• BENVIDOS Ó BLOG DE RAFA QUINTÍA

  • SOBRE O AUTOR

  • © Fotografías blog: Rafa Quintía

  • MARIÑA: DE DEUSA A SANTA

  • MONTE DAS CROAS: ANTROPOLOXÍA DUN CASTRO

  • ANÁLISE ESTRUTURAL E SIMBÓLICA DO MITO DA MOURA

  • LA HISTORIA DE GALICIA EN 50 LUGARES

  • USO SIMBÓLICO DO CUARZO NA CULTURA GALEGA. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos

  • PATRIMONIO INMATERIAL DE SAN MARTIÑO DE SALCEDO

  • ALICORNIO. O PODER DO CORNO DE UNICORNIO NA MEDICINA TRADICIONAL GALEGA

  • A NOSA SEÑORA DA LANZADA. Estudio antropológico de un santuario costero.

  • PARA CANTAR VEÑO EU! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos

  • DE VELLO, GAITEIRO! Biografía do grupo de música tradicional Os Chichisos

  • DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO. Unha proposta interpretativa en clave céltica.

  • Á SOMBRA DE BOUZA PANDA. Poemario de trincheira e maldizer

  • MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA.

  • Documental “SETE CAMIÑOS. ENCRUCILLADA DO TEMPO”

  • Documental “COMUNEIROS. Cen anos de vida e loita polo monte de Salcedo”

  • Documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica”.

  • Curtametraxe documental “NOITE DE REIS COS CHICHISOS”

  • A PEDRA DO FUNDAMENTO

  • “FEITO NA CASA”

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº6

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº5

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº4

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº3

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº2

  • “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”. Nº1

  • ALBIÓN GALAICA

  • “GALICIA ENCANTADA: O país das mil e unha marabillas”

  • “OS MOUROS E AS MOURAS: MÁXICOS ENIGMÁTICOS DA MITOLOXÍA POPULAR”. Actas das V Xornadas de literartura de tradición oral.

  • POEMARIO DOS GAFOS. Obra colectiva.

  • CATÁLOGO-GUÍA do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

  • AS PONTES DE PONTEVEDRA. Libro da exposición do mesmo nome. (Obra colectiva)

  • ATAS DAS JORNADAS DA LITERATURA GALAICO-PORTUGUESA 2012-2014

  • ACTAS DAS II XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ACTAS DAS I XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ENTRADAS POR ORDE CRONOLÓXICA

  • CONTADOR

    • 115,032 hits
  • Follow Á Sombra de Bouza Panda on WordPress.com

AS PEDRAFITAS GALEGAS E O SEU USO ASTRONÓMICO

Colosal pedrafita do Chan da Parafita. Monte da Fracha 

En “Fol de Veleno. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza” vimos de publicar un interesante artigo de Alberte Alonso Fernández sobre as pedrafitas en Galicia. Alberte, quen leva anos estudando estes megalitos na nosa terra, preséntamos neste artigo unha breve visión sobre o descoñecido mundo das pedrafitas galegas, facendo fincapé no seu uso e reutilización ó longo do tempo,  así como na importancia que estes megálitos tiveron no devir social, cultural, relixioso e simbólico de Galicia. O investigador achega, asemade, unha proposta de clasificación destas pedrafitas e avanza —é aí o interesante do seu traballo— un estudo das funcionalidades que puideron ter no pasado, entre elas o seu posible uso astronómico.Este domingo La Voz de Galicia facíase eco dos traballos de Alberte Alonso e publicaba un extenso artigo sobre o tema.

É curioso, e triste ó mesmo tempo, o pouco estudadas que foron as ducias de pedrafitas que atopamos espalladas por todo o noso territorio. Por desgraza, a día de hoxe aínda se pode ler en moitas obras divulgativas, coma se se tratase dun mantra ou salmo aprendido e mil veces repetido,   a idea desfasada e infundada de que en Galicia case non hai menhires ou pedrafitas, agás a famosa Lapa de Gargantáns. Pero baste un pouco de traballo de campo, un paseo polas nosas parroquias e unha ollada á toponimia da nosa xeografía (onde abundan nomes como pedrafita, pedralonga, pedra alta, o marco, etc) para decatarse do erróneo da crenza.

O feito de que moitas das nosas pedrafitas tiveses sido reutilizadas como marcos de termo -e así continúan na actualidade-   non debería xustificar que xa non se cataloguen ou consideren como auténticas pedrafitas pois, por esa mesma regra de tres, as mámoas -amplamente usadas como fitos demarcatorios na Idade Media- pasarían a ser marcos e non túmulos megalíticos.   Malia ó paso dos séculos, o abandono dos montes, a reutilización destes megálitos e a destrución do noso patrimonio, Galicia segue sendo unha terra rica en pedrafitas. Para ver algúns exemplos recomendo le-lo artigo publicado en Fol de Veleno ou unha ollada á interesante web  http://onosopatrimonio.blogspot.com.es/.

Pois ben, a hipótese que baralla Alberte Alonso sobre o posible uso astronómico dalgunhas das nosas pedrafitas non só non é unha hipótese sen sentido senón que é unha das máis manexadas no ámbito do estudo do megalitismo fóra de Galicia. Arqueólogos e prestixiosos investigadores de países tan variados como Portugal, Inglaterra, Escocia, Bretaña, Exipto ou a descoñecida Armenia veñen publicando as súas conclusións sobre o estudo de moitas pedrafitas e crómlechs e non deixan lugar a dúbidas de que algúns destes monumentos prehistóricos tiveron un uso astronómico. Son ben coñecidos os traballos realizados neste senso sobre o famoso círculo megalítico de Stonehenge (do que hai interpretacións para tódolos gustos), pero o mesmo uso astronómico se lle atribúen a outros  monumentos menos coñecidos como poden se-los círculos líticos de Nabta Playa, no deserto nubio de Exipto; o crómlech dos Almendres en Évora, Portugal; o  círculo  lítico  da  Illa  de  Lewis,   en  Escocia; o santuario de Sternsteine, na Westfalia alamana; ou os megálitos armenios de Carahunge, por citar algúns exemplos.

De feito, a UNESCO na súa 34 reunión do Comité de Patrimonio Mundial aprobou e definiu o procedemento para que os lugares de interese astronómico poidan declarase patrimonio da humanidade. Entre eles estarían algúns destes megálitos de función astronómica. O propio responsable do grupo de traballo sobre Astronomía e Patrimonio da Unión Internacional de Astronomía e editor do estudo, Clive Ruggles, sinala que a Astronomía é unha parte clave dentro do patrimonio cultural e natural do ser humano, e recoñecer este extremo de forma oficial permitirá identificar e clarifica-lo valor astronómico no contexto da Convención de Patrimonio Mundial.

Pena de Rodas. Outeiro de Rei

Á hora de abordar o uso astronómico de construcións e monumentos da antigüidade non debemos esquecer que a astronomía foi motor relixioso das culturas de tódolos pobos antigos. Hai arqueólogos e antropólogos que pensan que nalgunhas das pinturas rupestres e nalgúns petróglifos xa se poden rastrexa-las primeiras manifestacións astrolóxicas e/ou astronómicas (pois nun principio ámbolos dous campos non estaban disociados). Os movementos do Sol no horizonte, as fases e posicións da Lúa e o comportamento das estrelas e constelacións da cúpula celeste foron obxecto de observación e estudo. A relación dos homes coas estrelas débese en parte á inquedanza que producían certos fenómenos astronómicos como a Vía Láctea, así como ó uso das estrelas como calendario agrícola e gandeiro e como mapa ou compás para orientarse nas viaxes que emprendían, xa fose por terra ou por mar. A bóveda celeste foi a ferramenta usada xa dende o neolítico para defini-lo calendario que lles indicaba a estes pobos cando sementar, cando recolle-la colleita, o tempo de aparea-lo gando e outras datas importantes no ciclo agrario. Isto fai da astronomía a ciencia máis antiga da humanidade.

Pedrafita do Monte Lourado reutilizada como marco parroquial 

Os primeiros poboadores observaron que os ocasos polo oeste trala desaparición do Sol e os ortos polo leste de determinadas constelacións nos amenceres de determinadas datas do ano eran coincidentes con certos fenómenos. O mesmo ocorría cos ortos matutinos de certas constelacións en días concretos do ano.  Entón decidiron asociar estas situacións estelares con precisos fenómenos naturais que a súa observación demostraba que se presentaban de forma ordenada e cíclica ó longo do ano. Feitas estas asociacións entre constelacións, posicións dos astros e fenómenos naturais e climáticos era doado, tan só mirando o ceo ó amencer e ó solpor, saber en que momento do ano se atopaban, que tipo de cambio meteorolóxico se aveciñaba e cales eran os labores agrarios ou actividades sociais que tocaban.

A construción de monumentos megalíticos con fins astronómicos que facilitasen estas observacións é un feito contrastable e indiscutible polo que non pode ser descartado a priori que en Galicia tamén se dese. Despois viría a relixión institucionalizada e os períodos críticos deses ciclos astronómicos, como os solsticios e equinoccios, acabarían sendo resaltados no calendario anual con festas e celebracións. As mesmas festividades agrícolas que miles de anos despois —como fixeran antes tódalas grandes relixións e credos— a Igrexa asimilará, reutilizaría e cristianizaría baixo a advocación de virxes e santos.

Monte da San Cibrao. Ourense

En conclusión, xunto a posibles usos simbólicos das pedrafitas como monumentos delimitadores do territorio dunha comunidades; xunto ó posible valor relixioso como símbolo fálico, representación da potencia divina, pilar cósmico, etc, etc; fronte ó posible carácter funerario dalgúns destes monumentos hai que engadir outra hipótese de traballo: a hipótese astronómica. Outra posible interpretación e funcionalidade sobre a que investigar e avanzar para un día chegar a desentrañar o misterio que agochan estes megálitos. Quen sabe, é posible que teñamos en Galicia o noso particular e  milenario calendario astronómico e aínda non nos teñamos decatado. Cousa peores se viron…

O autor fronte ó monumental Marco do Vento, a pedrafita do Seixo 

Advertisements

3 Respostas

  1. estou de acordo total,penso que construian(os nosos devanceiros)a medida que ian comprendendo ou intuindo certas cousas,ou sabendo)o que nos rodea .entón terian que contruir con utilidade para eles pero con un sentido(natureza)entón posicionarian cada elemento(construccións funerarias,astroloxicas,santuarios,elementos masculinos,femeninos,territoriais,calendarios astronomicos)segundo aos deuses(sol,terra,planetas,ben ,mal,femenino,masculino,)pero sobre todo na deusa dentro da que vivimos terra e próxima lúa ,e masculino sol,(posicionamento según os outeiros,montes,vales+posicionamento según estacións+segundo fontes rios,fontes,illas,mar+segundo sensación que lle provocaban os lugares).faleiche (comentario pedrafita de adai) da hipotese etc,cando encontrei estes megalitos etc,collin un mapa topográfico e doume por trazar un circulo dende un punto alto unha cima,do monte castelo a sua circunferencia ia dar o alto do chamberín,,trazei outro ca mesma circunferencia e foi dar o alto de monte torán,pensei que cousas ten a natureza estan a mesma distancia e ademais o chamberín e monte torán teñen case ou a mesma altura según mapas topograficos,pero mais sorprendente foi que os megalitos e mamoas que nomeei,mais outros algún catalogado coma(o dolmen de pedra vixia,que hai mais ca un dolmen +o achadego do valonco no meio do paso da autopista da costa(ou da non autopista) son decenas estan xusto ou a pouquiños metros por donde pasan a circunferencia trazada no mapa topográfico,e tamén 3 fontes(naturais)a fonte de san cristobo(ao lado da igrexa parroquial,)nomeo esta porque parezeme que ten moita importancia ,e esta pretisimo do castro (que o deberon catalogar porque teño entendido que nas excavacións das autopistas vai un arqueologo,e estaba marcado por dentro da finca donde esta o castro e desviaron por fora ademais deberon de ver a estructua da fonte por que excavaron xusto por foraata a primeira pedra superposta,enriba do regato (subterraneo)antes de sair a auga a luz,non seise viron a planta circular,e os desniveis e chans que fai o terreo mais abaixo(non estou a falar do valonco senón doutro,).
    pois ben ,case no alto do castelo hai coma un val entre o monte castelo e outro pico un pouco mais baixo ,a corte das cabras,no castelo os megalitos son piramidais de estructura moi ben feitos dan un pouco de respeto sempre que vou estou pouco tempo os que hai arredores da corte das cabras son como mais pequenos apuntan menos ao ceo ata nalgun hai coma uves,nese val no pe dos dous alteiros,hai unha pequena pedra(partida ,por plantar eucaliptos a tenaza dun tractor rompeuna ,pero coas mans ainda se xunta)pois esta pequena pedra tallarona ca forma do pico da corte das cabras no cal hai ceramica(restos)ademais preguntando aos vellos viron a ceramica tamén.a donde quero chegar,trazei outro circulo no mapa topografico,entón no mapa topografico queda un espazo que fai como un cacho de lúa deitada ao sur dos montes,neste cachiño entraria un cachiño do pobo,pero estaria dito castro,pero ainda hai mais ,este castro dixose sempre que habia un muiño vello ademais de que a fonte non deixaron´que se encanase para as casas por ser (unha fonte moi moi antiga)pero o muiño?claro(alguén viu as duas pedras do muiño castrexo; introducido polos púnicos teño entendido),son duas cousas que indican perfectamente o que é ademais da estructura da fonte a planta circular e os desniveis non naturais do terreo,seguindo e desplazandose cara o leste subindo o alto do chamberín e logo baixando ,xusto antes de chegar a cacharosa(lugar do pobo)atopeime cunha finca na que hai unha casa derruida que fai coma un pequeno alto ten ,un balado alto pero apreciase como por debaixo hai unha estructura mais pequena non se aprecia moi ben hai eucaliptos,acivros ,loureiros reais,e maleza pero o terreo fai estranos ,pero tiven a mesma sensación que no outro castro(cando inda non sabia o que era)cadra que esta nese semicirculiño,e cadra que preguntei,se antes habia algo ahi,e contestaronme;disque debaixo habia uns balados ou unha igrexa antiga,pareceme que antigamente viviu un cura.a intuición (penso)que é correcta ,hai outro castro,saúdos.

  2. Ata non hai moito, a desculpa para non adscribir a meirande parte das pedrafitas galegas a época prehistórica era a ausencia de gravuras, considerándoas só como marcos. Mais, como podemos comprobar hoxe en día, infinidade de pedras chantadas, moitas con gravados, nada teñen que ver con marcos divisorios. Tampouco podemos obviar que un bo número delas están situadas en necrópoles megalíticas.
    Dende aquí quero enviar os meus máis sinceiros parabéns a esta amena web que acotío me sorprende con artigos interesantísimos, e tamén ao amigo Alberte Alonso, persoa, segundo a miña opinión, que más ten traballado (e traballa) para que coñezamos un pouco máis o enigmático mundo das pedrafitas.

    Un saúdo.

    • Moitas grazas Xabier polas túas palabras. Eu tamén son da túa opinión respecto ás pedrafitas e, como non, ó interesantísimo traballo de Alberte Alonso. Parabéns pola web de O Noso Patrimonio, estades a facer un labor de inventariado fantástico.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: