Monthly Archives: Setembro 2012

LEMBRANDO A JOHN BALAN

O amigo Rafa Pintos –Wladimir Dragossan— presentará o vindeiro venres o seu libro “Un yanqui en la corte de Breogán”. Unha biografía sobre o peculiar e irrepetible artista John Balan. O acto celebrarase no audiotorio do Centro Social de Novacaixagalicia e Os Chichisos estamos convidados ó evento para botarlle uns temas en honor do cowboy de Seixo.

Hai case trinta anos estaba eu nun restaurante en Aguete, por mor dun banquete familiar, cando entrou no salón comedor un home con gorro de cowboy e andar contoneante e chulesco. O peculiar vaqueiro apoiouse contra unha porta e batendo cos seus dedos na madeira empezou a entonar unha melodía como se a súa voz fose unha trompeta. Quedei atónito. Ó número musical seguiulle unha improvisada representación teatral de temática farwest onde aquel virtuoso facía tódalas personaxes da obra. Concluída a súa actuación, e recibído-los pertinentes aplausos e quiñón monetario, o cowboy marchou por onde chegara deixando pendurado no ar un cheiro a pólvora e terra do deserto. Era John Balan.

Hoxe lembro con emoción cando no ano 2006 Os Chichisos decidimos organizar unha homenaxe para John. Unha idea que xurdiu, como tanta outras, ó redor dunha mesa dun bar e tomando un viños. Aquela noite ocorréusenos que podiamos facer unha actuación conxunta entre Os Chichisos e John Balan, ó día seguinte empezamos a indagar que era de John ata que descubrimos con tristura que estaba na residencia de anciáns Virxe do Camiño de Pontevedra, que sufrira unha trombose e que quedara semi paralizado da parte dereita do corpo.

Rolda de prensa celebrada na Galería Sargadelos para anuncia-la homenaxe a John Balan e  facer un chamamento a tódalas persoas, colectivos e entidades que tiveran unha relación directa con John Balan e que quixesen colaborar nesta homenaxe.

Rolda de prensa celebrada na vinoteca La azienda del vino para dar a coñece-lo programa de actuacións da homenaxe a John Balan.

A partir de aquí, o recoñecemento era cuestión de xustiza, un xeito de demostrarlle que tódolos seus anos de traballo eran recordados por todos aqueles que gozamos algún día co seu arte. Naquel entón dixemos que eran moitos os motivos para facerlle esa homenaxe pero que podiamos resumilos en cinco:

-Recoñecemento a unha vida adicada ó arte,  bohemia e a farándula”

-Por que era un artista entrañable do noso país

-Pola súa delicada situación actual

-Porque aínda estaba entre nos

-En agradecemento a todos estes anos facéndonos rir

 

Recadando apoios para a homenaxe. Membros dos Chichisos (Rafael Quintía, Xosé Feijoó, Toño Vázquez e Rosalía Rodríguez) con Julián Carabelos, Torrado, Rafael Pintos, Manuel Yáñez e Miguel Marras que se prestaron xenerosamente a colaborar na homenaxe a John Balan.

Así o fixemos, recadamos apoios á iniciativa, colaboradores, medios técnicos e humanos e recibimos moito, moito cariño, axuda e ánimo pora levar a bo porto aquela iniciativa. O insigne artista galego que fora coñecido en toda España como “O Home orquestra” recibiu finalmente a merecida homenaxe que lle debía o seu pobo o 14 de xullo do ano 2006, nun Teatro Principal de Pontevedra abarrotado. Na homenaxe participaron e colaboraron, entre outros moitos, figuras como o humorista Farruco, os presentadores Julio Santos Penas, Xabier Fortes, Xosé Manuel Gayoso, José Mª Íñigo e Jesús Quintero, os escritores Manuel Rivas, Alfredo Conde ou Rafael Pintos.

 

Os Chichisos no Teatro Principal de Pontevedra abrindo o acto de homenaxe a John Balan.

Transcorrido un ano da emotiva homenaxe, John Balan decidiu partir para cruza-lo río Bravo por derradeira vez. O día que o despedimos, Os Chichisos tivemo-la honra de tocar no seu enterro, ou mellor dito, no enterro do seu corpo porque a súa alma aínda cabalga polas llanuras de Seixo e as montñas de Marín.

Estes pequenos retallos da vida de John Balan que achego a continuación son froito das conversas que Os Chichisos mantivemos con John no ano antes da súa morte, e foron recollidas e transcritas pola compañeira Rosalía Rodríguez. Sirvan pois de homenaxe póstuma esta pequena reseña biográfica da súa vida.

  

Breve biografía de John Balan, “Artista de ayer a título de casualidad

“Un hombre pobre y sin dinero es un bulto sospechoso”. Con frases como esta o “home orquestra” de Seixo City, John Balan, pasa a formar parte da historia deste país. A primeira vez que recordo velo foi no ano 1975 no programa que José María Íñigo tiña na TVE “Directísimo”, alí vin un home que batendo nunha porta que tiña ás súas costas tocou un pasodobre, facendo soar, coas súas calidades “fonético faringeas”, todo tipo de instrumentos de vento como a trompeta ou o trombón. Despois era quen de escenificar películas, nas que el só interpretaba o papel de tódalas personaxes cun simple movemento no escenario.

Con 17 anos actúa no Derby en Santiago, en Negreira, no Teatro Gofre do Ferrol e no Teatro Principal de Ourense. Con 18 anos xa fai os seus bolos por Radio Madrid, o Teatro Madrid e o Cine Rialto, onde participou na homenaxe a Carmen Sevilla.

Inicia as súas actuacións no café Saboy, no Carabela, no Méndez Núñez e no café Moderno, en Pontevedra.Con 18 anos actúa no Derby en Santiago, en Negreira, no Teatro Gofre do Ferrol e no Teatro Principal de Ourense. Entre as numerosas anécdotas das que foi protagonista conta que un día no café Derby de Santiago, unha vez rematada a súa actuación, o dono do café chamouno e ofreceulle traballar de labrego, ao que John lle contestou “eu non son dese tema porque eu nacín un domingo”, logo botouno do café dicíndolle que molestaba aos clientes. Outro día volveu ao Derby e un cliente pediulle que actuara e defendeu a súa actuación ante o dono do local cando pretendeu botalo de novo.

Posteriormente catro coñecidos lévano pra Coruña, convídano a cear no Hotel Sevilla e actúa no restaurante. Un armador que estaba no hotel, pídelle que toque na súa casa para a súa familia, unha vez alí promételle ir a Madrid e presentarlle a Cesáreo González. Chegados a Madrid, Cesáreo González non está, xa que se atopa de xira por Arxentina con Marisol e Joselito.

Só e sen ninguén coñecido, John decide quedarse en Madrid, e actúa en varios bares. Nun deles entrou cunha pistola de madeira na man e dixo manos arriba que nadie se mueva, de súpeto un policía de paisano que estaba alí, identifícase e pídelle o mesmo a John, logo de aclarado pregúntalle de que traballa, e John contéstalle “yo soy cantante”, ao que lle replica o policía “por desgracia de esos hay muchos”, un reporteiro do diario “Informaciones” identifica a John e o policía permite que marche con el.

Con 20 anos preséntase no concurso de José Luís Pequer en Radio Madrid, que patrocina “Gaseosas La Casera” e a primeira vez intervén co tema “Manolo de mis amores” e a segunda vez con “Mirando al mar”. Participa na homenaxe a Carmen Sevilla celebrada no Cine Rialto. Despois sáelle un contrato no Teatro Madrid, na representación de “Mujeres o Diosas”, na que actúa con “Los Pibes”. Logo viría o musical “El sitio de Zaragoza”onde tivo unha actuación en solitario.

A raíz destes éxitos, ofrécenlle un contrato de tres meses para unha xira por Portugal, máis non pode aceptar porque o reclaman pra incorporarse a filas no Cuartel do Tercio Norte de Ferrol. Mentres cumpre o servizo militar, permítenlle facer actuacións sempre e cando no vaia vestido co uniforme. Xa rematada a mili, actúa en Valencia na sala de festas Ladys nun espectáculo que presentou a Miss España Rocío Martín. Tamén en Valencia, actúa no Moulin Rouge, e noutro local en Xiva, a 27 Km de Valencia.

Vicente Fernández pretende contratalo nunha compañía pra unha xira por México, máis non chegan a un acordo económico. Tamén renuncia a actuar no Teatro Calderón de Madrid con Andrés Pajares en 1976, na tempada de inverno, porque só lle pagaban 7.000 ptas. semanais. Posteriormente viría cumprido un dos seus sonos: a viaxe a Estados Unidos en compañía do xornalista Pelaez, do programa de TVE “Vivir cada día”.

Actuou durante nove anos consecutivos nas Festas de Campolongo e durante trece meses fixo múltiples actuacións en locais pontevedreses como o Gólope, o Ruada, o Daniel Bum, a discoteca Equus, a discoteca Shiva, ou na sala Siroco. En Marín actuou dous anos nas Festas do Carme, e no Pub 26.

Outras actuacións salientables foron as realizadas en:  El Mosquito (Vigo), Teatro García Barbón de Vigo,  tres actuacións no programa de TVE Directísimo que presentaba José María Íñigo, programas da TVG, Praza de Touros de Valencia con Fernando Esteso, Praza de Touros de Castellón, Sala Flamingo en Canarias…Aparte das moitas actuacións en diferentes locais de Pontevedra e Marín, John tamén actuaba no “trole” que facía o traxecto de Marín a Pontevedra. Velo subirse no trolebús era garantía de diversión asegurada.

 

O venres 21 algúns dos que admiramo-la súa arte volveremos estar todos xuntos para lembralo, esta vez da man de Rafael Pintos e do seu novo libro. Estou seguro de que o John cabalgará de novo esa noite alá onde queira que vaian os cowboys de verdade. Quizais no ceo, onde sempre están as estrelas coma el.

Descansa en paz, vello amigo.

 

Os Chichisos con John Balan e Rafa Pintos.

A PEDRAFITA DO ALTO DO COUSO

Xa teño falado aquí outras veces sobre as pedrafitas galegas, sobre todo a raíz do artigo de Alberte Alonso que publicamos no anuario Fol de Veleno. Dicía entón, e repito agora, que Galicia está chea de pedrafitas, unhas reutilizadas como marcos de termo, outras transformadas en cruceiros, en postes de peches, en cachotería de muros, etc, etc, e moitas outras aínda perdidas nos nosos montes. Desmontamos, deste xeito,  o falso mito de que no noso país non hai apenas menhires, exceptuado a sempre citada Lapa de Gargantáns, no concello pontevedrés de Moraña. Hoxe traio a este diario de viaxe virtual outra significativa mostra deses megálitos galegos: o Marco do Couso.

 

Coñecín o Marco do Couso hai xa uns meses grazas ó amigo José Gavilanes, quen me levou onde se localiza a fermosa pedrafita. O marco do Couso, no Alto do Couso, indica a fronteira entre os concellos ourensáns de Maceda e Esgos é, xa que logo, unha pedafira reutilizada como marco de termo.

 

O menhir, pois iso é o que é, esta cuberto de coviñas, indicio suficiente para afirmar que non se trata dun marco medieval. Ademais presenta na súa parte alta un peculiar rebaixe similar ós que ten estudado Alberte Alonso nas pedrafitas que el considera de posible uso astronómico. No caso que nos ocupa a orientación do marco é de 130º SE-NW.

A pedafita do Couso foi, asemade,  reutilizada como poste dun cercado e aínda hoxe se pode ver parte do antigo arame do peche atado á súa base. Todo un exemplo de reciclaxe e reutilización ó longo do tempo: de pedrafita megalítica a marco de termo para rematar como poste do peche dunha finca.

 

Non podo asegurar se o seu emprazamento actual é o orixinal. O que si sabemos é que  aínda hoxe segue a ser un referente importante para a comunidade local pois é, como xa dixen, o marco de termo entre os dous municipios.

 

Velaí pois unha mostra máis das numerosas pedrafitas ou menhires que aparecen espallados pola nos xeografía: a Pedrafita do Alto do Couso, un megálito a coñecer, conservar e protexer.

 

Non quero remata-la crónica sen comentar outro interesante lugar. Moi perto de onde se atopa o Marco do Couso e continuando pola mesma estrada chegamos a un outeiro rochoso coñecido como Os Penedos da Moura.

 

Os pelouros que coroan o outeiro están adobiados con cruces de termo pois é xusto por este accidente xeográfico, ó igual que ocurría co Marco do Couso, por onde transita o linde entre os concellos de Esgos e Maceda.

 

No alto do outeiro atopamos una pala ou abrigo natural. Non conseguín dar con ningunha referencia oral ou lenda que xustifique o topónimo pero non deixo de imaxinar que posiblemente nesa espenuca estea a explicación ó nome do outeiro, porque posiblemente sexa esa peculiar cova a morada da moura que deu nome ó lugar, ou cando menos, iso quero crer eu.

CADERNO DE CAMPO Nº3. SETEMBRO 2012

Acabamos de publica-lo terceiro número de “CADERNO DE CAMPO. Boletín informativo da Sociedade Antropolóxica Galega”.

Déixovos aquí este novo número do boletín CADERNO DE CAMPO para que o poidades consultar on line.

FALANDO NA TORRE DOS MOUROS. VIDEO

Deixo aquí un video que ven de edita-lo equipo técnico do proxecto A Torre dos Mouros. Nel falo do que apareceu nun pequeno abrigo sobre a muralla occidental da Torre dos Mouros. O compañeiro Lukas Santiago e eu centrámonos na intervención deste pequeno espazo onde atopamos fragmentos de ferro e algúns ósos que están en análise.

Podedes segui-lo prexecto da Torre dos Mouros na web:
http://torredosmouros.net

O RITUAL DE CORTA-LA PEZOÑA

Achego un pequeno video que editamos coa Sociedade Antropolóxica Galega  no que podedes ver un ritiual curativo da medicina tradicional galega para trata-lo mal de pezoña. Dende aquí o meu agradecemento á Sra. Virxinia Corrales pola súa colaboración e por toda a valiosa información que me suministrou. Grazas tamén a Xosé Feijoó que me fixo de padriño neste traballo. Video gravado na aldea de Anllo, parroquia de San Cibrán de castrelo, concello de Cea.

A %d blogueros les gusta esto: