Monthly Archives: Outubro 2012

O LIBRO “DE VELLO, GAITEIRO!” NOS MEDIOS

EN LA VOZ DE GALICIA:

 

NO FARO DE VIGO:

 

NA WEB PONTEVEDRA VIVA:

http://pontevedraviva.com/es/cultura/639/chichisos-biografia-pontevedra/?phpcan_action=favoritos

PRESENTACIÓN DO LIBRO “DE VELLO, GAITEIRO!”

Este xoves 25 ás 20h presentaremos na Casa das Campás (Pontevedra) o libro “De vello, gaiteiro!. Será unha xuntaza de amigos, falaremos da vida e miragres do grupo Os Chichisos e tocaremos unhas pezas. Así que estades todos convidados a esta presentación concerto.

 

PUBLÍCASE O LIBRO “DE VELLO, GAITEIRO!”, biografía do grupo de música tradicional Os Chichisos.

É para min un pracer comunicarvos que xa está na rúa o libro “De vello, gaiteiro!”, a miña particular homenaxe ós compañeiros dos Chichisos e ó grupo no que levo xa case dúas décadas. Neste ano 2012, de tanto cambio e incertidume,  Os Chichisos  facemos 18 anos dende a nosa primeira actuación como grupo, así que non atopei mellor xeito de celebra-la nosa maioría de idade que facendo esta humilde biografía que sirva de balance do feito nestes anos.

Achego a reseña do libro  e a súa ficha técnica.

DE VELLO, GAITEIRO! Biografía do grupo de música tradicional Os Chichisos

De vello, gaiteiro! é unha obra de Rafael Quintía, antropólogo, economista e músico tradicional. Neste traballo faise un percorrido pola biografía da asociación cultural e grupo de música tradicional Os Chichisos que neste ano 2012 cumpriu os seus 18 anos de existencia.

O presente libro sírvelle ó autor para conmemorar esa maioría de idade da agupación, facendo un repaso ó que foron estas case dúas décadas de traballo a prol da divulgación da cultura musical tradicional galega en tódalas súas vertentes. Biografías dos músicos, historia da agrupación, actividades didácticas, obradoiros, colaboracións culturais, artigos, fotografías, prensa, concertos, festas e romarías desfilan polas páxinas da obra construíndo un completo retrato do que foi e é a agrupación musical e asociación cultural Os Chichisos. De vello, gaiteiro! Inclúe, ademais, un catálogo de 33 cadros do artista Francisco Sutil onde Os Chichisos son os protagonista da súa obra pictórica.

Datos técnicos:
Autor: Rafael Quintía Pereira
Editorial: A.C. Os Chichisos
Impresión: branco e negro
Tamaño: 23×16
156 páxinas
I.S.B.N. 978-84-615-4506-3

GRANDE ÉXITO DAS “V XORNADAS DE LITERATURA DE TRADICIÓN ORAL”.

Remataron as “V Xornadas de literatura de tradición oral”.  Foi para min un grande pracer ter participado nestas xornadas e compartir palestra  con Alexandre Parafita, Mar Llinares e Jesús Suárez.  Dende aquí as miñas  felicitacións á AELG  por tan magnífico traballo a prol da nosa cultura oral.

Con Alexandre Parafira e Antonio Reigosa

Con Alexandre Parafira e Antonio Reigosa

Con Antonio Reigosa

Isidro Novo, Mar Llinares e Jesús Suárez López

El Progreso. 20/10/2012

La Voz de Galicia. 20/10/2012

V XORNADAS DE LITERATURA DE TRADICIÓN ORAL: “Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular”

Este venres 19 estaremos en Lugo para falar de mouros e mouras nas V Xornadas de Literatura e Tradición Oral. Dende aquí o meu agradecemento ós organizadores por convidarme a participar en tan interesante proxecto que  é un dos foros máis consolidados e prestixiosos para divulgar e dar a coñece-lo noso patrimonio inmaterial.   

Aquí vos deixo o programa destas xornadas e o texto de presentación. Vémonos alí!!

 Imaxe cartaz: “A moura”, ilustración de Lázaro Enriquez para o Dicionario dos seres míticos galegos, Edicións Xerais de Galicia.

V XORNADAS DE LITERATURA DE TRADICIÓN ORAL

Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular”

Lugo, 19-20 outubro 2012
Salón de actos da Deputación de Lugo
Entrada de balde

PROGRAMA

19 de outubro, venres

• 17.00 h. ACTO DE INAUGURACIÓN

• 17:15 h. CONFERENCIA: Mouros e mouras. Na procura de nós mesmos, Rafael Quintía
• 18:30 h. CONFERENCIA: Mouros históricos e mouros míticos: dualidades e complementaridades, Alexandre Parafita
• De 20:00 a 21:00 h. MESA REDONDA:
Imaxinarios compartidos, historias separadas
, Rafael Quintía e Alexandre Parafita
Modera: Antonio Reigosa

20 de outubro, sábado

• 10:00 h. CONFERENCIA: Mouras e mulleres: as imaxes femininas na mitoloxía popular galega, Mar Llinares
• 11:30 h. CONFERENCIA: Os mouros e os seus tesouros no imaxinario popular asturiano, Jesús Suárez López
• De 13:00 a 14:00 h. MESA REDONDA: Mito e realidade: sexo e poder na cultura popular, Mar Llinares e Jesús Suárez López
Modera: Isidro Novo
• 16:30 a 18:30 SEMINARIO DE CONCLUSIÓNS: Unha sesión práctica na que –mediante o diálogo, a intervención e participación de Relatores/as, asistentes e organizadores– se poñen en común os coñecementos adquiridos sobre o tema. Atenderanse aspectos como a didáctica e a investigación, así como a narración de lendas relacionadas con mouros e mouras.
Moderan: Isidro Novo e Antonio Reigosa

MATRÍCULA
http://www.as-pg.com ou http://www.aelg.org
HOMOLOGACIÓN
Solicitada á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por 10 horas
PREZOS
Matrícula gratuíta, preferente para socias/os da AS-PG e AELG

TEXTO DE PRESENTACIÓN DAS XORNADAS

Moitas e moitos, sobre todo aqueles que temos algún tipo de vencello coa Galicia rural, nos viñemos preguntando desde ben pequenos quen eran esas mouras e esas mouros dos que tanto nos falaban os vellos. A moura, dicíannos, fía, asolla o ouro que posúe, lava, tende, pode ser vella e xigante, aínda que case sempre é nova e boa moza. Está encantada e encanta, pois ofrece amor e riqueza a aquel que ouse desencantala.

Os mouros son os construtores, ou iso se di, de case todo o que nos deixou o pasado: castros, mámoas, petróglifos, castelos, túneles …, viven so a terra que nós pisamos, teñen moito ouro e poden agasallar con el ao afortunado que se cruce no seu camiño.

En Galicia existen infinidade de topónimos relacionados con penedos, fontes, pozos, pontes, outeiros e, en xeral, case todos aqueles lugares con pegadas dos nosos devanceiros … que “deberon” pertencer a algún mouro ou a algunha moura.

Mais, quen veñen sendo esas mouras e eses mouros? Serán as pegadas que se agochan na memoria colectiva de antiquísimas deidades? Serán os espíritos dos nosos devanceiros mortos? Serán un paradigma de nós mesmos, un retrato do ideal que anceiamos e non dámos acadado? E por lle chamamos mouras e mouros se quen os viu os describe coa figura dun humano, aínda que máis feita, de pel branca e beleza delicada?

Os mouros e as mouras non son coma nós, son seres míticos, máxicos e enigmáticos, pertencentes a unha realidade, ou dimenasión, diferente á nosa, dos que sempre falamos cunha mestura de medo e respecto, a medio camiño entre a incredulidade e a esperanza na súa verdadeira existencia.

Os múltiples traballos de recompilación realizados ata o de agora por diferentes investigadores en épocas distantes achégannos retratos bastante precisos sobre onde moran, que fan ou que comen, como visten, cómo van e veñen, gustos, afeccións, habilidades, que artes e maxias dominan … e tamén os males que os afectan, as penas que os deprimen … Reflíctese neles todo o humano, pero non son humanos, así que nos seguimos preguntando, quen veñen sendo esas mouras e eses mouros?

Sempre que un mouro ou unha moura tratan algo con un humano, aparecen dúas condicións que para eles son innegociables: hai que gardar o segredo e hai que cumprir o acordado. Mais o humano, ou sexa nós, cada un de nós, endexamais somos quen de cumprir ese mandado.

Será por iso, polo que non acabamos de entender en realidade quen son eses mouros e esas mouras?

Só os poñentes que interveñen nestas V Xornadas de Literatura Oral, que son todos eles especialistas moi recoñecidos tanto en Galicia, como en Portugal e Asturias, son quen de darnos as respostas precisas. Só eles son quen de desvelarnos o misterio que envolve a figura destes máxicos enigmáticos que chamamos mouros e mouras.

A %d blogueros les gusta esto: