Monthly Archives: Outubro 2012

“NOITE DE DEFUNTOS: CRENZAS E TRADICIÓNS”. ARTIGO NO DIARIO DE PONTEVEDRA

ARTIGO PUBLICADO  NO DIARIO DE PONTEVEDRA. Data:  30/10/2012

A Noite de Defuntos: crenzas e tradicións

(artigo ampliado)

Por Rafael Quintía Pereira

 

Todas as culturas do mundo, dende que o home é home, estableceron rituais para honrar e conmemorar os seus mortos. A orixe do noso actual Día de Defuntos pérdese, xa que logo, na noite dos tempos, por iso as celebracións de hoxe en día son herdeiras de antigas tradicións, ritos e crenzas que como pobo construímos ao longo da nosa historia. Co cristianismo todas estas festas pasaron a ser sincretizadas coa nova relixión. Foi no século VIII cando o papa Gregorio III fixou o primeiro de novembro como día de Todos os Santos e xa no século XII a Igrexa establecería o día seguinte —2 de novembro— como Día de Defuntos, cristianizando deste xeito as antigas festas pagás dos mortos. Coa cristianización prohibíronse moitos dos milenarios ritos. Moitas crenzas e costumes desapareceron, outras pasaron a quedar confinadas no ámbito da marxinalidade ou foron transformadas nunha sorte de xogos de nenos. Foron os nenos os que transformaron e continuaron as antigas celebracións percorrendo as casas do lugar, pedindo carne, pan, viño e doces, que gardaban nas súas bolsas para consumilos despois nas súas casas. Este costume, que hoxe nos parece propio do Halloween americano pero que nace en Europa, era unha tradición común en Galicia ata tal punto que no século XVI o bispo de Mondoñedo Frei Antonio de Guevara sancionou nos seguintes termos este costume: Constounos pola visita que o día de Todos os Santos e o día seguinte de Defuntos andan todo os mozos da freguesía a pedir polas portas e danlles pan e carne e viño e freixós e pixóns e outras cousas, e que piden así os fillos dos ricos que os pobres; e por ser máis este rito xentil que cristián, ordenamos e mandamos que, de aquí en diante, ningún mozo vaia aqueles dous días de porta en porta a pedir […] so pena que o pai ou a nai que enviara o seu fillo a pedir aqueles días pague mil marabedís.

Ademais deste costume dos nenos de ir pedir polas casas  tamén existía a tradición de preparar comida para os defuntos que nos viñan visitar esa noite especial. O mesmo bispo de Mondoñedo amosouse escandalizado ó respecto destes ritos. A reacción do bispo Antonio de Guevara era comprensible. O franciscano non era galego, non coñecía estes costumes e mantiña a crenza de que tódalas nosas tradicións atlánticas eran de procedencia xudía ou mourisca, e decidiu prohibilas con ameazas, multas e castigos.

Malia as prohibicións e os intentos anatemizantes da Igrexa, moitas destas crenzas e tradicións perduraron ata os nosos días integradas no cristianismo como algo normal é típico do Día de Defuntos. Deste xeito, perdurou o costume de non recoller a mesa nesa noite para que as ánimas dos familiares defuntos tivesen algo que comer nesa noite liminal en que nos veñen visitar. Antigamente tamén se deixaba o lume da lareira aceso para que as almiñas puidesen quentarse. É costume en moitos lugares de Galicia facer unha cea especial a Noite de Defuntos. Tamén se cocen castañas con anís para as ánimas do purgatorio e se comen doces típicos destas datas como as chulas de calacú ou, xa máis no ámbito urbano, os ósos de defunto e os buñuelos de vento. Ata mediados do século XX aínda se mantiña a tradición de cocer no Día de Defuntos o “Pan das ánimas”, un  bolo de pan que se levaba ó adro da igrexa para dar de comer á xente o saíren da misa e para repartilos entre os pobres. Outra das tradicións que se mantiveron, e de feito eu mesmo lembro facelas en Salcedo cando neno, era a de tallar caveiras de calacús que unha vez iluminadas con velas acesas se deixaban nas ventás da casa e polos camiños.

A Noite de Defuntos é unha noite máxica cunha enorme carga simbólica, pois existe a crenza de que nesta noite desaparece o veo que separa o mundo dos vivos do mundo  do Alén, e por iso é posible que os membros defuntos da familia poidan volver  camiñar entre os vivos e veñan visitar os seus antigos fogares na terra.

Na actualidade, o 1 de novembro os católicos celebran o día de Todos os Santos e recordan nesa data os seus mortos, visitan os cemiterios, adornan as tumbas  e acenden candeas que lles serven de guía aos defuntos para que atopen a saída do purgatorio. Acéndense tamén lampadiñas de aceite sobre as lápidas dos nosos falecidos e crese que cando unha destas lampadiñas se consome indica que unha ánima do purgatorio alcanzou, por fin, a luz. Por Defuntos hai novenas e é costume, relacionado coas celebracións de Defuntos, que pola Candeloria se bendigan as velas que se levan para a casa para acendelas no mes de Santos.

Unha celebración tradicional de Galicia que está estreitamente relacionada co que estamos a explicar é o magosto. Polo San Martiño, no mes de novembro, as castañas xa maduras empezan a abri-los ourizos e a caer ó chan. Comeza entón a época dos magostos en Galicia. Esta celebración simbólico-culinaria cínguese normalmente ás datas comprendidas entre o 1 de novembro —Día de Tódolos Santos— e o 11 de novembro —festividade de San Martiño—, aínda que tamén se poden celebrar nos días anteriores ou posteriores a estas datas ou mesmo dende mediados de outubro ata mediados de novembro. O portugués Leite de Vasconcelos consideraba ó magosto como un vestixio dun antigo sacrificio en honor dos mortos e refire que en Barqueiros era tradición preparar, a media noite, unha mesa con castañas para que os defuntos da familia fosen comer; ó día seguinte ninguén tocaba esas castañas pois se cría que estaban “babadas dos defuntos”. Tamén nos magüestus asturianos adoitábase deixa-las castañas que sobraban para que as comeran os defuntos.

Hoxe en día está cada vez máis de moda celebrar o Halloween, que non é outra  cousa que a véspera de Todos os Santos, do inglés All Hallow Eve. Esta celebración estadounidense non deixa de ser un mero sucedáneo, desvirtuado e carnavalesco, das vellas tradicións relacionadas coa Noite de Defuntos que levaron a América os millóns de emigrantes  europeos, sobre todo irlandeses. Por iso cómpre reivindicar a necesidade de manter as nosas tradicións da Noite e do Día de Defuntos, conservando os seu ritos, as súas crenzas e o noso propio nome. Ultimamente tamén, se lle chama a esta celebración Samaín, en lembranza da antiga festa celta, pero a Noite de Defuntos non é o Samaín, aínda que comparta unha orixe e significado similares e non se pode dicir que sexan exactamente o mesmo, pois a relixión céltica e a cristiá tampouco o son.

En Galicia, na actualidade, mantemos vivas moitas das antigas tradicións da Noite de Defuntos. Aínda se conserva a tradición de facer caveiras de calacús, visitamos os  cemiterios, acendemos candeas, deixámoslles comida ás ánimas, oramos por elas, pedímoslles favores, comemos doces típicos da época, facemos magostos, pero sobre todo lembrámonos e honramos os que xa non están connosco e, aínda que iso se poida facer calquera día do ano, sempre é bo saber que polo menos unha vez ao ano aqueles que xa se foron volveran estar de novo connosco  e vivos,  aínda que só sexa no pensamento e no recordo.

CHARLA SOBRE A NOITE DE DEFUNTOS

Este mércores 31 darei unha charla ós nenos para falarlles das nosas crenzas e tradicións relacionadas coa noite e o Día de Defuntos.  A charla está organizada pola  Sociedade Antropolóxica Galega e forma parte  das actividades que a Asociación Cultural Os Chichisos, como cada ano,   levará a cabo para celebra-la Noite de Defuntos.  Por suposto, están todos convidados, nenos e maiores para falar de  “A Noite de Defuntos: crenzas e tradicións”.

 

 

FALANDO SOBRE O DÍA DE DEFUNTOS NO FARO DE VIGO

ENTREVISTA EN RNE SOBRE O LIBRO “DE VELLO, GAITEIRO!”

Audio da  entrevista que me fixeron en RNE (Radio 5) con motivo da publicación do seu traballo “De vello, gaiteiro! Biografía do grupo de música tradicional Os Chichisos”. Emitido en outubro de 2012.

ESCOITAR:

http://www.ivoox.com/entrevista-sobre-o-libro-de-vello-gaiteiro_mn_1527480_1.mp3″

Ir a descargar

DESCARGAR:
http://www.ivoox.com/entrevista-sobre-o-libro-de-vello-gaiteiro_md_1527480_1.mp3

 

 

Presentación do libro “De vello, gaiteiro!”

De esquerda a dereita: Cesar Martínez  (Presidente da A.C. Os Chichisos), Rafael Quintía (autor) e Julián Carabelos (mestre de gaita)

Presentación do libro “De vello, gaiteiro!” Casa das Campás. Pontevedra, 25/10/2012

A PENELA DAS AUGAS VERTENTES: UN MURO DE SEIXO NAS TERRAS DO NORTE

Os afeccionados ós libros de George R. R. Martin ou á súa adaptación para televisión, a serie Xogo de Tronos, estarán familiarizados co famoso Muro de Xeo que separa e protexe Invernalia e o reino de Poñente das desoladas terras do afastado norte. Un muro protexido por unha orde de cabaleiros castos —a Garda da Noite— encargados de custodiar tan sinistra fronteira, e que viven acantonados nunhas torres e castelos dispersos ó longo do Muro.

 

Pois ben, nas montañas de Galicia, en Terra de Trives —a nosa particular Invernalia— existe un muro similar, un muro non de xeo senón de seixo, que separa Lugo de Ourense. Un lugar esgrevio, duro e descoñecido ancorado ás beiras do Navea e cuberto dun manto de neve grande parte do inverno. Un deses lugares do noso país —Terra de Trives— aínda por descubrir e que agocha auténticos tesouros naturais, arqueolóxicos e etnográficos.

O muro do que lles falo é a Penela das Augas Vertentes. O evocador nome, digno dunha saga de Tolkien, é unha inmensa formación natural de seixo branco que agroma do terreo conformado unha veta cuarcítica que, pola súa fasquía de auténtico balado, foi utilizada para marca-la divisoria administrativa entre as dúas provincias galegas.

 

Cando hai uns meses inspeccionei o lugar, en compaña do compañeiro Miguel Losada e dos dous veciños da zona, puidemos comprobar que a escasos cen metros do muro existían as ruínas dunha estrutura circular de grosos muros. Unha construción que, segundo contan os veciños, tiña a forma dun muíño de vento, con altas paredes circulares das que aínda quedaba en pe unha boa parte.

Restos da construción circular

Por desgraza, cando chegamos alí o estado e conservación destes alicerces non era o mellor posible, pois en datas recentes, e por mor duns traballos de repoboación de piñeiros, pasáranlle por riba cunha máquina de cadeas, desfigurando a súa estrutura e destruíndo parte dos muros que, a tenor do testemuñado polos veciños, ata había ben pouco estaban aínda en pé.

 

Tendo en conta que dende o alto deste monte se domina todo o corredor natural de acceso ó interior da provincia de Lugo, e o único paso natural que hai entre estas montañas, é posible baralla-la hipótese de que esta estrutura se correspondese a algunha fortaleza ou, máis ben, unha torre medieval erixida coa intención de vixiar e controla-lo paso entre estes territorios de Trives. Non por nada, na veciña Pena Folenche, ó outro lado do río Navea, existía unha torre ou castelo deste tipo.

 

Alicerces da fortaleza de Pena Folenche

Temos pois dúas pezas interesantes do que puido ser esta antiga fronteira interior. Pero vaiamos máis alá. Os mapas e as crónicas latinas da época romana indican que a fronteira imperial entre os conventos de Lucus Augusta e Bracara Augusta pasaba por estes cumios.

É posible, xa que logo, especular coa posibilidade de que este muro de seixo, igual que hoxe marca a fronteira administrativa entre a provincia de Ourense e Lugo, no tempo da Gallaecia marcase a fronteira entre ámbolos dous conventos romanos. Quen sabe incluso, se a destruída estrutura circular ou as descoñecidas ruínas das casas circulares e estruturas rectangulares dos Casaróns, na veciña aldea do Seixo, terían algo que ver en toda esta historia e este “limes” provincial.

 

Ruínas dos Casaróns

É posible que as pedras espalladas pola zona garden a resposta a estas preguntas. Mesmo é posible que lle podamos preguntar a elas. Fagámolo exercicio coa Pena das Bragas.

 Conta a xente que na aldea de Eirexa vivía un crego que non lle tiña moito respecto ó voto de castidade. O cura —como di a canción— andaba a loitas cunha muller da aldea. Debido a que toda a zona de Eirexe, Teixeira, Bexe, as Cabanas estaba traballada con veigas de pan, a parella, na busca dun niño de amor discreto,  adoitaba subir ó alto do monte e xunto á Pedra das Bragas daban renda solta á súa paixón. Seica a cousa era xa tan escandalosa que o bispado chamoulle a atención e ordenoulle que cesara na súa lasciva actividade carnal, seica a carta mandada polo bispo dicía algo así como que “ou vuelve el canario a la jaula o….”, podemos intuír que o final sería “aténgase a las consecuencias”. O crego non debeu facer caso e o malestar veciñal foi en aumento, incrementándose aínda máis cando o cura deixou preñada á súa amante. A carraxe e o descontento popular chegou ata tal punto que o cura apareceu un día morto na súa casa. Alguén, quizais deshonrado ou despechado, decidirá cortar polo san coa paixón do clérigo. Algúns contan que isto sucedeu en tempos de Franco, outros din que foi moito antes.

 

Esta é a explicación popular do peculiar nome destes penedos que se atopan xunto á Penela das Augas Vertentes. Como o crego ía facelos seus traballos extraoficiais a carón daquela peneda o pobo púxello por nome a Pedra das Bragas, imaxinen vostedes por que. É posible que esa historia sexa a verdade que xustifica o nome dos penedos, pero tamén é posible que se trate dun exemplo máis de etimoloxía popular, é dicir, unha creación popular e imaxinativa para explicar un topónimo que non saben de onde ven. Falando disto co compañeiro João Bietes saltou outra posible explicación. E se as Pedras das Bragas non fan referencia ó apetito sexual do crego senón a antiga fronteira romana? E se en vez de Penas das Bragas fose Pena de Braga, de Bracara Augusta? Non dirán que non ten certa lóxica.

 

Para enredar máis o tema, na faldra destes montes, e xa sobre as augas do Navea, existen uns farallóns naturais coñecidos como as Penas de Rome. Non direi máis, ata aquí chega a nosa capacidade especulativa ou imaxinación  creativa, pero de Rome a Roma hai un paso.

Penas de Rome

Un paso como o que deu, segundo lenda estendida na comarca, o cabalo de Santiago dende a aldea de Mouruás ata a Pena Folenche, onde deixaría a pegada das súas ferraduras, e dende aquí ata a Pena de Santa Mariña e despois ata a Pedra do Zapato.

 

Pena da Santa Mariña

A Penela da Augas Vertentes e a Pena das Bragas non son os únicos penedos peculiares deste cumio fronteirizo. Nun mesmo radio de 200 metros do muro de seixo atopámo-la Penela da Aigue e a Pena do Almorzo. A Penela da Aigue (variante dialectal da zona para referirse á aguia) é o pousadoiro das aguias. Alí levan as súas presas, xeralmente pitas, para dar conta delas, alí repousan e collen folgos para emprender de novo o voo sobre as frondosas selvas da ribeira do Navea. Pola contra, a Penela do Almorzo era a pedra a cuxo abeiro almorzaban os pastores que frecuentaban estes duros cumios.

 

Penela da Aigue

A tradición oral fala, ademais, de que existen varios túneles ou covas dos mouros pola zona. Zona xa de antiga tradición mineira. Un deses túneles iría dende os Peites ata os Biocos, outro sairía dende a aldea das Cabanas, xunto ás antigas minas. Tamén se fala de que hai outro que vai de Castro de Cotarros a San Xoán do Barrio.

 Todo un marabilloso mundo  soterrado baixo estes montes e, como poden ver, todo un universo mítico e histórico tecido ó redor destes descoñecidos cumios: os montes onde se ergue o Muro de Seixo. Se collen isto os guionistas americanos…

 

  Cos irmáns Luís e Paulino Portea, da aldea do Seixo, valiosos guías nesta aventura

Fotografías do autor e de Miguel Losada.

A %d blogueros les gusta esto: