A GUERRA DA INDEPENDENCIA EN PONTEVEDRA E O RÍO DOS GAFOS COMO TESTEMUÑA DUNHA LOITA HEROICA

TEXTO INCLUÍDO NO LIBRO: “POEMARIO DO GAFOS”

O RÍO DOS GAFOS,  

TESTEMUÑA DUNHA LOITA HEROICA

O río que os de Salcedo chamamos “Tomeza” e os da vila chaman “dos Gafos”, “de Campolongo”, “Gorgullón” e moitos nomes máis, foi testemuño privilexiado e actor dun dos episodios máis sanguentos da nosa historia recente, refírome á Guerra da Independencia e ás loitas guerrilleiras que en torno á nosa vila tiveron lugar hai apenas douscentos anos. Pero vaiamos por partes.

En xaneiro de 1809 as tropas francesas entran en Galicia. Coa batalla de Elviña  —16 de xaneiro— ábrese o tempo de loitas, resistencia, guerrilla e fustrigamento constante ao que os franceses foron sometidos nos poucos meses que estiveron no noso territorio.  O 21 de xaneiro os franceses preséntanse en Pontevedra, establécense na nosa cidade e comezan as extorsións e as requisas de alimentos nas aldeas veciñas. Co obxecto de controlar o territorio, os franceses despregan destacamentos na contorna de Pontevedra: na Serra da Fracha, entre as parroquias de Santa María de Tourón, San Martiño de Xustáns e Santiago de Taboadelo, na reitoral de Borela, San Xurxo de Sacos e Tenorio.

Pouco tempo fixo falla para que o pobo comezase a organizarse contra o invasor e contra os seus roubos e abusos. A primeira mostra de desobediencia dos nosos paisanos fronte ao invasor foi negarse a cumprir a orde de entregar as armas de fogo  e negarse tamén a entregarlles alimentos ás tropas ocupantes. O 19 de febreiro o tenso clima estoupa e os veciños de Cotobade levántanse en armas contra o destacamento galo que ocupa a reitoral de San Xurxo de Sacos. Os franceses intentan vingarse pero espállase rapidamente o exemplo e os levantamentos e a formación de alarmas —grupos de guerrilleiros resistentes que loitan contra os franceses—corren como a pólvora. Nos seguintes días os veciños de Montes, Quireza, Baños de Cuntis, Campo e Fragas, Peñaflor, Caldas de Reis, Cambados, Vilagarcía, Sanxenxo, Cangas, Marín e toda a península do Morrazo  collen as armas contra o exército galo.

As autoridades locais coa axuda das alarmas e dos guerrilleiros optan pór cerco a Pontevedra coa intención de liberala do xugo francés. Os xefes das alarmas de Cotobade, Montes e Caldevergazo deciden atacar, conxuntamente coas do Morrazo, a guarnición francesa de Pontevedra o 28 de febreiro. Os franceses, auxiliados polas tropas que xa ían camiño de Tui e que deron volta,  conseguen repeler o ataque causando trinta e nove baixas entre os heroicos guerrilleiros que se ven obrigados a retirarse momentaneamente. Así se daba conta do sucedido naqueles tempos de guerra:

 Con el ánimo decidido de vengarse, y acabar con tal canallada, al instante se formó un cerco, a saber: por el levante, desde la altura de la Canicouba a la de Berducido y Portela; por el poniente desde la Barca de Poyo, hasta las inmediaciones de Curro; y por el mediodía desde Marín de arriba hasta Campolongo.

Monumento ós Heroes de Pontesampaio. Pontevedra

Tras o intento falido de tomar Pontevedra, as partidas do Morrazo teñen que retirarse aos montes de Salcedo e Lourizán e establecen alí postos de vixilancia para avisar a todo o Morrazo en caso de ataque dos franceses. E así,  apostados nos nosos cumios e fornecidos de municións polas fragatas inglesas Venus e Libeli, atracadas no porto de Marín, organizan a reconquista da vila de Pontevedra.

O cinco de marzo os guerrilleiros das parroquias de Salcedo e Lourizán e as alarmas do Morrazo volven atacar Pontevedra ao mesmo tempo que o facían, pola ponte do Burgo e cara á porta de Santa Clara, as alarmas de Cotobade, Caldevergazo, Mourente e Marcón. Os do Morrazo, ao mando de don Juan de Gago, abandonan o seu acubillo nos montes onde estaban acampados, baixan polo val de Salcedo e tras cruzaren o río de Campolongo  entran polo Campo de San Xosé e chegan ata a mesmísima porta de Trabancas, na muralla da vila, onde son repelidos polos franceses que, acuartelados no convento de San Francisco, emprenden a súa persecución causando moitas baixas entre os guerrilleiros.

Postal antiga da Ponte da Taboada, co río Gafos ó seu paso por Campolongo 

Durante catro horas mantense o fogo entre ambos os bandos ata que os do Morrazo, esgotadas xa todas as municións, teñen que repregarse de novo ás súas bases nos montes de Salcedo e Lourizán. Os franceses, en represalia polo feroz combate, ocupan Campolongo, asasinan a todos os veciños que non puideron fuxir e queiman as casas de San Xosé. González Zúñiga na súa Historia de Pontevedra (1846) narraba así o heroico episodio e a intensidade da batalla, aínda fresca na memoria colectiva:

D. Juan Gago […] i su segundo D. Manuel Alarcón, abanzan con sus guerrillas hasta el campo de San José. Atacados en este punto los paisanos por una columna francesa que saliera por la puerta de la Peregrina, matándole al comandante de esta la yegua que montaba, se replegan sobre el lugar de Campo-longo á donde tenían su cuartel general. Los franceses atraviesan entonces el puente de la Tablada i dejándose caer sobre el Campo-longo los paisanos parapetados con los muros ó ballados de la heredades, desde allí les hacen un horroroso fuego. Despues de dos horas de combate i vertido por una i otra parte mucha sangre, venciendo la disciplina i la tactica, á la fuerza numérica, los paisanos se retiran á los montes de donde habían descendido, volviendo á ocupar sus antiguas posiciones. Dueño el enemigo del campo de batalla, casi todas las casas del lugar de Campo-longo, despues de haber asesinado algunos enfermos que las habitaban por no haber podido abandonarlas, todas ellas fueron incendiadas, reduciendolas á cenizas la voracidad de las llamas.

Non foi esta a única batalla da que foi testemuña o río Tomeza. O día 6 de marzo a alarma de Laxinde ataca dende os montes de San Cibrán  unha columna francesa que procedente de Santiago ía dirección a Tui seguindo o camiño que discorría —onte coma hoxe— á beira do río. Ese mesmo día outra columna procedente de Vigo é atacada á altura do Gorgullón. O combate é de tal intensidade que os franceses vense obrigados a utilizar a artillería para librar o camiño e facerse paso ata o interior amurallado da vila. Pero non acaba aquí a historia.

A finais de marzo a guarnición francesa acantonada en Pontevedra vese na obriga de retirarse, quedando a cidade liberada pero a principios de abril volve ser tomada pola columna francesa do xeneral Maucunne. Tras a reconquista de Vigo o mariscal Ney, temendo perder tamén Tui, mandou unha columna de tres mil homes e algunha cabalería ao mando do xeneral Maucunne que saíndo de Santiago e pasando por Pontevedra debía dar auxilio aos soldados franceses sitiados na vila de Tui. A columna francesa chegou a Pontevedra na mañanciña do día 12 de abril, non sen ter que baterse no seu traxecto coas alarmas de guerrilleiros que rodeaban a cidade. Os guerrilleiros do Morrazo, apostados nos nosos montes e baixo o mando do citado don Juan Gago —antigo corsario de Marín—, emprenden o ataque a Pontevedra chegando, por momentos, a entrar na cidade. Os homes de Juan Gago  mantiveron un intenso combate contra os franceses no barrio de Campolongo, parapetados na Ponte Bolera e no Campo de San Xosé ata que se ven na necesidade de repregárense aos montes de Salcedo. As tropas francesas sedentas de vinganza saquean casas e matan varios veciños de Campolongo e de San Blas. Así nolo contaba Pardo de Andrade:

Cargaron hacia aquel punto tanto sus fuerzas que se vieron obligados a esparcirse, quedando de nuestra parte seis muertos, tres de la de ellos con algunos heridos, y un caballo, por el que exigieron cien duros a este ayuntamiento. En seguida desahogaron su rabia, quemando cuatro casas en el mismo lugar de Campolongo, matando a un pobre enfermo, una mujer de esta villa, y otros inermes.

No obstante la conveniente dispersión de los paisanos de Morrazo, los vecinos de Salcedo, apostados en diferentes puntos, mantuvieron el fuego toda aquella tarde, siendo muy de notar y alabar el valor y celo de los Presbíteros D. Manuel Acuña Conde, y D. José María Pardal, que acompañados de unos mozos de la parroquia, sostuvieron un fuego vivísimo por espacio de tres horas en el puente que llamán Bolera, o de Sucado, contra una compañía de franceses, que no pudiendo adelantar un paso retrocedieron al pueblo, bien diezmados y avergonzados.

Once guerrilleiros morrerían aquela tarde de combate entre os veciños de Salcedo e O Morrazo e o exército francés.

Postal da antiga Ponte Bolera 

Mentres estes sucesos acontecían no treito que o río percorre entre  a Ponte da Taboada e o Gorgullón, na súa desembocadura, alí onde o río toma o nome do antigo sanatorio de leprosos —O Gafos—,  as augas do río dos mil nomes presenciaban outro episodio da nosa particular Guerra de Independencia.

O xornal El Patriota Compostelano, no seu número 61 do 14 de setembro de 1809 recollía a seguinte crónica:

El trece de abril [posiblemente el doce] subieron lanchas cañoneras hasta Mollabao, a tiempo que los enemigos ocupaban Campolongo y San Roque: rompieron el fuego las cañoneras, al que correspondieron los enemigos: al cabo de cuatro horas y despues de haber desmontado un cañón enemigo, cesó el fuego de las cañonreas, a las que la marea no permitió subsistir allí por más tiempo, inmediatamente entraron partidas de guerrilleros de los paisanos de marín e hicieron retroceder a los enemigos hasta campo de San José donde estaba el grueso de su ejército.

O día trece, xa de madrugada, a columna francesa abandona Pontevedra e continúa a súa marcha cara a Tui pero en Ponte Sampaio agardábaa o coronel Morillo con dous mil homes armados con chuzos e paus e cento cincuenta con armas de fogo. Mais esa xa é outra batalla.

Praca en honor ós heroes da Guerra da Independecia. Na ponte entre Arcade e Pontesampaio

Hoxe en día, agás os historiadores e algúns estudosos do tema, son poucos os veciños de Pontevedra que coñecen a crónica daqueles días de loita heroica e do que nas marxes do río Gafos aconteceu. Agora, cando xa hai moito tempo que calaron as armas e os berros, cando o cheiro da pólvora se esvaeceu no ar da historia e o sangue dos mártires foi lavado  polas augas do río que os viu morrer, quizais sexa o momento de achegarse a carón do Río de Campolongo —tan tapado e esquecido como os feitos dos que foi testemuña— e, arremedando o célebre sabio Siddharta de Herann Hesse,  sentar nas súas beiras e deixar que a voz sabia e anterga da auga nos volva contar a historia daqueles homes e mulleres valentes que un día decidiron xogarse todo o que tiñan, incluso a vida, por defenderen o que crían xusto…aínda que fose para devolverlle o trono a un rei máis cruel e absolutista aínda que aqueles contra os que loitaron. Pero xa se sabe, aos galegos sempre nos gustaron os ditadores e o viño feito na casa.

BIBLIOGRAFÍA:

-Fortes Bouzán, J. Historia de la ciudad de Pontevedra. Edita La Voz de Galicia S.A. A Coruña, 1993

-González Zúñiga, C. Historia de Pontevedra. 1846

-Osuna Rey, J.M. Los franceses en Galicia. Historia militar de la guerra de Independencia en Galicia (1809). Edita Fundación Barrié de la Maza. 2006

-Pascual Vázquez, J.C. Pontevedra y la invasión francesa de 1809. Edita Deputación de Pontevedra. Pontevedra, 2009

Por Rafael Quintía Pereira

Artigo incluído no libro “PoemaRio do Gafos”

Advertisements

4 Respostas

  1. Hola Rafa, un articulo muy interesante sobre una parte de la historia cercana que, como bien dices, tenemos olvidada. No se si conoces un libro sobre este tema “O Cañon de pau” de Salustiano Portela Pazos (dean de la Catedral de Santiago) que fue editado en el año 1976 por el Concello de Cotobade; si te interesa te lo puedo prestar. Chao, Ah! y mucho animo con todo el trabajo que haces.

  2. Interesante artigo, como é habitual. So teño unha pequena obxeción, e ven sendo que esa praca ata onde sei, non está en Pontesampaio, senón en Arcade, vamos, do outro lado do río, pois é dese lado onde pode poñer algo o Concello de Soutomaior 😀

    Pódese comprobar en http://goo.gl/maps/aDUT

    Pero vamos, é o de menos.

    • Moitas grazas polo comentario e pola aclaración. A verdade é que fixen fotos a ámbolos lados da ponte e xa non tiña moi claro que placa está de cada lado. Correxirei o erro.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: