• BENVIDOS Ó BLOG DE RAFA QUINTÍA

  • SOBRE O AUTOR

  • © Fotografías blog: Rafa Quintía

  • MARIÑA: DE DEUSA A SANTA

  • MONTE DAS CROAS: ANTROPOLOXÍA DUN CASTRO

  • ANÁLISE ESTRUTURAL E SIMBÓLICA DO MITO DA MOURA

  • LA HISTORIA DE GALICIA EN 50 LUGARES

  • USO SIMBÓLICO DO CUARZO NA CULTURA GALEGA. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos

  • PATRIMONIO INMATERIAL DE SAN MARTIÑO DE SALCEDO

  • ALICORNIO. O PODER DO CORNO DE UNICORNIO NA MEDICINA TRADICIONAL GALEGA

  • A NOSA SEÑORA DA LANZADA. Estudio antropológico de un santuario costero.

  • PARA CANTAR VEÑO EU! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos

  • DE VELLO, GAITEIRO! Biografía do grupo de música tradicional Os Chichisos

  • DEUSES, MITOS E RITOS DO MONTE DO SEIXO. Unha proposta interpretativa en clave céltica.

  • Á SOMBRA DE BOUZA PANDA. Poemario de trincheira e maldizer

  • MUÍÑOS, A MEMORIA DA AUGA.

  • Documental “SETE CAMIÑOS. ENCRUCILLADA DO TEMPO”

  • Documental “COMUNEIROS. Cen anos de vida e loita polo monte de Salcedo”

  • Documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica”.

  • Curtametraxe documental “NOITE DE REIS COS CHICHISOS”

  • A PEDRA DO FUNDAMENTO

  • “FEITO NA CASA”

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº6

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº5

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº4

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº3

  • “FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza”. Nº2

  • “FOL DE VELENO. Revista de Etnografía e Historia de Galiza”. Nº1

  • ALBIÓN GALAICA

  • “GALICIA ENCANTADA: O país das mil e unha marabillas”

  • “OS MOUROS E AS MOURAS: MÁXICOS ENIGMÁTICOS DA MITOLOXÍA POPULAR”. Actas das V Xornadas de literartura de tradición oral.

  • POEMARIO DOS GAFOS. Obra colectiva.

  • CATÁLOGO-GUÍA do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

  • AS PONTES DE PONTEVEDRA. Libro da exposición do mesmo nome. (Obra colectiva)

  • ATAS DAS JORNADAS DA LITERATURA GALAICO-PORTUGUESA 2012-2014

  • ACTAS DAS II XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ACTAS DAS I XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA

  • ENTRADAS POR ORDE CRONOLÓXICA

  • CONTADOR

    • 114,200 hits
  • Follow Á Sombra de Bouza Panda on WordPress.com

O CASTRO DE RIBADUMIA. REAPRENDENDO A HISTORIA

O castro de Ribadumia (o Monte do Castro) é un deses castros que poderían facer mudar moitos dos estereotipos que os arqueólogo e historiadores —ou cando menos algúns deles— teñen establecido en relación a ese constructo académico e ideolóxico que chaman cultura castrexa.  O Monte do Castro de Besomaño, dominando o Val do Umia,  é un deses castros que aparecen de cando en vez achegándonos novos datos sobre o noso pasado, e confirmando vellas teorías e sospeitas moitas veces caladas polo medo ó que dirán.

Estou certo de que moitos máis castros interesantes como este verían a luz se houbese unha decidida e sistemática política administrativa a prol da investigación arqueolóxica en Galicia, e da defensa e posta en valor do noso inxente patrimonio. Pero isto é o que temos.

Ata agora, os valedores da corrente autoctonista e romanicista da cultura castrexa defendían que estas sociedades eran organizacións sociais pacíficas, igualitarias, agrícola-gandeiras (confundindo sistema económico con organización social) e bastante limitadas en canto á súa tecnoloxía, metalurxia e arte plástica, cando menos ata á chegada dos romanos que viñeron a “civilizarnos” e sacarnos do noso atraso tribal e bárbaro. Por exemplo, repítese continuamente que os romanos trouxeron os castiñeiros á Galicia dende o Asia Menor pero, se ben é certo que os romanos plantaron moitos castiñeiros, os rexistros polínicos confirman que os castiñeiros e rebolos xa existían en Galicia con data anterior á chegada dos romanos. Tamén se di que foron eles quen trouxeron os muíños xiratorios pese a que xa se utilizaban antes da conquista romana.

Esta idea de que a cultura castrexa era unha sociedade carente de belicosidade —o que por outra banda sería un caso único na Europa da Idade do Ferro, unha sorte de oopart histórico— é o que sustenta argumentos como o que as murallas, parapetos, fosos, terrapléns e demais elementos defensivos dos castros non fosen tal, senón símbolos de ostentación e prestixio. Por suposto, que unha grande muralla de pedra sirva como símbolo de ostentación desa comunidade non quita para que deixe de ser unha muralla defensiva. De tódolos xeitos, argumenta-la suposta falta de belicosidade dos galaicos en base ó maior ou menor grosor ou monumentalidade das súas murallas tampouco é un argumento concluinte pois é ben sabido que os espartanos –posiblemente o modelo de sociedade guerreira máis clara da historia— non rodeaban as súas cidades de murallas e, por outra, parte das estruturas da muralla podías estar feitas con empalizadas de madeira —como ocorría en toda Europa— que, debido á acidez do chan galego, non deixan rexistro arqueolóxico, co que moitas murallas que hoxe vemos como baixas podían ter orixinalmente unha altura considerable.

Este pacifismo galaico, segundo a clásica argumentación que estamos a referir,  fixo que a conquista romana non fose tal, pois apenas tería habido resistencia por parte dos nosos devanceiros e a chegada das lexións converteuse nun mero paseo pola nosa xeografía habitada por labregos que non sabían nin facer unha basta escultura de pedra e moito menos empuñar un arma.  Vamos, que segundo esta interpretación a conquista romana foi algo así como “Bienvenido Mr. Marshall”.

Hai unha especie de axioma ou máxima na teoría autoctonista e romanicista da cultura castrexa que dende o plano antropolóxico non se sostén por ningún lado e que renxe máis que unha carrilana oxidada dun vello carrusel de feira. Vexamos cal é esa pirueta argumental. Como os chamados castrexos non eran belicosos as armas que tiñan non eran para a guerra senón que eran elementos de prestixio. Cando menos esa a explicación que se dá para as armas atopadas nos xacementos arqueolóxicos. Como aparecen moi poucas armas –segundo din— a conclusión á que se chega é que non había guerreiros nestes pobos senón que eran todos agricultores, aínda que as ferramentas agrícolas que aparecen son aínda menos que as armas. E xa que falamos de sociedades igualitarias, alguén debería explicar como é posible que nunha sociedade supostamente igualitaria, pacífica e agrícola-gandeira unha espada puidese ser un símbolo de status e de prestixio social.

Vamos ver señores, para que un elemento sexa de prestixio nunha sociedade determinada ten que existir unha elite social que posúa ese tipo de obxectos inalcanzables para o común do pobo. Iso provoca que aqueles que queren ser ou aparentar unha clase social superior á súa,  ou que queren gañarse un novo status social fagan todo o posible por posuí-los obxectos propios que definen á elite. Na nosa sociedade capitalista, os que queren medrar na escala social ou aparenta-lo que non son intentan, se poden, levar no pulso un Rolex, ter no garaxe un BMW, ser socios dun club de golf, deixarse ver polo pertinente liceo casino ou vestir con roupa de Armani, por pór tan só uns exemplos moi básicos. Por que eses son –entre outros— os símbolos identitarios das clases altas da nosa sociedade. Nunha sociedade agraria e gandeira un símbolo de status e de prestixio podería ser ter moitas vacas, ter unha graxa grande, posuír extensas terras, ter moitos xornaleiros a conta,  ter a maquinaria agrícola máis avanzada ou posuír e exhibir determinados produtos de importación ou xoias que só se poderían mercar se se ten o excedente produtivo necesario para poder adquirir tales alfaias. O que non me entra na cabeza é que a aspiración dun labrego fose ter unha espada de ferro, por que se iso fose así querería dicir que eses obxectos armamentísticos serían os símbolos de poder da elite social e iso só pode ocorrer se nesa sociedade existe unha clase superior de índole guerreira, pois as espadas aquí, na China e no Xapón sempre foron elementos propios dos guerreiros e non dos labregos. Ademais, se nunha sociedade existen elementos de prestixio identificados con determinada clase social é porque esa sociedade está estratificada e, xa que logo, non pode ser igualitaria. Así que a ver se nos aclaramos e témo-los conceptos claros, e senón non se metan a falar de aspectos simbólicos da cultura e dedíquense a cataloga-la cerámica e a medi-los muros das cabanas castrexas.

O tema do igualitarismo castrexo tamén merece unha aclaración. Supor que unha sociedade é igualitaria porque o rexistro arqueolóxico non reflicte grandes diferenzas materiais entre os habitantes dun mesmo castro é unha simplificación que se desmonta facilmente cun par de exemplos de estudos de sociedades precapitalistas ou o que algúns etnocéntricos chaman “primitivas”. As monografías antropolóxicas están cheas de casos de sociedades onde o prestixio e o status social non ven determinado pola posesión de obxectos materiais. A capacidade de influír no grupo, o don da palabra, as habilidades para a caza ou para a guerra ou a posesión de moitas cabezas de gando ou animais —título de posesión que non deixan pegada material no rexistro arqueolóxico— son aspectos que poden facer que un individuo dunha colectividade acade un status de xefe ou de situación de privilexio na estrutura social do grupo.

En fin, tras este paréntese extenso pero necesario, prosigamos coa nosa viaxe ó castro de Ribadumia. Fronte a estas teorías, moitos outros historiadores defenden o carácter guerreiro da sociedade galaica da Idade do Ferro, así como a súa forte belicosidade —abalada, entre outras cousas, polos textos clásicos—,  unha organización social estratificada en clases e organizada, posiblemente, baixo a forma —cando menos— de xefaturas, e unha organización política e territorial artellada en base a territorios autónomos gobernados por príncipes locais —as denominadas trebas que darían lugar ás nosas bisbarras—,  tal como descubriu a principios dos 90 o doutor en historia André Pena.  Pois ben, o xacemento de Ribadumia ven a confirmar que estas sociedades castrexas non eran tan pacíficas como se pensaba, nin tan igualitarias como se di.

O castro de Besomaño foi literalmente arrasado a sangue e lume, as súas edificacións queimadas e os seu moradores asasinados ou tiveron que fuxir para non volver xamais. Os utensilios de cociña apareceron intactos tal e como os deixaran os seus antigos posuidores, os potes a carón do lume, as armas e as alfaias (fíbulas e outros obxectos) ciscadas polo chan do poboado. Aqueles homes e mulleres xamais volveron recolle-las súas posesións porque, posiblemente, estivesen todos mortos ou os que sobreviviron xa non tiñan a onde regresar.

As armas romanas atopadas no xacemento (unha dolabra, por exemplo) fan pensar, a priori, nun ataque e cruel castigo exemplar executado polo invasor romano. Seica para o Imperio non debían ser xente tan pacífica e tranquila cando tiveron que darlles ese escarmento. Mais, pese a esta primeira posible explicación da destrución do castro, non debemos esquecer que igual que hoxe en día un guerrilleiro somalí posúe un subfusil AK47 ou un M16 sen ser ruso ou norteamericano, un guerreiro castrexo podía ter tamén unha espada ou calquera outra arma tipicamente romana. Xa daquela existía algo que se chama comercio, ademais as xentes de antes, como as de agora, acostuman a incorporar tecnoloxía e novos obxectos que veñen doutras culturas. Isto podería explica-la presenza de armas romanas no castro sen necesidade de que tiveran que se-los romanos os que destruíron o asentamento castrexo. Polo tanto, cabe tamén a posibilidade de que o castro de Ribadumia fose destruído por outro pobo galaico veciño co que estivesen en guerra, ou por un exército de guerreiros galaicos ávidos de riquezas e gloria. Sexa como sexa, tódolos indicios apuntan cara un tempo e unha sociedade máis violenta do que se identifica coa bucólica e pastoril cultura castrexa.

No castro aparecen tamén diferentes construcións, adscritas unhas ás primeiras épocas da Idade do Ferro e outras ás épocas máis tardías da Idade do Ferro, o que indica un longo período ocupacional deste espazo habitacional. Pero entre as construcións da época castrexa (Idade do Ferro final) destaca unha casa na parte alta do poboado que é diferente das demais que se teñen escavado. Falamos dunha casa patio duns 300 m2,  un amplo edificio rectangular, cun pórtico de entrada, habitacións, almacéns e cortes  que é máis típica dos castros do norte de Portugal que dos da Galicia actual. Segundo a interpretación dos arqueólogos, estaríamos ante a casa digna dun xefe, xa polo seu tamaño e estilo como pola súa localización privilexiada dentro do asentamento, destacando dende a parte alta do recinto, presidindo todo o poboado e controlando unha zona considerada de almacenaxe de excedentes agrícolas. Estaríamos, xa que logo, diante dunha sociedade perfectamente estruturada e xerarquizada onde un xefe, caudillo, príncipe ou rei local gobernaba sobre as súas xentes e o seu territorio.

Eses mesmos xefes que despois chegarían a pactar e pechar acordos de clientela cos romanos para mante-la súa cota de poder a cambio da  colaboración e vasalaxe co Imperio romano —o novo poder político e militar— facilitando deste xeito un tipo de dominio político similar ó exercido dous mil anos despois polos británicos nas súas colonias africanas: o “indirect rule” ou dominio indirecto, que significa algo así como: ti es rei porque eu che deixo selo e che dou a túa lexitimidade. Ti organiza e goberna a túa xente ó teu xeito, tal e como viñas facendo, pero débesme contas a min, pagas os tributos que che correspondan e se che necesito tes que responder. Este tipo de relacións de padroado facilitaría a pervivencia de moitas institucións indíxenas en época xa romana e, probablemente, con posterioridade.

Vemos pois, como os novos achádegos arqueolóxicos empezan a debuxarnos un mundo castrexo bastante máis complicado e, á vez, máis “normal” do que nos tiñan contado. Un mundo que concorda coas sociedades do Ferro da Europa atlántica, como sería o lóxico para unha terra que sempre foi máis centro do mundo atlántico que fisterra do mundo mediterráneo. Unha sociedade perfectamente articulada, xerarquizada e conectada co mundo da súa época. Unha sociedade que coñecía e practicaba o comercio tanto local como a grande distancia, como así o testemuñan os restos cerámicos de orixe púnica atopados en moitos xacementos, por exemplo. Unha sociedade —como tódalas do mundo ata a Revolución Industrial— cuxo sistema económico de vida dependía fundamentalmente da agricultura, da gandería e da pesca pero, á vez,  unha sociedade onde a guerra —e as elites guerreiras— tiñan un peso específico no seu universo cultural, social, político e simbólico. Unha sociedade da que aínda nos queda moito por saber e aprender e, posiblemente,  moito tamén por desaprender e reinventar.

Así que xa saben, se queren facer unha viaxe ó noso pasado non perdan a oportunidade de visita-lo castro de Ribadumia. Poden estar certos de que os arqueólogos que alí traballan —dirixidos por Rafael Rodríguez— amosaranlle e explicaranlle o xacemento con todo detalle, amabilidade e disposición, e iso si que é raro neste país. Case tan raro e único coma esa cultura castrexa que nos tiñan contado.

Advertisements

4 Respostas

  1. Realmente moi interesante!
    E con moito sentido común
    Noraboa 🙂

  2. http://masquepetroglifos.blogspot.com.es/
    Sin compartir en parte tu discurso, decirte que efectivamente cuando un poblado levanta defensas es por que precisa defenderse, la llamada cultura castreña, habría que replantearse hoy día si tuvo unidad cultural y etnica, de lo que dudo bastante, y ya existe por ahí algún trabajo arqueológico que desmiente este planteamiento. muy típico de los ochenta su unidad y su supuesto pacifismo, retomando la cuestión, decía que si te molestas en protegerte es por que necesitas esa protección, lo primero que nos indican esas murallas y fosos…es que hablan de un “mundo hostil”, y efectivamente el mundo antiguo y practicamente todo la modernidad se basó en este principio general, las sociedades del pasado hasta la época contemporánea(excluyendo aquí las sociedades que no viven en sistemas democráticos) eran basicamente hostiles, las defensas eran necesarias en primer lugar para defenderse de la naturaleza, esos pequeños poblados rodeados de bosques eran amenazados(ganadería y a veces los humanos) por depredadores hoy practicamente extinguidos, lobos, eterno “enemigo” del hombre, y osos fundamentalmente.
    Pero sobre todo el principal enemigo, otros grupos humanos. Gran parte de los grupos etnicos que formaron la edad de hierro en el N.O., conformaron sociedades opuestas, enfrentadas unas a otras por el control del territorio, el ganado, las mujeres,los cultivos, esta “militarización” de las sociedades no es nueva, es una evolución que viene ocurriendo desde la edad de bronce y posiblemente empezó a desarrollarse en el neolítico, por que con la agricultura comienza a sedentarización y la idea de propiedad, y aquí amigo hemos topado con el terruño que garantiza la supervivencia y el poder. pretender que el mundo castreño era algo idílico es de una inocencia supina. pretender defender que los trabajos enormes en costo y esfuerzo para acondicionar un poblado era para fardar ante los vecinos es de una cándidez que ruboriza.(en cierta forma tendemos a proyectar sobre el pasado nuestros propias vivencias del presente)
    En este aspecto la mayoría de las rivalidades debían canalizarse de alguna manera no bélica, pero muy probablemente cuando se dirimía un problema de robo de ganado, cultivos, de mujeres, la guerra debió ser el método más empleado. aunque no estuviesen todo el día dándose mamporros. Sobre este castro puede que ese incendio fuese no intencionado, los incendios debieron ser frecuente en unos poblados que se construían con materiales fungibles, maderas y paja para las techumbres, pretender achacar a esa “roma maligna” la culpa de la destrucción del castro en base a que ha aparecido una dolabra no parece muy serio tampoco, es más, lo más probable es que ese apero fuese utilizado para minería y trabajos agrarios por alguno de los habitantes del castro y que fue adquirida a algún herrero ya de epoca romana. Pero también pudo ser una destrucción bélica, sin poder determinar cual fue la causa o sus autores, por lo menos de momento.
    La construcción del conocimiento histórico esta siempre en continua revisión, pero no debemos dejarnos llevar por los sentimientos, la historia es ciencia y debemos tratar de actuar y analizar los hechos desde esos parámetros, el romanticismo no debe cegar el entendimiento. saudos.

    • Grazas polo teu interesante comentario, Gustavo. Dende logo comparto o que dis sobre a hostilidade dos pobos e das sociedade do Ferro. O tema dunha cultura castrexa idílica, pacífica e bucólica é algo xa superado polas investigacións arqueolóxicos actuais, pena que aínda algúns sigan alimentando ese conto. En canto á Historia, certo que é unha ciencia, pero é unha ciencias social e como tal carece da posibilidad de proba, ensaio controlado, repetición e verificación, algo que si teñen as ciencias puras, é dicir, que carece dos principios de reproducibilidade e de refutabilidade propios do método científico. Velaí o comlexo de inferioridade que teñen as chamadas ciencias sociais (á Economía exclúoa desa categoría por considerala unha mancia). Por iso calqueira dato obtido, malia a falsa crenza de que os datos son algo obxectivo e puro, sempre serán datos creados polo investigador a través da súa interpretación dos feitos obxecto de estudo. Unha interpretación e uns datos que poden estar máis ou menos fundamentados pero que non deixarán de ser un discurso construído para interpretar un pasado que sempre está suxeito a continua revisión. A Historia é, pois, un relato en continuo cambio, pensar o contrario iso si que sería romanticismo. Un saúdo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: