira de catro concas que cando o inverno viña mollado e o río Tomeza xeneroso ficaba asolagada baixo dous palmos de auga.

Pero a ela non lle gustaba velas ás dúas así, alporizadas discutindo mentres o seu irmán rosmaba por detrás, repetindo que estaba farto de cargar capachos coma un burro.  Non, a ela non lle gustaba velas berrar porque sabía que o día que a avoa deixase de falar non se botarían patacas na veiga do río nunca máis,  e ela xa non podería volver  senti-la terra morna e recén sachada nos seus pés espidos, non podería mete-los seus pés na auga do río e move-las dedas coma pequenos vermes a espera dunha troita famenta. E o que era máis grave, non podería volver remexer coas mans naquela terra escura, naquela terra fértil na que un día atopou unha vella moeda de cobre que perdera a moura do pozo do río, ou cando menos iso lle contara a súa avoa.

Por Rafael Quintía Pereira

Relato incluído no libro “PoemaRio do Gafos”

LIGAZÓN DO VIDEO EN PONTEVEDRA TV:
http://video.ponte.tv/pontetv.php?url=2012/06/01/20120530-poesia_gafos
Os Gafos xa ten o seu Poema-río en Ponte.tv

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: