• BENVIDOS Ó BLOG DE RAFA QUINTÍA

  • SOBRE O AUTOR

  • © Fotografías blog: Rafa Quintía

  • MARIÑA: DE DEUSA A SANTA

  • MONTE DAS CROAS: ANTROPOLOXÍA DUN CASTRO

  • ANÁLISE ESTRUTURAL E SIMBÓLICA DO MITO DA MOURA

  • LA HISTORIA DE GALICIA EN 50 LUGARES

  • USO SIMBÓLICO DO CUARZO NA CULTURA GALEGA. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos

  • PATRIMONIO INMATERIAL DE SAN MARTIÑO DE SALCEDO

  • ALICORNIO. O PODER DO CORNO DE UNICORNIO NA MEDICINA TRADICIONAL GALEGA

  • A NOSA SEÑORA DA LANZADA. Estudio antropológico de un santuario costero.

  • PARA CANTAR VEÑO EU! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos

  • DE VELLO, GAITEIRO! Biografía do grupo de música tradicional Os Chichisos

  • DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO. Unha proposta interpretativa en clave céltica.

  • Á SOMBRA DE BOUZA PANDA. Poemario de trincheira e maldizer

  • MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA.

  • Documental “SETE CAMIÑOS. ENCRUCILLADA DO TEMPO”

  • Documental “COMUNEIROS. Cen anos de vida e loita polo monte de Salcedo”

  • Documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica”.

  • Curtametraxe documental “NOITE DE REIS COS CHICHISOS”

  • A PEDRA DO FUNDAMENTO

  • “FEITO NA CASA”

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº6

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº5

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº4

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº3

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº2

  • “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”. Nº1

  • ALBIÓN GALAICA

  • “GALICIA ENCANTADA: O país das mil e unha marabillas”

  • “OS MOUROS E AS MOURAS: MÁXICOS ENIGMÁTICOS DA MITOLOXÍA POPULAR”. Actas das V Xornadas de literartura de tradición oral.

  • POEMARIO DOS GAFOS. Obra colectiva.

  • CATÁLOGO-GUÍA do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

  • AS PONTES DE PONTEVEDRA. Libro da exposición do mesmo nome. (Obra colectiva)

  • ATAS DAS JORNADAS DA LITERATURA GALAICO-PORTUGUESA 2012-2014

  • ACTAS DAS II XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ACTAS DAS I XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ENTRADAS POR ORDE CRONOLÓXICA

  • CONTADOR

    • 114,229 hits
  • Follow Á Sombra de Bouza Panda on WordPress.com

OS ENIGMÁTICOS CÍRCULOS DA MOURA. PARTICIPA CONNOSCO NESTA AVENTURA.

En datas recentes púxose en contacto coa Sociedade Antropolóxica Galega José Gavilanes para darnos a coñecer unha serie de interesantes petróglifos inéditos e pedrafitas que tiña descuberto nas terras de Esgos, Xunqueira de Espadañedo e Baños de Molgas. A particular aventura de José Gavilanes na procura dos lindes territorias destes tres concellos ourensás levouno a dar cunha  grande cantidade de gravados rupestres na zona, descoñecidos a día de hoxe, fundamentalmente petróglifos con motivos de coviñas, cazoletas e tamén círculos concéntricos. Estes achádegos veñen a confirma-la sospeita de que o interior do país ten que ser moito máis rico en gravados do que se pensaba ata agora.

Petróglifo descuberto por José Gavilanes en Xunqueira de Espadañedo

Gavilanes, cuxo labor solitario merece todo o noso recoñecemento e apoio, decidiu un día na súa investigación botar man das novas tecnoloxías e da potente ferramenta que supón o Google Earth, o Sixpac ou os software similares. Coa axuda destas aplicacións realizou un estudo aéreo destas comarcas fronteirizas e foi así como deu coa estraña formación da que hoxe imos falar, pero comecemos polo principio.

Hai cousa dun par de meses recibín no meu email da SAGA (Sociedade Antropolóxica Galega) unha imaxe aérea que me deixou perplexo. Rapidamente falei co compañeiro Miguel Losada e, para asegurarme do que estaba vendo, pregunteille se el vía o mesmo que vía eu, e se a el lle parecía o mesmo que me parecía a min. Confirmado que non estaba a imaxinar nada que non estivese sobre o terreo, rapidamente fixamos unha saída de campo co amigo José Gavilanes para estudar in situ a peculiar, por non dicir incrible, formación. Así que esta fin de semana por fin puidemos estudar sobre o terreo o que tan só viramos dende o aire naquel voo virtual do Sixpac.

 

O lugar onde se atopan os supostos estes estraños deseños  —permítanme que me refira a eles como “xeoglifos” para poder darlles un nome— leva por suxerinte topónimo  A Moura, toda unha declaración de intencións míticas e un tentador engado para aqueles que levamos tempo na procura destas xeografías mouras.

A Moura. “Xeoglifo I”

A Moura. “Xeoglifo II”

Chegados ó lugar, mergullámonos nun selva de xestas, toxos, fentos, piornos e matogueiras que nalgúns sitios superaba a nosa propia altura. Pouco a pouco a vexetación faise máis baixa e empezamos a percibir que o terreo está cheo de gabias, unha sucesión de profundo e anchos regos que fan difícil o camiñar entre o abundante monte baixo.

Os profundos sucos —duns 60-70 cm.— describen enormes círculos  concéntricos separados uns doutros unha media de 3.20 metros, que a pesar da maleza son facilmente perceptibles sobre o terreo debido a que no seu interior a vexetación é máis escasa e medra con menor forza e xenerosidade e grazas, asemade, a súa anchura de 1.60 metros que fai que sexan visibles sobre e que incluso se poida camiñar polo seu interior.

 

Os fosos destacan pola súa vexetación máis baixa

Véxase a profundidade das gabias. O compañeiro Miguel Losada está metido nunha mentres eu fico na parte de fóra

Continuamos avanzando cara ó centro da formación, que arremeda unha diana, mentres o terro vaise facendo máis en costa ata rematar nun outeiro rochoso que conforma o centro do xeoglifo. Chegados a este punto damos de fociños cunha nova sorpresa que complica aínda máis a interpretación ou clasificación da peculiar construción.

 

Se en principio podíamos pensar que estas gabias eran parte dalgunha obra forestal ó chegar ó centro do deseño a cousa tomou un inesperado xiro. Aquilo que de lonxe parecían simples penedos de feitura caprichosa son en realidade un dolmen, raro pero dolmen, ou iso parece á vista dos seus esteos e da súa cuberta partida e caída.

Chama a atención que algúns dos ortostatos que forman a cámara atópanse perfectamente traballados para encaixar uns con outros como se fosen pezas dun quebracabezas. O interior do que sería a cámara mortuoria está colmatado de terra. Nas zonas contiguas ó monumento, e nun lugar de escorrentía de augas, atopamos anacos de cerámica e unha pedra do raio.

 

Tamén cómpre destacar que, ademais do descomunal do deseño e do seu centro coroado por un túmulo, o feito de que en moitos dos sucos do alcumado xeoglifo aparecen o que semellan grandes lousas de granito chantadas no chan.

 

Decidimos estuda-lo segundo xeoglifo, situado a escasos metros do primeiro pero na lomba oposta da pequena cañada onde se localizan. A segunda formación é aínda máis grande que a primeira e as súa gabias parecen máis anchas.

No fondo da imaxe a Moura II e en último plano a man dereita o castro de Litoria

Miguel Losada no interior dun suco e José Gavilanes no borde externo do seguinte. A Moura II 

Camiñamos ansiosos cara o centro do deseño, situado no alto do outeiro. Chegamos o cumio —un pequeno chan elevado— e velaí está, o cono de violación dunha mámoa da que aínda se poden ver parte dos seus ortostatos. Quedamos abraiados.

Cícrulo interior da Moura II

Arca violada no alto da Moura II 

Moi perto desta anta, e no mesma alto do outeiro, atopamos outras laxes chantadas no chan que podería corresponder a doutras antas.

Que é isto? Estamos ante a pegada dalgún tipo de obra de reforestación feita en vez de con buratos con sucos continuos e circulares e localizada unicamente ó redor destes dous outeiros? É posible que a casualidade se combine de tal forma como para facer estes fosos de plantación —ou o que sexan— precisamente onde hai dous dolmens e nun lugar chamado a Moura?

Se non é así, podemos deixar voar a imaxinación e pensar que estamos ante unha modalidade de túmulo inédito no noso territorio ou, o que sería aínda máis herético, dun xeoglifo? Nese caso, que modalidade de monumento megalítico é este que se fai rodear dun conxunto de enormes regos que configuran un deseño de círculos concéntricos, semellante ós moitos petróglifos que aparecen na nosa arte rupestre e nos penedos espallados pola contorna? Son amábalas dúas construcións (xeoglifo e arca) da mesma cronoloxía? Fíxose primeiro o xeoglifo e despois decidiuse erixir unha mámoa no centro ou foi ó revés? Por que dous círculos opostos a ámbolos dous lados desa bagoada pola que discorre un pequeno sendeiro e un antigo regato? Había realmente intención de facer un xeoglifo ou se trataba de rodea-lo monumento megalítico cunha sucesión de profundos e anchos sucos? Sinxelamente non o sabemos. Preguntas e máis preguntas…

A Moura I vista dende o alto da Moura II

Intentemos te-la mente fría. Se obviámo-lo feito de que os sucos forman unha xigantesca figura de círculos concéntricos, se facemos caso omiso a que o centro do debuxo este coroado por un dolmen ou arca e se non temos en conta que os topónimos referidos a  Mouras normalmente fan referencia a restos arqueolóxicos ou formacións xeolóxicas peculiares, poderíamos barallar outras posibilidades interpretativas para esta construción que, en principio, parecen máis lóxicas e menos arriscadas.

Por exemplo, poderíamos pensar que nos atopamos, como xa dixemos, ante os vestixios dalgún tipo de obra forestal ou agraria, aínda que na miña ignorancia un sistema de plantación en círculos concéntricos de gabias paréceme raro. Pero cando estudamos ben o terreo poderíamos facer algúns matices ó respecto da orixe agraria. Unha cousa parece clara, aínda que un sempre se pode equivocar, polo agreste, inclinado e pedregoso do terreo non semella unha antiga zona de cultivo. Para seguir avanzando na hipótese da orixe agraria destas gabias revisamos as distintas fotos aéreas da zona ata ás ortofotos do ano 1956, confirmando que, si ben do Camiño Real para abaixo e coincidindo co terreo máis chan e despexado aparecen algúns campos e leiras, do camiño cara a arriba e en toda a zona da Moura este terreo esgrevio e pedregoso estivo sempre a monte, polo menos dende o ano 1956.  En conclusión,  a priori, poderíamos descartar que se traten de regos dunha antiga plantación ou explotación agraria.

Quédanos aínda a posibilidade de que esta peculiar formación teña a súa orixe en labores forestais. O estudo das fotos aéreas dende o 1956 demostra que non houbo plantación algunha no lugar da Moura.  No estudo sobre o terreo xa confirmáramos que a vexetación reinante é de xestas e monte baixo en xeral, e que existe unha total  ausencia de árbores, vellas cachoupas ou troncos e tocóns. Ademais, as plantacións forestais normalmente fanse mediante buratos e non en sucos, que é un traballo innecesario e custoso. Por todo iso tamén resulta difícil soste-la opción de gabias de plantío forestal, cando menos  polo de agora e a falla de máis información.

Descartada momentaneamente —e con tódalas reservas do mundo— a hipótese dunha orixe moderna relacionada coa explotación agraria ou de reforestación  quédanos aínda a posibilidade de ser outro tipo de obra forestal, ben tipo socalcos de contención do terro, algún sistema de irrigación, etc. Consultados algúns colaboradores que son técnicos forestais nos confirman que non coñecen ningún tipo de obra similar que se poda relacionar con labores forestais. Segundo nos informou o técnico forestal David Outeiro o único traballo forestal que podería ter unha aparencia xeométrica similar sería un tipo de clara que se fai para especies cinexéticas como perdices. Son claras que consisten en desbrozar certas zonas de terreo ben ó chou, ben deixando un deseño regular para que as especies cinexéticas de caza menor pasen pola zona mais e telas localizadas. De tódolos xeitos, no caso da Moura non se trata de claras ou rozas senón de fosos escavados no propio terreo.

Como, actualmente, aínda non temos máis información ó respecto, para ir avanzando hipóteses de traballo e para abri-lo abano de posibilidades neste xogo-investigación-adiviña que lle imos propor podemos baralla-la arriscada teoría de que os sucos están relacionados cos monumentos megalíticos e, a tenor da definición de xeoglifo, poderiamos dicir que se trata —no sentido literal do termo— dun xeoglifo, pois os sucos configuran un debuxo dunha figura xeométrica feita sobre o terreo mediante a extracción de terra. Traballo, por outra banda, que tendo en conta as dimensións dos deseños e o profundo e ancho dos sucos se nos antolla descomunal.

Chegados a este punto podemos xogar con dúas opcións:

  1. Estamos    ante un xeoglifo relacionado cun monumento funerario megalítico, é dicir,   que os sucos foron feitos coa intención de representar un deseño  xeométrico ben planificado sobre o terreo, e que este deseño aparece    relacionado –cando menos xeograficamente— cun dolmen.

2. Estamos  antes un descomunal túmulo no que o monumento ou cámara faise rodear de  fosos concéntricos, sendo estas gabias parte da estrutura tumular

Como ven, estamos a construír hipóteses sobre hipóteses, algo que dende o punto de vista da investigación resulta sempre moi arriscado, pero é o único que temos por agora

Se nos inclinamos pola opción primeira, a do xeoglifo, podemos citar que respecto ó tema da posible existencia de xeoglifos en Galicia o Padre Sarmiento na súa obra Viaxe a Galicia de 1745 fai referencia a uns estranos debuxos na paisaxe que puido observar durante a súa estancia no priorado bieito de Canduas, en Cabana de Bergantiños. Así o comenta o ilustre frade:

«Noté, al salir de nuestro priorato de Cándoas, y caminando por el monte, que está enfrente, que en los llanos, en que había hierbecita, se hallaban dibujadas en el suelo varias cruces y cruceros, muy grandes, pero que se habían hecho por pastores, o por otros, con la punta del cayado, o con otra cosa, haciendo surcos en el suelo, y recortando la hierba».

Xeoglifo descrito polo Padre Sarmiento no século XVIII 

Tamén é inevitable non mencionar algúns dos xeoglifos máis famosos que podemos atopar en Europa como o Xigante de Cerne Abbas, o Cabalo Branco de Ufftingtonou o Home Alto de Wilmington, todod eles en Gran Bretaña. Se ben os deseños europeos, pese a atoparse tamén en ladeiras e ser feitos a base de sucos labrados na terra, adoitan ser representacións antropomorfos e zoomorfos.

Xigante de Cerne Abbas (Fonte:http://commons.wikimedia.org)

Non só en Europa aparecen xeoglifos, de feito os máis famosos non se atopan no noso continente senón en América. Son de sobra coñecidos os xeoglifos peruanos de Nazca, Palpa ou Chen Chen; os chilenos do deserto de Atacama, de Arica ou da rexión de Tarapacá. Recentemente, e grazas a métodos similares ós utilizados polo amigo Gavilanes, téñense descubertos outros xeoglifos e descoñecidas construcións en países tan variados e afastados como Siria, Xordania, Arabia Saudí, a Amazonía brasileira , en California ou nos Urais rusos. Como ven, non é nada do outro mundo. de igula xeito que o arte rupestre está espallado polos cinco continetes o tema dos xeoglifos tamén é algo común e habitual.

Xeoglifos das Pistas de Nazca. Perú  (foto do autor)

Se nos inclinamos pola segunda opción, xa que logo, a dun grande túmulo sen paralelo na nosa xeografía -hipótese dito sexa de paso que eu, a risco de equivocarme, vexo máis plausible se realmente estivésemos ante unha formación prehistórica-   poderiamos relaciona-la Moura cun túmulo de prestixio, semellante a eses túmulos campaniformes ou túmulos disco  do Bronce británico, digamos que lembra lixeiramente ós bell barrow ou  os disc barrows  que se fan rodear dunha fosa.

No noso caso a tumba estaría no alto do outeiro e ficaría rodeada dunha secuencia de gabias ou fosos. Cómpre subliñar que no caso do segundo deseño (a Moura 2) o outeiro remata nunha pequena chaira onde ademais da que supomos anta violada aparecen outros esteos que poderían corresponder a máis enterramentos. En canto ó primeiro deseño (a Moura 1) o outeiro está coroado por un visible dolmen de grandes pedras.

 Planta e seccions dun Bowl Bell e dun Disc barrows, por Heywood Sumner para o libro de Frank Stevens’ “Stonehenge Today and Yesterday”. (Fonte:http://commons.wikimedia.org)

Gravado dun túmulo británico con foso, por Sir Richard Colt Hoare. (Fonte:http://commons.wikimedia.org)

Temos exemplos deste tipo de túmulos rodeados con gabias ou fosos en Gran Bretaña e Irlanda. Así mesmo, outros monumento prehistóricos como o montículo de Galstonbury Tor  tamén se rodean de socalcos ou gabias, o que lle dá un certo parecido ó que se atopa sobre o terreo cando se estuda a formación da Moura.

Glastonbury Tor. Obsérvense os socalcos ó redor do outeiro.  Fonte: Google Maps

Túmulo con fosos de Longdown (New Forest). Fonte: http://www.megalithic.co.uk

Túmulo de Micheldever Wood (Bell Barrow). Obsérvense a secuncia de gabias.Fonte: http://www.megalithic.co.uk

Túmulo de Portheras onde se poden ver pedras chantadas nos fosos como aparecen na Moura. Fonte: http://www.megalithic.co.uk

Pero volvamos ó noso particular xeoglifo ou obra forestal de desconcertante deseño. Respecto á súa localización tres son os datos que coido son de importancia:

En primeiro lugar, o que chama a atención é que os supostos xeoglifos atópanse a carón dun antigo camiño real que foi ampliado na segunda metade dos anos 90. O camiño ou pista que discorre a carón da formación de sucos chega a cortar un dos extremos das figuras o cal nos pode facer pensar que o deseño é anterior á construción do camiño Real, o cal xa é un dato para ir achegando cronoloxías posibles para o xeoglifo.

Antigo Camiño Real, hoxe pista forestal

Un dos fosos que aparecen cortados polo trazado do camiño 

O segundo dato a ter en conta é que as figuras marcan ou, máis ben, están no linde entre os concellos de Esgos e de Nogueira de Ramuín, concretamente entre as parroquias de San Pedro de Pensos e Loña do Monte. De feito nun dos sucos do xeoglifo atopamos un marco de termo.

O terceiro aspecto de interese é a súa proximidade a un santuario: o santuario da Virxe do Monte, onde cada 15 de agosto se celebra unha concorrida romaría. Por certo, o santuario da Virxe do Monte, na parroquia de Loña do Monte, é un deses lugares sacros  posuidores dun mito fundacional, a famosa lenda do carro de bois que decide a localización onde erixi-lo templo. Segundo conta a lenda, un veciño d aldea de Xaravedra andaba un día a roza-lo monte cando atopou unha imaxe da Virxe. En vista do milagrosos achádego os veciños quixeron levantarlle unha igrexa pero non se puñan de acordo sobre onde facelo, así que decidiron póla imaxe sobre un carro de boi e soltalo polo monte. Onde os bois detivesen o seu camiñar alí se construiría a igrexa, e foi así como o santuario da Virxe do Monte se levantou no alto da serra, a carón do vello camiño e a uns 500 metros do lugar da Moura, onde se atopan os nosos misteriosos xeoglifos.

Así que, para ir concluíndo, fagamos un pequeno resume dos datos obxectivos que temos para que poidan ir facendo as súas observacións:

  1. Temos un  lugar de nome a Moura que comprende un espazo rochoso e montesío formado  por dous outeiros que se elevan a cada lado dunha cañada pola que discorría  un regato e un sendeiro.
  2. En cada   un destes dous outeiros existe un deseño feito a base de profundos (70 cm.) e anchos (1.60 cm.) sucos labrados no chan.
  3. No alto  de cada outeiro, e coincidindo co centro do deseño, atopamos un monumento megalítico (dolmen, anta).
  4. Os   monumentos megalíticos e os deseños da moura marcan o linde entre os  concellos de Esgos e de Nogueira de Ramuín (parroquias de San Pedro de      Pensos e Loña do Monte).
  5. O estudo   das ortofotos ás que tivemos acceso demostran que cando menos a formación  da Moura xa estaba no ano 2003. Desgraciadamente a calidade e resolución   das ortofotos do 1956 impiden distinguir algo concreto sobre o terreo.

E ata aquí os datos certos.

Dificilmente ía imaxinar eu —e permítase a esaxeración— cando dando tumbos e reviravoltas nunha vella avioneta Cessna sobrevoaba as míticas pistas de Nazca que sete anos despois ía atoparme na miña terra cun misterio similar, no seu aspecto estético claro está. Líbreme Deus de equipar ámbolos dous xacementos noutro plano que non sexa o puramente estético, isto é: que a Moura semella un debuxo sobre o chan. Tan só me queda reitera-lo meu agradecemento ó compañeiro José Gavilanes por ter confiado na Sociedade Antropolóxica Galega para compartir connosco a descuberta dos seus petróglifos e pedrafitas e o achado deste fantástico lugar, que despois da visita desta fin de semana preséntase máis enigmático e fascinante do que semellaba a vista de paxaro.

José Gavilanes na Moura 

Posiblemente, a estas alturas cada un de vostedes terán a súa particular interpretación destas peculiares formacións, incluso pode ser que algún teña xa a  resposta ó enigma. Calquera achega, axuda  ou proposta será benvida. Así que pedimos dende aquí a súa axuda para identifica-la orixe ou antigüidade desta formación. Se hai algún veciño da zona que saiba se alí se fixo algún tipo de obra que por favor se poña en contacto con nós. Se hai algún enxeñeiro forestal ou agrónomo e identifica este tipo de formación de grandes regos con algún tipo de obra forestal, agraria ou de irrigación estaremos moi agradecidos de canta información nos poidan facer chegar. Se algún historiador ou arqueólogo ten algunha hipótese ou información contrastada sobre a existencia de túmulos similares benvida sexa e, por suposto,  facemos tamén extensiva a petición de axuda a calquera persoa que queira colaborar para descifrar este verdadeiro enigma, quizais, arqueolóxico. A mesa está aberta, fagan xogo señores!!

Mentres tanto, permítannos seguir imaxinando que estamos ante os primeiros xeoglifos galegos ou, cando menos, ante un dos túmulos máis raros e grandiosos de cantos se teñen atopado na nosa xeografía, a tumba da mítica Moura, da nosa particular Mari vasca, daquela que séculos despois ficaría á sombra da cristiá chegada Nai de Cristo, da nosa Virxe do Monte do santuario de Loña. E aínda que mañá descubramos que eses deseños non sexan máis que regos de labranza, reforestación  ou algo similar, que por motivos do azar se fixeron ó redor dos túmulos megalíticos da Moura non me negarán amigos que o material é de sobra suxerinte e dado a imaxinar.

Fotografías de Miguel Losada, José Gavilanes e Rafael Quintía.

Fotografías aéreas: http://visorgis.cmati.xunta.es/cdix/mapa.html

Advertisements

3 Respostas

  1. […] blog do compañeiro Rafael Quintía ( https://asombradebouzapanda.wordpress.com/2012/06/14/os-enigmaticos-circulos-da-moura-participa-conno…)   teñen toda a información desta instigación, así como fotos, ortofotos, planos e posibles […]

    • Moitas grazas pola información, non coñecía este xacemento irlandés. Realmente interesante. Estaremos atentos ao tema.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: