SOBRE RAZAS E DIFERENZAS RACIAIS

Honte celebrouse o Día da Hispanidade, en tempos coñecido como Día da Raza, así que aproveitando a data voulles falar de razas, clasificacións raciais e da particular taxonomía racial que os españois estableceron en América.

Así que empezaremos falando das clasificacións raciais e do que se entende por raza. As taxonomías raciais representan un intento de clasifica-las distintas poboacións do mundo nun conxunto organizado de categorías. Os distintos modelos de clasificación racial amosan unha ampla gama que vai dende 3 (negras, brancas e amarelas) ata as 200 razas. Por exemplo, segundo as clasificacións raciais establecidas, os habitantes da Península Ibérica pertenceriamos, xunto cos do norte de África, Levante, Grecia e Turquía á raza Mediterránea, mentres que os franceses, suízos e outros pobos dos Alpes e os Balcáns pertencerían á raza Alpina. Pero un pode pensar que entre un galego e un de Marsella igual hai máis parecido físico que entre un do Cebreiro e un da cordilleira do Atlas marroquí, en cambio, o marroquí e o galego figuramos baixo a mesma clasificación racial. Iso é o que pasa co concepto de raza.

 

Un árabe e un galego

Isto débese a que todo sistema de clasificación racial presenta defectos estruturais, pois non é posible agrupar a tódolos individuos dun xeito claro en categorías raciais ben definidas. É máis, é moi frecuente que entre individuos dunha mesma “raza” haxa máis diferenzas que as existentes entre grupos distintos, xa que logo as diferenzas interindividuais nun mesmo grupo poden ser considerables, como ben pode observar calquera que se pare dous minutos a analiza-los trazos físicos de tódolos galegos que coñeza.  Por outra banda, e para complicalo máis, as similitudes entre grupos non indican a existencia dun antepasado común, xa que estas similitudes poden ser resultado de converxencias evolutivas debidas a presións ambientais similares, por exemplo.

 

 Fermosos nenos kechuas que fotografei no Val Sagrado. Perú

Case tódalas variacións humanas entre poboacións son graduais, polo que  a clasificación en razas é unha mera simplificación. Ademais, non hai que perder de vista que a meirande parte dos carácteres biolóxicos son resultado dunha complexa interacción entre herdanza xenética e ambiente, o que fai moi difícil separa-la súa contribución respectiva á hora de facer unha análise xenético-racial. A raza é, xa que logo, unha categoría humana que se refire a grupos de seres humanos separados categoricamente entre si baseados en carácteres fenotípicos  arbitrariamente seleccionados. Historicamente utilizáronse  tres tipos carácteres para poder dividi-la especie humana en razas, e eses foron: a cor da pel, a forma do pelo e as distintas combinacións de nariz, rostro e forma dos beizos.

 

 Nenos senegales xogando. Foto tomada na illa de  Fadiouth

A especie humana é o resultado dun proceso evolutivo e a posibilidade da evolución reside na existencia de variantes xeneticamente transmitidas. A existencia de varias alternativas para un carácter determinado (cor de pel, grupo sanguíneo, forma do corpo, tipo de pelo, etc) permite que os distintos grupos de individuos da especie se adapten  mellor ós distintos ambientes. O feito de ser distinto, entón, é unha necesidade adaptativa da especie. Por exemplo, a pigmentación escura protexe dos efectos da insolación excesiva, como é o caso de África. Pola contra, a pigmentación clara facilita a acción dos raios solares sobre a pel, algo necesario para a síntese da vitamina D  nas rexións onde hai baixo nivel de insolación, por exemplo no norte de Europa. É este fenómeno da variabilidade humana o que deu orixe ó que chamamos razas.

Clasificación racial por zonas xeográficcas. Lámina do libro Meyers Konversationslexikon (1885–90). Fonte: http://commons.wikimedia.org

Hoxe en día o concepto de raza foi suxeito a unha fonda revisión e todo parece indicar, segundo as investigacións dos antropólogos físicos e dos biólogos, que o dito concepto carece de valor científico, malia que seguimos ancorados nesa idea popular de que a cada un de nós perténcenos unha raza diferenciada. As investigacións sobre os xenotipos demostran que resulta cada vez máis difícil establecer unha división da especie en grupos xeneticamente definidos e en razas. Por outra banda, témo-lo feito de que unha cousa é o xenotipo e outra o fenotipo. O xenotipo é a constitución xenética dun organismo, que pode ser afectada, entre outros moitos,  por aspectos ambientais,  mentres que o fenotipo sería a súa manifestación física.  O xenotipo, xa que logo, é o potencial hereditario dese individuo (ou organismo) e actúa en relación co medio ambiente para produci-lo fenotipo. Este xenotipo pode conter potencialidades que permanecen sen expresarse fisicamente debido a factores xenéticos ou debido a factores ambientais como a dieta, o clima ou as experiencias vitais. De aí que individuos cun xenotipo similar poden ter fenotipos distintos, isto é, xente cunha carga xenética similar e pertencentes a un mesmo pobo ou etnia poden presentar aspectos físicos moi diferentes, co que as fronteiras da raza tórnase máis intaxibles e difíciles de manter. Sen ir máis lonxe e pese a compartir xenes, a miña nai e a miña irmá son de cabelo loiro e ollos verdes e eu son de cabelo negro e ollos castaños, e non hai cabida ó tipo de malpensada brincadeira que seguro están pesando algúns.

 

Muller asiática. Museo Nacional de Antropoloxía.

A adaptación biolóxica e a selección natural considéranse hoxe os principais procesos de efecto a longo prazo sobre as poboacións. A mutación, por exemplo, achega un novo material xenético e ese fluxo propicia novos trazos. Por último, o concepto de raza considera os aspecto biolóxicos dos grupos humanos como algo estático, como se fosen “razas puras” cando en realidade  o que  existe é un grande dinamismo deste aspectos biolóxicos. As investigacións actuais en xenética poboacional céntranse principalmente no estudo da distribución mundial dos xenes específicos e non xa na diferenciación das poboacións por razas. Cómpre pois revisa-lo concepto e establecer outro tipo de clasificación das poboacións que vaia máis alá da abritaría raza, porque o que é innegable é que existen grandes diferenzas físicas entre os distintos grupos poboadores da terra pero unha cousa é iso e outra é o concepto de raza, en si.

 

Bosquimáns. Museo nacional de Antropoloxía

De feito, tódolos humanos pertencemos a unha mesma e única especie politípica que é o Homo Sapiens, aínda que vendo como está o mundo o de Sapiens  paréceme unha ousadía. Este Homo Sapiens esténdese por todo o mundo ocupando unha extensión xeográfica tan grande e con condicións e climas tan variados que produce subdivisións en grupos humanos con trazos físicos diferenciados que a antropoloxía física, dende tempos de Johannes Blumenbach (1752-1840), decidiu chamar razas. Cómpre salientar que foi precisamente  Blumenbach quen defendeu por primeira vez a teoría da unidade da especie humana fronte á posición científica predominante na súa época que sostiña a idea da existencia de varias especies humanas  segundo as características morfolóxicas propias dos diferentes pobos, é dicir, que o que hoxe mal chamamos razas para os científicos do século XIX eran distintas especies. Para Johannes Friedrich Blumenbach había unha única orixe etolóxica, estando a especie humana conformada por cinco divisións principais, establecidas en base a determinadas características tanto físicas como psicolóxicas. Estas cinco categorías raciais eran: caucásicos, mongoloides, malaios, americanos e etíopes ou negroides.

Poboadores da cornixa atlántica

Con isto das razas pasa como coas ideas, cada un ten a súas. Non falta en Galicia quen fai a súa propia taxonomía racial autóctona, diferenciando de entre os diferentes individuos galegos os de “raza carballa”, é dicir, aqueles galegos de constitución más forte, ancha e baixa estatura. Nótese a enxebreza desta clasificación popular. Outros falaban do “óso celta”, un tipo de vulto ou pequena protuberancia ósea na base do cranio, segundo estas teorías ese trazo sería indicativo da orixe celta do individuo. Un despropósito tremendo, sobre todo se temos en conta que o concepto de celta non é racial senón cultural e, xa que logo, non existe nin nunca existiu unha suposta raza celta de ollos claros e cabelos dourados. Por certo, eu teño, ese óso celta e tamén RH-, como a meirande parte das poboacións da cornixa atlántica europea.

Tipos raciais. Nótese o ridículo dos estereotipos cunha raza española de toureiros. Fonte: http://es.wikipedia.org

O problema do concepto de raza é que non é unha idea inofensiva senón que en base a esa suposta diferenza racial executáronse os maiores xenocidios da historia do home, as maiores inxustizas e os peores crimes. En base ás diferenzas raciais e á suposta superioridade dunhas razas sobre outras o home xustificou a escravitude, a segregación, a desigualdade social e a marxinación de pobos enteiros. Por desgraza, en tempos de crise económica e de embrutecemento cultural o virus do racismo atopa o seu terreo máis abonado e ese é un perigo que hoxe en día está máis vivo que nunca.  Ademais, a cuestión racial adoita ser un recurso fácil útilizado por algúns nacionalismos que por ignoracia, ideoloxía ou por  falta de argumentos máis sólidos ou de contidos culturais para defende-lo seu feito diferencial botaron man da diferenciación racial como se a raza e a cultura fosen un binomio indisoluble. Ó longo do tempo, non só os nacionalismos centralistas da España Imperial, a Inglaterra vitoriana, a Francia decimonónica ou a Europa fascista recorreron á cuestión racial, senón que os chamados nacionalismos periféricos —que eu prefiro chamar movementos identitarios dos pobos europeos sen estado, por iso de diferenciar cada cousa— tamén caeron na trampa. Por desgraza para nós, houbo unha época na que este tipo de argumentacións eran comúns e socialmente aceptadas por todos, e así ilustres galeguistas do século XIX, como Manuel Murguía, Alfredo Brañas e Eduardo Pondal, ou o meu admirado etnógrafo Vicente Risco, xa no século XX, pecaron de caer na tentación de argumentar e reforza-lo feito cultural galego a través do concepto de raza, no seu caso sempre máis fundado nunha concepción mítica e heroica da raza que biolóxica. Como exemplo, podo comentar que no colexio á miña nai as monxas púñana como exemplo de prototipo racial de celta pura.

Así que, chegados a este punto, un xa non sabe si por ser moreno é de raza mediterráneo, si por ser branco é de raza caucásica, se por ter RH- é vasco, se por ser galego é raza carballa ou se por te-lo óso celta é céltico de pura cepa.

Mural dos escravos na Illa  Gorée. Senegal

Pero falemos agora do Día da Raza e desa suposta raza hispana que tanto orgullo espertaba naqueles tempos de fascismo e nacionalcatolicismo. É un feito obxectivo que, malia a innegable masacre de poboacións indíxenas de América, os españois e os portugueses amosaron menos reparos raciais a mesturarse cos nativos americanos que os amosados polos anglosaxóns. Só hai que compara-las poboacións indíxenas e mestizas de Sudamérica e as que ficaron en Norteamérica. Tamén puido ser que os da Península Ibérica  sufriran dunha maior incontinencia sexual que os súbditos da “pérfida Albión”. O caso é que desa mestura saíron xentes mestizas e despois, coa chegada dos millóns de escravos negros, naceron os mulatos.

Debido a este proceso de choque cultural e dominio colonial —o que algúns políticos chamaron “El encontro de dos mundos” e eu engado “e o final dun deles”—  os españois en América estableceron a súa propia taxonomía racial  e sistema de castas orixinada a partir dos diferentes cruces entre españois e as poboacións indíxenas americanas, os  negros ou os cruces entre cada un destes “derivados raciais”.  Quen visite o magnífico Museo de América en Madrid —na miña opinión un dos mellores museos de Europa polo número e calidade das peza— poderá gozar dunha fermosa colección de cadros da época onde se amosa o amplo repertorio destas clasificacións raciais. Así que, como estiven hai un par de meses visitando este museo, voulles aforra-la visita a aqueles que non poidan ir e que se conformen só con ve-las fotos dos cadros.

De Español e India sae Mestizo

De Mestiza e Español sae Castizo

De Castizo e Española sae Español

De Español e Negra sae Mulata

De Mulato con Española sae Cuarterón

De Mulato con India sae Calpan Mulato

De Cuarterón con Española sae Salta Atrás

Visto cos ollos de hoxe, esta clasificación racial —cargada de prexuízos culturais— parécenos algo do pasado e un pouco inxenua, por non entrar en cualificativos maiores pero tiña a súa importancia pois,  segundo fose catalogado cada individuo nunha casta (ou  grupo racial) ou outro a súa situación social sería diferente, pois a raza condicionaba non só o status social senón tamén os dereitos e as oportunidades que unha persoa puidese ter. E todo este sistema de castas estaba establecido para garanti-la supremacía dunha aristocracia de españois e de criollos.

De Chino e India sae Cambufo

De Cambufo con India sae Albaracado

De Indio e Mestiza sae Coyote

De No Entiendo con India sae China

De Yndia e Cambufo sae Tente en el Aire

De Lobo e Negra sae Chino

Aínda hoxe persisten en América a herdanza destes prexuízos raciais e sistema de castas imposto polos españois. En países como Venezuela ou Cuba para moita xente que un fillo mulato ou negro sexa máis branquiño de pel sempre é motivo de preferencia fronte a que che saia o neno negro chamizo, ou cando menos iso me contaron alí.  Este prexuízos e discriminacións raciais aínda son máis claros cando vemos que, a diferenza do ocorrido tras a descolonización de África ou Asia, a meirande parte dos paises americanos onde a poboación é maioritariamente indíxena, como Ecuador, Bolivia ou Perú, case non tiveron presidentes de orixe indíxena ata hai ben pouco e aínda así, sempre sometidos a risas, burlas e comentarios racistas por parte dos medios de comunicación occidentais e das élites económicas e “aristocráticas” criollas ou europeas. Como dato salientable baste dicir que dos 65 presidentes que houbo dende a independencia de España  en 1825, Evo Morales foi o primeiro mandatario indíxena de Bolivia, un país cunha poboación indíxena do 60% fronte a un 26% de mestizos e un 14% de brancos. E sen entrar a discutir sobre orientacións políticas ou populismos este é un feito incuestionable, aplicable a moitos outros paíss de América do sur.  Aínda me lembro dos descualificativos e insultos dirixidos ó presidente de Bolivia Evo Morales cando visitou España e vestiu nos actos públicos prendas típicas do seu pobo en vez do globalizado e aséptico traxe e garabata dos etnocéntricos brancos occidentais.

 

Si ben é certo que os galegos non fomos dos que máis participamos na conquista, cando menos nos seus primeiros anos, o que tamén é certo é que nese paquete de “españois” non só ían conquistadores casteláns, estremeños e andaluces senón que tamén había galegos, vascos, aragoneses, asturianos, cataláns e de tódolos pobos que conforman o crisol ibérico. Para ser xustos e non manipula-la historia como fixeron en tempos pasados, o feito de que houbese maior número de conquistadores  casteláns, estremeños ou andaluces tivo máis que ver coas situacións históricas do momento e co feito de que a conquista fose pilotada polo Reino de Castela, e non porque os pobos do norte da Península tivesen unha maior ética, moral ou sensibilidade cara ós dereitos dos indíxenas americanos, cousas que por aquel entón nin se pensaban nin existían, de aí o revolucionario da postura de Frei Bartolomé de las Casas erguéndose en abandeirado da defensa dos indíxenas. Así que aquí non vale mirar para outro lado e dicir que comigo non vai a cousa, a América fomos todos, para o bo e para o malo. Baste citar, por exemplo, que o arquipélago das illas Chiloe, en Chile, foi rebautizado como Nueva Galicia e a primeira aldea fundada polos conquistadores en Chiloe levou o nome de Castro.  Por non falar da controvertida hipótese, e máis que probable, de que Cristóbal Colón fose galego, aínda que a moitos non lle interese afondar no tema por aquilo do que pasou despois de que o navegante de Poio decidira botarse ó mar  a ver que topaba, pero ise é outro conto que daría para falar moito.

 

De tódolos xeitos, respecto ó tema da conquista de América e aínda que non é o motivo deste artigo, cómpre analizala sempre no contexto histórico, é dicir, nun tempo de barbarie xeneralizada —case como o que hoxe estamos a piques de sufrir— e  desmitificar moito a empresa conquistadora, pois a meirande parte dos que alí se foron fixérono, non por maior gloria do Imperio, nin das súas católicas maxestades,  nin da fe da Igrexa de Roma,  senón por pura necesidade e pola ilusión de poder acadar un futuro mellor cheo de riquezas nunha terra  de promisión lonxe dunha España que, onte coma hoxe, sempre estivo gobernada por miserables ós que non lles importou nunca que o pobo morrese de fame, se afundise na ignorancia ou fose escravo da servidume de nobres fidalgos, aristócratas folgazáns e curas integristas. Así que, postos a morrer aquí de fame e de miseria, mellor ir á conquista e morrer alí coa espada na man e no intento de acada-las riquezas do Potosí ou de El Dorado. O malo de todo isto e de tal ousada empresa é que os pobres americanos, sen comelo nin bebelo, tiveron que sufri-los “danos colaterais” —moderno e indecente eufemismo— dun mundo Europeo en plena expansión imperial, así que para que uns gañaran outros tiñan que perder…e moito, e senón que llelo digan os iraquís. Por suposto, tampouco vou caer na falsa ilusión de que América estivese poboada de pacíficos indíxenas que vivína en perfecta armonía enetre eles. Todos coñecemos os grandes imperios mesoamericanos, a potencia dos imperios Maya, Azyeca ou Inca ou os costumes -tan respectables coma calquera outro- das cacerías de escravos e dos sacrificios humanos que practicaban, entre outros, os aztecas. Pero unha cousa é matarse entre os de casa coma toda a vida e outra é que veñan uns de fóra a pasarte polas armas e quedarse co todo o que tes.

 

Os que nacemos aínda en tempos da ditadura lembraremos que era frecuente que cando un neno nacía se lle regalase un diploma que o acreditaba como “Hijo de la Raza”. Imaxino que a xente máis nova que lea este post estará alucinando con iso da acreditación racial pero iso era o habitual na España de Franco ata a súa morte no 1975.

Eu aínda conservo o meu diploma e gárdoo con cariño, non porque comparta esa ideoloxía rancia nin o significado deste tipo de elementos simbólicos, como ben saben os que me coñecen, senón polo valor sentimental, porque me une á miña infancia e, sobre todo,  porque ese vello cadro que me acredita como “Hijo de la Raza” lémbrame cada día  o que aconteceu neste país hai xa case oitenta anos. Ese cadro forma parte do noso pasado, do que sucedeu, da nosa historia, do que fomos, do que puidemos ser  e do que  somos hoxe, e esas vivencias compartidas son a argamasa que conforma a identidade dos pobos e das culturas, e as razas por moi loiras, brancas, fermosas e puras que sexan e as supostas supremacías raciais poden metelas ós que lle gusten por onde lles pete porque eu sempre estarei do lado da defensa dos pobos, das culturas e das etnias, teñan a cor que teñan, falen a lingua que falen e recen ó deus que recen.  E seguirei sempre pensando iso….in sha’llah.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: