Daily Archives: 22 Agosto 2012

REVIVÍMO-LAS VERBENAS DOS ANOS 50 NA FESTA DO DEMO

“REVIVINDO O ESPÍRITO DAS VELLAS VERBENAS”

O segundo terzo do século XX foi un tempo de cambios para a música tradicional galega. Novas modas e novos ritmos chegaron ó noso folclore da man de viaxeiros, emigrantes e, como non, tamén da radio. Rumbas, polkas, vals ou pasodobres empezaron a ser frecuentes nas nosas festas, e eses novos ritmos levaron tamén a novos bailes. Aparecía así, non sen a forte oposición da Igrexa,  o baile agarrado que competía coas nosas muiñeiras e xotas.

Xunto cos gaiteiros tradicionais, xa dende comezos de século, empezaron a aparecer novas formacións que, por influenza das bandas de música, incorporaban instrumentos como o saxofón, o clarinete, a caixa ou o bombo con pratos. Nacen así as charangas,  as murgas e as orquestillas que incorporan no seu repertorio os novos ritmos e bailes de moda no momento. A partir dos anos 60 irrompen as orquestras que van relegando nas festas, pouco a pouco, as populares bandas de música.

Estes cambios e novos aires na nosa música influíron, como non podía ser doutro xeito, nas nosas festas e bailes. Os tradicionais seráns, ruadas e fiadeiros convivían como boamente podían cos bailes organizados e coas verbenas que, amenizadas por charangas e orquestras, se organizaban co gallo das festas patronais.

É precisamente o espírito desas verbenas dos anos 40 e 50 o que Os Chichisos pretendemos recuperar coa Foliada do Demo.  O baile agarrado ó ritmo das charangas e baixo un ceo de bandeiriñas e bombillas de colores, un xeito de vivi-la festa onde a música e o baile son os protagonistas, onde a participación da xente —máis alá de meros espectadores— é fundamental para poder revivi-lo ambiente e emoción daquelas verbenas de verán que hoxe tan só existen na lembranza dos máis vellos.

La Voz de Galicia

A %d blogueros les gusta esto: