A TORRE DOS MOUROS, UN NOVO MODELO DE ARQUEOLOXÍA SOCIAL

Esta fin de semana rematou a escavación arqueolóxica na Torre dos Mouros de Lira, no concello de Carnota. Como xa comentei nese taboleiro persoal que é o facebook, para un servidor foi un verdadeiro pracer e privilexio poder achega-lo meu pequeno e modesto gran de area a esta aventura arqueolóxica e social que foi e é o proxecto da Torre dos Mouros. Así que dende esta torre virtual na que me agocho quero da-las grazas ó equipo técnico, ós arqueólogos e a tódolos voluntarios que fixeron posible esta escavación e que tan a gusto me fixeron sentir. Sei que non é xusto personalizar, pero véxome na obriga de expresa-lo meu agradecemento sincero a Antón Malde —director da escavación— e a Manuel Gago e a Sole pola súa amabilidade e agarimoso trato que me deron e, por suposto, á dona da pensión na que me aloxaba, a Casa Dosil (restaurante Xouba), que me convidou a almorzar de balde ó saber que estaba a traballar na Torre dos Mouros, o que demostra que a xente ten máis sensibilidade por este tipo de proxectos dos que algúns pensan.

 

Non vou falar aquí sobre o aspecto histórico e arqueolóxico deste xacemento, nin sobre as hipóteses e avances da investigación, pois nin me corresponde a min nin é ese o motivo deste post. Se queredes saber máis sobre o xacemento podedes estar perfectamente informados na web:

 http://torredosmouros.net/

Eu falareivos doutro aspecto desta aventura, pois o meu interese neste proxecto ía moito máis aló do puramente arqueolóxico ou histórico. Máis alá de descifra-la incógnita de saber que era esta fortificación, cal é a súa datación e cal foi o seu uso, o pioneiro proxecto da Torre dos Mouros ten un enorme interese dende o prisma sociolóxico e, por extensión, antropolóxico.

 

Este interese no modelo posto en marcha en Lira, e que me levou a participar nel, ven dado polo feito de que A Torre dos Mouros é unha vangardista aventura arqueolóxica coral e poliédrica, onde as diferentes dimensións do proxecto se combinan de tal xeito que conforman unha nova proposta de ve-la arqueoloxía, onde a investigación vai da man da divulgación a tempo real, onde as novas tecnoloxías, a potencia do audiovisual e as redes sociais cobran protagonismo como novas xanelas virtuais ó servizo da divulgación e da posta en valor do noso patrimonio. Un proxecto onde o meticuloso e estrito traballo dos arqueólogos e especialistas susténtase na colaboración directa dos voluntarios que se converten en actores e valedores do seu patrimonio, onde a sociedade local vese imbricada no proxecto ata o punto de que este non só reverte na comunidade en forma de fonte de coñecementos —sempre recíproco— (cítese o exemplo das barferencias) senón que, asemade, xera recursos económicos e consumo na propia comunidade local.  Un proxecto onde a interacción coa xente e a retroalimentación que iso produce son tamén peza clave dos alicerces desta proposta de intervención, xa digo, pioneira no noso país e, atrévome a dicir que, en Europa.

O modelo posto en marcha na Torre dos Mouros, e xa experimentado na Pedra Furada, marca, ó meu humilde modo de ver, un antes e un despois no xeito de xestionar este tipo de intervencións. Fundamentalmente por dúas variables: a divulgación e a participación.

 

O tema da divulgación dos resultados e avances feitos na escavación arqueolóxica e a posibilidade de que a xente acceda á propia escavación e coñeza o xacemento in situ e de primeira man na voz dos arqueólogos é algo fundamental para achegar esta disciplina á cidadanía, para incrementa-lo noso coñecemento xeral no mundo da historia e da arqueoloxía, para acouta-lo campo libre deixado a outros discursos históricos máis laxos ou infundados pero de grande eco social pola falla de información e de coñecemento xeral en materia arqueolóxica. Pero ademais, e sobre todo, abri-las escavacións á cidadanía é unha obriga moral da arqueoloxía cando esta se fai con cartos públicos, é dicir, pagados co peto da cidadanía. O pobo ten dereito a saber que se fai con eses cartos, en que se empregan e cal é o beneficio social, intelectual ou cultural que obtén coa súa “inversión”. O escurantismo en torno ó patrimonio, o elitismo que nega o acceso ós xacementos ou ós fondos arqueolóxicos que colapsan os almacéns dos museos provinciais, a non publicación de resultados dunha escavación arqueolóxica e mil exemplos máis que podería citar non só son reprobables moral e eticamente senón que deberían ser un delito equiparable á malversación de fondos públicos. Por iso, proxectos como o da Torre dos Mouros ou as visitas e conferencias postas en marcha na última campaña de escavación do castro da Lanzada ou as do castro de Ribadumia (ámbalas dúas dirixidas polo arqueólogo Rafael Rodríguez) son pioneiras, revolucionarias e un sopro de ar fresco e lúcido no mundo da arqueoloxía galega, demasiado anquilosado, endogámico e,  permítaseme a erótica metáfora, onanista.

Sei que este tipo de proxectos hoxe en día aínda contan con moitas resistencias a distintos niveis. Coido que esa resistencia só podo vir orixinada ou pola falla de información e ignorancia ou pola mala fe daqueles que se ven incapaces de estar ó nivel que demanda a cidadanía e de da-lo servizo social e cultural polo cal cobran os soldos que todos pagamos.  Por que non debemos esquecer que o fin de calquera ciencia social (como é a arqueoloxía, a historia ou a antropoloxía) é xerar coñecemento que reverta na sociedade. Axudar a entende-lo que fomos e o que sucedeu no pasado para sabe-lo que somos e ónde imos, para te-la carta de marear necesaria para orientármonos e sobrevivir no noso presente devir histórico.

Algúns “eruditos” non deberían de esquecer nunca que o fin último do seu traballo de investigación non é obter méritos académicos para ter unha praza fixa ou obter maior prestixio, nin acada-lo máximo número de citas ou a maior cantidade de artigos publicados en revistas que xeralmente —e por desgraza— só chegan ós mesmos que as fan, senón producir coñecemento e divulgalo entre aqueles que pagan e sosteñen as institucións, universidades, museos e demais organismos públicos onde moitos traballan. Por iso entendo que para algúns proxectos como estes poidan chegar a ser molestos porque os poden deixar en evidencia, mais cando os tempos trocan un ten dúas opcións: mudar con eles, adaptarse e estar á altura ou meterse nun frasco de formol para que o amosen na vitrina dun museo de fósiles e especies extintas. O bo deste xogo que un sempre pode elixir.

O outro punto base sobre o que pivotan este tipo de aventuras de arqueoloxía social é a participación da xente. Explicarei isto cun simil, unha comparación que establecín nun momento de reflexión que tiven entre que movía unha pedra, cortaba un toxo e acarretaba un capacho de terra.  Irei paso a paso, empezando polo principio.

Nun extremo da muralla que dá acceso ó recinto fortificado hai unha formación rochosa que garda unha pequena cova ou abrigo natural. Este habitáculo foi transformado e readaptado para crear un espazo máis amplo do que era orixinalmente, as pedras foron traballadas, outras colocadas, etc, etc. A improvisada garita, pois iso semella, ten un par de buratos polos que albisca-lo mar de Carnota e os seus areais.

Pois ben, atopábame eu traballando neste espazo —alcumado por nós “o apartamento”— en compaña do colega da SAGA e arqueólogo  Lukas Santiago, cando nun  momento de respiro e bucólica soidade ollei pola pequena fiestra de pedra e observando a praia de Carnota lembrei que dez anos antes, naquel pesadelo negro de chapapote e incompetencia,  estivera alí mesmo traballando tamén de voluntario na limpeza da costa.

Nun flash-back —froito da calor ou do radón emitido polo granito— lembreime percorrendo toda a praia de Carnota de xeonllos retirando galletas de chapapote soterradas baixo a area, e lembrei tamén  perfectamente aquel 24 de decembro do 2002 pola mañá, enterrado ata a cintura naquela pasta negra de fuel nunha praia de Lira e as declaracións realizadas o mesmo día polo daquela ministro de defensa Federico Trillo tras visitar e sobrevoa-la costa de Carnota, e cito literalmente sen mais comentarios:

“Una primera impresión de la situación allí es bastante positiva, ya que puedo decir que no hay playas manchadas de chapapote […] Esto dice mucho del buen trabajo que se está haciendo hasta ahora y empieza a crear una esperanza para el futuro. Las playas estaban limpias y esplendorosas, la visión era magnífica”

Pois ben, por aquelas datas ninguén cuestionou a necesidade de voluntarios e todos gababan o seu esforzo, dedicación e altruismo, era unha situación de emerxencia, o patrimonio natural do país estaba baixo seria ameaza e as administracións non daban feito. Eu, coma miles de cidadáns máis, boteime ás praias para intentar salva-lo noso patrimonio, pese a non ser mariñeiro nin pescadore, pese a non ter dereito a recibir compensación económica algunha a pesar de ser tan damnificado como calquera. Ou acaso a perda do teu patrimonio natural non é un prexuízo para toda a cidadanía? Como se valora iso?

Hoxe en día a situación é parecida, agora non é so o patrimonio natural o que periga (xa falaremos de parques eólicos outro día) senón que a situación do noso patrimonio material, histórico e arqueolóxico é moi grave. Cada día se destrúen máis xacementos, non hai un día que pase sen un ataque ou atentado ó patrimonio material, o que está “protexido” ou posto en valor  apenas se coida a súa conservación, a crise do sistema capitalista de mercado que está empezando non deixa marxe á inversión en cultura e toda esfera social condiciónase á esfera económica no que é unha anormalidade histórica sen parangón. E para máis inri as administracións amósanse incapaces de aborda-lo reto da conservación, estudo e posta en valor deste magnífico tesouro que é o noso patrimonio. Non me dirán vostedes que neste panorama de emerxencia nacional proxectos como a Torre dos Mouros e a participación da cidadanía —baixo a forma de voluntarios— no rescate, conservación e divulgación do seu patrimonio non supón unha axuda á solución do problema, unha esperanza para o futuro e un novo xeito de educar civicamente no amor á nosa historia é a herdanza dos nosos devanceiros.

Por todo iso, o domingo cando xa finalizara a escavación e baixabamos do monte collín de recordo unha pequena pedra —un anaco de seixo— da chaira da Torre dos Mouros. Igual que fixera hai dez anos cando deixei as praias de Lira baixo aquel negro manto de horror. Agora, a pedra da Torre dos Mouros e o pelouro vernizado de chapapote das praias de Lira descansan xuntos, un a carón doutro nun andel da miña biblioteca. E están alí para lémbrame que a conservación, protección e recuperación do noso patrimonio (sexa este natural, cultural ou arqueolóxico) non só é un deber cívico senón tamén, e sobre todo, un dereito, un dereito irrenunciable dos pobos a coñecer e a preserva-la súa historia e o seu legado material. E precisamente por isto, ningunha administración obsoleta, burócrata insensible, académico elitista ou político inútil pode negarlle á cidadanía ese dereito a ser valedor do seu propio patrimonio, porque os dereitos non se discuten, exércense.

(Fotografía de Sole Felloza)

Advertisements

3 Respostas

  1. Graciñas pola lucidez destas palabras. Divulgación e participación simultáneas para establecer eses vínculos emocionais co patrimonio (natural, cultural ou arqueolóxico como ben dis) que non dependen das burocracias nin das políticas, pero teñen a forza do que se move pola vontade do corazón. Fan agromar a esperanza de que xa se está a mudar o concepto de “cultura que ben dada”, polo de “cultura que se vive”. Eu son unha dos miles de seguidores do proxecto, e por desgracia non puiden achegarme alí en persoa. Pero síntome orgullosa de que sexa unha realidade, eiquí e xa. Todos estamos de noraboa. De novo grazas.

  2. Agradecimiento es lo que más siento después de leer esto…..agradecimiento por tanto trabajo,por tanta sensibilidad……..y vaya todo mi ánimo y apoyo para continuar por esta vía…..

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: