A VIRXE PEREGRINA E O TEUCRO HERACLEO

ARTIGO PUBLICADO O SÁBADO 11 DE AGOSTO NO SUPLEMENTO DO DIARIO DE PONTEVEDRA

TEXTO DO ARTIGO

A VIRXE PEREGRINA E O TEUCRO-HERACLEO

 A Virxe Peregrina e a súa fermosa igrexa son hoxe por hoxe unha das iconas máis famosas e representativas de Pontevedra. A Peregrina, malia non se-la patroa da vila, converteuse co paso do tempo nun dos signos de identidade das xentes da Boa Vila e nunha das virxes obxecto de máis devoción. E iso non é por casualidade. Pontevedra, grazas á súa localización na depresión meridiana —verdadeira autoestrada natural de penetración no territorio galaico— foi dende a máis remota antigüidade un privilexiado punto de encontro e de paso. Por aquí discorrían a vía romana XIX do itinerario de Antonino, camiños de arrieiros e, como non, o camiño portugués a Compostela, a carón do cal naceu, aló polo 1753, a devoción á nosa Virxe Peregrina. Naquela vella capela da Nosa Señora do Camiño, hoxe desaparecida, rendéuselle culto por primeira vez á virxe que viste roupaxe de peregrino. Anos despois, no 1778, construiríase o actual templo da Peregrina, nun terreo extramuros, pertiño da antiga porta de Trabancas e a carón do camiño de Santiago onde no ano 1776 xa se erixira unha capela provisional de madeira.

A Virxe Peregrina

O santuario da Virxe da Peregrina evoca a ese carácter de Pontevedra e a súa importancia nas rutas xacobeas. Os símbolos que nos remiten a ese universo viaxeiro van máis alá da súa planta deseñada polo arquitecto Arturo Souto en forma de cuncha de vieira —verdadeiro símbolo distintivo do peregrino a Compostela— ou da súa advocación mariana vestida con sombreiro de á ancha, capote, esclavina adobiada de vieiras, zurrón e bordón de peregrino coa cabaza para leva-la auga da que nunca falta en Pontevedra para dar de beber a quen pasa, pese a que o río dos Gafos xa non corra puro e cristalino malia os titánicos esforzos dos benqueridos amigos de Vaipolorío. Hai outros elementos da arquitectura do templo, dicía, que nos remiten a ese mundo de viaxeiros e antigos camiños, e diso quero falarlles.

 

Igrexa da Virxe Peregrina e o Teucro heracleo. Pontevedra.

Non pasará desapercibido ó bo observador o conxunto escultórico que coroa a fonte da Peregrina, adobío posterior á construción do templo. A escultura identifícase con Teucro, a quen se lle atribúe a fundación de Pontevedra. Mais o Teucro que aquí vemos representado é un Teucro peculiar a quen vou alcumar como “Teucro heracleo”. Pero vaiamos por partes. Teucro, fillo ilexítimo do rei de Salamina Telamón e da princesa troiana Hesíone, participou na guerra de Troia co seu irmán Aiax. Trala caída de Troia, o noso heroe emprende o seu regreso a Salamina pero, por desacordos respecto á morte do seu irmán, o seu pai Telamón condénao a desterro de por vida. Tras varias peripecias recala na  Península Ibérica onde funda Cartaxena e, posteriormente, a cidade de Hellenes, a nosa actual Pontevedra. Sería nesta terra galega onde, segundo Asklépiades, Trogo Pompeio, Estrabón e Xustino, acabaría Teucro os seus días. Pero foi Pedro de Medina no seu Libro de las grandezas y cosas memorables de España quen en  1548 se faría eco da suposta viaxe de Teucro a Galicia, abrindo, deste xeito, as portas á popularización desta lenda fundacional. A finais do XVI o mito estaba plenamente aceptado e así ficou reflectido oficialmente cando o alcalde Melchor de Teves colocou na fachada da casa do concello a lápida coa famosa inscrición Fundote Teucro Valiente.

A historia de Teucro non é o único mito que relaciona a fundación dunha vila galega cos heroes gregos. A Tui, Iria Flavia ou á Coruña atribúenselles a mesma orixe. Quizais todas estas lendas, á parte do intento de busca dun pasado glorioso e clásico para os galegos, poderían se-la pegada mitificada das relacións marítimas que dende a Idade do Bronce existían entre o litoral atlántico galego e o Mediterráneo. Contactos que sempre foron máis alá do comercial, implicando tamén un transvase cultural entre ámbolos dous mundos.

Vemos pois como o fabuloso libro pétreo que é o santuario da Peregrina remítenos tamén a outras antigas rotas, a outros camiños e a famosos viaxeiros que elixiron como destino estas terras de Pontevedra. Pero non foi Teucro o único que así fixo. Dicía hai un anaco que o Teucro da Peregrina é un Teucro peculiar, pois a devandita escultura representa o heroe de Troia loitando cun león no que é unha clara alegoría ós doce traballos de Heracles e ó episodio no que derrotou o temible e invulnerable león de Nemea. Por que se representa a Teucro loitando co león de Nemea coma se fose o mesmísimo Heracles?  Terá algo que ver con que ámbolos dous partiron un día dende Grecia camiño destas terras atlánticas?  Heracles —o Hércules latino—, fillo do deus supremo Zeus e da mortal, Alcmena, foi o maior heroe grego. Os logros máis famosos de Heracles serían os doce traballos que lle encargou o rei de Micenas Euristeo como castigo por ter matado, nun arranque de tolemia, ós seus fillos. Pero que relaciona a Heracles con Galicia?

 

Hércules (Heracles) na fachada da basílica de Santa María. Pontevedra.

No universo simbólico dos gregos todo o que estaba máis alá do mediterráneo, pertencía ó mundo do descoñecido. Por iso pensaban que a Illa dos Benaventurados, o paraíso onde ían os afortunados trala morte, ficaba nestas latitudes de poñente. Hesíodo na súa obra Os traballos e os días relata como os heroes mortos na guerra de Troia e Tebas “habitan nos confíns da Terra, lonxe dos inmortais. Sobre ela reina Cronos. Viven libres de preocupacións nas illas dos Todo Poderosos e Benaventurados, perto do Océano de simas profundas”. Galicia era, e é, a meta do Sol, o lugar onde morre cada día, polo que se identificou co Outro Mundo. Galicia era pois para os gregos e romanos  un lugar máis aló do Lethes —o noso Limia—, alí onde o Sol se embarca diariamente na súa copa camiño do Alén para volver renacer co novo día.  Por este motivo os mitógrafos  gregos identificaron este percorrido solar, dende o nacemento no Oriente cara a morte no Occidente, co décimo traballo de Heracles, aquel que o levaría a Occidente na procura do gando de Xerión. Nese décimo traballo Euristeo encargoulle a Heracles que roubase os bois de Xerión, un xigante de tres cabezas que vivía  na illa Eritia, nalgún lugar do Atlántico. Contan que cando Heracles ía cruzando o deserto de Libia, camiño das costas atlánticas,  o Sol era tan aterrador que, bañado en suor pola calor implacable, Heracles cargou o seu arco e comezou a lanzarlle frechas a Helios, o deus do Sol. Helios, atemorizado polo imprevisto ataque de Heracles, díxolle que lle daría o que quixese con tal de que deixase de tirarlle frechas. Heracles aceptou o trato, desculpouse e pediulle que lle deixase a copa coa que viaxaba cada noite ás profundidades do mar. Helios accedeu á súa petición e así foi como Heracles, montado na copa do Sol (a que hoxe figura no escudo de Galicia, segundo algunhas interpretacións), puido viaxar ata a illa atlántica de Eritia. Tras cumpri-lo seu traballo e mata-lo xigante e o seu can gardián Orto, Heracles devolveulle a copa a Helios e regresou a Grecia cos bois de Xerión. A mitoloxía galega quixo situar en Brigantium, xunto a Torre de Hércules,  o escenario deste episodio épico.

 

Solpor sobre o cabo de Fisterra.

No século III a.C. Aristóteles, na súa obra Mirabilia, fala dun antigo camiño de peregrinaxe que cruzaba parte de Europa ata a Península Ibérica e que xa por entón contaba con protección para os camiñantes da rota e cunha infraestrutura hospitalaria para acolle-los peregrinos: “sosteñen que de Italia até o País celta, e os Celtoligios e Iberia existe un camiño nomeado Heracleo, e se por el peregrina un grego ou indíxena, é tomado baixo protección dos que viven perto para que non sufra ningún atropelo e que esixen o castigo contra os responsables de que padecera inxustiza”.Velaí o camiño de Heracles.

Pero se a igrexa da Peregrina garda a lembranza de Heracles,  baixo o seu alter ego local Teucro, aquel que se achegue á basílica de Santa María poderá contemplar tamén, na súa fachada principal, a representación deste grande heroe grego de dende o alto do templo albisca o horizonte atlántico que un día cruzou. Mais non acaba aquí a historia. No monte de San Martiño de Salcedo, xa no linde con Lourizán, existe un petróglifo medieval que representa a dúas figuras antropomorfas armadas con lanza e casco. A gravura está catalogada como petróglifo de Pumariño, pero as xentes de Salcedo refírense a estes penedos de xisto como a Pedra ou as Pedras de Heraclio. Por iso eu, que afundo as miñas raíces na parroquia de Salcedo, gosto de crer —e permítaseme a licenza mítico-literaria— que aquela xa gastada  gravura de Pumariño evoca o paso do nobre heroe grego por estas terras pontevedresas, quen, ó igual que lle aconteceu a Castelao, non se resistiu ós encantos de visita-la parroquia de San Martiño.

Pedra de Heraclio. San Martiño de Salcedo.

Hoxe en día, como hai miles de anos, Pontevedra, coa súa fermosa ágora da igrexa con planta de vieira, segue sendo porto de destino, punto de encontro, cruzamento de camiños e de xentes e lugar de paso obrigado para miles de viaxeiros e turistas que sempre atopan aquí pousada e repouso. Por todo iso, e parafraseando a Enrique IV de Francia, a Boa Vila ben vale unha misa, e se esta se canta na igrexa da Virxe Peregrina moito mellor, pois non hai mellor patroa para un viaxeiro que aquela que fixo do camiño e da romaxe o seu sinal de identidade. Que teñan vostedes bo camiño!!

Santuario da Virxe Peregrina. Pontevedra.

Advertisements

2 Respostas

  1. Hai dous fins de semana achegueime ata Portonovo para visitar aos meus pais. Nada máis chegar, meu pai amosoume o teu artigo sobre “A Virxe peregrina…”. O domingo pola mañá achegámonos ata Pontevedra, para “descubrir cousas” que grazas ao teu artigo nos pasaran totalmente desapercibidos. Parabéns e unha aperta.

    • Grazas polas túas palabras Xabier. Moitos somos tamén os que “descubrimos cousas” grazas ó teu traballo. Unha aperta.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: