• BENVIDOS Ó BLOG DE RAFA QUINTÍA

  • SOBRE O AUTOR

  • © Fotografías blog: Rafa Quintía

  • MARIÑA: DE DEUSA A SANTA

  • MONTE DAS CROAS: ANTROPOLOXÍA DUN CASTRO

  • ANÁLISE ESTRUTURAL E SIMBÓLICA DO MITO DA MOURA

  • LA HISTORIA DE GALICIA EN 50 LUGARES

  • USO SIMBÓLICO DO CUARZO NA CULTURA GALEGA. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos

  • PATRIMONIO INMATERIAL DE SAN MARTIÑO DE SALCEDO

  • ALICORNIO. O PODER DO CORNO DE UNICORNIO NA MEDICINA TRADICIONAL GALEGA

  • A NOSA SEÑORA DA LANZADA. Estudio antropológico de un santuario costero.

  • PARA CANTAR VEÑO EU! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos

  • DE VELLO, GAITEIRO! Biografía do grupo de música tradicional Os Chichisos

  • DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO. Unha proposta interpretativa en clave céltica.

  • Á SOMBRA DE BOUZA PANDA. Poemario de trincheira e maldizer

  • MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA.

  • Documental “SETE CAMIÑOS. ENCRUCILLADA DO TEMPO”

  • Documental “COMUNEIROS. Cen anos de vida e loita polo monte de Salcedo”

  • Documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica”.

  • Curtametraxe documental “NOITE DE REIS COS CHICHISOS”

  • A PEDRA DO FUNDAMENTO

  • “FEITO NA CASA”

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº6

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº5

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº4

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº3

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº2

  • “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”. Nº1

  • ALBIÓN GALAICA

  • “GALICIA ENCANTADA: O país das mil e unha marabillas”

  • “OS MOUROS E AS MOURAS: MÁXICOS ENIGMÁTICOS DA MITOLOXÍA POPULAR”. Actas das V Xornadas de literartura de tradición oral.

  • POEMARIO DOS GAFOS. Obra colectiva.

  • CATÁLOGO-GUÍA do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

  • AS PONTES DE PONTEVEDRA. Libro da exposición do mesmo nome. (Obra colectiva)

  • ATAS DAS JORNADAS DA LITERATURA GALAICO-PORTUGUESA 2012-2014

  • ACTAS DAS II XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ACTAS DAS I XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ENTRADAS POR ORDE CRONOLÓXICA

  • CONTADOR

    • 114,229 hits
  • Follow Á Sombra de Bouza Panda on WordPress.com

O NACEMENTO DO QUINTO SOL AZTECA E O RATO RABISACO

O Sol sobre o lago Titicaca na illa de Amantaní

Cando un se mergulla no estudo da mitoloxía dos distintos pobos e culturas da Terra ás veces acontece que se atopa con mitos e crenzas similares, cosmoloxías semellantes, lendas que se repiten, interpretacións paralelas para determinados fenómenos naturais ou meteorolóxicos, incluso representacións, signos e símbolos idénticos. Estas similitudes son perfectamente explicables sen necesidade de que exista contacto cultural e sen ter que recorrer a teorías fantásticas como a da suposta raza nai da humanidade ou cousas máis raras aínda. Por suposto que tamén existen semellanzas culturais orixinadas por contacto, intercambio ou colonización pero non é desas das que lles vou falar. A razón destas similitudes culturais e, sobre todo, simbólicas e relixiosas ven dada porque toda a humanidade compartimos unha mesma mente, un mesmo aparato cognitivo, unhas vivencias, medos, anhelos e necesidades comúns e iso acaba construíndo aspectos culturais semellantes, solucións idénticas a idénticos problemas, interpretacións comúns ós mesmos fenómenos, deuses semellantes a quen pedirlles cousas semellantes e mitos similares para dar resposta ás mesmas preguntas que nos facemos todos dende a noite dos tempos.

Hai uns días, lendo un interesante traballo sobre a América precolombina din cun relato mítico azteca que me chamou a atención porque me tiña un aire familiar. O mito é coñecido como o nacemento do Quinto Sol. Un mito mesoamericano que se refire á creación do mundo, o universo e á humanidade e que forma parte da cosmovisión destes pobos de Mesoamérica. Así que, como estamos en datas solsticiais, voulles contar esta historia referente ós astros que marcan as nosas vidas.

 Imaxe azteca dun ciclo cósmico. No centro, o Quinto Sol. 

Fonte: http://americaindigena.com

Segundo a mitoloxía azteca, a Terra pasou por cinco etapas diferentes dende a súa creación, cada unha rexida por un Sol. Contan que un día os deuses do seu panteón reuníronse en asemblea na cidade sagrada de Teotihuacán para decidir quen se ía encargar de ilumina-lo mundo, é dicir, quen ía se-lo Sol. Un dos deuses ofreceuse como voluntario, era Tecuciztecatl o Señor dos caracois, pero facía falla outro deus para ser sacrificado no ritual de creación, así que entre todos escolleron a un segundo candidato, un deus feo, enfermizo e débil de nome Nanahuatzin e fillo de Quetzalcoatl. Ámbolos dous candidatos divinos deberían ser sacrificados para poder converterse en Sol, así que, preparándose  para a cerimonia da creación do Sol,  permaneceron en dúas torres que para eles construíran os deuses e nelas fixeron penitencia e xaxún durante catro días. Tecuciztecatl, o candidato voluntario, quen tiña grandes riquezas de ouro e xade, sería sacrificado na coñecida como pirámide do Sol e o candidato elixido —quen non tiña nada que ofrecer máis co seu sangue— sería sacrificado na pirámide da Lúa. Cando chegou o momento do sacrificio o primeiro candidato —aquel que se ofrecera voluntario— botouse atrás por tres veces no momento de saltar ó interior da pira onde se tiña que inmolar. En cambio o outro candidato —o pobre e enfermo Nanahuatzin— botouse ó lume sen dubidar. Tecuciztecatl, ó ve-la determinación de Nanahuatzin, avergoñado botouse finalmente ó lume tamén. Entón os deuses volvéronse reunir para ver por onde sairía o primeiro Sol.

Ritual en Teotihuacán

Fonte:http://commons.wikimedia.org

Cando saíu Nanahuatzin polo Oriente asombráronse do seu brillo e resplandor. Pouco despois saíu Tecuciztecatl transformado en Lúa pero brillaba case tanto como un propio Sol, e os dous astros ficaron no ceo inmóbiles e brillando por igual. Entón os deuses, contrariados polo sucedido, decidiron pór solución o problema, colleron un coello e lanzárono contra Tecuciztecatl para estampalo na súa cara deixando nela a súa pegada. A orixinal agresión causou que aquel segundo Sol, é dicir, a Lúa perdera moita da súa luz e brillo. Hoxe en día os indíxenas mexicanos descendentes dos aztecas afirman que se se observa a Lúa nas noites de plenilunio é posible distingui-la figura do coello sobre a súa superficie.

Coello na Lúa. Códice Borgia.

Fonte: http://www.mexicolore.co.uk

Relacionado con este relato hai tamén unha lenda maya, ou nahual, que conta que Quetzalcóatl, o grande e bondadoso deus mesoamericano,  andaba de viaxe polo mundo baixo a aparencia de home. Unha tarde, despois de moito camiñar, atopábase canso e famento pero aínda así seguiu camiñando ata que as estrelas comezaron a brillar e a Lúa apareceu na cúpula celeste. Entón decidiu sentarse a descansar á beira do camiño. Alí estaba cando viu un coello que saíra en busca de comida. O deus preguntoulle que estaba comendo. Zacate, respondeu o coello e ofreceulle un pouco. Pero Quetzalcóatl, dándolle as grazas, dixo que non  comía zacate e que en vista de que non había nada para comer deixaríase morrer de fame e sede. Entón o coello achegouse a Quetzalcóatl e díxolle que se tiña tanta fame podía comelo a el. Entón o grande deus, acariñando ó pequeno coello, díxolle: “Ti non serás máis que un pequeno coello, pero todo o mundo acordarase de ti para sempre”, e collendo o coello elevouno moi alto ata a Lúa, onde quedou a súa silueta estampada. Despois  Quetzalcóatl  baixouno a terra e díxolle: “Aí te-lo teu retrato en luz, para tódolos homes e para tódolos tempos”.

En Chichen Itzá, xunto a pirámide de Kukulcan (representación maya de Quetzalcóatl)

Pero esta lenda do coello na Lúa non é única de Mesoamérica. Por exemplo, os xaponeses tamén ven na superficie da Lúa a imaxe dun coello. No seu caso, dun coello  machucando arroz para facer mochi, un doce típico nipón. Os xaponeses teñen unha lenda para explicar este fenómeno visual. Segundo eles, un día un vello peregrino atopou no seu camiño a un mono, un raposo e unha lebre. O home, fatigado polo seu longo camiñar, pediu ós tres animais que, por favor, lle conseguisen algo de comida. O mono rubiu a unha árbore e recolleu froita, o raposo cazou un ave, mais a pobre lebre, apesadumada, regresou coas mans valeiras. A lebre ó ve-lo vello tan triste, famento e canso, sentiuse culpable así que recolleu un feixe de leña e unha follas secas e acendeu unha fogueira. Cando o lume estaba ben forte a lebre botouse ás chamas para ofrecerse como alimento ó peregrino. O vello abraiado e conmovido polo sacrificio da lebre revelou a súa verdadeira e divina identidade. Así que como deus que era, recolleu os restos calcinados da lebre e enterrounos na Lúa en honor ó  seu grande exemplo de solidariedade. Velaí o porque de que as manchas da lúa teñan forma de lebre ou coello. Tamén se di que o motivo de que os coellos salten é que queren alcanza-lo seu heroe que descansa na Lúa.

Fonte: http://pixabay.com

Vemos pois como as distintas culturas constrúen explicacións similares para interpreta-la orixe das manchas da Lúa ou, mellor dito, os distintos pobos ven cousas similares nas manchas da Lúa e constrúen os seus particulares discursos míticos para darlles explicación e sentido, é dicir, para ordena-lo seu particular mundo.

Hai xa catro anos cos compañeiros do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca fixemos un documental sobre a mitoloxía do Monte do Seixo. A galleta que decoraba o DVD era unha representación da Lúa chea cuxa xeografía sementada de cráteres arremedaba a silueta dun rato. A razón de elixir este motivo decorativo foi o intento de ilustra-la lenda, recollida na zona por Carlos Solla, que fala dun ser mítico da montaña coñecido como rato Rabisaco. Segundo conta a xente, o Rabisaco é un misterioso rato que habita no interior do Castro Grande, a verdadeira pirámide pétrea do Seixo, lugar de encantamentos e feitizos, pazo da moura que habita na cova do Castro Grande e niño da Galiña dos Pitos de Ouro.

O Castro Grande, auténtico templo natural onde habita o rato Rabisaco 

Dis que os días de Lúa chea o Rabisaco adoita saír por unha fenda que hai na peneda —o Rotadoiro do Castro Grande— e dun chimpo salta ata a Lúa para deixa-la súa pegada na dama da noite. É por iso, di a xente destas aldeas de Terra de Montes, que cando miramos á Lúa nas noites en que está chea podemos albisca-la silueta do rato debuxada na súa faciana.

Sóalles a lenda que explica a feitura da Lúa ou non lles soa?

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: