Monthly Archives: Xuño 2012

AS PEDRAFITAS GALEGAS E O SEU USO ASTRONÓMICO

Colosal pedrafita do Chan da Parafita. Monte da Fracha 

En “Fol de Veleno. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza” vimos de publicar un interesante artigo de Alberte Alonso Fernández sobre as pedrafitas en Galicia. Alberte, quen leva anos estudando estes megalitos na nosa terra, preséntamos neste artigo unha breve visión sobre o descoñecido mundo das pedrafitas galegas, facendo fincapé no seu uso e reutilización ó longo do tempo,  así como na importancia que estes megálitos tiveron no devir social, cultural, relixioso e simbólico de Galicia. O investigador achega, asemade, unha proposta de clasificación destas pedrafitas e avanza —é aí o interesante do seu traballo— un estudo das funcionalidades que puideron ter no pasado, entre elas o seu posible uso astronómico.Este domingo La Voz de Galicia facíase eco dos traballos de Alberte Alonso e publicaba un extenso artigo sobre o tema.

É curioso, e triste ó mesmo tempo, o pouco estudadas que foron as ducias de pedrafitas que atopamos espalladas por todo o noso territorio. Por desgraza, a día de hoxe aínda se pode ler en moitas obras divulgativas, coma se se tratase dun mantra ou salmo aprendido e mil veces repetido,   a idea desfasada e infundada de que en Galicia case non hai menhires ou pedrafitas, agás a famosa Lapa de Gargantáns. Pero baste un pouco de traballo de campo, un paseo polas nosas parroquias e unha ollada á toponimia da nosa xeografía (onde abundan nomes como pedrafita, pedralonga, pedra alta, o marco, etc) para decatarse do erróneo da crenza.

O feito de que moitas das nosas pedrafitas tiveses sido reutilizadas como marcos de termo -e así continúan na actualidade-   non debería xustificar que xa non se cataloguen ou consideren como auténticas pedrafitas pois, por esa mesma regra de tres, as mámoas -amplamente usadas como fitos demarcatorios na Idade Media- pasarían a ser marcos e non túmulos megalíticos.   Malia ó paso dos séculos, o abandono dos montes, a reutilización destes megálitos e a destrución do noso patrimonio, Galicia segue sendo unha terra rica en pedrafitas. Para ver algúns exemplos recomendo le-lo artigo publicado en Fol de Veleno ou unha ollada á interesante web  http://onosopatrimonio.blogspot.com.es/.

Pois ben, a hipótese que baralla Alberte Alonso sobre o posible uso astronómico dalgunhas das nosas pedrafitas non só non é unha hipótese sen sentido senón que é unha das máis manexadas no ámbito do estudo do megalitismo fóra de Galicia. Arqueólogos e prestixiosos investigadores de países tan variados como Portugal, Inglaterra, Escocia, Bretaña, Exipto ou a descoñecida Armenia veñen publicando as súas conclusións sobre o estudo de moitas pedrafitas e crómlechs e non deixan lugar a dúbidas de que algúns destes monumentos prehistóricos tiveron un uso astronómico. Son ben coñecidos os traballos realizados neste senso sobre o famoso círculo megalítico de Stonehenge (do que hai interpretacións para tódolos gustos), pero o mesmo uso astronómico se lle atribúen a outros  monumentos menos coñecidos como poden se-los círculos líticos de Nabta Playa, no deserto nubio de Exipto; o crómlech dos Almendres en Évora, Portugal; o  círculo  lítico  da  Illa  de  Lewis,   en  Escocia; o santuario de Sternsteine, na Westfalia alamana; ou os megálitos armenios de Carahunge, por citar algúns exemplos.

De feito, a UNESCO na súa 34 reunión do Comité de Patrimonio Mundial aprobou e definiu o procedemento para que os lugares de interese astronómico poidan declarase patrimonio da humanidade. Entre eles estarían algúns destes megálitos de función astronómica. O propio responsable do grupo de traballo sobre Astronomía e Patrimonio da Unión Internacional de Astronomía e editor do estudo, Clive Ruggles, sinala que a Astronomía é unha parte clave dentro do patrimonio cultural e natural do ser humano, e recoñecer este extremo de forma oficial permitirá identificar e clarifica-lo valor astronómico no contexto da Convención de Patrimonio Mundial.

Pena de Rodas. Outeiro de Rei

Á hora de abordar o uso astronómico de construcións e monumentos da antigüidade non debemos esquecer que a astronomía foi motor relixioso das culturas de tódolos pobos antigos. Hai arqueólogos e antropólogos que pensan que nalgunhas das pinturas rupestres e nalgúns petróglifos xa se poden rastrexa-las primeiras manifestacións astrolóxicas e/ou astronómicas (pois nun principio ámbolos dous campos non estaban disociados). Os movementos do Sol no horizonte, as fases e posicións da Lúa e o comportamento das estrelas e constelacións da cúpula celeste foron obxecto de observación e estudo. A relación dos homes coas estrelas débese en parte á inquedanza que producían certos fenómenos astronómicos como a Vía Láctea, así como ó uso das estrelas como calendario agrícola e gandeiro e como mapa ou compás para orientarse nas viaxes que emprendían, xa fose por terra ou por mar. A bóveda celeste foi a ferramenta usada xa dende o neolítico para defini-lo calendario que lles indicaba a estes pobos cando sementar, cando recolle-la colleita, o tempo de aparea-lo gando e outras datas importantes no ciclo agrario. Isto fai da astronomía a ciencia máis antiga da humanidade.

Pedrafita do Monte Lourado reutilizada como marco parroquial 

Os primeiros poboadores observaron que os ocasos polo oeste trala desaparición do Sol e os ortos polo leste de determinadas constelacións nos amenceres de determinadas datas do ano eran coincidentes con certos fenómenos. O mesmo ocorría cos ortos matutinos de certas constelacións en días concretos do ano.  Entón decidiron asociar estas situacións estelares con precisos fenómenos naturais que a súa observación demostraba que se presentaban de forma ordenada e cíclica ó longo do ano. Feitas estas asociacións entre constelacións, posicións dos astros e fenómenos naturais e climáticos era doado, tan só mirando o ceo ó amencer e ó solpor, saber en que momento do ano se atopaban, que tipo de cambio meteorolóxico se aveciñaba e cales eran os labores agrarios ou actividades sociais que tocaban.

A construción de monumentos megalíticos con fins astronómicos que facilitasen estas observacións é un feito contrastable e indiscutible polo que non pode ser descartado a priori que en Galicia tamén se dese. Despois viría a relixión institucionalizada e os períodos críticos deses ciclos astronómicos, como os solsticios e equinoccios, acabarían sendo resaltados no calendario anual con festas e celebracións. As mesmas festividades agrícolas que miles de anos despois —como fixeran antes tódalas grandes relixións e credos— a Igrexa asimilará, reutilizaría e cristianizaría baixo a advocación de virxes e santos.

Monte da San Cibrao. Ourense

En conclusión, xunto a posibles usos simbólicos das pedrafitas como monumentos delimitadores do territorio dunha comunidades; xunto ó posible valor relixioso como símbolo fálico, representación da potencia divina, pilar cósmico, etc, etc; fronte ó posible carácter funerario dalgúns destes monumentos hai que engadir outra hipótese de traballo: a hipótese astronómica. Outra posible interpretación e funcionalidade sobre a que investigar e avanzar para un día chegar a desentrañar o misterio que agochan estes megálitos. Quen sabe, é posible que teñamos en Galicia o noso particular e  milenario calendario astronómico e aínda non nos teñamos decatado. Cousa peores se viron…

O autor fronte ó monumental Marco do Vento, a pedrafita do Seixo 

A %d blogueros les gusta esto: